III. O COMERCIO GALEGO NO 2010

1. CAMBIOS NO SECTOR COMERCIAL

    Os vectores que definen os intensos cambios que se veñen producindo no sistema económico, desenvolven sobre o sector comercial os seus efectos máis profundos. O papel do comercio como vehículo de posta en contacto entre os productores e os consumidores fixo que se vexa afectado tanto polos cambios acontecidos nas formas de organización da actividade económica, coma polas novas tendencias sociais, todo isto nun marco influído polas transformacións urbanas e territoriais de repercusións fundamentais sobre o desenvolvemento da actividade comercial. A velocidade e combinación múltiple dos cambios nas dimensións mencionadas: económica, social e espacial, van debuxar o escenario da situación do comercio no futuro, e deben ser tomadas como referencia imprescindible á hora de definir unha estratexia que garanta o desenvolvemento do sector en Galicia. Con isto débese favorecer o cumprimento das funcións clave que desenvolve o comercio, que se poden resumir en catro grandes bloques:

• En primeiro lugar, unha actividade económica, protagonista no sistema integrado que forma unha economía, cun papel que afecta ó desenvolvemento do resto das ramas de actividade que a compoñen.

• En segundo lugar, a actividade comercial, pola súa condición de servicio intensivo en factor traballo, e necesario para o desenvolvemento do resto do sistema productivo, presenta unha alta contribución á xeración de VAB16, pero sobre todo á creación de emprego17.

• En terceiro lugar, o comercio desempeña un papel de abastecedor de bens básicos para a vida humana, que require un correcto desenvolvemento sobre o territorio, para garantir o acceso da poboación ós bens de primeira necesidade.

• Por último, o comercio veu cumprindo unha función estructurante do desenvolvemento urbano, que nos últimos anos cobrou unha importancia crecente, a medida que se produciu un retroceso do pequeno comercio polo miúdo, de centro cidade, fronte ó comercio de gran superficie, localizado na periferia urbana. Na actualidade, o comercio cobra unha importancia crecente como instrumento revitalizador de áreas urbanas en declive.

    O desenvolvemento destas funcións verase afectado polos cambios que se están producindo, de repercusións aínda incertas, que están provocando unha profunda transformación na estructura comercial18, e polos cambios que están por vir, asociados ó “desembarco” das TIC, e do seu resultado máis directo: o comercio electrónico. Será bo facer un breve repaso das principais tendencias que se están desenvolvendo no campo dos procesos e a organización económica, os cambios sociais, e as transformacións espaciais, con repercusións sobre a actividade comercial, como punto de partida para entender a dirección dos acontecementos, e basear unha estratexia para o correcto desenvolvemento do comercio galego.

1.a. Cambios económicos con repercusións sobre o sector comercial

a) O comercio non está a ser alleo ó proceso de globalización económica, definido na primeira parte do presente documento, en que a escala productiva se erixe en elemento determinante para afrontar, en condicións de éxito, o reto competitivo. O resultado; unha intensificación da competencia, que traspasa as barreiras nacionais, e un proceso de concentración empresarial para facerlle fronte19, con profundas transformacións na estructura do sector. A traxectoria deste proceso vén consolidando un modelo con dous polos de organización comercial; as grandes cadeas de distribución, que basean a súa competencia na súa capacidade para xerar economías de escala na negociación con provedores e así ofrecer productos a baixo prezo, e ofrecer facilidades de acceso ós seus establecementos situados en zonas de periferia, que brindan complementos con actividades de ocio e restauración, como centros comerciais principalmente; e o pequeno comercio polo miúdo, que fundamenta o seu éxito competitivo na calidade do servicio, a proximidade e o trato directo co cliente. Este patrón está condicionado pola distinta velocidade e propensión ó cambio que presentaron as cadeas de distribución e o pequeno comercio, caracterizado por unha importante distancia.

b) A transformación comercial asociada á competencia global das grandes cadeas de distribución, e a aparición de novas formas comerciais (hipermercados, centros comerciais, parques comerciais, superdescontos, “cash and carry”, outlets), introduciron unha dinámica de competencia á que en gran medida non se adaptou o pequeno comercio, provocando un proceso de selección natural. Todo isto derivou no peche de comercios tradicionais, proceso que se produciu con especial virulencia nos cascos históricos, en declive comercial. En xeral, adoita falarse nestes casos dunha falta de adaptación do pequeno comercio, afectado por problemas estructurais vinculados ó seu tamaño, pola estructura da súa propiedade e polos niveis de profesionalidade-formación dos seus xestores.

