1. TENDENCIAS DE TRANSFORMACIÓN NO TURISMO
O desenvolvemento da
sociedade postindustrial modificou o paradigma de relación entre traballo e
ocio cara ó uso do traballo como instrumento para o seu goce. Como un dos seus
resultados directos produciuse unha demanda crecente dos servicios turísticos,
que evolucionaron máis rapidamente que o propio proceso de xeneración de renda.
O crecemento cuantitativo da demanda veuse acompañado por cambios cualitativos
derivados do desenvolvemento económico, o incremento no nivel cultural da
poboación e as transformacións na estructura demográfica das áreas emisoras
de turistas.
Os cambios na demanda introduciron a necesidade de
adaptación por parte dos modelos de oferta turística propios da etapa de
crecemento económico do terceiro cuarto de século. A situación actual é a
dunha transformación da organización dos procesos e as canles de
comercialización das formas turísticas, que se viron favorecidas polo
desenvolvemento das tecnoloxías da información, afectando tanto ás
estratexias públicas coma privadas neste novo modelo.
A tendencia que debuxan os cambios que se producen nas actividades turísticas permite identificar uns trazos que van caracterizar o futuro desenvolvemento turístico. A información estatística, así como a dos expertos do sector contrastada en diversos traballos3 validan as hipóteses seguintes sobre o cambio na oferta e a demanda turística:
A.
Oferta turística:
• O turismo é un sector económico por si mesmo, con capacidade de crecemento económico superior a outros sectores de actividade, ó configurarse como unha rama de elevada elasticidade de renda.
• O turismo é unha industria con sólida capacidade de arrastre cara a outros sectores económicos, que se consolidará no século XXI na creación de renda e riqueza.
• A globalización caracterízase pola tendencia dos mercados e a internacionalización da competencia como elementos determinantes dos movementos dos distintos axentes do sector.
• A hostalería desenvólvese para satisfacer a demanda turística e é a base para a configuración dun producto turístico comercializable.
• Desenvolvemento de novas fórmulas de integración horizontal de hoteis para a súa xestión e comercialización: contratos de xestión, de arrendamento, franquicias, joint-ventures, etc. Imporanse a escala, a imaxe de calidade e a diversificación espacial como factores determinantes na capacidade competitiva das empresas de hostalería.
• Os hoteis independentes desenvolverán acordos de cooperación entre si como estratexia para compartir gastos que por si mesmos non poderían afrontar (comercialización, xestión de recursos humanos, desenvolvemento de plans de formación, certificación de calidade, etc.)
• Darase unha diversificación e integración vertical como elemento común ás tendencias da oferta de aloxamento regulada.
• Introduciranse novas tecnoloxías da información na xestión e comercialización do producto turístico, como ferramentas necesarias para o éxito competitivo e a interrelación no novo escenario.
• Unha estratexia empresarial orientada cara á calidade, mercadotecnia e imaxe de marca permitirá situar os negocios en nichos de mercado atractivos pola súa rendibilidade.
• Producirase un efecto substitución en hoteis e restaurantes por apartamentos e fast-food, directamente provocado polos cambios nos hábitos dos turistas.
• Tendencias do sector hostaleiro por categorías de establecemento:
1. Liderazgo dos hoteis de categoría media, cunha adecuada relación entre prezo, calidade e identificación cun producto turístico.
2. Dificultades dos hoteis de luxo para consolidar a súa clientela, sen unha especialización nun producto (saúde, exótico, negocios)
3. Os establecementos de categoría baixa manteñen a súa presencia en mercados maduros comercializados a través de grandes cadeas, en destinos con productos tradicionais.
B.
Demanda turística:
• Liñas de evolución:
1. Avance na segmentación da demanda por novas motivacións, unha vez superadas as tipoloxías tradicionais.
2. Gusto por destinos exóticos de maior accesibilidade (prezo), en mellores condicións de seguridade.
3. Aumento de viaxes de curta e longa distancia, fronte ós de media.
4. Fragmentación das vacacións, debida ás novas formas de organización do traballo e ás posibilidades abertas pola oferta fóra de tempada.
5. Estancamento do modelo de sol e praia non diversificado nin asociado a ofertas de ocio especializadas.
6. Turismo máis espontáneo e independente.
7. Tendencia cara á selección dunha oferta propia estructurada en paquetes modulares e a medida,
8. Incipiente valoración do contorno na práctica turística, destacando aspectos culturais e medioambientais (desenvolvemento sostible).
• Cambios no perfil do consumidor de productos turísticos:
1. Maior capacidade de gasto.
2. Valoración crecente da calidade como elemento determinante da elección de destino turístico.
3. Dispoñibilidade de máis tempo libre.
4. Maior experiencia e, en consecuencia, maior esixencia en relación co servicio prestado.
• Cambios na demanda por procesos demográficos:
1. Reducción da poboación nova.
2. Paquetes dirixidos a mulleres (ocio e negocios).
3. Maior participación da terceira idade.
4. Ofertas especializadas en turistas de mediana idade (>40 anos).
O escenario producto dos cambios da oferta e demanda caracterízase por unha combinación de procesos económicos, sociais e espaciais con implicacións distintas sobre os destinos de potencial desenvolvemento turístico. Como se menciona no Plan de Competitividade de Menorca, Ibiza e Formentera, os territorios con clara especialización turística por dotación de recursos naturais, culturais e patrimoniais, que protagonizaron o desenvolvemento do modelo turístico tradicional, encóntranse ante a necesidade de adaptarse ós novos patróns do desenvolvemento turístico, con máis problemas que os que se incorporan agora ó proceso e poden definir nichos de mercado en que ofrecer un producto novo e diferenciado.

Nos destinos turísticos consolidados encontrámonos ante unha situación condicionada polo deterioro da súa base territorial, en extensión urbanística, intensidade edificatoria, calidade paisaxística, solapamento de usos turísticos e residenciais, obsolescencia da súa oferta e identificación cunha imaxe e un modelo tradicional, todos eles factores dificilmente modificables a curto prazo.
Estes trazos do modelo de turismo “estival” galego non son compensados polas vantaxes dun importante know-how en xestión e comercialización turística, vocación á prestación de servicios ós visitantes (“cultura” turística), estreita vinculación ós mercados de orixe de visitantes, e unha estructura productiva orientada cara ó servicio turístico, propio dos destinos mediterráneos que comparten a devandita problemática.
As rexións de clima atlántico móvense nun patrón turístico, que nace dun desenvolvemento inercial pola chegada de visitantes doutras rexións en tempada de verán, especialmente do seu contorno máis próximo e de Madrid. Todas estas rexións atópanse illadas do desenvolvemento turístico polas limitacións que lles impoñen as inadecuadas comunicacións fronte ós mercados de demanda turística, tanto nacionais coma internacionais. O resultado é unha incorporación tardía ó desenvolvemento turístico (nacido noutros territorios nos anos 60), na actualidade impulsado tanto pola propia presión da demanda cara ós productos destas rexións do norte, coma pola necesidade de transformación da súa estructura productiva (perda de participación na producción e o emprego da agricultura, reconversión industrial) e polo despoboamento do medio rural.
A distinta posición de partida, a diferente dotación de factores e o diverso ritmo de desenvolvemento xeraron unha situación de intensas diferencias entre o modelo dos destinos mediterráneos e o da cornixa cantábrica. Prodúcense así alternativas para o turista, e competencia no modelo, que non en producto turístico. A situación actual da cornixa cantábrica, presenta fortalezas e debilidades recollidas no cadro nº 2, relacionándoas coas rexións do Mediterráneo.
