I. POBOACIÓN E TERRITORIO

 I.I. Dinámica demográfica

   Galicia é aínda hoxe un territorio intensamente habitado. De feito, a súa densidade de poboación é equiparable a moitas zonas europeas altamente desenvolvidas e supera a media española. Segundo a última revisión do Padrón municipal de habitantes a 1 de xaneiro de 1998 tiña 2.724.544 habitantes, o que representaba o 6,8% do total da poboación española nunha extensión que corresponde ó 5,75%; a súa densidade era de 92,1 hab./km2, fronte á española de 78,8 hab./km2.

A taxa de crecemento acumulativo anual convértese nunha primeira aproximación á demografía dun país. No caso de Galicia revélanos que a poboación medrou a un ritmo do 0,32% desde que se publican regularmente estatísticas de poboación en España (1860). Malia que o dato resulta moi inferior ó conxunto español (0,71%), foi o período de crecemento demográfico máis importante e prolongado da historia da Comunidade. O dito crecemento tamén foi bastante inestable, pois experimentou diversos ritmos de aceleración e desaceleración, tal e como se pode comprobar observando a evolución da taxa de crecemento anual acumulativo (cadro 1). De feito, xa entramos nunha etapa de diminución da poboación. Nembargantes, o artellamento no territorio resulta moi desequilibrado por dúas razóns: por unha banda, existe unha gran dispersión en número moi elevado de núcleos; e por outro, a poboación concéntrase maioritariamente na zona costeira occidental. Valla como exemplo que na Comunidade Autónoma de Galicia se sitúan 31.695 das 63.613 entidades rexistradas no nomenclátor de España. Noutras palabras, nela contabilízase case o 50% dos núcleos existentes no país.

Procede resalta-lo dato anterior porque, evidentemente, o custo dos servicios de carácter social non é o mesmo nun contorno de poboación concentrada que neste contorno de poboación dispersa. Galicia segue aparecendo aínda como un país preferentemente rural, onde a perviviencia das vellas aldeas case se confunde cos procesos de suburbanización e contraurbanización que se desenvolveron nas últimas décadas na periferia das cidades. Á parte deste peso do rural, o que a distingue do resto de España, en Galicia observamos tamén unha gran desigualdade na distribución territorial das súas xentes, aspecto que abordaremos máis adiante. Agora tan só sinalarémo-la necesidade de distinguir, en termos xerais, dúas grandes áreas: a occidental, ou litoral, que corresponde á zona máis densamente habitada, urbanizada e economicamente desenvolvida; e a oriental, ou interior, onde mantén unha poboación maioritariamente rural e un menor nivel de desenvolvemento, así como densidades moito máis baixas.

A Galicia costeira é tamén a zona máis dinámica e desenvolvida en termos demográficos, anque con diferencias apreciables entre os seus distintos espacios xeográficos. Isto explica que no conxunto o peso da poboación da área costeira aumente continuamente1, pasando de supoñe-lo 51% do total en 1981 ó 55% en 1996.

Este estancamento é producto dun longo proceso relacionado coas peculiaridades que en Galicia adoptou o chamado modelo da transición demográfica. Este modelo recolle unha serie de cambios que afectan á totalidade dos comportamentos no campo que nos ocupa e, en particular, o paso dun réxime caracterizado por un escaso crecemento, como consecuencia dunha natalidade e unha mortalidade elevadas, a un sistema demográfico moderno, onde ámbalas dúas variables teñen valores reducidos e, polo tanto, o crecemento volve ser escaso. Polo tanto, o crecemento vexetativo producido non só non compensou o fluxo migratorio, senón que, ó contrario, viuse afectado pola baixa taxa de natalidade, que en Galicia se mantivo tradicionalmente por debaixo da media española. Este feito non hai que achacalo, ata tempos relativamente recentes, á precocidade na adopción de prácticas anticonceptivas, senón á existencia de menores efectivos, en termos relativos, de mulleres casadas en idade fértil. Como consecuencia dun réxime de nupcialidade restrinxida e dos efectos de distorsión da emigración sobre o denominado “mercado matrimonial”, o número de mulleres que permanecían solteiras toda a súa vida era máis elevado que no resto de España.

Se queremos compara-los datos de Galicia cun marco máis amplo como o que representa a súa inserción na eurorrexión que integra co Norte de Portugal, obsérvase que, se ben a evolución xeral dos fenómenos demográficos (sobre todo o avellentamento e a concentración é moi semellante nas dúas zonas), a intensidade difire. A primeira das diferencias importantes defínea a densidade de poboación, que en Galicia era en 1996 de 92,7 hab./km2 e na Rexión Norte, en 1991, de 166,6 hab./km2. De todas maneiras, sinalemos que estes datos, tanto os dunha zona coma os da outra, agochan importantes diferencias espaciais.

   I.I.I. Crecemento vexetativo. Fecundidade e mortalidade.

  En Galicia, considerando as taxas de crecemento vexetativo (diferencias entre natalidade e mortalidade), tódolos datos indican que os municipios máis urbanizados son os máis dinámicos en relación co crecemento demográfico, fronte a aqueles onde a poboación presenta un tipo de asentamento rural disperso (e sobre todo nas zonas de alta montaña). En xeral, a zona costeira da provincia de Pontevedra presenta taxas de crecemento vexetativo maiores que as restantes ribeirás e, por suposto, có interior. Se pasamos a considera-lo crecemento real, as diferencias mantéñense e mesmo aumentan. Iso débese a que as áreas interiores, onde o crecemento vexetativo é menor, expulsan emigración cara ás zonas costeiras, onde este incremento xa resulta maior de por si.

