XII. A LINGUA: CAPACITACIÓN LINGÜÍSTICA DA CIDADANÍA E PROMOCIÓN DO IDIOMA GALEGO

     Como é sabido, a histórica marxinación do idioma do país supuxo a súa exclusión completa do sistema educativo, das institucións oficiais e do ámbito relixioso e o seu silenciamento na vida pública e nos medios de comunicación de masas. A chegada da democracia a España (1977) e da autonomía a Galicia (1980) abriu unhas expectativas diferentes. Presentábase a posibilidade de buscar un acomodo entre o idioma propio e o do estado, que lle permitise a aquel desenvolverse e alcanzar, ó mesmo tempo que o propio país, a madureza histórica. A Constitución Española (1978) franqueaba o paso cara ó recoñecemento legal das linguas periféricas, en réxime de cooficialidade co castelán, e o Estatuto de Autonomía (1980) proclamaba o galego como ‘lingua propia’ de Galicia, e, como tal, das súas institucións. Un fito no camiño da recuperación do galego foi a aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística (1983), que comprometía os poderes públicos na súa promoción, e sinalaba como ámbitos claves as institucións públicas, o sistema educativo e os medios de comunicación de masas.

     Desde aquela, producíronse notables avances na situación do idioma. Galicia foi recoñecida na Constitución como nacionalidade por razóns históricas, pero en aparencia non existía unha tradición reivindicativa e unha vontade política de autogoberno vigorosas e maioritarias. Nesas condicións, a posesión dun idioma propio que podía exhibir un notable currículo literario e era falado pola maioría da poboación constituía a proba máis manifesta da persistencia dunha etnicidade específica. Por iso, a lingua galega aparecía como un dos principais elementos lexitimadores da autonomía. A oficialización do galego cubría, así, unha primeira función simbólica. Nesa liña, a utilización pública do galego institucionalizouse en ámbitos como Parlamento de Galicia, en actos solemnes, celebracións, publicacións e proclamas oficiais. A oficialización do Día das Letras Galegas (17 de maio), declarado festivo polo Goberno de Galicia, vai no mesmo senso.

     Canto á dimensión operativa da oficialización do idioma, a valoración é necesariamente menos optimista. De certo, a lingua e literatura galegas figuran no currículum escolar en igualdade respecto á lingua e a literatura castelás, o cal era impensable hai só trinta anos. Pero tal presencia pode servir para dous fins non necesariamente coincidentes: a reafirmación simbólica do idioma galego, ou a habilitación dos estudiantes no seu uso normal. Se o idioma galego non se converte en lingua vehicular plena do ensino, a súa aprendizaxe terá poucos efectos prácticos. A verdade é que se teñen dado pasos estimables pero insuficientes na dirección indicada. Noutros aspectos producíronse avances moi estimables: por acaso, as administracións locais, que son as máis próximas ós cidadáns, ofrecen un panorama alentador. Existen unha Radio e unha Televisión Galegas, e edítase un diario en lingua galega. O galego tamén arraíza nalgúns medios de comunicación local ou comarcal, e en publicacións de información xeral e de tipo cultural. Pero tanto o panorama televisivo coma o radiofónico están amplamente dominados polo castelán. As actitudes na empresa privada son variables, pero en conxunto pódese falar dunha actitude de certa reserva, e as políticas públicas tampouco son todo o decididas que puideran.

     En xeral, advírtese unha tendencia preocupante a considerar a problemática da lingua como un asunto desvencellado doutras cuestións sociais. O idioma aparece considerado fundamentalmente como un patrimonio cultural que é preciso conservar, ou todo o máis, restaurar. En realidade, o reto central do galego é o da extensión do seu uso social, e este só pode resolverse afrontándoo cunha perspectiva ecolóxica global, que contemple a cuestión lingüística no seu contexto, que teña conta das dinámicas de todo tipo (económicas, políticas, culturais, propiamente sociais) que a afectan. Desta maneira, saltará á vista que se trata dunha problemática transversal e que a normalización lingüística constitúe un proceso de innovación, e que como tal só terá porvir na medida en que, en cada unha das frontes, se asocie a outras melloras: renovación pedagóxica, se se trata do ensino, máis eficaz atención ós cidadáns, se se trata das administracións públicas, mellor trato ós clientes, se se trata de empresas, comunicación máis próxima e con óptica galega, se se trata dos medios, etc. En particular, é fundamental que o galego suba ó imparable tren da innovación tecnolóxica, que está a revolucionar a comunicación, e que está mudando outra vez a relación das persoas coa linguaxe.