Galicia enfróntase a este escenario de continuos e complexos cambios compartindo moitos elementos propios do modelo da cornixa cantábrica, se ben con elementos diferenciais susceptibles de seren transformados, se non o están sendo xa, en vantaxes competitivas, sobre as cales soster unha estratexia de desenvolvemento de cara ó ano 2010. Os trazos da Galicia turística actual son os propios da consolidación dun modelo inercial ó redor dun conxunto de tópicos difundidos nos mercados orixe de visitantes, en contraste cunha oferta en proceso de cambio e adaptación.
A ausencia de directrices públicas na estratexia turística do pasado e os trazos de visitantes impostos pola distancia, o illamento e uns mercados de orixe pouco diversificados provocaron unha infraestructura hoteleira de categoría media e baixa, acompañada pola práctica inexistencia dunha oferta estructurada por productos turísticos. Estes trazos aínda hoxe condicionan a trama de empresas turísticas da rexión.
O modelo inercial e
desordenado froito dun complexo elenco de factores do pasado contrasta coa
numerosa e variada cantidade de recursos

O destino ha de ser o logro dunha fonte de crecemento económico e xeración de renda, sustentado en bases estables, garante do desenvolvemento de efectos multiplicadores sobre un conxunto de sectores, e con capacidade como elemento xustificador de estratexias de ordenación territorial, defensa do medio ambiente e recuperación do patrimonio histórico e cultural. A participación actual das actividades directamente dependentes do turismo na economía galega sitúase por debaixo da media nacional, cuantificando en certa forma o camiño que queda por percorrer. Con datos da Contabilidade Rexional de España base 95, o VAB da hostalería galega en 1997 (último ano dispoñible) elevábase ata os 259.593 millóns de pesetas, o que representa un 5,8% do total da producción anual galega, por debaixo da porcentaxe nacional cifrada no 7,8%. Idéntica conclusión derívase da análise do emprego en hostalería, que en Galicia representa o 4,9% do total de ocupados, mentres que en España esta participación é do 5,8%. A reducción das diferencias entre Galicia e España en termos de VAB e emprego na hostalería débese ó menor tamaño relativo dos establecementos galegos.
A capacidade de desenvolvemento do turismo de Galicia está relacionado cos diversos condicionantes do producto turístico e cos trazos actuais dos visitantes que chegan á rexión. Oferta e demanda están directamente interrelacionadas por correspondencias de causa-efecto. No ámbito da planificación turística é fundamental o cumprimento da Lei de Say, entendida como a capacidade da oferta para ordenar a demanda e consolidar unha senda sostible de desenvolvemento. Sen embargo, a oferta é o resultado dunha combinación de elementos que afectan a tódalas dimensións da satisfacción do visitante. Este feito confire ó producto turístico un carácter multidisplinar, determinado por cuestións que afectan á accesibilidade, a mobilidade, o aloxamento, a restauración, os servicios de ocio complementario, as estratexias de comercialización e difusión, a dotación comercial e a calidade do contorno ambiental e urbano. Trátase en moitos casos de elementos suxeitos só á percepción do visitante, de difícil valoración.
A definición dun modelo turístico ha de partir dos recursos dispoñibles e da capacidade de desenvolver novos productos, en función das capacidades e as potencialidades propias do territorio e os axentes galegos. Para isto un primeiro factor condicionante vén delimitado polas características de tódolos elementos que afectan á oferta turística, definida no modelo inercial galego imposto polo perfil da demanda. A situación actual de ambos ámbitos, oferta e demanda, permiten entender a situación actual do turismo galego e identificar as súas debilidades e fortalezas de cara á implementación dunhas liñas de actuación dirixidas á consecución dun modelo propio e identificable no escenario do ano 2010.
Galicia encóntrase na actualidade ante a oportunidade e a necesidade de definir un modelo de turismo. Este ha de sosterse nun conxunto de productos turísticos ordenados, sobre os que se debe actuar de forma continua e coordinada. Oportunidade, porque a tendencia de cambio nas preferencias dos visitantes diríxese a tipos máis diferenciados, baseados en recursos en que Galicia é excedentaria, e cun proceso de estructuración e comercialización que debe ser realizado canto antes. Necesidade, porque o desenvolvemento turístico representa unha oportunidade para xerar rendas que crecen a ritmos máis elevados que a producción mundial; porque supón un elemento de diversificación da súa estructura productiva e de obtención de rendas; porque representa un instrumento clave na estratexia de compensación do seu modelo territorial; porque pode ser utilizado como elemento xustificativo de estratexias de ordenación urbanística, valorización do patrimonio cultural e defensa do medio ambiente; e porque ha de superar un conxunto de debilidades que limitan a capacidade de desenvolvemento do sector.
2.1.
Trazos característicos da oferta turística galega
A oferta turística actual de Galicia vén marcada por uns condicionantes históricos nun proceso de transformación, que permite afirmar que nos encontramos nunha situación de tránsito, cun punto de partida marcado por un abano de debilidades sobre as que tomar decisións para a súa corrección. A caracterización dos elementos que compoñen a oferta turística permitirá identificar os principais estrangulamentos, que han ser a base para a definición de accións xerarquizadas coas que mellorar a posición de Galicia no escenario do ano 2010. A continuación preséntase un estado dos elementos que compoñen a oferta turística de Galicia, estructurada en oferta de aloxamento, oferta complementaria e elementos do contorno. Para isto acudiuse á escasa información dispoñible e á opinión dos participantes no delphi.
2.1.a.
Oferta de aloxamento
No comportamento dos
tipos turísticos a oferta de aloxamento xera unha primeira orientación da
demanda, pola súa capacidade para segmentar o perfil de turista potencial,
condicionando de forma directa o modelo a desenvolver. Trátase dun
condicionante que limita o modelo a curto prazo, pola súa vinculación a un
forte investimento en capital fixo e a xeración dun contorno propenso ó
cambio, elementos cun desenvolvemento que require dun
A dotación actual de aloxamentos regulados caracterízase pola súa importante magnitude, que sitúa a Galicia como a cuarta rexión española en termos de establecementos hostaleiros, por detrás de Baleares, Andalucía e Cataluña, e sétima en termos de prazas, só superada, ademais de polas tres anteriores, por Canarias, a Comunidade Valenciana e Madrid. A posición de Galicia en número de establecementos e prazas explícase polo reducido tamaño medio dos establecementos turísticos e a orientación cara a tipoloxías de baixa categoría. A información dispoñible é esclarecedora ó respecto; Galicia só dispón de 3 establecementos hostaleiros catalogados con 5 estrelas, en tanto que os de 4 xa se elevan a 33. Por outro lado, se se agregan as empresas de categoría baixa5 e se diferencian das de media e alta, eliminados os cámpings e os apartamentos, apréciase un predominio moi marcado de tipos de menor calidade nas súas instalacións. En concreto, a participación destas na oferta de aloxamento elevábase ó 84,9% en canto a empresas e ó 63,9% do total de prazas.
A estructura de
aloxamento actual limita o desenvolvemento dos productos turísticos, nos que por
recursos Galicia presenta vantaxe comparativa para a súa comercialización a
través de operadores turísticos. Deixando a un lado o turismo rural,
como
tipoloxía que nos últimos anos viu crecer de forma continua o número de
establecementos, o perfil da oferta hoteleira galega por categorías aseméllase
ó doutros destinos maduros6, cun predominio de establecementos de alto grao de
antigüidade, cun vector de estratexia competitiva que é exclusivamente o prezo.
Trátase dunha oferta baseada na explotación turística das súas costas e da
centralidade cultural de Santiago.
