I. UN RETO IMPOSTO POR UN CAMBIO DE ESCENARIO

    A realidade económica e social atópase ás portas do século XXI nun proceso de cambio, continuo e intenso, pola introducción de novos esquemas e modelos que pouco e pouco van substituíndo ós que imperaban na segunda metade do século XX. Conflúen, en efecto, vectores de transformación que non se reducen á introducción das novas tecnoloxías da información, senón que operan sobre outros ámbitos, como a ordenación e localización das actividades socioeconómicas no territorio, as preferencias individuais entre traballo e ocio e as súas formas de organización, o compromiso da protección medioambiental, a importancia da cooperación local fronte á competencia global, a flexibilidade dos sistemas de producción e comercialización, e a calidade dos servicios públicos.

    Tales elementos afectan de forma estructural ó marco en que se movían ata agora tódalas actividades, servicios, comercio e turismo. O cambio impón a necesaria modificación de comportamentos e estratexias dos axentes públicos e privados, tendo en conta elementos non contemplados no pasado, que serán claves no comportamento futuro do territorio. Algúns destes elementos, como a incapacidade de acollida ou o deterioro do medio ambiente, presentan problemas de actuación pública para corrixir os antigos fallos de mercado, e así lograr unha sostibilidade. Outros introducen oportunidades en relación coas novas tecnoloxías, que permitan desenvolver nova actividade empresarial, ou actuar sobre o tecido económico e social. Rómpense así ataduras históricas asociadas a situacións independentes dos axentes económicos e sociais (afastamento, orografía, clima, dispersión demográfica). En calquera caso, estas novas situacións introducen cambios paralelos en distintos territorios; segundo o resultado da capacidade de cambio de cada un, definirase un futuro con “gañadores” e “perdedores”.

    Son o contorno rexional e o local os que cobran cada vez maior importancia, por canto un dos vectores directores do cambio consiste na consolidación dun novo modelo no que adquiren relevancia dous ámbitos de decisión; o local e o global1. Actualmente os procesos de integración económica reflectidos na liberalización da circulación de bens, servicios e, sobre todo, capitais; no deseño de estratexias internacionais das empresas multinacionais; así como as oportunidades en acceso e xestión introducidas polas telecomunicacións e a informática, provocaron o avance acelerado da globalización. Con este termo resúmese a extensión dos procesos económicos e sociais máis alá das fronteiras nacionais, nun sistema integrado como escenario de toma de decisións e desenvolvemento de procesos de cambio técnico e acumulación.

Fronte a esta concepción, na que a competencia é unha variable intrínseca ó propio modelo, determinante de estratexias de concentración empresarial e de interrelación de mercados, cobra un papel crecente o contorno local, no que residen persoas e empresas.

    O novo modelo constrúese contando coa desaparición das fronteiras nacionais2 e a importancia crecente dos factores productivos, ós que accede a empresa; pero estes factores están situados nun territorio, sobre o cal desempeñan un papel de crecente protagonismo as administracións públicas rexionais. Os territorios e as empresas compiten globalmente sobre a base das vantaxes competitivas, consolidadas localmente. Esta tensión explícase pola importancia que para o desempeño da empresa e a capacidade de xerar recursos e competencia presentan elementos do contorno local, como son a formación da man de obra, a presencia dunha demanda de cambio, o acceso a infraestructuras de comunicación e telecomunicación, a proximidade a provedores de calidade, a extensión de institucións de cooperación empresarial, e a eficiencia das políticas públicas. En definitiva, a presencia de elementos xeradores de economías externas positivas.

    Son, pois, elementos clave para toda empresa, principalmente para as especializadas no turismo e o comercio, onde o producto ofrecido está directamente relacionado con elementos dun contorno, máis alá da capacidade das propias unidades empresariais. Así, por exemplo, a posibilidade de comercialización dun aloxamento turístico dunha cidade depende tanto da calidade das súas instalacións e servicios (e da relación de ambos co prezo), coma do contorno en termos de dotación e estado do patrimonio cultural e histórico, nivel de seguridade, transporte, calidade urbanística, etc. Outro tanto se pode dicir do comercio polo miúdo, onde as estratexias de apoio para potenciar a súa función de facer cidade e abastecer de bens á poboación residente diríxense a mellorar as súas posibilidades por medio de accións sobre a mobilidade, o acceso, o subministro, certos elementos urbanísticos distintivos (zonas peoniles, centros comerciais abertos), e demais.