    Na última década apréciase un espertar do pequeno comercio, da man de elementos dinamizadores, como a extensión das franquicias e a utilización de fórmulas de cooperación, fronte ó mero cooperativismo. Nesta liña, comezáronse a poñer en marcha proxectos -centrais de compra, centros comerciais abertos- que veñen a compensar a dificultade de acceso a economías de escala por parte do pequeno comercio, como vía para competir coas vantaxes desenvolvidas polas grandes superficies.

c) Un dos elementos transformadores das formas de organización empresarial e comercialización, de aínda incipiente desenvolvemento en Europa, caracterízase pola introducción das TIC. O intenso desenvolvemento vivido en EE.UU. por este fenómeno serve para marcar as liñas que marcarán a súa chegada e extensión en Europa, sendo conscientes das diferencias culturais e de hábitos de compra, que aínda diferencian a organización comercial de ámbalas dúas áreas económicas.

    Necesaria aclaración esixe o feito de que o uso das TIC non se limita ó comercio electrónico, senón que vai moito máis alá. O potencial das TIC para favorecer o desenvolvemento empresarial reside na súa capacidade de reducir os custos de transacción dunha empresa co exterior, e en facilitar unha xestión integrada da mesma. Os custos de transacción redúcense, porque se automatizan nun marco de maior información, o que redunda en gañancia de eficiencia por parte da unidade empresarial. Este aspecto, no caso do pequeno comercio polo miúdo, é especialmente importante porque pode servir para alcanzar economías de escala en prezo que de forma individual non alcanzaría20. A pesar disto, neste momento se vén producindo un importante “gap” entre o seu uso por parte das grandes cadeas comerciais e a súa extensión no pequeno comercio.

1.b. Cambios sociais con repercusións sobre o sector comercial21

a) Envellecemento da poboación, cunha caída pronunciada da natalidade e fecundidade de maior intensidade á experimentada pola mortalidade, o que xerou un crecemento natural negativo no caso de Galicia e unha tendencia á inversión da pirámide de poboación. Todo isto únese a unha polarización que rompe o equilibrio territorial da poboación, baixo fórmulas de distribución demográfica, nas que conviven nunha mesma área metropolitana municipios seriamente envellecidos e núcleos con predominio de poboación nova. As tendencias apuntadas aliméntanse de modificacións nos fogares coa súa segmentación e conseguinte reducción do tamaño medio do fogar, que xeraron unha elevación no número de unidades de consumo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

b) Incremento da mobilidade, derivada dun incremento das distancias traballo-vivenda e un aumento vertixinoso do parque de vehículos que é absorbido por infraestructuras de maior capacidade. Este proceso incrementa o mercado potencial dos establecementos comerciais, favorecéndose especialmente os localizados nos nós de transporte, pero xerando efectos de discriminación respecto ós colectivos que non dispoñen ou non poden empregar os sistemas de transporte individual.

    A concentración da oferta cerca dos mercados de demanda xerou procesos de conxestión nas áreas centrais e os accesos ós Centros Urbanos das grandes cidades, fortalecendo unha tendencia centrífuga, primeiro dos usos residenciais, e logo, das novas implantacións comerciais e enclaves de actividade económica, como se pon de manifesto no libro Planeamento e Comercio.

c) Migración dos fogares do centro cidade á periferia metropolitana. Proceso que se vén desenvolvendo nas principais cidades galegas e que se nutre de dous factores principais que alimentan a xeración de distintas tipoloxías de núcleos urbanos ó redor das grandes cidades.

 .          Presencia dun conxunto de poboación, na súa maioría nova, con escasos recursos económicos, demandantes dun primeiro emprego, que busca vivenda nos municipios máis afastados da periferia metropolitana, polos menores prezos do solo.

.           Grupos de poboación de idade media, que accederon xa a unha primeira vivenda (polo que teñen capacidade de capitalizala), e que buscan unha mellora residencial nun contorno suburbano de menor densidade e mellores condicións ambientais.

d) Elevación da renda familiar dispoñible, e modificación na cesta da compra cun crecemento na participación dos bens de maior elasticidade renda (equipamento persoal e o fogar).

e)         Aumento da dispoñibilidade de tempo libre, e xurdimento dunha maior cultura asociada ó seu goce, no que se combinan con actividades diarias como a compra de productos comercializables. Como resultado desénvolvense novas tipoloxías comerciais que responden a estes procesos (centros comerciais, parques comerciais).

f) Maior selectividade na compra, derivada dunha mellora no nivel cultural da poboación, un proceso de aprendizaxe e maduración na compra e unha maior competencia entre a oferta que favorece os dereitos dos consumidores.