O predominio galego de
establecementos de baixa categoría reflíctese na abundancia de fondas, pensións
e hostais de 1 estrela propia do turismo de peregrinación, característico de
Galicia. Eliminando a oferta de turismo rural e de cámpings, case a metade das
empresas turísticas da rexión son fondas e casas de hóspedes, que se reduce
polo su menor tamaño relativo ata un 18,9% en termos de prazas. 
O dinamismo da demanda actuou como vector de cambio nos servicios turísticos, se ben na actualidade os condicionantes da oferta se manteñen como unha das principais debilidades do desenvolvemento turístico de Galicia. Os cambios en xestión e organización das empresas son elementos cun nivel de difusión no seo do tecido empresarial galego aínda limitado. A dirección tomada polas empresas turísticas cara á especialización en productos turísticos, o compromiso coa calidade a través da certificación e a imaxe de marca, a formación como elemento competitivo, a integración vertical con outras actividades da actividade turística e a introducción das novas tecnoloxías da información como instrumento de xestión e comercialización a penas se estendeu ó empresariado turístico galego. Dúas claves determinan este feito; o baixo nivel de formación do empresariado, que afecta ós parámetros de profesionalidade e propensión ó cambio, e a reducida escala, que dificulta a posta en marcha de estratexias de cambio e modernización.
O sector turístico en
Galicia actuou como sector “refuxio” de poboación desprazada do intenso
proceso de reconversión industrial experimentado pola economía galega. Isto
provocou a posta en marcha de proxectos de pequena dimensión por persoas con coñecementos
procedentes doutras especialidades (mundo rural, pesca e industria
principalmente) con falta de coñecementos dos elementos claves da xestión turística
e a organización do sector. Para superalo identifícase como unha debilidade a
falta de formación continua e regulada especializada que se adapte ós contidos
definidores dos parámetros de cambio da xestión no sector. O Centro Superior
de Hostalería de Galicia veu suplir esta carencia desempeñando un importante
labor,
dunha repercusión aínda hoxe limitada e que require dunha diversificación e
ampliación dos cursos que hoxe compoñen a oferta do centro7.
Outro dos trazos limitativos das empresas de aloxamento de Galicia céntrase no seu reducido tamaño medio. En termos de emprego, nótase unha acusada distancia entre o tamaño medio español e o galego. Dado que o tamaño está relacionado co modelo turístico desenvolvido, e o galego difire esencialmente do modelo de sol e praia predominante en España (con inclinación cara ós aloxamentos hostaleiros de gran capacidade), as diferencias son importantes. Con datos do Directorio Central de Empresas realizado polo INE, o tamaño medio dos hoteis galegos en 1999, sen diferenciar por categorías, situábase en 6,8 empregados polos 15,8 da media española. No caso dos cámpings e outras hospedaxes de curta duración a distancia é aínda maior dende os 2,2 empregados en Galicia ata os 7,7 de España.

A análise por tamaños deixa ver o menor tamaño relativo e mesmo o carácter familiar de boa parte das empresas de aloxamento da Comunidade. Os datos son demostrativos ó respecto; do total de empresas hoteleiras de Galicia un 37,9% non dispoñía de asalariados, por tratarse de pequenos negocios familiares. Esta porcentaxe sitúase case 5 p.p. por riba da media española. Se se inclúen os establecementos con 1 ou 2 empregados, a participación de negocios de pequeno tamaño elévase ata o 64,4% en Galicia, moi superior ó 56,8% de España. Na mesma liña, en Galicia só existen 4 establecementos de máis de 100 asalariados, o que representa un 1,3% do total de hoteis desas características en España, por debaixo da participación das ramas de hostalería e restauración galegas na xeración de VAB en España, que se sitúa no 4,8%
As limitacións impostas polo tamaño non foron superadas por medio de procesos de integración vertical, dentro dunha cadea ou franquiciado, ou horizontal, ó redor dun producto turístico. Hoxe en día os procesos de colaboración activa entre establecementos hostaleiros galegos, máis alá de participar en tímidas accións de publicidade, son moi limitados. As relacións xeradas ó compartir imaxe, formas de xestión, canles de comercialización e acceso á información marcan a tendencia xeral no sector hostaleiro a escala nacional e internacional. En Galicia este proceso aínda non apareceu ó non térense desenvolvido as causas impulsoras noutros territorios. Neste ámbito, tampouco se desenvolveu a presión competitiva de grandes cadeas hoteleiras, coa súa presión cara ó cambio nos negocios tradicionais. Igualmente, a menor presencia de turoperadores turísticos mantivo os tipos de xestión e toma de decisións dos pequenos establecementos tradicionais, que non dispoñen nin da formación nin do coñecemento do sector para levar a cabo transformacións substanciais nos seus negocios. Digamos que se trata dun campo no que se pode estar producindo un fallo de mercado. En consecuencia, debería actuar nel a administración pública.
Un trazo fundamental desenvolvido nos últimos anos foi a extensión das actividades turísticas ó conxunto de Galicia, rompendo coa concentración nas zonas costeiras e nas capitais. A distribución espacial da oferta compensouse co desenvolvemento do turismo rural e agroturismo, que comezan a desempeñar un papel determinante na xeración de renda, como freo ó proceso de despoboamento das zonas de interior. Na actualidade se pode considerar a oferta como suficiente para definir un producto de turismo “verde”, con importantes posibilidades de desenvolvemento.
Hoxe en día, en Galicia existen 245
establecementos de turismo rural que responden a unha distribución homoxénea
dende un punto de vista espacial. A provincia de Lugo concentra o maior número
de empresas de aloxamento rural con 78 localizadas na súa maior parte nas zonas
de interior, aproveitando as potencialidades da súa riqueza natural e paisaxística.
Nun mesmo nivel sitúase Pontevedra con 75 establecementos, por diante da Coruña
(59) e Ourense (33). No desenvolvemento da oferta vinculada ó turismo verde ou
rural desempeñou un papel destacado tanto as estratexias europeas canalizadas a
través da iniciativa LEADER, e o programa plurirrexional
PRODER, coma o propio Plan de
Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia. A experiencia destas iniciativas
con, ata o momento, un éxito contrastado tanto no seu obxectivo inicial de
dinamización económica, coma no derivado da construcción dunha
infraestructura turística, ha de servir como ensinanza para a súa aplicación
cara a outros ámbitos de necesaria transformación da oferta turística.
2.1.b.
Oferta complementaria
O producto turístico por definición componse dun conxunto de elementos cunha dotación e complementariedade das que depende a satisfacción final do visitante e o éxito competitivo do destino. Un dos seus elementos estructurantes de maior importancia é a oferta complementaria. As infraestructuras de oferta complementaria introducen parámetros de diversificación indicativos de productos turísticos individuais ou productos adicionais ós existentes, sosténdose sobre a dotación de recursos xa existentes ou a xeración de recursos novos, para o que cómpre a súa valorización turística previa.
Encontrámonos ante un escenario no que a
segmentación crecente da demanda require a identificación de cada destino con
productos turísticos completos, onde se vincule a oferta de aloxamentos con
actividades complementarias.
A construcción dun producto turístico
supón un esforzo a medio e longo prazo que necesita a coordinación de múltiples
e variados instrumentos, orientadores á hora de canalizar os cambios na oferta
e a capacidade desta para adaptarse á demanda. Por iso toda política turística
ha de basearse na coordinación de actuacións sobre os distintos ámbitos que,
ademais da hostalería, definen o producto turístico, e que se tratan neste e o
seguinte apartado.
