XIII. PRINCIPAIS PROPOSTAS DO RELATORIO
Esta
parte, en que, tal como está explicado ó comezo, presentamos a relación das
propostas máis relevantes de cada unha das partes do conxunto do relatorio,
contempla os seguintes aspectos: 1) Desenvolvementos normativos. 2) Institucións/
infraestructuras. 3) Outras iniciativas prioritarias. 4) Actuacións sobre a
formación, ben de colectivos amplos (4.1.), ben de especialistas (4.2).
1.
DESENVOLVEMENTOS NORMATIVOS
•
Elaboración, mediante o concurso do Consello da Cultura Galega, da Lei do Fondo
Cultural Galego.
•
Elaboración dunha Lei de Asociacións, orientada á promoción destas.
•
Desenvolvemento normativo completo da Lei de Bibliotecas de Galicia.
•
Desenvolvemento normativo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
•
Desenvolvemento normativo da Lei do Audiovisual.
• Establecemento de normativas e regulamentos específicos para a creación e
mantemento de arquivos, bibliotecas e museos.
• Revisión
das medidas en materia de “un por cento”.
•
Adaptación da regulamentación dos dereitos de autor.
•
Regulación da relación comercial dos creadores plásticos co mercado galerístico.
2.
INSTITUCIÓNS / INFRAESTRUCTURAS
•
Potenciación do Consello da Cultura Galega, como principal organismo
representativo, deliberativo e asesor da política cultural de Galicia.
•
Integración das áreas de Comunicación e Innovación na Sociedade do Coñecemento
nunha Consellería de Cultura e Comunicación.
• Creación
dun organismo, dependente da Consellería de Cultura, orientado á regulación,
ordenación e promoción do sector do asociacionismo cultural.
• Creación
dunha Biblioteca Nacional de Galicia, con servicios de Hemeroteca e Mediateca,
que permita a recuperación e salvagarda do patrimonio bibliográfico galego, e
especializada na colección de productos relativos a Galicia.
•
Vertebración e desenvolvemento do Sistema Bibliotecario de Galicia, potenciando
a rede pública de bibliotecas existente e articulando unha rede territorial de
bibliotecas e mediatecas.
•
Vertebración, ordenación e desenvolvemento dun sistema de Arquivos de Galicia,
fortalecendo o Subsistema de Arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.
•
Articulación territorial dun Sistema Galego de Museos, ordenando as diferentes
redes (públicas e privadas) no marco dunha estructura e dunha acción que
definan os espacios estratéxicos da museoloxía galega: o Museo do Pobo Galego,
a rede de museos xestionados pola Xunta de Galicia, a rede da Administración
Local (municipal e comarcal) e a rede eclesiástica.
•
Desenvolvemento dunha Rede de museos etnográficos, asociados á rede da
Administración local, orientados á recuperación da memoria local e ó
fortalecemento da identidade comarcal. Musealizacións inspiradas nas novas
museoloxías: ecomuseos, parques etnográficos, museos comunitarios, etc.
•
Constitución dun Servicio Técnico para a Cultura Tradicional e o Patrimonio
Etnolóxico, con centros comarcais propios ou conveniados.
• Creación
dunha Comisión Superior Cualificadora de Documentos Administrativos, un Centro
de Restauración do Patrimonio documental de Galicia, e un Centro de Reproducción
de Documentos, entidades estas xa previstas na Lei do Patrimonio Cultural.
• Erección
dun Teatro de Galicia. Dotación do mesmo coas infraestructuras necesarias para
acoller o Centro Dramático Galego, de xeito que sexa esta institución a
responsable da súa xestión e programación, iniciando e intensificando os
intercambios con outras compañías similares.
• Creación
dunha Compañía Galega de Danza Contemporánea, vencellada á Escola Superior
de Danza de Galicia. Construcción do Teatro da Danza de Galicia, espacio
vinculado á devandita Escola, á Compañía Galega de Danza Contemporánea e ó
Ballet Rei de Viana.
•
Reforma estructural do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, coa
creación dos Departamentos de Música, Danza e Teatro.
• Creación
dunha Comisión Mixta entre as Consellerías de Cultura e Industria, ou ben un
Instituto específico que xunte a rede empresarial e tecnolóxica coas produccións
tanto artesás coma da arte contemporánea, con capacidade para artellar os
intereses empresariais cos creadores e os especialistas en artes plásticas.
