II. CARACTERÍSTICAS
DIFERENCIAIS DO
TERRITORIO GALEGO
Contemplada dende o
punto de vista macro-espacial1, Galicia ocupa unha posición xeográfica
excéntrica no territorio da Península Ibérica, factor que constitúe un
elemento esencial na realidade galega.

Tanto os factores xeolóxicos e climáticos como os acontecementos históricos e
os feitos económicos, sociais e culturais gardan unha relación tan estreita
coa situación que, sen tela en conta, dificilmente se poderían explicar moitos
dos procesos conformadores da singularidade xeográfica de Galicia.
O seu secular illamento estivo relacionado, sen dúbida, coa súa posición nun
extremo de Europa, unha posición relativa que lle confire desvantaxes
diferenciais en comparación con outros territorios. Este illamento espacial
relativo contribuíu a que, tradicionalmente, Galicia funcionase como unha rexión
periférica en contraposición ás rexións centrais, é dicir, aquelas onde se
xeran as innovacións e se fragua o progreso.
Pero, ademais, o illamento posicional galego viuse reforzado por un factor
local: a disposición orográfica. A
rexión galega é unha terra aberta ó Atlántico, cun dos mellores conxuntos de
portos naturais existentes e disposta como unha bancada graduada de Oeste a
Este, dende o mar ata as macizas serras orientais. E, se ben a altitude media
non chega ós 500 metros, o seu relevo é enormemente complexo.
Habida conta de todo isto, non cabe dúbida que estes elementos característicos do marco territorial galego (posición xeográfica e disposición orográfica) contribuíron moi negativamente a esa configuración periférica da economía rexional, mostrando as súas consecuencias máis acusadas nas provincias interiores, cunha altitude e afastamento da costa que mantén unha relación inversa coa densidade demográfica.
Outro factor determinante é o elevado grao de dispersión
xeográfica de Galicia, posto de manifesto nas súas 229.947 entidades
singulares de poboación (o 48,93% do total nacional), feito este que se traduce
na necesidade dun esforzo adicional en infraestructuras.
En todo caso, e a pesar da débil situación da que partía a comezos dos
noventa, Galicia veu gozando dende entón dunha evolución máis rápida que a
do conxunto do Estado. Non obstante, o actual nivel continúa sendo inferior ó
que lle correspondería en función da súa dimensión industrial ou socioeconómica.
En conxunto, as dotacións de infraestructuras productivas de Galicia melloraron
de xeito apreciable durante a última década, gracias a que a política
rexional centrou a súa atención na corrección dos desequilibrios estructurais
que presentan as rexións menos avanzadas. Este feito queda patente ó comprobar
que as dotacións globais de infraestructuras productivas en Galicia melloraron
máis dun 50% entre 1990 e 2000. Sen embargo, este ascenso produciuse de modo
practicamente paralelo á renovación do capital público do conxunto de España,
de tal forma que as disparidades continuaron sendo importantes.
Así pois, os indicadores ó uso sobre o nivel de infraestructuras perpetúan a
situación de Galicia nunha posición atrasada, a pesar dos avances realizados
nos últimos anos. Non en van, o “Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico
de Galicia 2000-2006”, elaborado polo Goberno Autonómico, centra boa parte
das súas actuacións no equilibro intrarrexional e a ordenación do espacio
interior, así como no concepto de accesibilidade.
En consecuencia, e para o caso específico de Galicia, as condicións do medio,
o carácter periférico da súa situación xeográfica, a orografía e o medio físico,
unidas ás súas características particulares en canto á forma de asentamento
poboacional, reforzan a importancia da ordenación territorial e das
infraestructuras de cara ó desenvolvemento da base productiva, o equilibrio
territorial e a mellora da calidade de vida dos cidadáns.
En todo caso, o obxectivo debe ser a
promoción dun desenvolvemento harmónico e equilibrado das infraestructuras,
unido a un incremento sostible que respecte o medio ambiente, cun alto nivel de
emprego e de protección social que favoreza a elevación do nivel e a calidade
de vida.
1
Como ben se recolle no libro “Los efectos económicos de las Autovías en
Galicia” do Instituto de Estudios Económicos da Fundación Pedro Barrié de
la Maza