I.
REFLEXIÓNS E PROPOSTAS SOBRE A CULTURA GALEGA NO HORIZONTE DO
TERCEIRO MILENIO
Nas
liñas seguintes faremos unha presentación, necesariamente moi breve, do
relatorio Lingua e Cultura, ó tempo que pretenderemos ofrecer un marco de
reflexión, carente de pretensións e obrigadamente esquemático, no que situar
as análises e propostas contidas nos apartados que compoñen aquel. Non é este
o momento para abordar o problema tan arduo e discutido como o da definición de
cultura, nin para discutir os múltiples aspectos que rodean este complexísimo
(por abranxente, ambiguo e polisémico) concepto. Pero tampouco parece
improcedente realizar unha rápida consideración sobre o que podemos entender
por cultura, e a partir dela presentar unha serie de dilemas, que desde logo non
esgotan a cuestión, pero que en todo caso poden estar presentes á hora de
abordar as contribucións para o relatorio do Proxecto 2010.
1.
CULTURA E
CULTURAS: FACETAS, NIVEIS E ÁMBITOS
En primeiro lugar, coidamos pertinente distinguir dúas
facetas da cultura, as dúas interrelacionadas con outras dimensións da
sociedade: unha faceta inmaterial, a cultura como xeración, recepción e
asimilación (máis ou menos creativa) de significado(s), e outra faceta
material, relacionada coas condicións sociais da creación intelectual, a
producción práctica, a comunicación e difusión e o acceso. Na civilización
post-industrial e post-materialista na que vivimos, cada unha das devanditas
facetas da cultura gaña máis e máis importancia. A cultura canto significación,
porque o mundo contemporáneo está a experimentar un vertixinoso vaciamento de
sentido, que os portentosos avances na tecnoloxía non só non compensan senón
que poñen cada vez máis de relevo (véxase por exemplo cál é a principal
carencia dos todopoderosos medios de comunicación: a creación de ‘contidos’).
A
cultura canto hipersector económico, porque agora tende a verse nela (entendida
nun senso amplo) un elemento dunha importancia fundamental para o
desenvolvemento e o benestar, tanto no que ten de enriquecemento das persoas (de
aí a idea do ‘capital humano’), como no que ten de creación das condicións
sociais para o progreso, e mesmo como un recurso económico dun potencial
considerable (disto trátase tamén, e con máis extensión, no relatorio sobre
Turismo e Lecer). Dos problemas derivados do desequilibro entre as dúas facetas
devanditas, ben por razón da hipertrofia da dimensión simbólica en detrimento
da económica, ou ben pola razón contraria (favorecida neste caso pola
importancia crecente do consumo cultural), fálase brevemente no apartado Políticas
Culturais do presente relatorio, así que arestora só imos afincar a
importancia de asegurar un balance entre elas.
Pasaremos
agora a outra cuestión. Aínda que conceptualmente obxectable (véxase o dito
no apartado X), a efectos operativos adóitase distinguir entre a Alta Cultura
(a da grande tradición occidental, moi prestixiosa pero minoritaria), a Cultura
contemporánea de Masas (a divulgada polos medios de comunicación e de
reproducción de alcance masivo) e a Cultura Tradicional ou popular (a que ten
raíces no pasado colectivo dunha comunidade). No presente relatorio
consideramos conveniente atender o conxunto dos ámbitos e niveis que abranxen
as devanditas etiquetas, no que vai implícita a aspiración a que as
inevitables tensións entre elas xeren un equilibrio dinámico e unha fecundación
mutuamente arrequentadora. Particularmente, o desexo de que se poidan integrar
harmonicamente elementos substanciais tanto da Alta Cultura coma da Cultura
tradicional dentro dunha Cultura de masas máis digna, diversificada,
participativa e orientada conforme os intereses colectivos.
2.
IDENTIDADE DIALÓXICA E GLOBALIZACIÓN DA DIVERSIDADE
A
perspectiva que ofrece o futuro inmediato é a da intensificación imparable dun
proceso de mundialización (apoiado no veloz avance tecnolóxico) que atinxe tódolos
ámbitos, entre eles, claro está, o cultural. Este proceso avanza entre dous pólos
contradictorios: a inercia cara á homoxeneización cultural da humanidade,
baixo a batuta dun modelo de cultura consumista e desmobilizadora, xerada polas
grandes factorías de soños norteamericanas, ou, pola contra, o empuxe cara á
globalización da diversidade e o seu reverso, a glocalización, que permita o
desenvolvemento de distintas tradicións e propostas culturais, en permanente diálogo.