No ámbito da oferta complementaria,
Galicia dispón dunha ampla variedade de recursos: naturais, paisaxísticos,
culturais, gastronómicos e dotacionais. Por medio deles lograrase o
desenvolvemento dunha diversificada gama de productos turísticos capaz de
transformar a realidade actual, e superar vellos, pero non por isto menores,
problemas estructurais. A situación actual está marcada por esta dispoñibilidade
de recursos, pero tamén pola necesidade de realizar un esforzo na súa ordenación,
valorización e comercialización baixo unha oferta estructurada. Para isto requírese
a definición de incentivos que impulsen a creación de proxectos privados,
parellos ás necesarias actuacións públicas. Os primeiros pasos xa se están a
dar no campo da ordenación dos recursos e a clasificación por productos. Na
actualidade, do conxunto de tipoloxías turísticas identificables, Galicia
presenta
unha excelente dotación de recursos en
boa parte delas, de forma que se pode falar dunha Galicia especializada nos
seguintes productos coas seguintes características estructurais:
Productos
consolidados ou en proceso de consolidación
Turismo de praia: modelo tradicional en Galicia, cuns recursos naturais resumidos na existencia de 772 praias e unha infraestructura de aloxamento en establecementos hostaleiros de reducido tamaño e carácter familiar, e en casas de aluguer. Trátase dun producto limitado pola súa asociación ó bo tempo, o que marca a elevada estacionalidade que o caracteriza -o seu funcionamento redúcese principalmente ós meses de xullo e agosto-.
Turismo cultural: estructurado ó redor do Camiño de Santiago e do Ano Xacobeo como fitos principais, experimentou un elevado crecemento da demanda, acompañado da consolidación dunha imaxe de marca ó redor do evento. No ano 1999, último Ano Xacobeo, o número total de viaxeiros chegados a Galicia elevouse nun 23,1% en termos medios respecto a 1998. A oferta de aloxamento presenta unha marcada especialización en fondas, pensións e casas de hóspedes tradicionais, en proceso de tímida transformación.
Turismo rural e verde: de implantación principal nas provincias de Lugo e Pontevedra, na actualidade existe unha importante oferta de aloxamento, con 245 establecementos en toda Galicia, organizados en tres categorías: pazos-hospedería e pazos-residencia, casas-hospedería e casas-residencia, e casas de labranza. Ó seu redor desenvolveuse unha oferta de actividades complementarias de aventura. Os principais problemas atópanse na comercialización e no acceso á demanda, polo pequeno tamaño das explotacións.
Productos
con recursos sen consolidar turisticamente
Turismo de congresos: supón unha aposta do goberno galego, para o desenvolvemento do cal se dispón de tres palacios de congresos -Santiago, A Coruña e Pontevedra- cunha actividade crecente nos últimos anos. A súa capacidade de éxito no futuro estará directamente relacionada co dinamismo propio da sociedade galega, como xeradora de iniciativas e contactos no ámbito nacional e internacional que fagan posible a celebración de congresos. Tres debilidades limitan a expansión deste tipo de turismo; a reducida oferta de aloxamento de alta

categoría, inherente ós requirimentos e preferencias do visitante; as deficiencias de accesos rápidos e directos con variados países; e a escasa vinculación co resto da oferta turística e as potencialidades de Galicia.
Turismo náutico: de crecente demanda no proceso de segmentación das preferencias dos turistas, Galicia goza dunha oferta composta por 23 portos deportivos con club náutico. Realizouse un esforzo de investimento para a súa mellora e acondicionamento; pero este esforzo debe desembocar nunha maior explotación e capacidade de atracción.
Turismo de saúde: forma parte da historia e tradición do turismo termal de principios de século en Galicia. Na actualidade produciuse unha considerable mellora das instalacións nos balnearios históricos galegos, situándose nunha posición competitiva fronte a outros territorios con especialización similar.
Turismo de golf: forma parte das tipoloxías turísticas con maior crecemento da demanda, e bo acompañamento da oferta, cunha importante competencia entre territorios. Representa un dos elementos de oferta complementaria de maior capacidade de atracción para un perfil de turista de elevado nivel de renda e capacidade de gasto. Galicia vai retrasada en canto a instalacións, a pesar da súa vantaxe en termos de dispoñibilidade de auga e terreos, elementos clave para a construcción de campos de golf. Na actualidade existen en Galicia 11 campos de golf en activo e 1 en construcción.
Turismo de pesca: supón unha das principais “xoias” dos recursos naturais galegos, aínda sen explotar turisticamente. Os 1.000 ríos galegos supoñen unha oferta para a pesca continental non igualada por outros territorios en España. Sen embargo, ata o momento non se desenvolveu un producto susceptible de comercialización, sobre a base da pesca e o aloxamento correspondente (de vinculación coa oferta de turismo rural complementaría un producto de elevada calidade).
2.1.c.
Elementos do contorno
O producto turístico e a correspondente satisfacción do visitante dependen, como xa se dixo, dunha complexa combinación de elementos que van máis alá dos puramente turísticos, resumidos en oferta de aloxamento e oferta complementaria. A calidade dos recursos naturais -praia e montaña- a adecuada conservación do patrimonio histórico, a calidade paisaxística urbana, a accesibilidade externa e a mobilidade interna, son factores de “contorno” do producto turístico, con influencia ó nivel dos recursos puramente turísticos. A súa definición e control encóntranse dispersos entre distintos niveis e órganos da Administración, o que dificultou historicamente a súa planificación nunha estratexia xenérica de futuro e, moito máis, na súa orientación como instrumento de actuación turística.
O estado en Galicia de moitos dos elementos enunciados preséntaos como unha debilidade estratéxica para o desenvolvemento das actividades turísticas. Neste ámbito, o papel que desempeñan, dende o punto de vista turístico, como dende outras perspectivas -vertebración territorial, accesibilidade, calidade ambiental, sostibilidade-, non queda garantido na situación actual, o que impón a necesidade de actuar, coas dificultades orixinadas pola necesaria colaboración dos organismos con competencias sobre o seu desenvolvemento,

e sobre as actuacións de fomento do turismo. Trátase de empregar a valoración xerada pola súa vinculación ás actividades turísticas como elemento de ordenación e planificación; a isto engadiríase unha axuda adicional para superar tendencias negativas do pasado.
Dentro do conxunto de elementos claves do contorno, os participantes no Delphi identificaron como as debilidades máis importantes para o desenvolvemento turístico en Galicia os tres elementos seguintes, situándoos por riba de características propias do armazón empresarial turístico:
A deficiente dotación de infraestructuras de comunicación, que afecta á conexión co exterior e á articulación e acceso interno. Aprécianse como especialmente relevantes as deficiencias no transporte ferroviario na Comunidade Autónoma, e a necesidade de manter o esforzo en completar e mellorar a rede de estradas. Faise necesaria tamén unha atención rigorosa á funcionalidade do tráfico aéreo, actualmente limitado e carente dunha planificación adecuada, que favoreza a promoción turística.
O caos urbanístico e a falta de parámetros de ordenación territorial, que garante unha lóxica localización das actividades económicas e as persoas no territorio. A permisividade urbanística e a falta de criterios de regulamento supramunicipal suficientes derivaron nunha situación de asentamentos dispersos, deterioro paisaxístico no medio urbano, e falta de articulación da trama urbana para o aproveitamento dos recursos turísticos -praias, portos, patrimonio cultural. Na mesma liña, pero afectando á capacidade de desenvolvemento de nova oferta turística, as ordenanzas municipais non favoreceron o desenvolvemento de negocios dunha escala suficiente para compensar a falta de aloxamento turístico regulado e a nova oferta complementaria.