     Pero a promoción do idioma galego, con vistas á súa plena normalización, non pode contemplarse ignorando as esixencias do mundo contemporáneo (seguramente máis prementes no futuro inmediato) no terreo da capacitación lingüística dos cidadáns galegos.

1. A CUESTIÓN LINGÜÍSTICA NO MUNDO ACTUAL

Na introducción xeral a este relatorio, falábase dunha nova orde mundial. Centrándonos nos correlatos lingüísticos desta, debemos comezar por salientar a importancia progresiva do poliglotismo, que nas circunstancias descritas ó mesmo tempo se impón como unha necesidade (profesional) e se ofrece como un desiderato (cultural). A amplitude do fenómeno actual a penas ten parangón: masas cada vez maiores de poboación en tódos os países de Occidente son competentes, nun grao maior ou menor, en varias linguas, e isto agora non aparece como un luxo cultural, senón como unha conveniencia para toda a xente, e unha vantaxe especifica para acceder a un grande número de postos de traballo no propio territorio de orixe. Salvo en países pioneiros, os sistemas educativos e mailos métodos didácticos de linguas aínda non dan abasto para satisfacer as necesidades. España, e dun xeito particular Galicia, ofrecen un atraso clamoroso neste senso.

     Canto á análise prospectiva, podemos contemplar o asunto na interrelación de catro escenarios: o mundial, o rexional, o estatal e mailo local. Tres idiomas europeos cóntanse entre as dez linguas con máis falantes nativos no mundo: o inglés, o castelán ou español e o portugués. Este panorama parece especialmente favorable para os galegos, a condición de que saiban buscar a compatibilidade entre o mantemento da súa lingua propia e a adquisición, relativamente doada, dunha aceptable competencia productiva nos dous idiomas veciños. No mundo contemporáneo, o inglés consolídase como un novo latín, lingua de comunicación mundial, o idioma da cultura popular hexemónica (cine, música, audiovisual en xeral), á que ademais se asocian os saberes científicos e técnicos e as súas aplicacións. O manexo deste idioma debe ser asegurado polo sistema educativo e as novas técnicas do ensino/aprendizaxe de linguas; obxectivo este do que estamos bastante lonxe.

     No escenario continental, un factor determinante é a Unión Europea. Neste espacio, o inglés continúa a ser a principal lingua segunda (isto é, coñecida por non nativos), pero o alemán emerxe como a lingua primeira máis importante (con máis falantes nativos), dotada ademais dun enorme potencial económico. Previsiblemente, para contrarrestaren na medida do posible a importancia dos dous xigantes xermánicos, os países románicos procurarán tirar vantaxe da semellanza existente entre os idiomas respectivos. Algúns pasos xa se teñen dado nesta dirección, e desde hai uns anos fálase da promoción do bilingüismo receptivo. A idea que subxace a esta alternativa é que á hora de aprender unha lingua auxiliar é moito máis doado adquirir competencia receptiva (entender, ler) que competencia productiva (falar, escribir). Se a lingua que se quere aprender é próxima á nativa, como acontece no caso das linguas románicas, a adquisición de destrezas receptivas mediante unha aprendizaxe especificamente destinada a esta é moi fácil. A adopción de programas para a aprendizaxe receptiva de idiomas estranxeiros ofrécese como unha alternativa cada vez máis atractiva. Contando cos medios axeitados, non parecerá quimérico dotar unha boa parte dos galegos dun mínimo de competencia receptiva nas linguas románicas máis importantes (especialmente o francés).

     Sexa como for, a expansión da Europa comunitaria cara ó oriente e ó norte, e no futuro cara ó sueste, vai colocar cada vez con máis forza a cuestión das ‘linguas menores’, faladas por pobos pequenos que accederon á estatalidade. Efectivamente, en Europa existe unha boa cantidade de linguas con menos de dez millóns de falantes que así e todo posúen un teito estatal propio (grego, finés, esloveno, etc.). Comparando o número de falantes nativos das devanditas linguas, os aproximadamente cinco millóns de falantes do catalán e os dous millóns e medio do galego non parecen cantidades minúsculas. A medio prazo, parece difícil de xustificar que a Unión Europea dea un tratamento distinto a unhas e outras linguas, fundado en que unhas teñen estado propio e outras non. Probablemente, impoñerase un arranxo polo cal só unhas poucas das grandes linguas serán linguas de traballo plenas e efectivas no conxunto dos organismos da Unión, as outras linguas de extensión mediana serano só nas institucións ou ocasións máis importantes, e as demais obterán recoñecemento oficial, e serán empregadas nas publicacións máis relevantes das institucións comunitarias e nas delegacións locais dos organismos europeos.