Aínda que a tendencia predominante é a primeira, poderosos factores aguilloan
tamén a segunda, entre eles a reacción que se está a producir por parte dos
grandes países europeos, e a propia Unión Europea, que son conscientes de que
nese desafío se xoga o futuro tanto das respectivas tradicións culturais, coma
da posición relativa no mercado mundial da cultura. Por parte, en dialéctica
coa globalización atópase a emerxencia das identidades sub-estatais (nacionais,
rexionais, locais), que responden a unha necesidade fondamente sentida polos
individuos e as colectividades de afrontar a inesquivable (e virtualmente salutífera)
apertura ó mundo desde a firmeza dunhas identidades comunitarias en que ancorar
con relativa seguranza a personalidade individual.
Esta
é a encrucillada en que Galicia ten que xogar para pór en valor o seu riquísimo
patrimonio cultural e o non menos vizoso potencial creador e innovador que posúe.
Desbotando unha estratexia de repregamento nunha cultura autárquica de ilusoria
viabilidade tanto como un simple abandono ás poderosas forzas da uniformización
cultural, o noso país, mesmo pola súa propia tradición, atópase ante o desafío
de situarse á altura dos tempos sabendo simultaneamente preservar e adaptar a súa
xenuína identidade. É a nosa aspiración que as liñas que ofrecemos contribúan
a afrontar con éxito tal desafío.
3.
PLANIFICACIÓN CULTURAL, VERTEBRACIÓN, SOSTENIBILIDADE. CIDADE DA CULTURA
Na
liña do que se acaba de indicar, e lonxe de calquera enganosa miraxe
ultraliberal, parece innegable a importancia que teñen as políticas públicas
para preparar o país para os retos sinalados. É evidente que a consolidación
da Autonomía puxo nas nosas mans instrumentos, e sobre todo, procedementos,
utilísimos para facelo. Tres nocións clave emerxen de cada un dos apartados do
noso relatorio que queremos traer á primeira liña deste: planificación das
actuacións, vertebración dos distintos (sub)sistemas institucionais e
infraestructurais, e sostenibilidade das iniciativas públicas nesta área. Polo
que atinxe ó primeiro, é responsabilidade dos poderes públicos, en especial
do Goberno galego, asegurar unha visión de conxunto e integrada dos recursos
dispoñibles e das necesidades culturais do país, e congruentemente, e, á luz
destas, da posta en xogo dunha imprescindible planificación das actuacións,
interna e externamente articuladas, territorialmente equilibradas e
temporalmente programadas.
E
isto debe facerse, en boa lóxica democrática, mediando o diálogo entre os
distintos organismos e administracións e destes cos distintos axentes sociais,
e apoiándose no asesoramento (e no seu caso, o control) dos expertos. Só isto
permitirá conseguir a vertebración dos distintos subsistemas institucionais e
de infraestructuras, e nunha palabra, da enteira cultura do país, nun todo orgánico,
aínda que internamente diverso e complexamente organizado.
A
terceira noción, a sostenibilidade, está en estreita relación coas
anteriores. Trátase de corrixir a tendencia por parte dos responsables políticos
a primar, a partir dun cálculo de rendibilidade pública instantánea
(mediatizada polo impacto nos medios de comunicación), o aspecto espectacular
(case sempre conxuntural), dunha actuación cultural, relegando a un segundo
plano a estimación das necesidades a medio e longo prazo dos sectores sociais
relevantes; sendo que, de acordo con esta estimación, o que debe priorizarse é
o investimento en infraestructura cultural, especialmente a que aproxima a
cultura ós cidadáns, e permite unha participación activa (ou mesmo unha
relación interactiva) destes. En definitiva, non se deben emprender actuacións
sen prever antes a súa viabilidade no medio e longo prazo en condicións de
eficacia e dignidade, atendendo pois a aspectos como as dotacións económicas e
de persoal imprescindibles para a prestación estable dos correspondentes
servicios.