1.c. Transformacións urbanas e territoriais

a) Incremento da competencia entre as cidades e rexións para atraer investimentos e emprego, impulsado polo proceso de globalización. Neste novo contexto, as cidades non só cumpren o papel de localización das actividades, senón que tenden a funcionar como nós de articulación dos mercados. As conexións de transporte, e as TIC, tenden a cobrar unha importancia estratéxica, ó abrir novas posibilidades de integración territorial.

b) Crecente capacidade de adaptación ós cambios na demanda gracias a desenvolvementos tecnolóxicos e organizativos. A rapidez nos cambios na demanda impulsou a introducción de sistemas de producción flexible acompañados de cambios de organización que provocaron a externalización de actividades de servicios, principalmente de servicios, elevando a mobilidade da actividade económica.

c) Procesos de conxestión e declive nas áreas urbanas, xerando dúas problemáticas parellas de difícil solución que afectan ó “corazón” comercial e de vida urbana da cidade. Por un lado, a saturación e conxestión dos centros urbanos máis terciarizados con problemas de compatibilización cos usos residenciais. Por outra parte, a saída de poboación de maior nivel de renda das zonas de deterioro urbanístico creando bolsas de marxinación que substitúen á poboación saínte.

2. CARACTERÍSTICAS DO SECTOR COMERCIAL GALEGO

    Galicia non foi allea ós cambios na estructura e ás formas comerciais, acontecidos en Europa e en España, se ben o seu desenvolvemento produciuse moi condicionado polo modelo territorial, e o sistema de distribución da poboación galega. Neste sentido, pode falarse dun desembarco das grandes superficies comerciais nas zonas de periferia das grandes cidades galegas, lugar de crecente concentración da poboación, paralelo ó mantemento dun sistema de abastecemento comercial tradicional nas zonas do interior que viven un proceso de envellecemento e perda de habitantes. Esta situación xerou un sistema dual, caracterizado por unha intensa dotación comercial nas zonas urbanas e nas súas extensións periurbanas, onde convive a gran superficie cun pequeno comercio de centro cidade, situación xeradora de problemas de competencia,  comúns ós experimentados na maior parte dos territorios españois; e un sistema comercial rural, onde o protagonismo o ten o pequeno comercio multifuncional, e a venda ambulante, como fórmulas de abastecemento.

    A pesar da dualidade reflectida en sistemas comerciais distintos, e estructuras e mercados disímiles, descóbrese unha problemática común, reflectida nun conxunto de características da oferta comercial, sobre o que debería dirixirse toda estratexia de mellora do sector comercial galego. Ditas características afectan á capacidade de asumir en medio prazo as transformacións derivadas das repercusións do novo marco de competencia, e dos cambios impostos polo uso das TIC e as súas consecuencias respecto ás relacións espacio-tempo, polo que está en xogo o futuro do sector como xerador de renda e emprego.

2.a. Trazos determinantes da oferta comercial

    A oferta comercial galega experimentou unha intensa transformación nas dúas últimas décadas, protagonizada polo desenvolvemento de novas tipoloxías comerciais, que introduciron alternativas nas fórmulas de xestión e organización, acompañado por transformacións na distribución espacial da actividade comercial, propias das configuracións metropolitanas das súas principais cidades. A chegada das grandes superficies comerciais nas súas distintas tipoloxías, —unha primeira xeración marcada polo hipermercado e unha segunda polo centro comercial—, situadas nas grandes áreas urbanas introduciu un elemento de competencia e necesidade de adaptación con importantes efectos sobre o pequeno comercio polo miúdo de estructura familiar. Como resultado, produciuse un intenso proceso de peche de comercios tradicionais, contemporáneo a unha incipiente renovación do comercio de centro cidade, aínda sen finalizar, marcada pola chegada das franquicias, e as cadeas de tendas especializadas, e apoiada pola presencia de marcas propias, especialmente na rama da confección téxtil.

