X. CULTURA TRADICIONAL E ANTROPOLOXÍA

     Está estendida a idea de que a visión antropolóxica das sociedades desenvolvidas se centra na mal chamada cultura tradicional, unha cultura de carácter marxinal ou subordinado caracterizada pola oralidade e pola escasa formalización oficial e tecnolóxica das súas mensaxes. Nesta conceptualización subxace a dicotomía cultura tradicional/ cultura escrita e tecnolóxica, pero tal contraposición non responde a unha realidade certa na praxe cotiá das xentes. Procesos diversos fan que as culturas das distintas sociedades humanas poidan ser percibidas como un todo na que os compoñentes chamados ‘tradicionais’ xogan un papel tan importante coma os procedentes do mundo tecno-industrial. Por outra banda, o que hoxe se pode definir como ‘tradicional’ é un conxunto de elementos de moi diversa raíz e funcionalidade orixinaria ou derivada que conservan de maneira tamén desigual a súa vixencia no presente. De aí que sexa preciso ir superando a citada dicotomía tradicional / tecnolóxico para lograr unha visión holística e integradora da cultura, ou culturas sectoriais, dos galegos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

    Neste senso, parece oportuno que eses trazos da chamada “cultura tradicional” non se contemplen soamente dende a perspectiva estrictamente “culturalista/ enxebrista”, e dende un só departamento do goberno autónomo, como pode ser a Consellería de Cultura, senón que deben ser incluídos no conxunto de actividades das administracións publicas e institucións ou empresas privadas. Por poñer un exemplo concreto: a chamada “medicina popular” é posuidora dalgúns mecanismos, ou actitudes, que deben ser tidos en conta á hora de programar unha política sanitaria (de feito, xa a propia OMS ten chamado a atención sobre o valor das “medicinas alternativas”). A superación da concepción “exotista” de fenómenos culturais presentes en Galicia debe ser unha tarefa promovida dende os centros de ensino, os medios de comunicación e a propia administración.

     Dende esta toma de posición inicial, imos destacar algunhas accións que se poderían levar a cabo nos próximos anos para aproveitar ó máximo as potencialidades desa “cultura tradicional” e para lograr a súa integración dentro da actividade cultural xeral da nosa sociedade. Partimos para isto da idea de que toda cultura ten dúas dimensións: instrumental e simbólica. Na dimensión instrumental as actitudes, as ideas e os obxectos que conforman ou denotan un corpus cultural están presentes en tanto que serven para resolver problemas concretos. Na dimensión simbólica deses mesmos compoñentes a utilidade non é aparentemente tan concreta, converténdose en axentes simbolizadores de fenómenos como a identidade grupal. A potenciación da nosa cultura pasa por actuar nos dous niveis, ben que se pode aceptar que certos elementos poden ter maior capacidade de aproveitamento instrumental que simbólico e viceversa.

 1. ESTUDIOS E ESTUDIOSOS

     Un punto de partida será contar cun corpo de estudios e cun conxunto de especialistas que permitan recoller e estudiar, e tamén reactivar a cultura tradicional. Aínda que fóra dela traballan moitos estudiosos da nosa cultura, a Universidade ten niso un papel central. Neste aspecto, a curto prazo debera completarse a implantación da Licenciatura en Antropoloxía Social e Cultural, prestando, ademais, atención a especialidades como Museística e Patrimonio etnográfico e tamén ós estudios de Antropoloxía Aplicada. Galicia é unha das poucas Comunidades Autónomas que aínda non conta de maneira completa con este tipo de estudios. Pero a formación de especialistas non garante en por si un tratamento acaído do noso patrimonio cultural. A posta en valor de trazos de cultura non debe ser visto como algo complementario, e mesmo economicamente secundario; pola contra, é preciso amosar que este tipo de actividades, se son planificadas axeitadamente, teñen rendibilidade social e tamén económica. Para concretizar a nosa proposta indicamos as seguintes posibles accións:

     1.- No terreo da administración autonómica debera crearse un Servicio de asesoramento e Inspección xeral, ben englobado dentro doutro máis amplo ou ben especificamente dedicado ó patrimonio etnográfico, formado por un equipo de especialistas encargados de establecer directrices xerais sobre conservación/ potenciación deste patrimonio e exercer funcións de control. Poderíase optar por unha de dúas alternativas: dotar o servicio de persoal propio ou convenialo cunha institu ción ou institucións que dispuxeran de persoal especializado.