Dentro da análise do crecemento vexetativo, o estudio separado da fecundidade, medida polo número medio de fillos por muller, e a mortalidade, medida pola esperanza de vida ó nacer, aparecen como cuestións relevantes. As diferencias observadas entre o interior e a costa en ambas variables son de moi distinto grao. No caso da primeira, esta é menor no interior, anque é verdade que presentan diferencias moi pequenas. Na Galicia costeira o Índice Sintético de Fecundidade sitúase un 10% por enriba da media, pero sempre en torno a 1 fillo por muller, o que non asegura a substitución xeracional, establecida en 2,1 fillos. Este feito fai necesario matizar tamén o frecuente vencellamento entre a urbanización e o descenso da fecundidade. Polo contrario, no caso da mortalidade non se aprecian distincións, e ademais, curiosamente, a provincia de Ourense ofrece a maior esperanza de vida das catro.

As taxas de fecundidade son nestes momentos xa moi baixas (situábanse en 1997 por debaixo de 1 fillo por muller en 3 das catro provincias, así como no conxunto de Galicia) e non cabe esperar que sigan descendendo moito máis. A realidade, sen embargo, non sempre se comporta de acordo coas razoables previsións dos científicos sociais. Hai algúns anos, o Instituto Galego de Estatística (IGE) considerou que, no escenario máis restrictivo, a fecundidade non se situaría por debaixo de 1,6 fillos por muller. Tal sobrevaloración, xunto cos erros do censo de 1981, levouno a prever unha poboación para 1991 entre 2.860.000 e 2.870.000 habitantes, cando os últimos datos estatísticos (1998) só recollen 2.725.000. E publicacións oficiais máis recentes (1996) expoñen que a tendencia xeral camiña cara a un descenso do crecemento de xeito progresivo e aproximarase ó estancamento; a realidade é que o crecemento vexetativo figura nestes momentos como negativo.

    Nas Proxeccións de poboación de Galicia 1991-2026, publicadas polo Instituto Galego de Estatística, a hipótese máis baixa de fecundidade sitúa o Índice Sintético en 0,99 entre 1999 e 2005, pero a realidade imponse e este indicador descendeu xa a 0,92 en 1996 e subiu moi lixeiramente, a 0,93, en 1997. É dicir, un 8% inferior ó escenario máis restrictivo dos considerados.  

     Esta situación prodúcese malia que na actualidade aínda existen colectivos numerosos de mulleres en idade fértil, especialmente entre os 20 e 34 anos, que é cando as taxas de fecundidade acadan valores máis elevados. E posto que a emigración cesou e a relación de masculinidade non presenta os desequilibrios do pasado, estas mulleres non atoparán, desde o punto de vista estrictamente demográfico, dificultades para ter fillos se o desexan. De todas formas, convén non esquecer que a fecundidade é unha variable moi sensible a factores como a precariedade laboral e ás dificultades para concilia-la vida familiar e laboral (algúns demógrafos chegaron a falar de correlación case absoluta entre repuntes nas cifras de natalidade e as de reducción de emprego). O problema agudizarase, tamén desde a mesma e estricta perspectiva demográfica, cando eses colectivos avellenten e sexan reemprazados polas xeracións nadas nos últimos 15 anos, notoriamente máis reducidas. 

Tamén é no caso do comportamento da fecundidade, a comparación coa rexión Norte de Portugal permite observar con máis intensidade o descenso daquela. Este foi máis tardío e máis lento no norte de Portugal (especialmente na zona costeira do eixo Porto-Braga) que en Galicia. O número de nacementos na rexión Norte (43.092 en 1996) máis que duplica os de Galicia no mesmo ano (18.452), e a taxa bruta de natalidade era na rexión Norte do 12,2%, mentres que en Galicia se situaba practicamente na metade (6,7%). Mesmo así, esta diferencia tan abultada débese non só ós distintos niveis de fecundidade, que son lixeiramente superiores na zona lusa fronte a Galicia, senón igualmente á estructura por idades.

    No que respecta á mortalidade, España en xeral, e Galicia en particular, acadou nas décadas dos 60 e 70 unha esperanza de vida semellante á dos países occidentais, moito antes, desde logo, de gozar dun nivel de desenvolvemento económico equivalente. E as últimas táboas de mortalidade galegas publicadas, correspondentes ó ano 1997, cunha esperanza de vida de 77,7 anos, sitúannos como un dos territorios mais saudables de todo o mundo, alomenos desde o punto de vista da duración da vida. Unha elevada esperanza de vida que se acha directamente relacionada cos niveis de mortalidade infantil, que se colocan para o conxunto de Galicia en 1997 en 5,3 finados por cada 1.000 nados vivos; este último é un indicador altamente favorable, que oscila entre os 6,5 finados na Coruña e os 3,6 en Ourense. Tamén se aprecia nos datos galegos outro dos aspectos que, con carácter xeral, se fai máis evidente conforme avanza a caída da mortalidade, e que é a maior lonxevidade do sexo feminino. A diferencia entre a esperanza de vida ó nacemento entre homes e mulleres era en Galicia, en 1997, de algo máis de 7 anos: 74 anos para os varóns e 81,2 para as mulleres.

        I.I.II. Avellentamento da poboación.