     No caso dos falantes das linguas menores, igual ca no das ‘minorizadas’, o bilingüismo (e mesmo e trilingüismo) dista de ser un fenómeno excepcional. De certo, nas correspondentes comunidades lingüísticas existe un número importante de monolingües, pero unha boa parte destas é bilingüe, pois coñece e usa unha segunda lingua, que pode ser o inglés ou un idioma de comunicación rexional, e unha porcentaxe considerable é trilingüe (coñece e usa a lingua propia, unha lingua de comunicación rexional e o inglés). E as linguas segunda e/ou terceira non se empregan soamente na comunicación internacional, senón que teñen tamén usos ‘domésticos’ (na Universidade, nas publicacións científicas, nas tecnoloxías, no mundo económico e financeiro), sen que isto sopuña unha ameaza para a posición da lingua ‘nacional’.

    Seguramente, a solución de futuro para idiomas como o galego consistirá nun acomodo do tipo que acabamos de indicar. O conxunto dos galegos será bilingüe productivo en galego e en castelán, unha grande maioría será tamén destro en inglés, e diferentes sectores da poboación terán ademais competencia receptiva ou productiva en francés e alemán. O galego achegarase ó portugués e intensificaranse os contactos con Portugal e os países lusófonos, ata o punto de que a competencia no primeiro idioma habilitará, complementada cun pequeno esforzo, para manter unha fluída intercomunicación cos falantes do segundo. Este futuro pasaría pola consolidación da lingua galega como idioma doméstico, que conquiste e manteña para si unha situación de preeminencia nunha serie de ámbitos, admitindo a concorrencia do castelán nalgúns destes, e noutros a preferencia por este e/ou polo inglés.

     É arriscado aventurar cales ámbitos deben ser cubertos polo galego e cales polo castelán e o inglés, e cal ha ser o tipo de concorrencia desexable entre o primeiro e o segundo, de xeito que se obteña unha configuración sociolingüística do país compatible coa sostibilidade do idioma galego. A medio prazo, o galego debera cubrir, ademais da función simbólica que xa posúe, ámbitos tales como o das administracións (incluída a da Xustiza) e servicios públicos e mailo sistema educativo (coa probable excepción parcial da Universidade), e deberá equipararse, como mínimo, co castelán noutros (comercio e relacións laborais, medios de comunicación de masas, productos de lecer). Ningún destes dominios estará cuberto de xeito exclusivo polo idioma galego, pero nunha serie deles debe ocupar unha posición claramente preferente.

     As novas tecnoloxías, cada vez máis versátiles, o abaratamento de custos en sectores clave coma a comunicación e a industria do lecer, os avances en áreas como a traducción automática e a sintetización da voz, as melloras nos sistemas educativos e no sector do ensino/aprendizaxe de linguas en particular, probablemente farán sostible a moi desexable preservación, en condicións dignas, da diversidade etnolingüística da humanidade, inserida no novo horizonte ecolingüístico que se está a debuxar. Pero claro, esta non é unha tendencia irreversible. Existen poderosos factores que militan en senso contrario. A auto-estima das comunidades lingüísticas menores, a defensa intelixente dos dereitos destas, unha vontade tenaz de gañar o respecto das maiorías, a capacidade para divulgar os valores asociados coa diversidade e o pluralismo lingüísticos, son elementos indispensables para afrontar o reto de futuro con garantías de éxito.