     2.- Dado que o anterior Servicio dificilmente podería cubrir toda a xeografía galaica, sería de utilidade que, intimamente asociado a institucións dedicadas a patrimonio, como os museos, tivese un correlato a nivel local ou comarcal. Posiblemente nos municipios máis grandes podería ser labor municipal; pero para os máis pequenos e con menos posibilidades, probablemente a división comarcal de Galicia ofreza un marco axeitado de actuación. Nun e noutro caso é obrigado implicar nesta tarefa as administracións locais, as asociacións culturais ou doutro tipo e o sector privado.

     3.- Tendo en conta que nos próximos anos poden xurdir importantes iniciativas privadas que activen bens de patrimonio cultural con fins diversos (turismo, por exemplo) sería preciso que se elaborase unha normativa que contemplase a presencia de especialistas en patrimonio etnográfico nestes cando se viren afectados bens deste tipo polas súas accións.

2. MUSEOS, CONXUNTOS E ELEMENTOS DE INTERESE ETNOGRÁFICO

Ademais de estudiar e aplicar coñecementos na práctica, a preservación da nosa memoria histórica require unha axeitada rede de museos, ecomuseos ou parques etnográficos. O problema non é exclusivo dos aspectos de “cultura tradicional” que aquí abordamos, polo que deberá ser contemplado globalmente. (Véxase sobre isto o dito no apartado IX) Para lograr unha máis eficaz actividade nestes campos, e ademais de cuestións como a suficiente dotación dos actuais museos, suxerimos as seguintes accións:

     1.- Potenciar un Museo de referencia para todas as iniciativas museísticas etnográficas en Galicia. Este centro podería ser o actual Museo do Pobo Galego, que xa é contemplado na normativa vixente como tal referente, pero que non conta con medios nin cun marco normativo que lle permita desenvolver este labor.

     2.- Favorecer e estimular a creación de Parques etnográficos ou Ecomuseos, con participación de diversas administracións ou da iniciativa privada (e coa colaboración de asociacións e comunidades implicadas), de dimensión local ou comarcal, centrados normalmente arredor dun elemento significativo da cultura da zona, o que permitiría que o museo actuase como centro de promoción  desa modalidade de cultura.

3. ACTIVACIÓN INSTRUMENTAL DE DIVERSOS ASPECTOS DA CULTURA TRADICIONAL

Como indicamos no primeiro apartado, a cultura tradicional non é un fósil do pasado. Pola contra, moitas das técnicas ou coñecementos que desenvolveu teñen aplicación e utilidade plena no mundo actual. O exemplo máis socorrido é o das chamadas “artesanías”, que poden ser comercializadas no presente e mesmo son obxecto de demanda cando se promocionan de maneira oportuna. Están en marcha na actualidade plans de promoción que dan resultados aceptables, pero é preciso incrementar e mellorar estes plans, implicando neles á iniciativa privada. De todas maneiras, hai algúns aspectos que permanecen inéditos, especialmente no que atinxe a prácticas e usos que afectan ó universo conceptual-ideacional. Noutra orde de cousas, a recentemente en auxe “agricultura ecolóxica” debería contemplar certos cultivos e prácticas tradicionais na actualidade abandonados para obter productos de calidade e de alto prezo no mercado, co que, neste caso, se implicaría a Consellería de Agricultura. E mesmo estas prácticas e cultivos deberan ser contempladas por outros departamentos do Goberno galego, como a Consellería de Medio Ambiente. Para conseguir esta potenciación instrumental da nosa cultura resulta imprescindible elaborar un Plan de activación, promoción e inserción na sociedade e no mercado destas prácticas, plan que debería implicar a distintas parcelas do goberno, da administración local e das empresas privadas. Neste plan as accións de restaurar e conservar deben ir acompañadas de proxectos de revitalización ou reutilización dos bens etnográficos concretos.