    Froito da evolución anterior (incremento substancial da esperanza de vida por unha parte e en especial do descenso dos nacementos por outra), a poboación de Galicia presenta unha estructura demográfica avellentada, ó que habería que suma-lo elevado nivel de ruralización xa sinalado. O seu ritmo de renovación xeracional revélase insuficiente para que esta estructura poboacional cambie a curto prazo, polo que todo fai esperar que continúe o crecemento vexetativo negativo (en 1999 rexistráronse en Galicia 18.807 nacementos fronte a 29.289 defuncións), e un aumento do avellentamento. Desde logo, con esta dinámica demográfica a Comunidade Autónoma non cumpre, e parece que non vai cumprir nun futuro próximo, o primeiro dos requisitos que se adoita sinalar como necesario para un desenvolvemento rexional equilibrado: un potencial demográfico así mesmo equilibrado. En relación coa poboación total, o escaso peso das xeracións nadas nos últimos dez anos amósase indiscutible. Isto débese, fundamentalmente, ó forte descenso da fecundidade e, así mesmo, á pegada producida pola emigración, sobre todo nas xeracións que teñen entre 35 e 55 anos. En canto á estructura por idades, en Galicia, e segundo os datos do Padrón de poboación de 1996, o Índice de Dependencia Xuvenil (IDX, relación entre a poboación menor de 15 anos coa poboación en idade activa, entre 15 e 64 anos) sitúase en 21,2%, e o Índice de  Dependencia Senil (IDS, relación entre a poboación maior de 64 años e a que se atopa en idade activa), no 27,2%. Ambos, fóra das marxes consideradas como satisfactorias (en torno ó 40% para o IDX e nunca por encima do 20% para o IDS). Os datos amosan a súa faceta máis dramática no caso da provincia de Ourense, onde o Índice de Dependencia Xuvenil se coloca no 19,5% e o Indice de Dependencia Senil, no 39,4%.

    A Taxa de Dependencia é o indicador que sintetiza, sobre todo de cara ó mercado de traballo, a composición por idades dunha determinada poboación. Este indicador pon en relación a poboación en idade activa coa inactiva (os menores de 15 anos e a denominada terceira idade, de 65 anos e máis). A este respecto, as diferencias entre a costa e o interior non mostran perfís discordantes. Aínda así a costa presenta unha Taxa de Dependencia máis favorable; é dicir, unha maior porcentaxe de poboación potencialmente activa fronte á non activa.

    Os datos anteriores esixen maior detenemento no caso particular de Ourense, a provincia máis avellentada de Galicia. En 1996 tiña soamente un 12,3% da súa poboación por debaixo dos 15 anos, mentres que os individuos de 65 e máis supoñían o 24,8% do total, o que ó mesmo tempo significa que a poboación maior de 64 anos duplica á menor de 15.

    Os niveis de avellentamento acadados en Galicia adquiren maior expresividade se os situamos no marco da eurorrexión. Segundo o censo de 1991, a poboación menor de 15 anos na parte portuguesa supoñía o 19% da total; e a de 65 anos e máis ascendía ó 12,5%, cando en Galicia, no mesmo ano, os menores de 15 anos significaban o 18,2%; pero os maiores de 64, o 16,1% do total. Temos que falar, polo tanto, dun relativamente maior brío demográfico do norte de Portugal, que se debe a ese distinto comportamento no pasado recente da taxa de fecundidade. Sen embargo, esta descendeu de xeito drástico nos anos 90, e neste momento figura nuns niveis moi por debaixo dos de substitución.

    A lonxevidade dos galegos, sumando ó alongamento da vida humana nas décadas próximas que auguran que os avances científicos e médicos, fan prever que o avellentamento da poboación se acelerará no futuro inmediato. Ó mesmo tempo, iso acarreará unha serie de problemas se non se adoptan a tempo medidas correctoras.

    Nese marco, a escasez de man de obra será moi importante a medio prazo, o cal provocará un déficit notable nas cotizacións á seguridade social que xa non poderá asegura-lo mantemento do sistema de pensións e do gasto sociosanitario. En calquera caso, as previsións máis optimistas atrasan os efectos dramáticos desa escasez ata o 2020, gracias ó previsible incremento da taxa de actividade feminina e á maior productividade que ofrecen as novas tecnoloxías. Unha solución sería que as mulleres galegas aumentaran o seu número de fillos. De feito, nalgúns países europeos onde o control de natalidade se difundiu moito antes, como Francia ou os estados do norte de Europa, produciuse xa un moderado cambio de tendencia cara a unha maior fecundidade. As diferencias no acceso ó mercado laboral, coas características que estudiamos nun capítulo posterior, e nos niveis de desenvolvemento económico, así como a importancia dos factores culturais sobre os comportamentos reproductivos, dificultan, malia todo, a realización de prediccións sobre a evolución da fecundidade en Galicia.

    A outra opción para atenua-lo proceso de avellentamento consistiría en que a Unión Europea flexibilizase a súa política inmigratoria, o cal resulta pouco probable dados os problemas sociais e políticos conseguintes. Nembargantes, algún día haberá que dar unha resposta ó dramático desequilibrio que supón a existencia dunha presa de confortables países onde a penas nacen nenos, rodeados doutros onde a tensión entre os recursos dispoñibles e o crecemento da poboación aumenta sen cesar. E, certamente, xa empezan a chegar inmigrantes procedentes de estados non europeos, anque o seu número aínda se cualifica de escaso. Pero, como o resto de Europa occidental, Galicia acabará converténdose nun país de inmigración. Nos cinco anos comprendidos entre 1993 e 1997 o saldo migratorio positivo (4.000 persoas/ano) cubriu practicamente o 50% do déficil demográfico xerado polo crecemento vexetativo negativo (8.000 persoas/ano no dito período).

