I.
INTRODUCCIÓN
É un feito que,
nunha economía globalizada e aberta á competencia internacional, o
investimento en ciencia e tecnoloxía perfílase cada vez máis claramente como
unha das principais forzas motrices do crecemento económico e, ó mesmo tempo,
como un importante factor que contribúe á evolución social e cultural.
De feito, numerosos estudios e indicadores confirman que entre a metade e os
dous tercios do crecemento económico futuro dos países occidentais dependerá,
fundamentalmente, da innovación, entendida esta como o conxunto de procesos a
través dos cales os avances científicos e tecnolóxicos se traducen en creación
de riqueza mediante novos productos e servicios.
Neste sentido, dado que ninguén pode negar ó finalizar o século XX a
importancia central da tecnoloxía para a competitividade das empresas e, polo
tanto, dos territorios, non é de estrañar que, no marco dun proxecto que
pretende reflexionar sobre as principais materias de interese para a Galicia de
comezos do século XXI, se tivese en conta, e con protagonismo propio, unha área
de estudio dedicada á “innovación tecnolóxica”.
Por este motivo, o Relatorio de Innovación Tecnolóxica desenvolveu un proceso
de reflexión e debate cunhas recomendacións que poden servir de orientación
tanto á esfera do público coma do privado en materia de innovación tecnolóxica.
Tratouse en todo caso, máis dun proceso de reflexión e debate que do
desenvolvemento dunha rigorosa análise e estudio sobre a cuestión, xa que,
unicamente, se pretenden esbozar as bases dun Sistema Galego de Innovación
potente e dinámico no horizonte do ano 2010.
Para isto, o Relatorio de Innovación Tecnolóxica utilizou unha metodoloxía
que simultaneaba o traballo de gabinete con reunións participativas de traballo
en grupo e mesmo coa realización dunha enquisa masiva á totalidade de compoñentes
do Proxecto “Galicia 2010”. O resultado final deste proceso quedou plasmado
en dous grandes bloques de contido: o escenario tecnolóxico 2010 e as
recomendacións para o Sistema Galego de Innovación.
En todo caso, o seu fío
conductor parte da identificación das principais tendencias tecnolóxicas que
se desenvolverán durante o período 2000-2010, continúa pola caracterización
do Sistema ideal que debería aproveitar ese escenario xeral, para chegar, a
través do diagnóstico do Sistema Galego de Innovación actual, ás recomendacións
que permitan alcanzar a súa visión desexada.