     Fomentaranse por tódolos medios as actividades artesanais, que requiren a formación de bos especialistas. Interesa promover unha boa mercadotecnia destes productos, dos que uns, con denominación de orixe, poderán venderse en calquera país (pratería, xoiería de deseño, acibeche; granito, madeira), outros que puideran fabricarse a gusto e medida do consumidor, e a ser posible na súa presencia (bordados, palillería). Potenciarase o uso e producción de manufacturas tradicionais de liño, xunco e madeira. Procurarase conservar o patrimonio folclórico, facéndoo vivo e atractivo para os cidadáns, sen falsas concesións ó pintoresquismo. Atención especial a xogos, cancións, contos e proverbios, que neste momento xa se están perdendo.

4. ACTIVACIÓN SIMBÓLICA DE ASPECTOS DA CULTURA TRADICIONAL

Segundo indicamos, as cousas, as ideas e as actitudes implicadas nun sistema cultural non só cumpren mecanicamente unha función, senón que, ademais significan. De feito, moitas prácticas culturais que no pasado tiñan dimensións preferentemente instrumentais, pasaron no presente a adquirir esa dimensión simbólica. Así sucede, por exemplo, co chamado tradicional de Galicia, que de ser medio para se protexer e cubrir o corpo, pasou a ser un símbolo identitario. Estes procesos, nos que o chamado folclore se converte en folclorismo, están presentes en tódalas sociedades de Europa. Deixando de lado excesos ou deturpacións, hai que recoñecer que estes procesos son inevitables para calquera comunidade humana que quixer manter unha identidade específica, situándose así nun mundo glocalizado, é dicir, nun mundo donde os procesos de globalización se acompañen de enriquecedores procesos de localización.

    Por iso, faise preciso emprender accións que potencien e completen esta dimensión simbólica da cultura, tanto a nivel de identidade local ou comarcal como galega en xeral. Aspectos como a música tradicional, ou a danza, ou mesmo a culinaria, son compoñentes imprescindibles para manifestar unha identidade ad intra e ad extra. Neste aspecto cómpre establecer tamén un Plan de activación das dimensións simbólicas do noso patrimonio etnográfico, dende o goberno autonómico, as administracións locais ou comarcais e a iniciativa privada ou social. Esta activación debe ser contemplada non como unha simple manifestación dentro de Galicia, senón tamén proxectar esa nosa identidade no exterior.

5. PATRIMONIO ETNOGRÁFICO E TURISMO

     O desenvolvemento do sector turístico en Galicia progresa a un ritmo notablemente acelerado. Nos modelos clásicos deste desenvolvemento, partíase de criterios de crecemento intensivo e continuado. Pero nos últimos tempos vai triunfando paseniñamente un modelo postfordista que aspira a un turismo sostido e respectuoso co medio natural e cultural. O patrimonio chamado etnográfico é, dende a perspectiva do turismo, un recurso máis que se debe promover e empregar. A actividade turística pode ser un bo medio para recuperar edificios e prácticas da nosa cultura tradicional, que pasan a ser reutilizadas mediante racionais procesos de folclorización. Ora, cómpre que no futuro os plans de desenvolvemento turístico reforcen as súas accións no seguinte sentido:

    1.- Realizar sempre un estudio de impacto ambiental e cultural antes de activar algún destes recursos turísticos

    2.- Lograr unha ratio razoable entre o recurso etnográfico activado e a afluencia, cualitativa e cuantitativa, de visitantes.

    3.- Contar coa poboación implicada e coñecer a súa situación actual e actitudes ante a activación.

    É obrigado levar conta das cautelas indicadas, que deben ser periodicamente reformuladas mediante estudios de impacto para comprobar se se produciron cambios con respecto ó que o estudio inicial indicaba. Esta “filosofía” de actuación non debe imperar soamente nas administracións públicas, senón que debe ser transmitida á iniciativa privada.