I.II. Os movementos migratorios

    O volume máis importante do continxente migratorio da recente historia de Galicia ten lugar nos anos 60 para, despois, reducirse de xeito drástico desde mediados da década dos 70, como consecuencia da crise do petróleo e a industrial producida en toda Europa. E non só se vai interrompe-lo fluxo migratorio senón que van aumenta-los retornos. Estes comprenden dous tipos de colectivos: por unha banda, persoas en idade activa ós que a conxuntura económica expulsa dos seus traballos; e, por outra, xubilados que voltan ós seus lugares de orixe. É por todo iso polo que Galicia pasou de ser un país de emigración a ser un país de retornos, máis que de inmigración. A chegada de traballadores estranxeiros procedentes de nacións en vías de desenvolvemento carece aínda de gran relevancia numérica.

    A tendencia anterior reafírmase con rotundidade no censo de poboación de 1991 e os padróns de 1986 e 1996. O efecto que levará aparellado o retorno de emigrantes debe ser tido en conta, xa que podería xerar un lixeiro incremento da poboación galega, se ben non parece que vaia provocar de momento un maior avellentamento.

    De feito, os datos estatísticos máis recentes, Movementos migratorios. Galicia 1997, amosan que entre 1988 e 1997, o saldo migratorio neto procedente do estranxeiro foi positivo en aproximadamente 3.330 persoas/ano. No último dos anos citados o saldo migratorio total foi igualmente positivo en 3.767 persoas. Se, de novo para 1997, considerámo-lo dato da inmigración de retorno ó concello de nacemento segundo a idade e o lugar de procedencia, constatamos que a importancia dos regresos de persoas de idade avanzada non admite a cualificación de relevante. Así, dos 5.028 españois que regresaron do estranxeiro, o 32,5% tiña máis de 54 anos e procedía na súa maioría de Europa (61,5%), e practicamente tódolos demais, de América (37,4%). A Secretaría Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, adscrita á Xunta, avalía en 800.000 os galegos residentes no exterior, entendendo por tales aqueles nados en Galicia e os que, non reunindo esta premisa, descenden en primeira xeración dos anteriores. Tendo en conta ese dato, a deducción lóxica é que o potencial de retornos é elevado. Xunto a iso hai que constata-lo escaso continxente de estranxeiros chegados, que, segundo cifras oficiais, en 1997 ascenderon a 880, dos cales 463 procedían de América, 179 de Portugal, 184 do resto de Europa e 54 do resto do mundo.

    Todo parece indicar que esta tendencia inmigratoria proseguirá en Galicia nun futuro cercano: os retornos de emigrantes superarán ás saídas e continuarán chegando estranxeiros. O que xa é máis difícil de avaliar é a magnitude das cifras. Pódese pensar que a medida que as colonias de emigrantes en Europa avellenten regresarán en maior proporción, mentres que a evolución das chegadas procedentes de América terán unha menor importancia. E no que respecta á entrada de estranxeiros, dado o exiguo da cota de inmigrantes anual para o conxunto de España, así como as características do tecido productivo de Galicia, non parece que esta Comunidade Autónoma vaia acoller a unha cantidade apreciable deles.

    Centrándonos nisto último, á hora de analizar temas como a presencia e inserción dos inmigrantes faise necesario partir de dúas consideracións. A primeira, que na actualidade Galicia se sitúa no último furgón da Unión Europea no que respecta á porcentaxe de poboación por debaixo do nivel de pobreza. E a segunda, que ademais conta cun volume máis baixo de poboación activa cualificada: case as dúas terceiras partes dela non teñen ningunha cualificación ou só estudios primarios, aspecto que cambiará significativamente no horizonte da próxima década debido á universalización da ensinanza obrigatoria ata os 16 anos.

    As características negativas anteriores parecen converter a Galicia nun lugar pouco atractivo para os inmigrantes. E a iso habería que engadir aínda os efectos da reestructuración económica dos anos 80, que significou unha reducción moi elevada da poboación activa agrícola (proceso aínda en marcha) e unha perda de poboación activa na industria. Ante esta situación, a expansión do sector servicios non supuxo unha solución importante ós problemas do mercado laboral, integrado nunha elevada porcentaxe por varóns, anque si propiciou unha maior incorporación das mulleres

    Como consecuencia de todo o anterior, se ben con características xa distintas, non estraña que Galicia continúe exportando man de obra. Segue viva a emigración temporal a Suíza, anque a definitiva ó estranxeiro desapareceu por completo, excepto casos individuais; e desprázase forza laboral ás zonas turísticas do Mediterráneo e Canarias, para empregarse preferentemente na construcción e os servicios.

    Dos parágrafos precedentes podería deducirse que existe unha reducida ou nula oportunidade económica para os que chegen ata Galicia en busca de traballo. Paradoxalmente, desde os anos 80 rexístrase un incremento da afluencia de inmigrantes, dos cales unha parte relevante permaneceu de forma ilegal no país.

