IV. O DEPORTE EN GALICIA

    O deporte instaurouse nas sociedades desenvolvidas como un elemento que desempeña funcións crecentes, con implicacións sobre a vida económica e social. A profesionalización do deporte de alta competición e a súa extensión como espectáculo de gran seguimento por parte da sociedade converteuno nun compoñente da vida diaria, con potenciais influencias na saúde e a educación.

    A translación destas funcións require deseños que conxuguen a presencia de deportistas e equipos de alto nivel como imaxe dun territorio, coa extensión da súa práctica entre a poboación, e a súa ordenación nos distintos niveis do sistema educativo como medio de promoción desas funcións..

    Non pretendemos realizar un estudio exhaustivo da situación do deporte galego, senón sensibilizar ó lector sobre as funcionalidades a desenvolver e as accións xenéricas cara ás que se deberían dirixir os esforzos en Galicia.

1. DIMENSIÓNS DO DEPORTE NA SOCIEDADE ACTUAL

    O deporte está cada vez máis presente no modelo de vida actual. Hai países como Australia ou Estados Unidos onde forma parte do seu sistema de valores e relacións sociais. Pero máis alá destes modelos, as actividades deportivas desempeñan funcións que poden servir de apoio para a mellora da calidade de vida de Galicia no escenario do ano 2010. A continuación facemos un repaso dos ámbitos nos que repercute o deporte para que nos axuden a estructurar as liñas de actuación de cara ó futuro en Galicia.

a) O deporte como hábito de saúde. A práctica de actividades deportivas favorece a saúde, segundo se desprende de investigacións médicas. É necesario, non obstante, acompañar a práctica deportiva con sistemas de control sanitario baixo a supervisión de técnicos e monitores con coñecemento sobre o desenvolvemento de cada especialidade deportiva, precaución moitas veces descoidada. Os requirimentos físicos do golf e do fútbol son distintos, pero tamén as repercusións da súa práctica inadecuada, o que esixe o seu control.

b) O deporte como fenómeno económico. O deporte converteuse nun sector de actividade económica con crecente xeración de emprego e maior participación no PIB dun territorio. Se ben non existen datos sobre emprego e producción, os presupostos dos clubes de fútbol e as dotacións dos distintos programas de apoio ó deporte, de alta competición ou de base, dan boa conta da dimensión do fenómeno: engádese a velocidade de crecemento, por riba da de calquera outra rama económica. Este incremento da dimensión económica do deporte estivo acompañado por unha vinculación ós medios de comunicación, e mesmo, como en Inglaterra, ós servicios financeiros. Trátase na actualidade dun dos sectores de maior capacidade de crecemento e xeración de efectos multiplicadores sobre outros sectores (productos de merchandising, confección téxtil, intermediación financeira, publicidade, comunicacións, restauración, hostalería e tecnoloxías da información), tanto no ámbito do deporte profesional coma do “amateur”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

c) O deporte como fenómeno social. Os medios de comunicación situaron ó deporte como un dos fenómenos sociais máis relevantes coa mobilización de miles de persoas, tanto cara ó deporte espectáculo, coma a outras prácticas persoais do deporte23. A atracción dos deportistas de prestixio sobre a sociedade e, especialmente, sobre os novos favorece a extensión de comportamentos exemplarizantes entre estes, en climas de propagación do consumo de drogas ou substancias estimulantes.

d) O deporte como instrumento educativo. O deporte susténtase sobre a aprendizaxe en equipo e o esforzo persoal, valores internos dos sistemas educativos. O seu emprego como instrumento de política educativa non goza do mesmo desenvolvemento entre distintos tipos de colexios -públicos e privados- e universidades. A formación deportiva hase de dirixir á prevención dalgunhas consecuencias do deporte espectáculo, especialmente no que fai á violencia en recintos deportivos e arredores.

e) O deporte como ocio. A extensión e consolidación das TIC nas comunicacións, fomentando a interactividade, permitirá consolidar o goce do deporte como espectáculo, que acompañará á propia práctica do deporte persoal. Todo isto xerará unha intensa participación das actividades deportivas no goce do ocio, na nova sociedade do ocio, da que xa se fala.

f) O deporte como espectáculo. O deporte converteuse nun dos maiores espectáculos da nosa sociedade. Neste proceso, o deporte converteuse en ocio e en negocio. Hai dúas décadas o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña dependían dos seus abonados, mentres que actualmente os dereitos de televisión constitúen a súa principal fonte de ingresos. Por iso introduciron novos criterios de éxito empresarial marcado pola audiencia, sendo o espectador do futuro ou televidente, no marco do desenvolvemento das televisións dixitais e do pago por visión.