6. SOBRE A DIFUSIÓN DA CULTURA TRADICIONAL GALEGA NO MUNDO

    Para rematar estas suxestións, xulgamos necesario destacar unha cuestión elemental. Trátase de que, se toda cultura ten unha dimensión de identificación dun pobo, esta identificación se constrúe non só ad intra, senón tamén ad extra. E neste sentido hai que aceptar que a presencia de estudios sobre cultura tradicional, sobre Antropoloxía Cultural de Galicia, nos foros internacionais é realmente escasa. Galicia conta cunha importantísima tradición de etnógrafos e folcloristas e na actualidade conta tamén cun importante grupo de antropólogos de alto nivel. Pero o certo é que poucas veces se alude a Galicia en grandes obras de ámbito mundial feitas dende perspectivas antropolóxicas. Esta situación esixe tamén que no futuro inmediato se habiliten mecanismos para difundir a nosa cultura e os estudiosos desta no escenario internacional. Sería oportuno establecer convenios con editoriais universitarias ou editoras privadas, que permitisen divulgar nunha lingua franca internacional tanto escritos seleccionados dos nosos etnógrafos clásicos como estudios actuais. Este investimento serviría para un mellor coñecemento de Galicia e a súa cultura no concerto mundial.

7. NOTAS SOBRE AS PERSPECTIVAS DE ETNOMUSICOLOXÍA GALEGA

As investigacións sobre o rico patrimonio musical popular ou folclórico de Galicia atópanse nunha situación precaria. Existe na raíz deste estado de cousas unha serie de carencias que coidamos será preciso sandar se realmente se pretende realizar unha abordaxe seria e demorada dun aspecto da cultura con tanta relevancia social, como é o da música popular.

1.- En primeiro lugar, cómpre proceder á recuperación crítica do amplo legado da tradición folclorística desenvolvida no contexto do galeguismo histórico. Esta recuperación deberá ser abordada tanto con programas de investigación de base, coma mediante un programa de edición e reedicións de fontes.

     2.- Cómpre integrar os estudios de músicas populares dentro do tecido da investigación institucional e da formación académica (Universidades, Conservatorios, Museos Etnográficos, etc). Actualmente só as Universidades de Santiago e Vigo contan con estudios específicos sobre o folclore musical (dentro dos programas da Especialidade de Educación Musical das respectivas Facultades de Educación), o mesmo que os Conservatorios Superiores de Santiago e Vigo. Dado que hoxe non se conta en Galicia cun programa de estudios que capacite para o exercicio rigoroso da investigación etnomusical e musicolóxica en xeral, as autoridades deben tomar medidas para paliar esta eiva.

     3.- Estreitamente vencellada a esta arela, atópase a necesidade de contar con centros de documentación, textual e sonora, axeitadamente dotados e xestionados por persoal competente, que eviten a dispersión (e en moitos casos, a perda definitiva) dos fondos. O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, que vén realizando un labor encomiable, podería ser o xermolo dun proxecto máis ambicioso.

     4.- Cómpre tamén contar cunha política de investigación coherente, planificada a medio e longo prazo. O deseño dunha política de investigación, debidamente dotada en canto a medios e persoal, debera desembocar en varios plans de acción: a) establecemento dunha política de edicións especializadas, da que hoxe carecemos; b) coordinación da política de subvencións e estudios sobre a música popular, evitando constantes duplicacións e solapamentos que se producen en detrimento de parcelas totalmente inexploradas, como é o caso das músicas populares urbanas; c) dotación de bibliotecas ou centros especializados nos que os novos investigadores poidan acceder comodamente ás fontes da literatura científica básica.

     En definitiva, a pescuda etnomusicolóxica en Galicia non pode seguir sendo un territorio indefinido en termos de esixencias científicas respecto doutros usos das músicas populares, como poden ser a creación artística ou a explotación comercial, nin tampouco unha sorte de irmán menor da musicoloxía de selo historiográfico centrada na música da tradición culta.