    A evolución da estructura de emprego nas dúas grandes concentracións demográficas, A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, merecen especial atención á hora de aproximarnos ás oportunidades económicas actuais dos inmigrantes. Pensemos que a maioría dos que chegan son varóns, que residen e traballan nestas zonas, á parte doutros enclaves moi concretos que polas súas características peculiares necesitan importantes cantidades de man de obra con baixa calificación. Un exemplo moi claro nun ámbito xeográfico distinto é o da comarca pizarreira de Valdeorras, onde só no municipio de Carballeda de Valdeorras, de 2.500 habitantes, viven uns 700 portugueses.

    Ó compara-la evolución do mercado laboral galego co nivel educativo da súa poboación activa xorde unha primeira contradicción: a baixa cualificación profesional.

    Resulta evidente que a creación de emprego continúa nas actividades terciarias máis modernas, e a destrucción de postos de traballo, en actividades que precisan man de obra con escasa preparación. Se temos en conta que as primeiras demandan candidatos cualificados, concluiriamos que se terían que producir importantes problemas de axuste no mercado laboral para que, a priori, a demanda de inmigrantes fose importante. En realidade, a evolución do mercado laboral galego indicaría que debemos de esperar que as perspectivas de atopar un traballo sexan maiores para os inmigrantes altamente cualificados. En Galicia, como en xeral en Europa e en todo o mundo industrializado, a creación de emprego xorde en actividades nas que a poboación activa local cualificada podería ser insuficiente. Concretando máis, a tendencia é que os nichos de creación de emprego se sitúen en actividades relacionadas coa nova economía.

    Do anterior podería agardarse tamén que as perspectivas de atopar un traballo fosen moi escasas para os inmigrantes con ningunha ou baixa cualificación, posto que as actividades económicas que requiren este tipo de traballadores mostran que a elevada porcentaxe de poboación pouco cualificada satisfai sobradamente a demanda xerada. Nembargantes, de novo neste aspecto os datos afástanse do esperado. Máis ben parecen indicar que os imigrantes non cualificados ou cun baixo nivel de cualificación son maioritarios dentro do continxente de estranxeiros residentes en Galicia. En efecto, algo máis do 60% dos chegados á Comunidade Autónoma en 1997 non remataron estudios recoñecidos.

    A análise da evolución da poboación estranxeira permite comprender mellor este fenómeno. Ata mediados os 80 o seu volume era pequeno e de composición relativamente homoxénea (con grande peso dos portugueses, dedicados á venda ambulante e a construcción). Desde ese momento, relacionado co auxe económico que se estaba vivindo, a poboación foránea residente incrementouse e diversificouse, entón só en termos de países de procedencia, que se ampliaron sobre todo a África (tanto do Magreb como a subsahariana), senón tamén en termos espaciais dentro de Galicia. No que respecta ós seus modelos de asentamento, as comunidades de inmigrantes residen hoxe de xeito maioritario nas zonas urbanas, anque isto non significa que non estean presentes en vilas de tamaño medio, como é o caso dos caboverdianos nos portos do norte de Lugo e o mencionado dos portugueses na bisbarra de Valdeorras.

    Esta localización áchase moi relacionada coas categorías profesionais da poboación estranxeira. En termos relativos, e comparada coa media española, esta atópase sobrerrepresentada nos empregos vencellados co sector mineiro e a construcción. Anque a evolución do mercado laboral galego non parece que poida explica-la chegada de cidadáns procedentes de países en vías de desenvolvemento, son precisamente as características peculiares deste as que fan que moitos dos inmigrantes, para manterse eles e as súas familias, deban traballar na economía mergullada substituíndo de maneira progresiva ós autóctonos. Nesta liña, e segundo cálculos procedentes dos sindicatos, entre o 25% e o 30% da poboación inmigrante non está regularizada.

    Se considerámo-lo conxunto das actividades económicas, e observamos ónde se atopan os índices máis altos de emprego non declarado, así como a distribución da poboación de estranxeiros residentes segundo ocupación e países de orixe, podemos observar unha serie de tendencias. Ademais dos portugueses adscritos ó sector da construcción e a minería, como queda sinalado, atopámonos con grupos procedentes de países en vías de desenvolvemento no sector informal da economía, concentrados sobre todo na construcción, no comercio ambulante e nos servicios domésticos.

    Se analizámo-los resultados das regularizacións, que afectan sobre todo a persoas procedentes do Terceiro Mundo, estes inmigrantes cando traballaban en situación irregular facíano no ámbito da economía informal. Despois de legaliza-la súa situación é posible que un gran número deles entrasen ou entren a formar parte da economía formal, e quizais o fagan no mesmo sector no que xa estaban procurando o seu sustento. En xeral pódese afirmar que os procedentes dos países en vías de desenvolvemento se achan sobrerrepresentados na economia informal, e en proporción exhiben un modelo de relacións laborais máis precario que a poboación galega e a procedente de países desenvolvidos.

    É posible afirmar, en definitiva, que neste momento a economía galega xera certas oportunidades para a incorporación dos inmigrantes. Esta incorporación nos segmentos máis baixos do mercado laboral aparece ligada directamente ó feito de que a nosa economía se atopa nun proceso marcado, ó mesmo tempo, polo crecemento do sector informal e, nalgunhas áreas que presentan un mercado laboral moi segmentado, pola crecente substitución da man de obra orixinaria do país pola foránea.