    Estes cambios, sen embargo, non foron capaces de modificar un sector comercial, que hoxe segue a estar marcado pola presencia de tendas tradicionais, de xestión familiar, de elevado grao de antigüidade, e con escasa introducción de sistemas informáticos de xestión e pago. Dita situación é coherente en moitos casos coa maioritaria presencia dun consumidor cun perfil de elevada idade, baixo nivel de formación, para o que a confianza, a proximidade e o coñecemento do comerciante son determinantes á hora de realizar a súa compra. Trátase de situacións sostibles a curto, que non a longo prazo, na medida en que se vaian impoñendo novos hábitos de compra, propios de estructuras sociais de maior nivel de educación e renda.

    Os problemas estructurais propios do sector comercial polo miúdo en toda España, desenvolvidos nalgúns casos con maior intensidade no caso galego, enfróntanse en Galicia coa escasa propensión á cooperación, para superar os problemas de escala do pequeno comercio. a importancia do tamaño para alcanzar prezos competitivos na negociación cos provedores, a consolidación dunha imaxe de marca con capacidade de fidelización de  clientes (o uso de tarxetas de bonificación está cada vez máis estendido), a prestación de servicios auxiliares (venda telefónica, transporte a domicilio), ou o deseño de campañas de publicidade ás que de forma directa o pequeno comercio non ten acceso, están empezando a ser combatidas noutros territorios por sistemas asociacionistas. Neste sentido, destaca a creación de centrais de compras por parte de cooperativas de comerciantes, ou a creación de centros comerciais abertos, ou a posta en marcha de campañas de promoción conxunta, como estratexias coas que competir fronte ó poder das grandes cadeas comerciais, e superar así os problemas impostos polo tamaño. O estado destas iniciativas é certamente escaso en Galicia, condicionado pola propia idiosincrasia da poboación, o que está repercutindo na capacidade de adaptación ós patróns de competencia, introducidos polas grandes superficies comerciais.

    Nesta mesma liña, unha das características do comercio polo miúdo galego, que se identifica como unha debilidade estructural, é o baixo nivel de formación dos xestores comerciais. A inexistencia dun sistema de formación propio do sector comercio, a escasa especificidade de coñecementos para a posta en marcha dun negocio comercial (o que o erixiu como o principal “sector refuxio” en momentos de crise ou transformación estructural), e os reducidos incentivos á formación continua, e mesmo a súa imposibilidade ó coincidiren os horarios dos cursos co desenvolvemento da actividade comercial, xeraron unha situación de baixo nivel de formación do comerciante, que representa o seu principal lastre de cara ó futuro. A formación condiciona a capacidade de adaptación fronte ós cambios na organización que se están producindo, sendo un dos elementos clave a fomentar de cara ó futuro.

    Dende unha perspectiva espacial, a oferta comercial estructúrase ó redor das maiores concentracións demográficas e de economías máis dinámicas -as cinco capitais administrativas, e as grandes cidades do eixo Atlántico—, onde se concentraron as novas tipoloxías comerciais, mentres que gran parte da Galicia interior permanece “virxe”, fronte ós novos desenvolvementos comerciais, prevalecendo unha modalidade de comercio rural. A capacidade de articulación das relacións comerciais, neste sentido, encóntrase limitada pola escasa presencia de centros loxísticos de alta capacidade, piar fundamental de cara ó futuro, tanto para garantir a chegada e xestión dos productos comercializables, coma para servir de malla sobre a que estender o desenvolvemento do comercio electrónico. Non esquezamos que o piar principal do comercio electrónico, superados os problemas informáticos de interconexión entre as empresas e destas cos consumidores, é dispoñer dunha rede de centros loxísticos e de transporte, capaz de garantir que chega o producto nos prazos e coa calidade ofrecida.

    Igualmente outra característica da oferta comercial en Galicia está na súa escasa utilización como obxectivo, á vez que como instrumento, de política urbanística. A intensa relación que existe entre o planeamento e as ordenanzas municipais no desenvolvemento comercial, e na capacidade deste para actuar de dinamizador e revitalizador de áreas en declive, foi escasamente empregado ata o momento. Só nos últimos anos, e concentrándose nas capitais galegas, realizouse un esforzo por parte dos órganos municipais para favorecer o contorno do desenvolvemento comercial, a través do seu regulamento no planeamento e a definición de estándares comerciais e actuacións urbanísticas. Neste ámbito son destacables as iniciativas de facer peoniles zonas comerciais, e deseño de figuras de microurbanismo, dirixidas a mellorar a calidade do contorno para favorecer o acceso e a calidade do comercio polo miúdo de proximidade en centro cidade.