    A toma de conciencia deste feito provocou a competencia entre territorios en termos moi diversos, cun papel activo das administracións públicas: captación da demanda potencial dun producto (turístico), localización de empresas multinacionais (grandes superficies comerciais), acceso a fiscalidades vantaxosas (comercio polo miúdo), deseño dun sistema de servicios a empresas, celebración de eventos deportivos etc.

    A globalización supera todo estado anterior, porque, gracias ó acceso á información ofrecida polas tecnoloxías da información e o coñecemento, crea un cadro de competencias en distintas ordes e con diferentes localizacións, compartidas polos varios axentes económicos e sociais dun territorio.

    Ante este novo escenario, as actividades turísticas e comerciais de Galicia enfróntanse ó desafío de avanzar no desenvolvemento de potencialidades, múltiples e, en parte, sen explotar, e na superación das limitacións impostas polas súas debilidades, tanto interiores coma exteriores. Neste punto estase producindo un cambio progresivo, tanto de imaxe coma de actitude, na súa base económica; pero esta disposición ó cambio ha de formularse ante toda unha serie de problemas estructurais a medio e longo prazo, que necesariamente han de resolverse antes de que finalice a próxima década.

    O presente traballo presenta a posición que ha de adoptar Galicia fronte ás principais tendencias que se están producindo no comercio, o turismo e os servicios; tratará de definir liñas de actuación para acomodar as súas estructuras económicas e sociais ás transformacións, e mellorar a súa situación no marco do ano 2010. Para iso optouse por centrar o documento no turismo e o comercio, en canto que se encontran recollidas as actividades do sector servicios noutras ponencias do proxecto Galicia 2010, como a sanidade, a educación, as administracións públicas e os servicios a empresas.

    Utilizamos a metodoloxía delphi para contrastar a opinión dos expertos consultados. Os resultados foron empregados para construír as hipótesis de diagnóstico, e as propostas de actuación que se desenvolven neste documento.

   

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Os resultados organizáronse da seguinte forma. Nun primeiro bloque, preséntase o sector turístico galego no ano 2010. Un primeiro apartado describe as principais tendencias da oferta e a demanda turística a escala global, xunto coas transformacións que configurarán o sector na próxima década. Un segundo apartado ofrece un diagnóstico da posición de Galicia en termos de oferta e demanda no turismo actual. Nun terceiro apartado sinálanse as liñas que deben dirixir as estratexias de actuación sobre o sector turístico e as súas relacións con outros sectores productivos, para mellorar a posición de Galicia en 2010.

    No segundo bloque, analízanse os cambios que se están experimentando no sector comercio, coas implicacións espaciais asociadas; a situación de determinacións estructurais de Galicia, así como as accións necesarias para o seu correcto desenvolvemento; a pervivencia do pequeno comercio de proximidade e o de gran superficie, e o grao de satisfacción orixinada nos consumidores polas novas preferencias derivadas do incremento da renda e do nivel cultural.

    Nun terceiro bloque analízase o papel que xoga o deporte na actualidade, as súas virtualidades sociais e económicas, e os medios que parecen máis eficaces para lograr que os deportes máis variados en Galicia alcancen niveis altos, ata chegar a constituír grupos de deportistas de elite, que dean lustre ó territorio ó mesmo tempo que reportan beneficios de toda clase.


1Local e Global, M. Castells (1998)

2 No caso de Europa é especialmente sintomático cando á desaparición das barreiras á libre circulación de bens e servicios coa UME se lle uniu a eliminación do elemento definidor de autonomía económica nun país, a moeda, por canto elemento sobre o que se define a política monetaria e de tipo de cambio.