    Como observación final, incluímos unha serie de datos relativos a un novo fluxo migratorio, non importante cuantitativamente, pero si de enorme relevancia, que está tendo lugar en Galicia. Referímonos agora ó traslado de persoal calificado ó exterior como consecuencia do proceso de internacionalización das empresas galegas.

    Un estudio recente2 mostra que o 22% das maiores firmas autóctonas mantén relacións comerciais con algún Estado latinoamericano. A maior facturación, maior internacionalización: o 38% das grandes empresas mantén relacións con América Latina. Arxentina, Brasil e Chile son os destinos preferidos.

    Este fenómeno adquire cada vez un maior interese xa que se trata dun novo proceso migratorio promovido desde os países máis desenvolvidos. A diferencia do que fora a pauta migratoria tradicional, os traballadores trasladados adoitan ter un nivel alto de cualificación, especialización e experiencia. Doutra banda, o intercambio de persoal cualificado entre Galicia e América Latina posúe unha entidade suficiente como para prover dun potencial de desenvolvemento e colaboración entre ambas zonas, compartindo unha cultura do traballo, sistemas de xestión e calificación, axudados e potenciados por esa cercanía cultural e simbólica. Galicia e América Latina poden chegar a ser interlocutores privilexiados nun contexto de crecente internacionalización e globalización, servindo de contrapeso á exportación do modelo do Norte, hexemónico en ambas zonas ata a data.

I.III. Distribución territorial da poboación

    Como adelantabamos, outra das características relevantes, xunto coa diminución e o avellentamento da poboación, xa analizados era a tendencia á polarización. Esta tencencia manifestouse con claridade ó longo do presente século e continuará, segundo tódolos indicios, nos vindeiros anos. En termos de densidade, as importantes diferencias que se observan gardan unha estreita relación cos modelos de crecemento agrario e de industrialización seguidos en distintas zonas. Así, as máis densas, situadas sobre todo no Occidente e o Sudoeste, son aquelas nas que historicamente se desenvolveron formas máis intensivas de agricultura. Nelas deuse por regra xeral un proceso urbanizador máis dinámico, e nos municipios do litoral déronse as maiores posibilidades que outorgan os recursos mariños. As terras altas do interior, cunha agricultura máis extensiva e sen unha industria moderna, aparecen con densidades moito máis modestas, que se sitúan en torno ós 5 hab./km2 nalgúns municipios das montañas das provincias de Lugo e Ourense, como Negueira de Muñiz e Vilariño de Conso.

   Os grandes beneficiarios deste trasvase humano foron as dúas grandes urbes, Vigo e A Coruña, así como o centro industrial da ría de Ferrol. Este trasvase, que sen dúbida se acelerou a partir de 1950, afunde a sua orixe nos grandes movementos migratorios de finais do século XIX. Sen embargo, sería no XX, a partir dos anos 50, cando dea comezo o verdadeiro despegue. Entre 1950 e 1991 as mencionadas cidades case dobraron o seu censo e, tamén a partir dese momento, núcleos intermedios do interior como Santiago e Ourense medraron de xeito relevante ata colocarse en torno ós 100.000 habitantes. Cae dentro do previsible que a poboación se concentre na área occidental e en centros de tamaño pequeno e medio, proceso que favorecerá a creación dun eixo de desenvolvemento que debería conectar con outros enclaves secundarios do interior e da costa do norte Portugal.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Estas desigualdades conduciron a unha concentración da poboación nas provincias occidentais (A Coruña e Pontevedra) fronte ás orientais (Lugo e Ourense). Así, mentres A Coruña e Pontevedra rexistraron durante este século unha evolución positiva, cun crecemento do 78,6% entre 1900 e 1991, as provincias de Lugo e Ourense sufriron una perda de poboación nos mesmos anos dun 15,4%.

    Na actualidade, a Galicia occidental acolle ó 72,9% do total dos habitantes da comunidade autónoma. Esta concentración é a responsable da alta densidade da Coruña e, especialmente, de Pontevedra. Os elevados índices dunha e outra compensan as baixas densidades medias que presentan Lugo e Ourense, e fan de Galicia unha das comunidades autónomas máis densamente poboadas, caracterizada ademais, como antes queda indicado, pola distribución dispersa da súa poboación en unidades territoriais de pequeno tamaño e polo forte desequilibrio entre a parte occidental e a oriental.

    O feito de contar cunha poboación atomizada e dispersa no seu territorio explica tamén os seus niveis de urbanización, que difiren notablemente dos valores normais en España e no resto de Europa. Con todo hai que sinalar que o medio urbano experimenta un firme crecemento motivado polo mantemento da emigración cara ás cidades e o crecemento vexetativo menor das zonas rurais.

    Unido a este fenómeno estase producindo a polarización da poboación na costa occidental, o cal implica a formación nesta dunha gran área metropolitana que adopta a forma de corredor e que abrangue desde a fronteira portuguesa ata Ferrol. Tal concentración vese favorecida pola mellora nas infraestructuras de transporte que tiveron lugar ó longo da costa occidental, a autoestrada Vigo-A Coruña, que se prolongará ata Ferrol e a autoestrada Vigo-Tui. Outras áreas de concentración urbana son as capitais do interior e o eixo da costa da provincia de Lugo.

    Para os efectos de realizar unha aproximación ós niveis de urbanización (cadro 4) utilizamos como indicador a porcentaxe de poboación que reside en núcleos maiores de 2.000 habitantes. Esta división, que é, en termos xerais, válida para o conxunto de Galicia e que non o sería tanto para os grandes núcleos agrarios do resto de España, pareceunos un punto de encontro conveniente para a comparación co conxunto español, fronte á outra posibilidade de corte que o censo posibilita e que serían os 10.000 habitantes, cifra dubidosamente representativa para a realidade galega.