2.b. Trazos determinantes da demanda comercial

    A tendencia da demanda comercial en Galicia vén marcada polos procesos demográficos que se veñen producindo nos últimos anos, e que teñen visos de manterse no futuro, con importantes repercusións sobre o comercio. O primeiro deles é a reducción da poboación galega, paralela a un proceso de envellecemento e crecemento vexetativo negativo, que non se viu compensado polos movementos migratorios. Durante a última década produciuse un saldo migratorio positivo, protagonizado principalmente por inmigrantes galegos de idade avanzada que volven á súa terra, en contraste co perfil da poboación emigrante, pertencente a grupos de menor idade e maior nivel de estudios, situacións que afectarán á dotación futura de capital humano da rexión. En efecto, Galicia enfróntase a un dos maiores problemas para a sostibilidade do seu sistema económico, e o seu modelo territorial, como é a caída da poboación e a súa desigual distribución territorial. Así, durante o período comprendido entre o último censo de poboación de 1991 e o último padrón de 1998, a poboación reduciuse nun 0,3%. As previsións realizadas polo Instituto Nacional de Estatística  reflicten unha profundación deste fenómeno, de forma que no ano 2005 a poboación galega se situaría nos 2.689.549 habitantes, cun descenso do 1,0% dende 1998.

    O mantemento deste proceso, coas implicacións sobre a caída da demanda comercial, fundaméntase nun envellecemento da poboación, e un saldo migratorio negativo, que afecta excesivamente ás zonas do interior, poñendo en perigo a supervivencia dun elevado número de locais comerciais.

    Os cambios cuantitativos e a súa distinta implicación espacial virán acompañados por cambios cualitativos. O crecemento económico experimentado por Galicia nos últimos cinco anos, e o previsible mantemento no futuro sobre a base dunha  menor oscilación cíclica, ha de provocar dous efectos que xa se están poñendo de manifesto: unha maior esixencia no momento da compra, que afecta a elementos como a calidade dos productos, a diversidade da oferta, a facilidade de pago, os servicios postvenda, etc., que están provocando unha translación da demanda cara a aqueles establecementos que mellor responden a estes requirimentos; e o crecemento da renda, que provoca unha elevación da demanda máis que proporcional, en bens máis especializados, con maior elasticidade demanda renda. Fronte a estes elementos súmanse aqueles derivados da maior idade media da poboación, que afecta á composición da cesta da compra media galega, e da penetración das TIC na poboación nova, que protagonizará a chegada do comercio electrónico. O grao de penetración de Internet en Galicia é aínda moi reducido. Segundo os datos da Enquisa Xeral de Medios relativa a 1999, só un 4,4% da poboación galega de máis de 14 anos era usuaria de Internet, sendo a Comunidade Autónoma de menor utilización da rede, por diante de Castela -A Mancha.

3. UNHA ESTRATEXIA PARA O FORTALECEMENTO DO SECTOR COMERCIAL EN GALICIA

    A situación do comercio galego, e os cambios que se veñen producindo na demanda, que teñen visos de profundarse no futuro, debuxan un escenario no que é necesario impulsar medidas dende a perspectiva da oferta, para garantir o desenvolvemento da actividade comercial de xeito equilibrado territorialmente, e a competencia entre o pequeno comercio de proximidade e as grandes superficies comerciais. Para isto, os principais esforzos deben realizarse en tres liñas mestras; mellorar a capacidade loxística, fomentar a transformación dirixida a fortalecer a capacidade competitiva do pequeno comercio polo miúdo, e ordenar a implantación de equipamentos comerciais.

    A análise das debilidades do comercio galego, e das oportunidades derivadas das tendencias do contorno, pon de manifesto a necesidade de manter o compromiso de incremento e mellora das comunicacións terrestres como medio para seguir avanzando na articulación interna do país, e de aproveitar a capacidade do sistema portuario galego, e o potencial do mercado portugués. Non obstante, dito esforzo ha de complementarse coa dotación de centros loxísticos de alta capacidade, provistos de sistemas automatizados que actúen de nodo de extensión do sistema comercial cara ó interior, e permitan alcanzar sistemas de ECR (resposta eficaz ó consumidor), a través dun subministro rápido. Mellora da rede de transporte e dotación de centros loxísticos han de sentar as bases para o funcionamento do comercio por xunto e para garantir o subministro cara ó comercio polo miúdo, e o desenvolvemento de externalidades positivas sobre o conxunto do sistema económico galego, a través de relacións cos fabricantes directos. A súa consecución incorporará á súa vez un elemento adicional e principal ó desenvolvemento do comercio electrónico.