2. A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA EN GALICIA

     1.- Habilitación completa no uso oral e escrito da lingua galega para tódos os cidadáns. Iso inclúe: a) capacitación para a comunicación xeral, en particular na lecto-escritura para os galego-falantes iniciais e na producción oral para os castelán-falantes iniciais; e en xeral nos rexistros formais da lingua. b) capacitación para o uso profesional, falado e escrito, do idioma galego (cada quen no respectivo ámbito laboral). O instrumento fundamental para conseguir esta capacitación é o sistema educativo. Nos niveis iniciais e medio (incluíndo as ensinanzas técnicas), debe empregarse como idioma vehicular o galego de xeito preferente, aínda que adaptado en cada caso ós contextos particulares e ás condicións/necesidades/posibilidades dos aprendentes; que poden aconsellar unha introducción gradual ou a distribución proporcional, en medidas diferentes, no emprego do galego e o castelán (ou, eventualmente, doutras linguas). O ensino do galego (e das outras linguas) debe estan orientado ó incremento da compentecia comunicativa, oral e escrita, formal e informal, máis ca ó coñecemento da gramática.

    Hai que garantir a conexión entre a capacitación lingüística obtida no sistema educativo e as necesidades e esixencias do mercado laboral; entre o simbólico e o operativo; entre a adquisición de competencia e o uso efectivo. A compentencia no idioma galego e o seu uso nas ocasións requiridas debe ter un recoñecemento específico no mercado laboral.

     2.- Normalización do uso do idioma galego no seo da sociedade galega, isto é, nos seus distintos ámbitos e sectores. Entendemos por normalización a institucionalización ou rotinarización do uso do idioma, isto é, conseguir que nos ámbitos principais da sociedade, este non sexa excepcional, senón habitual e non problemático. Como dixemos antes, coidamos que o pluralismo lingüístico da nosa sociedade está mellor garantido se existe un certo repartimento de papeis das dúas linguas faladas en Galicia no que atinxe á comunicación social: o galego debe obter a preferencia nunha serie deles, e o castelán manterase neses e será máis utilizado noutros diferentes (dos cales, obviamente, o galego tampouco pode ser excluído). Sen embargo, os poderes públicos de Galicia non deben esquecer que teñen un compromiso particular (imposto polo ordenamento legal) de promoción do idioma galego.

     3. Por un plan xeral de promoción do idioma galego

- Elaboración dun Plan xeral de promoción do idioma galego. De carácter global, marcando un horizonte a medio prazo (por exemplo, o propio ano 2010), e coa participación dos sectores máis significativos, debe atender de maneira específica ós seguintes sectores:

     Sistema educativo. Capacitación do profesorado de todos os niveis educativos. Promoción da elaboración de materiais didácticos en galego nas diversas materias. Tendencia a facer do galego a lingua vehicular maioritaria no ensino non universitario, a ritmos diversos segundo as circunstancias, e promoción no universitario.

     Administracións (periférica, autonómica, local, de xustiza, sectorial, especialmente a sanitaria). Capacitación do persoal das administracións públicas. Xeración de modelos de documentación, programas informáticos e materiais de apoio en lingua galega. Integración da mellora da competencia lingüística nas actividade de formación e reciclaxe. Establecemento de perfís de competencia lingüística adaptados ós distintos niveis, con probas-modelo de lingua homologadas.

    Medios de comunicación. Promoción do uso do idioma, establecendo mínimos de uso para as concesións privadas na radio e a televisión e priorizando o criterio de idioma e atención informativa por Galicia nas novas concesións.

    Apoio á producción cultural en idioma galego nos diferentes soportes (libro, vídeo, cd).

    Comercio e comunicación publicitaria. Incentivos fiscais para o emprego do galego na comunicación comercial e a publicidade.

    Ámbito laboral. Promoción do uso do galego no ámbito das relacións laborais, empresariais e nos postos de traballo, especialmente os dirixidos cara ó público.

    Novas tecnoloxías. Atención ás aplicacións lingüísticas das novas tecnoloxías. Garantía de versión galega no caso dos principais instrumentos tecnolóxicos en que se utiliza a lingua.

    Adaptación e difusión da lingua. Estímulo para as investigacións en lingüística e sociolingüística galegas, especialmente as aplicadas. Priorización na elaboración por parte da Academia Galega dun grande diccionario galego de referencia. Plan de elaboración de tecnolectos e linguaxes de especialidade. Promoción dos estudios de didáctica da lingua galega. Fomento de experiencias de recuperación de falantes, no medio educativo e noutros medios. Creación de novos métodos de aprendizaxe do idioma, adaptados para diferentes perfís de aprendentes, e botando man dos diversos medios (audiovisuais, auto- e tele- aprendizaxe, etc.).