As
consideracións anteriores condúcenos a un asunto que coidamos non se pode
esquivar nun relatorio coma o presente: o ambicioso proxecto da Cidade da
Cultura de Santiago de Compostela. Entre os aspectos que se poden avaliar
positivamente dun proxecto tal, salientamos: a) a creación dun centro de
referencia, que pode servir de elemento vertebrador do tecido cultural galego,
polo menos nalgúns aspectos clave, b) a constitución dun nodo que, pola escala
en que se sitúa, pode servir de referente cara ó exterior da cultura galega, e
asemade, de pasarela de acceso desde Galicia a grandes correntes culturais
internacionais, c) a emerxencia dunha iniciativa que dinamice a cultura do país,
servíndolle de acicate para a súa adaptación ós novos tempos.
Endebén,
cabo destas virtualidades positivas, constatamos tamén algúns riscos, que
poden fanar gravemente o proxecto: a) unha absorbente concentración de recursos
na Cidade da Cultura (en parte inevitable), detraídos do conxunto do sistema
cultural galego, pode agudizar os desequilibrios territoriais, xa serios, e
contribuír a unha maior precarización do conxunto deste; b) unha planificación
pouco rigorosa do proxecto pode convertelo nunha peza isolada do resto do tecido
cultural do país, e mesmo, se a cuestión da sostenibilidade non é
milimetricamente calculada, nun continente baleiro; c) a falta dunha maior
participación dos axentes vivos da cultura galega na propia concepción da
Cidade da Cultura (que pode e debe ser paliada no seu ulterior desenvolvemento),
fai temer que esta se puidera converter nun elemento máis de sucursalización
do país, nunha vía de dirección única de fóra a dentro.
O alcance económico do proxecto suscita a reflexión
de que, calquera que sexa o modo de realización polo que se opte, este habería
aspirar a unha múltiple pertinencia social, cultural e económica. As dilemáticas
coas que nos confronta o proxecto atinxen tanto ó modelo a escoller (Parque temático,
macro-equipamento cultural polivalente, etc.) como ós referentes nos que
inspirarse (ruta xacobea, cultura galega, cultura relixiosa, a Idade Media,
cultura universal, etc.). Outro dos aspectos que non pode ser obviado nunha
iniciativa destas características é a súa dimensión de proxecto estrela nun
marco de actualización das políticas de Ordenación Territorial e
Desenvolvemento Rexional a nivel de Galicia. Neste senso unha idea coma esta ten
que saber dialogar de xeito complementario co resto do país, sendo quen mesmo
de se converter en motor que potencia a aquelas outras iniciativas paralelas
hoxe en marcha no país (desde o Auditorio de Galicia, O Domus ou a Casa dos
Peixes ata o Centro Galego de Arte Contemporánea e a Casa das Palabras que se
están a promover hoxe na cidade de Vigo).
En particular, tendo en conta as anteriores
consideracións de conxunto e á luz da información de
que dispomos, dos proxectos adiantados da Cidade da Cultura, dous
semellan suscitar unhas expectativas de principio máis positivas: a Biblioteca
e Hemeroteca Nacional de Galicia, e a Área de Novas Tecnoloxías. Outro
proxecto, o do Teatro da Música, suscita maiores interrogantes. Finalmente, o
proxecto de Museo da Historia de Galicia puidera considerarse o elemento máis
cuestionable do proxecto.
4.
O CONSELLO DA CULTURA GALEGA. A LEI DO FONDO CULTURAL GALEGO
Tamén coidamos
obrigado inserir aquí algunhas observacións acerca de dous elementos do noso
panorama cultural relativamente orixinais, e cunha grande potencialidade. Referímonos
ó Consello da Cultura Galega e ó Fondo Cultural Galego, ambos contemplados no
propio Estatuto de Autonomía de Galicia. Verbo do primeiro, semella inescusable
salientar a necesidade dunha maior potenciación do seu papel, especialmente non
terreo do asesoramento e da creación dun ámbito para a colaboración entre as
institucións da cultura e o diálogo interdisciplinar entre os técnicos e
especialistas nas distintas áreas do quefacer cultural, e non só no terreo teórico,
senón tamén no aplicado. Sen esquecermos o papel de cada institución,
coidamos que o Goberno Galego debera recorrer con maior frecuencia a este órgano
consultivo, e isto xa nas primeiras etapas do proceso de formulación das decisións
en materia de política cultural, cando menos das máis importantes (como
probablemente debeu ser o caso do proxecto da Cidade da Cultura).