No mesmo nivel apréciase un deterioro e unha falta de control sobre o medio ambiente, cuestión que necesita corrección a medio prazo, no marco das potencialidades de desenvolvemento turístico de Galicia, que han de fundamentarse sobre a calidade e o mantemento dos seus recursos naturais. Neste sentido, a senda de desenvolvemento e de transformación económica de Galicia han de canalizarse a través de estratexias de sostibilidade ambiental, tanto no ámbito rexional coma local. A posta en marcha dos principios da Axenda Local 21 debe marcar as pautas das actuacións nos municipios galegos, de forma que complementen as accións da propia Xunta, enfocadas principalmente á educación ambiental.

2.2.
Factores propios da demanda turística galega
Os trazos que definen o perfil do turista que visita Galicia poñen de manifesto o escaso desenvolvemento do seu modelo turístico e a necesidade de profundizar en liñas que melloren a súa posición no ano 2010. A concentración no tempo, a reducida diversificación da orixe dos seus visitantes, a escasa presencia do turismo estranxeiro e a busca do producto cultural e de praia en tempada estival, resumen as características da demanda turística de Galicia, que, sen embargo, experimentou un intenso crecemento nos últimos anos.
En efecto, a chegada de viaxeiros e o número de noites en establecementos hostaleiros concéntranse dunha forma moi marcada nos meses de verán, experimentando unha intensa caída nos meses de tempada baixa. Como referencia, no ano 1999 o número de noites en establecementos hostaleiros de Galicia ascendeu ata 1.184.336 no mes de agosto, polas 243.252 do mes de xaneiro do mesmo ano. No mesmo sentido, os meses de xuño, xullo, agosto e setembro absorbían o 53,0%8 do total de noites en Galicia, cos consabidos problemas de infrautilización de aloxamento e de dificultades de rendibilidade dos negocios por parte dos empresarios hostaleiros.
Nesta liña, o grao de ocupación da oferta de aloxamento hostaleiro situábase en 1999 nun “sorprendente”9 42,1% de media anual. A pesar do seu reducido nivel, apréciase unha tendencia ascendente na segunda metade dos 90, dende o 28,0% que se rexistraba en 1994, acorde coa maior chegada de visitantes a Galicia nos últimos anos. O crecemento de chegada de viaxeros, manifesto nunha elevación do 87,4% durante o mesmo período, contrasta coa lenta transformación do seu modelo turístico.
Os turistas que visitan Galicia veñen
buscando a satisfacción derivada principalmente da súa oferta costeira na época
estival, así como o goce da súa oferta cultural, moi concentrada
xeograficamente na realización do Camiño de Santiago, percibíndose unha
incipiente e crecente demanda cara ó turismo verde. Neste sentido, a información,
recollida pola Universidade de Santiago de Compostela na “Análise estatística
sobre o turismo estival en Galicia en 1999”, apuntaba a que o 79,0% dos
visitantes dedicaban as súas vacacións a descansar, e o
55,0% á visita de museos e monumentos,
con escasa utilización da oferta de actividades complementarias -golf, navegación,
pesca, etc.-. A devandita información permite observar o escaso impacto doutras
tipoloxías da oferta galega por problemas de falta de estructuración e
comercialización.
O turismo que chega a Galicia é un turismo fundamentalmente de proximidade, tendo nas comunidades autónomas lindeiras as maiores cotas de mercado. Así, segundo información da citada “Análise estatística sobre o turismo en Galicia en 1999 (enquisa de orixe)”, o 41,6% dos asturianos que saíron de vacacións en 1999 visitaron Galicia, situándose en primeiro lugar por riba de Castela e León, cunha porcentaxe do 28,1%. A mesma enquisa reflicte a importancia que en Galicia ten o turismo da súa propia poboación. Galicia, sen embargo, sitúase como a terceira Comunidade Autónoma visitada polos españois cunha cota de mercado, eliminado o turismo interior, do 13,0%, por detrás de Andalucía e a Comunidade Valenciana. Por Comunidades de orixe (sen ter en conta o turismo interior), Madrid é o mercado principal do turismo galego, por diante de Castela e León, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana e Euskadi.
En total, 4.265.707 españois visitaron
Galicia en 1999, datos que superan ós reflectidos polas estatísticas de
visitantes en aloxamentos hostaleiros, situados lixeiramente por riba dos tres
millóns, o que supón que un importante volume da demanda (26,2%) se aloxa en
apartamentos e vivendas de aluguer non reguladas, o que se dá principalmente
nos meses de verán. O difícil control sobre os graos de satisfacción do
aloxamento por parte desta demanda, fai que cobre maior importancia, sobre a
capacidade de atracción e fidelización, a calidade e variedade da oferta
complementaria, así como os elementos do contorno.
Na actualidade, o turismo galego é basicamente nacional, de forma que a chegada de estranxeiros se limita a un 13,8% do total de viaxeiros. De acordo coa primacía do producto turístico tradicional, onde a competitividade e penetración nos mercados estranxeiros dos destinos mediterráneos e insulares é moi alta, a chegada a Galicia de visitantes estranxeiros é aínda moi reducida; trátase dun dos retos que ha de superar o turismo galego para alcanzar unha maior diversificación dos mercados orixe de turistas.
O perfil do turista predominante en
Galicia, é decir aquel que visita a Comunidade na tempada estival, caracterízase
por realizar a súa viaxe sen
utilizar un intermediario -só o 18,4%
acudiu a unha axencia de viaxe-, cunha duración entre unha e dúas semanas, que
utiliza o seu propio vehículo para chegar a Galicia, que realiza unha viaxe
principalmente itinerante, e que emprega o hotel e a vivenda de familiares ou
amigos como fórmulas de aloxamento.
A percepción sobre a oferta turística destes visitantes reflicte unha opinión negativa sobre as infraestructuras (decoración, habitacións e arquitectura) dos aloxamentos turísticos, sobre a relación calidade-prezo, sobre as vías de comunicación, o clima, os servicios públicos e sobre o medio ambiente do contorno do que gozan. En cambio, o grao de satisfacción global oscila entre bo e moi bo. En xeral, o turista que máis gasto realizou foi aquel que se aloxou en hoteis e en establecementos de turismo rural, mentres que os de maior gasto foron os que acudiron a Galicia por motivos de traballo e os que a visitaron para coñecela. En canto á estructura do gasto, a maior participación tena o aloxamento (39,8%), seguido pola comida (29,7%), mentres que en último lugar se sitúan os gastos en ocio. A tendencia nos últimos anos vén a confirmar unha caída nos gastos por este concepto, con capacidade para segmentar e diferenciar a demanda.
3. ESTRATEXIA DE
DESENVOLVEMENTO DO TURISMO DE GALICIA DE CARA Ó ANO 2010
Pensar en cál debe ser a estratexia para
o desenvolvemento do turismo galego no ano 2010, supón asumir implicitamente
que o potencial do turismo galego non alcanzou a súa cima, nin en termos de
producción nin de emprego; que debe deseñarse un conxunto de actuacións para
o fomento do seu desenvolvemento; e que estas deben ter en conta o escenario de
transformación, tanto das condicións tecnolóxicas da oferta coma das
preferencias da demanda. O turismo non debe entenderse como a esperanza de
futuro da economía galega, nin como unha alternativa ó desenvolvemento
industrial. As actividades turísticas han de analizarse na súa capacidade de
xeración de renda a un ritmo superior ó da economía no seu conxunto; a súa
utilidade como instrumento de dinamización económica, de conservación do
patrimonio cultural e natural, e de compensación do modelo territorial, así
como polo seu efecto sobre a imaxe externa do territorio. O fomento do turismo,
en suma, ha de actuar como motor de transformación e modernización,
complementando a estructura productiva galega actual.