    O segundo, e quizais máis importante, céntrase en deseñar un conxunto de actuacións sobre varias frontes da oferta comercial, de forma que a súa combinación permita mellorar a posición competitiva do pequeno comercio tradicional, hoxe en día o que maiores problemas estructurais presenta e, sobre todo, o que con maiores rixideces se enfronta ós retos impostos polo novo escenario. A estratexia a implementar debe sosterse sobre un conxunto de eixes que na súa gran maioría xa estaban recollidos, de forma xenérica, na Lei de Ordenación do Comercio polo Miúdo de Galicia, no seu artigo 43.

1. Fomentar a extensión do uso das TIC, como elemento determinante das estratexias de modernización do sector comercial. A súa situación no primeiro lugar da batería de accións a implementar, responde ós distintos papeis que pode desenvolver,  superando gran parte dos pasivos que hoxe caracterizan ó pequeno comercio polo miúdo.

a) Os novos sistemas de xestión comercial constrúense sobre a base de programas informáticos, que a través de procedementos sinxelos, permiten desenvolver os labores de xestión de stocks, pedidos, facturación, contabilidade, fiscalidade e persoal.

b) As TIC permiten o acceso á información de forma rápida sobre tendencias nos hábitos de consumo, novidades tecnolóxicas, programas de axudas, ou cambios lexislativos, superando as asimetrías na información, propias do tamaño dos establecementos comerciais tradicionais.

c) Trátase dun instrumento de interrelación empresarial indispensable perante estratexias de cooperación entre empresas, de cara a mellorar a eficacia nas súas relacións comerciais (B2B), ou mesmo nas relacións destas cos consumidores (B2C), ou a Administración; é o que se deu en chamar comercio electrónico.

d) Pode consolidarse como un sistema de penetración de métodos de formación continua, evitando os problemas de dificultades de acceso ás iniciativas de formación por coincidir co horario laboral.

2. Aposta decidida pola mellora da formación específica nos ámbitos da xestión comercial, como estratexia indirecta de modernización e dinamización do sector. Un empresariado máis formado é máis propenso ó cambio pola vía do investimento, e a adaptación ás novas “traxectorias” de éxito comercial. As actuacións en materia de formación deben igualmente adaptarse ós novos patróns tecnolóxicos, e superar vellos problemas. Neste sentido, é fundamental avanzar en dúas vías; por un lado, superar a falta de resposta do empresariado, a través da difusión de cursos a distancia empregando as TIC, con sistemas de titoría e asesoramento, como xa se vén facendo no mundo do ensino universitario22; e por outro, a adaptación dos cursos ás necesidades do sector, para o cal antes do seu deseño se debería dispoñer dun diagnóstico de necesidades específicas do comercio tradicional galego. Encontrámonos ante a posibilidade de aproveitar un momento fundamental para fomentar os programas de formación, e introducir outras materias nos requirimentos dos comerciantes, ante a súa necesaria adaptación ó emprego do euro no ano 2001, de cara á súa definitiva introducción física nos tres primeiros meses do ano 2002.

3. Fomento da cooperación fronte ó asociacionismo, o que supón introducir elementos adicionais no esquema actual. En xeral, as asociacións de comerciantes erixíronse como grupos de presión con actividades que, na maior parte dos casos, se limitaron ó deseño de actividades formativas. A velocidade dos cambios, e a crecente importancia e necesidade de adaptación xa xustificada, require dar un paso máis cara a estratexias de cooperación en elementos que para a pequena empresa supoñen un custo inabordable, e que veñen sendo desenvolvidos de forma intensa polas grandes superficies comerciais, como capacidades sobre as que basear o seu éxito competitivo. Trátase principalmente da capacidade de alcanzar vantaxes de prezos con provedores a través da realización de elevados volumes de compra, o desenvolvemento de marcas propias, a realización de actuacións de mercadotecnia ou publicidade, a posta en marcha de sistemas de fidelización e control de calidade, etc.

