I.A ORDENACIÓN DO
TERRITORIO E A DOTACIÓN
DE INFRAESTRUCTURAS
COMO FACTORES DE
COMPETITIVIDADE
A nova perspectiva económica está desprazando a noción clásica de competitividade
entre as economías (a cal se baseaba esencialmente nas vantaxes comparativas
entre empresas) cara ó concepto de competitividade
dos territorios, como dispoñibilidade dun contorno adecuado para a
actividade social e empresarial: infraestructuras, paisaxe, recursos humanos
cualificados, calidade de vida...
Dende esta perspectiva, unha política de ordenación
territorial dirixida a consolidar un sistema de cidades integradas na súa
rexión, cunha correcta xerarquización e unha distribución territorial
equilibrada, constitúe unha necesidade ineludible para o logro dos obxectivos
de competitividade do territorio. Á súa vez, a conservación dos recursos
naturais e a protección dos ecosistemas de interese, como valores en alza da
sociedade, deben formar parte integrante de calquera medida favorecedora da
competitividade e a calidade de vida a longo prazo.
Paralelamente, as infraestructuras constitúen a base indispensable para o
desenvolvemento das actividades socioeconómicas e o asentamento da poboación
nun territorio. En boa medida, expresan a capacidade para estructurar e modelar
un espacio, configurando o entramado de difusión das posibilidades de acceso ós
bens e os servicios ó longo do territorio; de aí o seu destacado papel na
xeración dun contorno competitivo.
Sen caer en determinismos, poderíase afirmar, por tanto, que as Infraestructuras e a Ordenación do Territorio desempeñan un papel estratéxico no crecemento e o desenvolvemento rexional. A súa maior ou menor dotación, así como o seu funcionamento eficiente, condicionan, en gran medida, a potencialidade da economía e a localización dos factores productivos. É, por este motivo, que aparecen estreitamente relacionadas cos niveis de desenvolvemento rexional, coa competitividade das economías, co emprego e coa calidade de vida dos cidadáns.
Sen embargo, cómpre matizar que non se trata unicamente dun problema de cantidade, de stock de infraestructuras, senón que a calidade das mesmas desempeña funcións relevantes, tales como a comodidade, a seguridade, a regularidade nas frecuencias, a rapidez, a flexibilidade, a fiabilidade, etc., aspectos que inciden tanto nas empresas coma no benestar dos consumidores ou usuarios.
As súas positivas consecuencias no desenvolvemento rexional gardan relación, inicialmente, co seu papel de “factor de localización”, ó favorecer o acceso dun territorio ós centros principais de actividade económica e reducir os custos de transporte e comunicacións. A distancia entre unha rexión e aqueloutras coas que mantén relacións é unha condición fundamental que se agranda cos procesos de internacionalización da economía.
Por outra parte, estaría o denominado factor de “asentamento poboacional ou aglomeración espacial” da mesma, con efectos similares ós custos por distancia. É evidente que a concentración da poboación en núcleos urbanos reduce os custos que se derivan de agrupar, en maior ou menor medida, a productores e consumidores, con implicacións lóxicas nos bens e servicios e na propia forza de traballo. Esta concentración espacial contribúe, igualmente, a que xurdan e flúan novas ideas, ampliando así as posibilidades de desenvolvemento rexional.
Finalmente, os transportes e as comunicacións, os seus custos e a calidade dos servicios prestados, convértense en factores determinantes da estructuración e uso do espacio, mediante o seu impacto na función de investimento, así como na xeración dun maior grao de liberdade para as estratexias productivas e comerciais.