Para isto, o punto de partida ha de ser a definición dun modelo propio, baseado nos seus recursos e elementos diferenciais, capaz de asumir unha situación actual condicionada pola súa historia, e de facer que responda ás tendencias da demanda. A imposibilidade de transformación instantánea do modelo nun momento, esixe a definición dun conxunto de liñas estratéxicas que actúen de vectores directores de accións concretas con vistas a facer realidade o desenvolvemento do turismo galego no escenario do ano 2010. Isto ha de favorecer o necesario exercicio de coordinación entre as distintas Administracións públicas con competencias nos diferentes ámbitos que afectan ó producto turístico. Neste campo, a transferencia de competencias ás comunidades autónomas e os concellos permite falar deles como os verdadeiros executores dunha política rexional de desenvolvemento turístico10.
O modelo obxectivo a alcanzar ha de basearse nas fortalezas actuais da Comunidade Autónoma, a superación de debilidades estructurais actúan como barreira do propio desenvolvemento do sector, nun contorno marcado polo xurdimento de oportunidades, pero tamén pola aparición de ameazas, que poden poñer en perigo o obxectivo último de mellorar o turismo de Galicia no ano 2010.
A análise DAFO11 que se presenta a continuación deriva dos trazos xerais comentados ó longo do presente documento, e resúmese para tomalo como base que xustifique a estratexia proposta.
Un primeiro balance das repercusións dos cambios nas actividades turísticas de Galicia reflicte un saldo positivo. As tendencias nas preferencias e gustos dos turistas do século XXI diríxense cara a elementos nos que Galicia presenta vantaxe comparativa, ou pode chegar a alcanzala -e aínda convertela en vantaxe competitiva (dinámica e sostible)-. As principais oportunidades nacen da valoración crecente de novos productos turísticos, da mellora das comunicacións tanto internas coma externas, e dun maior coñecemento de Galicia no exterior, terreo no que ha de xogar un papel destacado o uso das Tecnoloxías da Información e o Coñecemento (TIC). As ameazas xorden da pasividade fronte ó contorno, e as estratexias doutros destinos turísticos. Neste sentido estas ameazas manteñen unha relación directa coa falta de resposta ás debilidades que caracterizan a oferta turística galega.
Os principais problemas do turismo galego
pódense clasificar en dous ámbitos: un propio da oferta turística de
aloxamento e a súa oferta complementaria (en que se rexistra falta de
profesionalidade e de modernización da xestión por insuficiente nivel de
cualificación e inadecuada dotación de aloxamentos en relación cos recursos
da Comunidade), e, outro, da maior importancia, centrado nos elementos do
contorno do producto turístico. Neste segundo ámbito, destaca a carencia de
infraestructuras de comunicación, o caos urbanístico e o deterioro do medio
ambiente, cuestións clave se se quere aproveitar as fortalezas manifestadas na
dotación de recursos naturais e culturais, susceptibles, na actualidade, con
maior ou menor nivel de desenvolvemento, de valoración turística.
O estado de situación do turismo en
Galicia, e a rapidez e profundidade dos cambios do contorno que se producen no
escenario xeral de globalización no que nos vemos inmersos, esixe do deseño de
directrices enfocadas cara: á diversificación
e estructuración da oferta, a sostibilidade do contorno, a
calidade como vector director e a comercialización activa.
Todos eles deben ser eixes transversais que senten as bases para o
desenvolvemento do modelo turístico galego, estructurado por productos e
destinos. Para a consecución de ditos eixes, ou estratexias xenéricas
necesarias, entendemos que se deben dirixir os esforzos cara ós seguintes
elementos dunha política turística activa:
En primeiro lugar, reforzar a política de formación en tódolos ámbitos propios das actividades turísticas, a xestión de empresas, a comercialización e a mercadotecnia, a restauración e as ocupacións de servicios, complementado todo co coñecemento e manexo das novas tecnoloxías da información e idiomas. O esquema de formación debe ser integral, o que supón o conxunto de niveis: profesional, superior, ocupacional e continua. Isto supón garantir a chegada ó mercado de traballo de técnicos con formación profesional e superior en actividades turísticas, xestión e dirección de empresas, así como, o que é máis complexo, garantir unha oferta adaptada ás necesidades e carencias do sector, que sexa accesible e se utilice polos xestores actuais das empresas turísticas.
Neste caso, como se sinalou, as empresas galegas presentan unha marcada presencia de negocios de pequeno tamaño e estructura familiar, compoñentes con escaso incentivo cara á utilización da oferta de formación continua. Neste caso deberanse articular os mecanismos para sensibilizar o empresario sobre as vantaxes da profesionalización na xestión a través da formación. Ademais das típicas campañas de difusión da formación, deberían empregarse os cambios obrigados a afrontar polas empresas turísticas como oportunidade para introducir procesos de formación, xunto ás posibilidades do traballo en rede ou os procesos de integración interempresarial. Unha boa vía de entrada sería utilizar a adaptación ós novos sistemas informatizados de xestión, como fórmula para completar a formación a medio prazo e, en moi curto prazo, a adaptación á utilización do Euro como moeda de cambio e unidade de conta.
En segundo lugar, unha difusión do uso das TIC entre o empresariado turístico galego. Entendemos que este debe ser un dos eixes da política turística galega, na medida en que pode desempeñar funcións claves para o desenvolvemento turístico de Galicia:
a) Ha de favorecer a superación da distancia de Galicia, imposta polas barreiras físicas e a histórica infradotación de redes eficientes de comunicacións. Neste sentido, as TIC estanse a converter nun instrumento básico de superación do espacio e de transformación das relacións e os sistemas de ordenación territorial.
b) Debe permitir o acceso á información de forma instantánea por parte dos empresarios, respecto a cuestións de cambios nas tendencias de demanda e tecnoloxía da xestión, á vez que como instrumento de comercialización directa. Neste último ámbito, romperíase cos problemas ós que se enfrontan ós turistas cando acceden a unha información escasa e, no caso de Galicia, mesmo pouco “intermediada” por parte dos turoperadores. A proposta máis coherente centraríase na creación dun portal do turismo galego, cunha central de reservas na que se podería visitar e coñecer de forma “virtual”, e, comercializar e contratar de forma real, as infraestructuras turísticas da Comunidade, de forma ordenada por destinos, prezos, categorías e productos turísticos12.
A interlocución coas distintas empresas turísticas para definir os contidos de información que tería que envorcar na rede o organismo encargado (TURGALICIA), desempeñaría un papel propulsor do uso das TIC por parte da base empresarial turística.
c) Debe servir para potenciar a conexión entre os empresarios, e consolidar a través de relacións entre empresas (Bussines to Busines, B2B), destas cos turistas finais (Bussines to consumers, B2C) e da Administración co resto de axentes (e-government), cada un dos productos turísticos de Galicia baixo unha estructura de “cluster”. A rapidez e a capacidade de transmisión de información, en especial nun sector como o turístico, serviría de canle de transmisión de externalidades entre as distintas empresas, que responden cos seus servicios ós compoñentes de cada producto turístico (aloxamento, transporte, restauración, ocio, servicios auxiliares, etc.).
En terceiro lugar, a definición dun sistema de apoio á empresa turística, que combine as accións de subvención encamiñadas á transformación das infraestructuras obsoletas, para modernizar gradualmente a dotación de aloxamentos, cunha rede de servicios a empresas especializados en turismo. Os organismos participantes nesa rede encargaríanse de fomentar o nacemento de empresas turísticas, así como, para as xa existentes, o subministro de información sobre as tendencias na demanda e a xestión turística, o apoio na planificación de estratexias de transformación e introducción de cambios na organización ou a tecnoloxía -sistemas de yield management, controis de calidade- ou a propia certificación da calidade nos productos e os parámetros a definir pola Xunta, ou, nunha opción de second best, o asesoramento nos definidos polo Ministerio de Economía13.