    Fronte a estas actuacións o comercio polo miúdo ha de responder a través de mecanismos de cooperación activos -central de compras, centro comercial aberto, tarxetas de compra propias con monedeiro electrónico en colaboración con institucións financeiras- que ata o momento tiveron escaso desenvolvemento. Nesta liña, e como vía para fomentar os procesos de cooperación, deberíase vincular o sistema público de axudas ó desenvolvemento de proxectos, en que participen varias empresas comerciais, ademais de fortalecerse as canles de asesoramento provistas polas Cámaras de Comercio e a Xunta.

4. Potenciación da relación entre comercio e turismo. A situación actual do turismo galego e as posibilidades do seu crecemento sobre a base dun sistema multiproducto, abre a porta ó desenvolvemento dun comercio especializado en productos propios de Galicia, que sirva como complemento á viaxe turística, á vez que como fonte de ingresos para o mantemento de productos autóctonos, producidos baixo fórmulas e sistemas artesanais. Este tipo de comercio desenvolveuse de forma inercial, empregando métodos de venda tradicionais, baixo localizacións de estrada, que require unha transformación cara a patróns de calidade do producto, empregando a imaxe de marca de “Galicia Calidade”, e as denominacións de orixe dos productos galegos. Na mesma liña, deberían utilizarse os aloxamentos turísticos especializados, en especial nos productos de maior nivel de renda asociado, como vías de penetración e promoción dos productos galegos comerciados.

    O terceiro dos eixes propostos céntrase na introducción de racionalidade na planificación dos equipamentos comerciais, de forma que sirvan como instrumento de “facer cidade”, e de eixes de revitalización de áreas en declive, o que garantirá a súa supervivencia. En xeral, un dos principais problemas do comercio é a falta de tratamento adecuado por parte dos plans xerais de ordenación urbana (PGOU), o que favorece un desenvolvemento desordenado e pouco relacionado cos mercados potenciais impostos polas condicións demográficas. Así, a localización de grandes superficies está “controlada”, pola necesidade de contar, ademais da preceptiva cualificación do solo municipal e os permisos municipais correspondentes, coa chamada “segunda licencia”, outorgada sobre a base dunha análise técnica pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia. No pequeno comercio conviven situacións de falta de ordenación no planeamento dos usos comerciais, tratándoos xeralmente como terciarios, coa inadecuación das ordenanzas municipais para o seu correcto desenvolvemento.

    A superación desta problemática, que se produce naqueles municipios de maior tamaño, require un tratamento propio do comercio nos PGOU, baseado nun diagnóstico realista de oferta e demanda comercial, por tipoloxías, que permita planificar os desenvolvementos comerciais e as actuacións necesarias para potenciar o comercio polo miúdo.

    Este problema non se produce no chamado comercio rural, de grande importancia, en Galicia. Neste caso tampouco os problemas de competencia polas grandes superficies se desenvolven coa mesma magnitude, ó quedar fóra da isócrona actuación destas, e primar a proximidade na compra como característica da demanda. Non obstante, a súa competitividade e supervivencia fronte ás rixideces impostas pola escasa diversidade da oferta, os altos prezos e os tradicionais sistemas de xestión, pasan por un sistema de axudas de modernización dos seus negocios, a extensión das medidas de formación propostas e unha maior proximidade ós centros loxísticos.


16 Segundo datos de Eurostat a achega ó PIB da UE do comercio elévase ó 13%.

17 Segundo o Libro Blanco do Comercio da Comisión Europea, o comercio é a segunda actividade de maior creación de emprego en Europa (21,5 millóns de empregos, un 16% do total da UE), xerando novos postos de traballo de forma continua onde outros sectores non o lograron.

18 A propia Lei do Comercio de Galicia (Lei de comercio interior de 20-7-98) recoñece como elemento xustificativo da súa existencia na exposición de motivos a presencia dunha “modificación substancial na nosa tradicional estructura comercial”.

19 Un exemplo paradigmático deste proceso é a recente fusión de dúas das principais empresas de distribución comercial europeas -Carrefour e Promodes—, o que en España abriu a porta a especulacións sobre os problemas de competencia que poden xerar sobre o comercio polo miúdo, en especial nalgunhas zonas de España de intensa implantación.

20 Na actualidade encóntranse en funcionamento numerosas páxinas de internet de acumulación de compradores para alcanzar vantaxes na negociación de prezos con provedores.

21 Ver Comercio e Planeamento Urbano (1998)

22 A Universitat Ouberta de Catalunya é un bo exemplo da utilización e desenvolvemento de sistemas de formación a través da rede.