XI.
ASOCIACIONISMO CULTURAL
Considérase o Asociacionismo Cultural como unha iniciativa que exercita ó mesmo tempo o dereito constitucional da persoa á cultura e á participación na vida social. Así, responde á necesidade de complementar unha deficiente ou incompleta oferta cultural das administracións públicas, e expresa unha aspiración de liberdade e autonomía fronte á intervención dos poderes. A última razón de ser das Asociacións Culturais é a participación dos cidadáns nunha especie de exercicio miúdo da democracia; neste concepto, constitúen unha canle de desenvolvemento persoal e social polo camiño da iniciativa, a participación, a acción colectiva e o diálogo. Os valores fundamentais do asociacionismo son a espontaneidade, a imaxinación, a iniciativa, a proximidade e o desinterese. Na parte de Políticas Culturais ofrécense observacións pertinentes sobre este sector, que non imos reiterar, pero que deben terse en conta aquí.
Catro son
os problemas principais cos que se enfronta o asociacionismo cultural na
actualidade. En primeiro lugar, como movemento asociativo, o conxunto das
Asociacións Culturais está moi atomizado, coa conseguinte dispersión de
iniciativas e un certo minifundismo, e mesmo rivalidades e solapamentos entre
elas. En segundo lugar, existe unha grande dificultade na captación e implicación
de socios que manteñan vivas as Asociacións, debido tanto ó conformismo xeral
da sociedade, como ás propias eivas no funcionamento das Asociacións, e tamén
á emerxencia das chamadas Organizacións non Gobernamentais, que están a
catalizar boa parte da acción voluntaria. En terceiro lugar, o papel dos
directivos das Asociacións, dos que normalmente depende a actividade destas, e
que adoitan suplir con voluntarismo a súa escasa preparación específica para
as tarefas correspondentes. Finalmente, pero moi importante, hai que referirse
á precariedade material e á carencia de recursos, debida á falla dun apoio
decidido das administracións públicas.
O tecido
asociativo galego é amplo, pero imperfecto, expresión dunha dinámica. social
en crecemento. É necesaria unha consolidación que, referida ó Asociacionismo
Cultural, require:
1. A
definición das súas funcións esenciais, clarificando o alcance dos seus
compromisos sociais.
2. Unha
atención máis técnica que paternalista das administracións públicas.
3. Un máis
racional réxime de subvencións e axudas, por parte das administracións públicas
e privadas.
4. Un réxime
de solidariedade por parte das grandes Fundacións.
5. Un
esforzo das administracións públicas e privadas por respectar a independencia
das pequeñas Asociacións e Fundacións.
6. Sensu
contrario, un esforzo do Asociacións Culturais por evitar o parasitismo
cultural, tanto nos aspectos económicos como nos políticos ou ideolóxicos.
7. Unha
maior profesionalización da xestión no senso dunha menor dependencia do
voluntarismo dunhas poucas persoas.
8. Unha
maior formación dos dirixentes do Asociacionismo Cultural.
9. O
reforzamento do voluntariado cultural, como fonte de recursos humanos e camiño
para a integración da xuventude.
10. Nunha
etapa posterior, buscar fórmulas de cooperación internacional con culturas
afins, máis ou menos próximas.
Este
esquema de traballo pode ser un camiño que proporcione a Galicia, cara ó ano
2010, un amplo espacio participativo no que se faga da cultura unha actividade
viva, creativa, sinxela e directa, integradora da personalidade individual das
persoas e da identidad colectiva.