I.IV. A dimensión espacial

I.IV.I. Distribución espacial da poboación

    Unha vez analizada a dinámica demográfica e a distribución territorial da poboación, pódese afirmar sen moita marxe de erro que a década que comeza estará marcada polo simultáneo desenvolvemento de tres procesos que se están levando a cabo:

• A tendencia á concentración da poboación nas amplas rexións urbanas litorais e nas áreas urbanas configuradas no contorno das cidades interiores.

• O afundimento demográfico de vastos territorios da Galicia interior, drenados dos seus últimos recursos demográficos pola prevista desaparición dun bo número de explotacións e empregos agrarios. Esta zona, que se caracterizaba polo profuso sistema disperso dos vellos asentamentos rurais, seguirá alimentando, aínda que feble, a emigración cara á Galicia urbana.

• A febleza do sistema de vilas pequenas e medias, polo avellentamento e o descenso da poboación na maioría delas. Trátase de núcleos urbanos que non acadaron un nivel de diversificación da súa base económica capaz de desenvolver algún sector productivo con perfil exportador, quedando ancorados na exclusiva función de provisión de servicios á bisbarra rural en crise.

    A crise demográfica, que se manifesta xa en Galicia, continuará en paralelo ó proceso de concentración territorial, expresivo da xeneralización doutro de urbanización que se fai notorio tamén en novas formas urbanas diferentes da cidade tradicional.

    Convivirán, polo tanto, o reforzo da polarización xerada polo sitema urbano, e particularmente o do Eixo Atlántico (estímase que agrupará nas súas áreas urbanas no 2010 en torno ó 52% da poboación galega), co drástico baleiramento de espacios da Galicia interior en vías de desertización demográfica. En efecto, non sendo de esperar grandes movementos interiores de poboación, pola propia febleza demográfica, seguirán medrando os grandes espacios litoais do Eixo Atlántico artellados polas cinco cidades e o contorno das súas áreas urbanas (que poderían aumentar en máis de 60.000 os seus habitantes en relación á súa poboación en 1991). Polarizaríanse así uns vastos espacios rexional-urbanos, relativamente dinámicos, formados polas rías do Ártabro, as Rías Baixas e os vales e mariñas do contorno, e consolidaríanse algúns núcleos de tamaño intermedio como Vilagarcía ou Ribeira.

    Este gran espacio rexional vaise artellando progresivamente coa mellora das infraestructuras de comunicación e transportes, mentres se avanza na integración do sistema urbano das cidades, que intensifica a relación entre elas e da cidade central cos seus “hinterlands” e periferias.

    Nese escenario están xurdindo as condicións para a superación das feblezas propias do sistema urbano galego, que ata o momento se caracterizou por unha multipolaridade non xerarquizada de cidades relativamente pequenas e afirmadas nun localismo expresivo da súa febleza cultural, económica e social. O artellamento do dito sistema está impulsando o desenvolvemento de interrelacións dunha densidade descoñecida anteriormente, que permiten o xurdimento dunha percepción social do fenómeno urbano policéntrico galego entendido como un todo (sobre todo no Eixo Atlántico) que dá conta máis fiel da importancia do fenómeno.

    Se engadimos a isto a ampliación das áreas de influencia das cidades nos grandes espacios (coroas metropolitanas da Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, Rías Baixas, corredores costeiros e muncipios interiores servidos polo renovado sistema de comunicacións), parece obrigatorio concluír que se puxo en marcha un proceso de dilatación extraordinaria dos espacios que, xunto coa mellora da mobilidade, significa un salto cualitativo na escala do fenómeno urbano de indubidables consecuencias sociais. É o paso da cidade de proximidade, como ámbito de desenvolvemento da vida social, ó espacio urbano alongado e policéntrico (de escala agregada superior ó millón de habitantes) como área de mobilidade incorporada á cotidianeidade de determinadas actividades sociais. Un espacio urbano policéntrico que se prolonga no Norte de Portugal e que pode chegar a presentarse como outro máis dos que existen en Europa. Espacios que en Alemaña, Holanda ou Lombardía destacan pola súa capacidade para organizar e animar ambientes creativos e innovadores, e facilita-la cohesión social.

    No caso de Galicia, nese espacio -e moi en particular nas súas cidades- concéntranse os factores de dinamicidade social: as poboacións con maior nivel de cualificación, a maior parte das actividades económicas (na industria, nos servicios, e en particular nos servicios avanzados), os recursos científico-técnicos e as estructuras sociais e culturais necesarias para posibilitar iniciativas de innovación e creatividade. 

I.IV.II. O espacio como contorno da vida social e da socialización.

    Pertence ó acervo cultural europeo o desenvolvemento da cidade como un hábitat estable nun espacio continuo, denso e multifuncional artellado polo público, caracterizado por determinados atributos que enriquecen a vida social e facilitan a socialización nos valores propios da convivencia democrática. Entre aqueles atributos salientamos: a diversidade social e cultural, a igualdade dos cidadáns, a densidade e variedade das relacións sociais, o cosmopolitismo e a apertura ás relacións exteriores, a complexidade e diversidade das actividades económicas, a condición de espacio de oportunidades para o desenvolvemento persoal, a capacidade para alenta-la creatividade e a innovación, a naturalización da participación e integración na comunidade democrática a través das institucións políticas de autogoberno de proximidade, e a capacidade para acada-la xestión pacífica e democrática do conflicto.