O traballo en rede permitiría á súa vez poñer en contacto ás distintas empresas e aproveitar as economías externas en estratexias de difícil implementación dende estructuras empresariais de pequeno tamaño. Esta actuación sería especialmente axeitada no caso do deseño de plans de formación, a negociación con provedores, o contacto e negociación de paquetes e prezos con turoperadores, ou a comercialización directa do seu producto a través das TIC.
En cuarto lugar, a profundación nas accións sobre elementos do contorno, que afectan tanto ó desenvolvemento económico coma á calidade de vida de Galicia, pero que teñen unha especial incidencia na percepción final do turista. Nestes ámbitos se debe actuar principalmente na mellora e dotación de infraestructuras de comunicación, e en especial das ferroviarias pola súa capacidade de conexión sen problemas de conxestión, na aplicación dunha política decidida de protección ambiental, e no deseño dunhas directrices de ordenación territorial, que supoñan un maior control e, por tanto, compromiso municipal coa calidade paisaxística e urbana dos seus recursos turísticos14. Trátase de estratexias necesarias por si mesmas para o desenvolvemento rexional sostible de Galicia, definidas por parámetros propios; no seu deseño deben ter en conta a dimensión turística e as implicacións sobre a capacidade de desenvolvemento do sector. Só a través dun exercicio de coordinación que afecte ós distintos niveis e departamentos administrativos se poderán alcanzar logros neste difícil campo.
En quinto lugar, un esforzo en promoción dirixido a estender os productos turísticos galegos sobre os territorios de orixe de visitantes, en que a cota de mercado de Galicia é baixa, e estender a preferencia cara ás tipoloxías a desenvolver, partindo dos recursos do territorio galego. Nesta liña, aínda queda un longo camiño por percorrer no mercado europeo en xeral, para o cal se han de articular as accións para aproveitar, en primeiro lugar, a imaxe de marca de España, pero, sobre todo, a propia imaxe consolidada de Galicia como destino cultural ó redor do Camiño de Santiago e o Ano Xacobeo.
Cabe destacar que a promoción debe recaer sobre productos turísticos xa formados, polo que esta acción será sempre posterior ás dirixidas á consolidación de productos turísticos. É neste ámbito no que o papel dos turoperadores, ata o momento practicamente inexistentes na comercialización da oferta turística de Galicia, debe tratar de fomentarse como elemento dinamizador.
Por último, para dotar de coherencia e integrar o resto das actuacións necesítase redactar un Plan Estratéxico do Turismo Galego. Queda claro que o ata aquí desenvolvido representa unha proposta xenérica de grandes piares sobre os que basear a estratexia de desenvolvemento do turismo de Galicia, que ha de ser priorizada, ordenada cronoloxicamente, contrastada e estendida institucionalmente entre os axentes públicos con competencias sobre a materia; este plan, só baixo un exercicio global de definición, seguimento e avaliación continua, pode ser desenvolvido.
O marco conceptual e metodolóxico do Plan Estratéxico representa o adecuado para dar resposta ó conxunto de retos, dos que depende en boa parte o éxito dunha actuación desta envergadura. A propia dinámica do Plan Estratéxico serviría para integrar os elementos do contorno, que ata o momento non se logrou incorporar pola dispersión dos órganos con competencias sobre os mesmos, alcanzando as sinerxias e a coordinación necesaria das diferentes actuacións. Se algo positivo teñen os exercicios de planificación estratéxica é sentar nunha mesa a persoas con competencias distintas, que afectan a un elemento concreto, e que doutra forma non intercambiarían información, puntos de vista e traballo de forma coordinada. Por outra parte, dentro da estructura competencial e orgánica actual, a promoción do proxecto debería recaer en TURGALICIA, abranguendo o conxunto de institucións públicas e axentes privados implicados.
Os seis elementos presentados permitirían conseguir as directrices ás que deben dirixirse as accións de mellora da posición do turismo galego no escenario do ano 2010. Trátase de estratexias que axudarían a mellorar a tendencia xeral do turismo galego, superando as debilidades xenéricas identificadas, pero que á súa vez requiren a articulación e ordenación a través da presencia dun modelo identificable e propio de Galicia, estructurado segundo productos turísticos. O deseño dun modelo se ha de fundamentar necesariamente sobre os recursos turísticos dispoñibles e os productos xa consolidados ó longo do tempo. Baixo este prisma e tomándoo como punto de partida, o modelo turístico de Galicia a medio prazo habería de sosterse sobre uns piares, en función dos cales, con maior ou menor intensidade, han de deseñarse moitas actuacións:

1. Un modelo vacacional estival modernizado, que aproveite a demanda consolidada actual, pero introduza parámetros de calidade nas instalacións de aloxamento, melloras na xestión, formación no servicio e ordenación e mellora nos elementos de contorno, de forma que se garanta un ritmo de crecemento acorde co ritmo xeral de crecemento da demanda turística, gracias a unha fidelización do cliente.
O modelo actual, protagonista dunha importante chegada de visitantes que se concentran nas zonas costeiras do territorio, non é competitivo nin sostible a medio prazo. Non é competitivo, xa que se fundamenta nunha oferta en gran medida obsoleta, xestionada baixo fórmulas tradicionais e cada vez cunha peor relación calidade prezo, características cun mantemento e agravación que han de desembocar na perda de cota de mercado en que está presente como producto consolidado -o mercado nacional-, ademais de perder as posibilidades de captación de demanda noutros mercados. A superación desta situación ha de lograrse a través das actuacións propostas en materia de formación, incentivos á modernización das infraestructuras actuais, introducción das TIC na xestión e comercialización, aplicación de sistemas de calidade e fomento da cooperación empresarial a través da extensión do traballo en rede.
Non é sostible, se se mantén a tendencia á urbanización sen control nin regras de calidade paisaxística, a deficiente xestión dos residuos sólidos urbanos e mesmo os industriais, e o deterioro do litoral. Galicia diríxese cara a unha situación de incapacidade do territorio para acoller o total de actividades económicas (en especial no caso dos termos municipais de maior desenvolvemento turístico, condicionados por un réxime de explotación estacional). Neste caso, os esforzos deben dirixirse cara á aplicación dunha política de control de vertidos industriais e gandeiros, xestión de residuos e prevención da contaminación atmosférica, e unha maior capacidade de establecer criterios de ordenación e calidade paisaxística por parte da Xunta, respecto ós instrumentos de planeamento municipal.
2. Un modelo cultural, estructurado ó redor da imaxe de marca consolidada nacional e internacionalmente polo Camiño de Santiago e o Ano Xacobeo, pero de maior extensión territorial, aproveitando, previa valorización turística, o patrimonio artístico e cultural presente noutras zonas de Galicia, con potenciación do coñecemento doutras rutas xacobeas. O modelo cultural debería ter unha conexión co conxunto de tipoloxías de aloxamento, incluídas aquelas clasificadas dentro da esfera do turismo rural ou verde.
A historia de Galicia, e de Santiago como centro de peregrinación, xerou de forma tendencial un modelo turístico asociado á realización do Camiño de Santiago e a celebración do Ano Santo Compostelán. Unha adecuada política de promoción, completada cunha oferta cultural de calidade, xerou un producto único cunha imaxe consolidada de intensa capacidade de atracción de demanda, como demostran os datos de 1999 (último ano Xacobeo) -o crecemento no número de viaxeiros incrementouse respecto ó ano anterior nun 23,1% en termos medios anuais-.