Pola
súa banda, o Consello da Cultura Galega debe desenvolver un maior dinamismo na
súa actuación, non só respecto do Goberno e o Parlamento Galegos, senón cara
ó conxunto dos poderes públicos (os concellos, por acaso) e mesmo cara ós
diferentes colectivos culturais do país e cara ó público en xeral. Para iso
precisa dotarse dun mellor financiamento e infraestructuras. Probablemente, e na
liña de iniciativas recentes como a creación dunha Sección de Ciencia,
Tecnoloxía e Sociedade, tamén debera diversificar o abano dos seus ámbitos de
traballo (por acaso, Libro e Lectura, Sociedade e Cultura), o que,
eventualmente, puidera dar lugar a unha ampliación do número de membros do seu
Plenario. En todo caso, partindo da admisión de que a composición deste é
opinable, tamén debe terse en conta que calquera ampliación será aínda máis
discutible (e con maior razón), polo que coidamos que todo debate sobre esta
debe enmarcarse nunha consideración das funcións do propio Consello da
Cultura.

Verbo do Fondo Cultural
Galego, hai que comezar por sinalar que lamentablemente ofrece o único exemplo
de mandato estatutario de regulación dunha materia por Lei, de cumprimento aínda
pendente. Este Fondo debe constituírse nun elemento de cohesión e cooperación
cultural entre as distintas administracións, institucións e entidades públicas
e privadas, cunha finalidade preponderantemente económica, de xeración de
recursos financeiros en proveito da cultura galega. No goberno e xestión de tal
Fondo, ademais da propia Xunta de Galicia, debe participar unha ampla
representación das administracións locais, do propio Consello da Cultura
Galega, e de distintos organismos públicos, especialmente financeiros (Caixas
de Aforro). Por parte, a Lei do Fondo Cultural Galego debe supoñer a
actualización (que en todo caso é urxente e imprescindible) da Lei 12/1991, de
traballos de dotación artística nas obras públicas e nos camiños de Santiago
na Comunidade Autónoma, que no seu momento foi concebida para procurar
financiamento para as obras do Camiño e os investimentos do Xacobeo ‘93.
5.
NOTA SOBRE AS PROPOSTAS
En principio,
solicitamos ó colaborador de cada área considerada un rascuño que contivese:
(a) unha pequena introducción cunha sucinta explicación da visión que informa
a proposta, que podía incluír observacións sobre a situación de partida e
elementos para a contextualización; (b) unha relación de obxectivos específicos
de cada sector, sumariamente desenvolvidos ou explicados e (c) unha serie de
orientacións e propostas concretas con vistas a conseguir estes obxectivos,
brevemente xustificadas.
Entre
os aspectos que coidabamos que conviña ter en conta, sinalabamos: concepción
de fondo, atención ós distintos momentos do ciclo ou proceso cultural (segundo
os casos, creación > producción > difusión > acceso, ou (re)habilitación
ou recuperación > conservación > reproducción > catalogación >
difusión > acceso), iniciativas no terreo ‘normativo’ (disposicións
lexislativas ou gubernamentais, convenios, acordos, etc.), institucional (creación/
coordinación / reestructuración de entidades/ organismos de distinto tipo), de
capital humano e xestión (formación/ dotación de persoal; proxección
‘educativa’ ou formadora dos emprendementos previstos), e aspectos económicos
(investimentos precisos, a cultura como ben de consumo; o impacto da cultura no
desenvolvemento económico do país).
Coa finalidade de ofrecer un resumo concentrado das propostas máis relevantes,
decidimos reunilas ó final, agrupándoas segundo as categorías sinaladas:
iniciativas lexislativas ou normativas, creación ou reformulación de
organismos e infraestructuras básicas, e propostas no terreo educativo, unhas
atinxentes ó conxunto do sistema escolar (ou a sectores específicos da poboación),
e outras á formación dos especialistas.