    O proceso de urbanización acelerada que viviu Galicia nos últimos 40 anos non contribúe necesariamente á consolidación de novos espacios urbanos cos atributos propios da cidade europea. Se nas primeiras desas catro décadas coñecémo-la aparición das barriadas sociais segregadas da cidade e a sobredensificación conxestiva dos ensanches, nas últimas asistimos á proliferación de fenómenos de difusión xeneralizada da urbanización. Esta última veu xunto coa fraxilización da cidade central con decaemento dos centros históricos e as crecentes dificultades para a accesibilidade ó centro por medio dun sistema de transporte basado no automóbil.

    A mellora das infraestructuras e a universalización dos medios de transporte privados ó principio, e o desenvolvemento das tecnoloxías da información máis tarde, únense á condición fortemente humanizada do territorio, á estructura da propiedade e da parcelación, e ó cuantioso investimento en infraestructuras de accesibilidade rural. Todo iso produce un proceso de difusión xeneralizada da urbanización que afecta a extensións cada vez máis grandes e afastadas dos centros dos que son tributarias.

    En ausencia de políticas urbanísticas supramunicipais, as actividades urbanas estanse expandindo polo territorio cunha extensión, intensidade e dispersión que constitúe, con toda probabilidade, o maior e máis grave dos impactos para o medio natural e a paisaxe agraria. Deste modo xorden as grandes áreas desestructuradas, ofrecendo a imaxe dunha periferia inacabable, que rodean os núcleos e destrúen a costa. Na gran periferia mestúranse inconexos os suburbios residenciais de vivenda económica de nova xeración, as urbanizacións ensimismadas de fogares unifamilaires, as construccións de vivendas individuais alleas a calquera condición de veciñanza, e os vellos núcleos rurais entre o abandono e a recolonización urbana.

    Os espacios urbanos aparecen segregados socialmente. Os escasos espacios públicos preséntanse, no mellor dos casos, como lugares de relación comunitaria, pero non de relación cívica. Constitúen un hábitat individualizado nos grandes espacios de difusión ou reunido en grupos segmentados e fragmentados nun espacio desestructurado. Neles habitan os novos cidadáns e a partir deles teñen que construír ou reconstruí-la sua vida social, nunhas condicións pouco favorables para a socialización nos valores propios da convivencia na diversidade, da cooperación e da participación.

I.IV.III. A dinámica dos espacios habitables.

    A falta de criterios de ordenación territorial e da planificación urbana que a racionalizara, a paisaxe urbana galega componse dun desordenado complexo de cidade descontinua e inacabada, barrios e núcleos urbanos decaídos, continuos lineais que non acaban, diseminados periurbanos espontáneos e extensións agrarias semiabandonadas agardando á cidade.

    Ante esta situación pódense identificar tres retos para a década que comeza:

• A cualificación e acabado do proceso de urbanización e a recuperación da cidade existente, afirmando o sistema urbano galego, rico e ben implantado no territorio, como o soporte material da vida con tódolos seus atributos sociais e culturais.

• A reconstrucción das periferias, reconducindo a tendencia á difusión incontrolada, cara á súa reintegración a un estatuto de urbanidade como parte da cidade. Isto implica impulsa-la descentralización de actividades cara á periferia e a implantación dun transporte e servicios metropolitanos capaces de aproximar á cidade central ós principais beneficiarios das oportunidades que ofrece a vida social urbna: os nenos e a xente nova, os anciáns e as mulleres non integradas na vida laboral. Iso quere dicir que haberá que promove-la creación de organismos supramunicipais capaces de crea-los servicios demandados.

• O freo da diseminación dos novos asentamentos e das novas vivendas, e o investimento do proceso de destrucción do medio rural. A forma de facelo non é outra que recupera-los vellos asentamentos rurais de orixe mediante a dotación dos servicios urbanísticos, así como a rehabilitación das aldeas para os vellos e novos habitantes.

    O desbordamento dos límites administrativos municipais polos procesos de urbanización obriga a recoñecer como espacios para a ordenación integral do territorio e a planificación ós novos agregados: as áreas de proximidade da cidade continua, os espacios metropolitanos e as grandes rexións urbanas.

    No sistema urbano galego e no seu complexo contorno rexional concéntranse os recursos para promove-las novas dinámicas sociais e culturais capaces de mobiliza-lo país a prol dun desenvolvemento económico e social que se ten que producir xa nas condicións propias da economía aberta. Tamén nel se concentran os maiores riscos de marxinalización e exclusión que esta leva aparellados.

    As condicións ambientais destinadas a favorece-la cohesión social e a innovación dependen, en gran medida, da eficacia das políticas dirixidas a enriquece-las condicións da vida social e a reformular un concepto participativo de cidadanía.


1 Trátase daqueles municipios con fachada costeira ou ben cunha porcentaxe importante de poboación activa dedicada a sectores vencellados á actividade pesqueira e transformadora.
2 Trátase da investigación “Galicia y Mercosur: de la emigración tradicional hacia los nuevos movimientos de mano de obra cualificada” subvencionada pola Xunta de Galicia e dirixida polo Prof. Antonio Izquierdo Escribano, Catedrático da Facultade de Socioloxía da UDC.