As accións a implementar neste ámbito deberían manter a liña marcada de promoción e programación de actividades culturais, pero baixo un prisma de extensión da atracción da demanda cara a outras zonas de Galicia. Un problema do modelo cultural actual é a súa excesiva concentración territorial, cando existe patrimonio cultural de riqueza suficiente para a súa “explotación” turística. Un paso previo necesario debería ser a rehabilitación para o seu posterior valoración. Nesta liña realizáronse esforzos nalgúns monumentos emblemáticos de Galicia (muralla romana de Lugo, por exemplo), pero queda un longo camiño por percorrer no seu posterior promoción. Trátase dun elemento de importancia para fomentar o equilibrio territorial no desenvolvemento turístico, xa que a oferta cultural pode desempeñar un papel importante de complemento doutros productos turísticos, en especial ó turismo rural ou verde.
As liñas concretas de actuación deberían centrarse, ademais das xa apuntadas rehabilitación, e promoción, das diversas rutas do Camiño de Santiago, na creación de centros de interpretación, o reforzo dunha rede de guías culturais e o xurdimento de proxectos empresariais asociados ás actividades de xestión e explotación. Estas actividades deben reforzar os valores culturais, e desvinculalos en certa maneira do Ano Santo Compostelán, que na próxima década verá reducido o seu número15.
3. Un modelo multiproducto, sostido sobre a presencia dunha oferta ordenada, estructurada e debidamente comercializada de productos turísticos especializados, sobre a base da existencia de recursos naturais e dotacionais de Galicia. Trátase de productos de demanda potencial limitada en número, pero asociada a un perfil de visitante de elevada capacidade de gasto, de maior fidelidade e de maior potencial desestacionalizador, ó non presentar unha vinculación tan estreita coa época estival.
Unha primeira definición dos productos susceptibles de estructurar, e das principais estratexias a empregar sería a seguinte:
• Turismo verde: trátase dun producto cunha oferta de aloxamento importante, moderna e de calidade, onde as actuacións deberían ir en dúas direccións: a translación de recursos cara á súa maior promoción exterior, e o deseño de accións de comercialización, empregando as posibilidades por un lado, e a súa vinculación, como oferta de congresos, aloxamento, con outros productos rexionais (cultural, das TIC, incentivos, e pesca, fundamentalmente), por outro.
• Turismo náutico: non presenta na actualidade unha estructuración suficiente que permita falar dun producto como tal. O investimento realizado na mellora das infraestructuras soporte, principalmente portos e clubes náuticos deportivos, permite contar coas bases materiais que será necesario combinar coa presencia de estratexias en conexión coa oferta de aloxamento, buscando a súa comercialización como un paquete diferenciado.
• Turismo de saúde ou termal: trátase dun producto xa formado que experimentou unha importante modernización da oferta, e que presenta unhas moi positivas perspectivas de cara ó futuro, susceptibles de ser potenciadas a través dun maior esforzo na súa comercialización.
• Turismo de golf: de oferta limitada na actualidade, a súa consolidación deberá pasar pola dispoñibilidade dun maior número de campos e a súa vinculación a unha oferta de aloxamento de calidade, un dos principais pasivos para o seu desenvolvemento.
• Turismo de congresos: de incipiente desenvolvemento sobre a base da oferta actual, enfróntase á limitación imposta pola reducida existencia de infraestructuras de aloxamento de calidade preparadas para as necesidades deste producto (salas de reunións, servicios de telecomunicacións, etc.). As actuacións deberían dirixirse cara ó incremento da oferta de aloxamento de categoría e a dotación de servicios especializados para esta tipoloxía turística.
• Turismo de incentivos: igualmente aínda en estado embrionario, as maiores posibilidades de desenvolvemento atópanse na súa vinculación ó aproveitamento e goce do resto de productos turísticos. Desta forma o seu desenvolvemento estará directamente vinculado á consolidación e éxito do resto de productos especializados. Neste caso, identifícase unha importante debilidade nas canles de comercialización, que actúe como xerador dun producto completo e promocionable.
• Turismo de pesca: trátase dun producto na actualidade practicamente inexistente, que require tódalas actuacións necesarias para a súa creación e venda: definición dos recursos, vinculación coa oferta de aloxamento, deseño dunha estratexia de comercialización e promoción, e a introducción de mecanismos de control para garantir a súa comercialización. Previo ó seu desenvolvemento requiriría dun estudio de mercado potencial xustificado pola necesidade de valorar a demanda polos elevados custos que suporía a súa constitución como producto turístico.
4. CONCLUSIÓNS
O turismo galego atópase en tránsito cara a un modelo de maior calidade, máis diversificado e de maior adecuación en relación coa súa dotación de recursos. O resultado final dependerá da capacidade para dirixir ese proceso segundo unha estratexia que garanta un modelo sostible e competitivo a longo prazo. Para isto cómpre articular de forma coordinada actuacións polo lado da oferta, que superen o importante número de debilidades que presentan as actividades turísticas, as liñas mestras das cales se presentaron ó longo do documento.
Todo isto ha de permitir o aproveitamento do importante crecemento da demanda que se veu producindo no territorio galego, e aproximar a súa participación na economía e o emprego ó doutras rexións de similar dotación de recursos. Neste proceso debe garantirse o cumprimento de funcións de elevada repercusión en Galicia, relacionadas coa dinamización económica, como son: o equilibrio territorial, o incremento da formación, a modernización na xestión empresarial e a súa adaptación ó novo escenario de globalización e difusión das TIC.
3
Destaca o exercicio realizado polo profesor C. Camisón no que a través dun
delphi contrasta a opinión sobre tendencias e factores claves do turismo
mundial e mediterráneo, os principais resultados do cal nutren a caracterización
dos cambios na oferta e demanda turística que se pasan a expoñer.
4 A perda de actividade do sector
primario xerou a expulsión de man de obra cara a outros sectores, sendo o
turismo unha das principais ramas “refuxio”.
5 Inclúense nesta franxa os hoteis de 1 e 2 estrelas, os hostais de 1 estrela, as pensións e as fondas e casas de hóspedes.
6
Galicia presenta unha estructura por categorías de establecementos turísticos
moi similar por exemplo a Ibiza e Menorca en Baleares.
7
Na actualidade a oferta de formación do Centro Superior de Hostalería de
Galicia estructúrase en tres cursos: Certificado de elaboración e xestión en
cociña, Diploma de xestión de empresas hosteleiras e Gran diploma de xestión
de empresas hosteleiras.
8
Algunhas estatísticas elevan esta porcentaxe ata o 72,7%. Ver Análise estatística
sobre o turismo en Galicia en 1999 (enquisa de orixe). Universidade de Santiago
de Compostela.
9
En xeral, son pouco cribles estas cifras na medida en que se sitúan por debaixo
dos niveis de rendibilidade empresarial dos negocios turísticos.
10
En xeral, o Estado español mantén a función de promoción exterior do destino
turístico España, baixo o que se acollen as distintas ofertas rexionais, así
como algunhas actuacións concretas dirixidas á mellora do contorno local
canalizadas a través dos Plans de Dinamización e Excelencia Turística,
fundamentalmente.
11
Trátase do resultado da análise Delphi, realizada os resultados da cal se
presentan de forma detallada no anexo 1.
12
Na actualidade TURGALICIA está a traballar no proxecto de creación dun portal
do Turismo Galego.
13
Hoxe TURESPAÑA dispón dun sistema de certificación de calidade para
aloxamentos turísticos denominado “Q” de calidade.
14
Na actualidade a lexislación sobre o territorio en Galicia esténdese a través
da Lei 10/1995, de 23-11-95 de Ordenación do Territorio, a Lei 7/1996.
15 O próximo ano santo celebrarase no 2004, pero o seguinte non será ata o 2011.