2. ESTRATEXIAS DE FOMENTO DO DEPORTE EN GALICIA

    O deporte, como elemento estructurante e dinamizador da sociedade actual, debe ter un tratamento adecuado na planificación futura de Galicia. Os seus efectos positivos sobre a calidade de vida, a formación persoal e a xeración de renda e emprego xustifican unha política deportiva, con maior intensidade no caso de Galicia polos fundamentos do desenvolvemento deportivo nas súas distintas dimensións.

    En efecto, Galicia carece na actualidade dunha estratexia de desenvolvemento deportivo que integre os axentes implicados -clubs privados, organizacións deportivas, federacións, medios de comunicación, empresas privadas (patrocinadores), concellos, Xunta- e, por tanto, responda de forma única ás necesidades dun ámbito que depende dun conxunto variado de axentes. Esta situación explica que o primeiro piar dunha política de apoio ó deporte galego descanse na creación dun órgano executivo, canalizador do desenvolvemento do deporte galego e aglutinador da opinión dos axentes implicados. Esta institución deseñaría as estratexias de apoio a actividades deportivas, centradas nos seguintes elementos, que van do apoio do deporte de base e amateur ó deporte profesional.

2.a. Fomento da práctica deportiva

    O fomento do deporte a través da súa socialización mediante a construcción de infraestructuras deportivas municipais e o traballo co deporte de base, no seo dos colexios o con carácter de actividade auxiliar24, debería ser unha prioridade da política deportiva galega. Dispoñibles estas infraestructuras, os novos poderían desenvolver actividades de ocio nocturno baseadas no deporte, como distracción alternativa fronte ó consumo de alcohol e drogas.

    Na mesma liña, habería que apostar polo deporte como instrumento educativo das persoas, acompañándoo dun esforzo adicional con campañas antiviolencia. Neste mesmo plano, debería intensificarse o número de horas de formación física nos plans de estudio. Así, deben estimularse a práctica do exercicio no tempo lectivo e a instrucción teórica en aspectos como o funcionamento do organismo humano, o rendemento e a potencia muscular, medicina deportiva, etc.

    Un plano de apoio ó deporte non profesional debería contar paralelamente cunha mellora da dotación de especialistas en medicina deportiva e de monitores nas distintas disciplinas.

2.b. Apoio ó deporte profesional

    O deporte representa un territorio no mundo; a existencia dun grupo de deportistas de elite é síntoma de desenvolvemento económico25. Unha política de garantía da presencia de Galicia no grupo de deportistas de elite alcanzaríase a través dun plan de axudas propio da Comunidade, completado cunha rede de centros de alto rendemento, complementarios do localizado en Pontevedra, e coa atracción de adestradores de calidade que trasladen os seus coñecementos ós deportistas galegos.

    Un bo instrumento de fomento do potencial galego do deporte sería a celebración dun evento internacional baseado nos recursos deportivos actuais de Galicia -golf, náutica—, pola carencia de instalacións de alta capacidade -estadio olímpico, pavillón ou piscina olímpica-, que sería necesario construír no futuro.


23 Un sinal de identidade deste proceso é que o diario Marca é o periódico de maior número de lectores en España, por riba dos de información xeral. Outro dato significativo a nivel internacional reflíctese no número de espectadores das pasadas olimpíadas de Sydney.

24 Neste caso é destacable o esforzo feito na Coruña coa mobilización de máis de 2.000 nenos nas escolas municipais que traballan no Campo da Torre.

25 Os países de maior número de medallas nas últimas olimpíadas de Sydney 2000 son países de alto nivel de renda -EE.UU. Australia, Francia, Reino Unido, Alemaña ou Italia- ou cunha política moi forte de apoio ó deporte -Rusia ou China.