• Creación
dun Consorcio do Audiovisual, xa previsto na Lei do Audiovisual. Constitución
dunha Axencia Galega do Audiovisual. Potenciamento do Centro Galego de Artes da
Imaxe. Recuperación do Patrimonio Audiovisual, coa creación dun Museo do
Cinema.
•
Reforzamento e recolocación da Dirección Xeral de Política Lingüística, que
debe converterse nunha Viceconsellería ou depender directamente da Presidencia.
Ademais, deben contar cun corpo técnico amplo e especializado, que realice
labores de asesoramento público e apoio á promoción do idioma, ademais de
prospección e avaliación, non só de xestión.
•
Promoción da creación de Centro(s) de Documentación e Asesoramento Lingüísticos
(centros de recursos, con labores de compilación de documentación, difusión
de materiais, consulta pública). O Arquivo de Planificación e Normalización
Lingüística / Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da
Cultura Galega é o xermolo dun proxecto que debera ter maior proxección.
•
Reforzamento da Real Academia Galega, que debe estar debidamente dotada e
financiada. Esta debe acentuar a súa orientación actual, ata converterse nun
centro de adaptación do corpus idiomático do galego: actualización e revisión
das normas ortográficas, elaboración dunha ampla gramática normativa, dun
grande diccionario de referencia, de linguaxes de especialidade e terminoloxía,
onomástica, etc.
•
Potenciamento do Instituto da Lingua Galega, que debe continuar a ser un centro
académico de investigación, pero converterse en interuniversitario, que
articule o estudio da lingua (gramática, gramática diacrónica e historia da
lingua, sociolingüística, onomástica, didáctica da lingua, lingüística
aplicada... ) e a literatura galegas, con especial atención á sociolingüística
e á lingüística aplicada.
•
Extensión, estabilización e articulación dos Servicios, Departamentos ou
Gabinetes Lingüísticos ou de Normalización Lingüística. Constitución dun
organismo que englobe este tipo de servicios nunha entidade do tipo Consorcio
pola Normalización Lingüística, no que estean representadas as institucións
e entidades en que aqueles se atopan inseridos.
•
Constitución dun organismo do tipo Consello Social da Lingua Galega, con carácter
representativo dos distintos sectores sociais (desde o mundo empresarial ó
deportivo, pasando polas asociacións culturais, profesionais, sindicais, etc.),
e con funcións deliberativas e consultivas. Este organismo pode estar integrado
en (ou articulado con) o Consello da Cultura Galega.
•
Constitución dun Instituto do Deseño, que sirva de ponte co mundo empresarial.
• Creación
dunha Asociación Profesional de Deseñadores de Galicia.
• Creación
dunha Cámara do Libro Galego.
3.
OUTRAS INICIATIVAS PRIORITARIAS
•
Plans quinquenais de fomento da lectura en lingua galega. Apoio permanente á
presencia promocional do libro e da lectura nos medios de comunicación (prensa,
radio, televisión e internet). Rebaixa das tarifas publicitarias nos medios de
comunicación públicos. Utilización específica dunha canle temática de
televisión en lingua galega para a promoción da lectura e da creación
cultural. Plan de modernización da rede de comercialización do libro (telepedido,
informatización...).
•
Programas públicos de axudas á producción de obras orixinais en lingua galega,
no ámbito do ensaio, da poesía e da literatura dramática. Plan público de
apoio ó sector editorial para a utilización das novas tecnoloxías de edición
en réxime de baixas tiradas (edición dixital). Plan público de axudas para a
publicación de obras de referencia (obras enciclopédicas e lexicográficas) e
obras multimedia en soporte electrónico.
•
Creación dunha Biblioteca Virtual, de acceso gratuíto, que compile o
patrimonio documental e literario en lingua galega de dominio público. Apoio público
á creación dunha Biblioteca Clásica da Literatura galega, editada en soporte
convencional pola iniciativa privada.
•
Plan público de apoio á creación literaria en lingua galega: bolsas para
estadías de escritores no extranxeiro... Plan Nacional de Traducción en Lingua
Galega. Traducción e edición, en soportes convencionais e dixitais, de 400 títulos
básicos da cultura universal en lingua galega.
•
Plan de difusión do libro e da creación cultural en lingua galega nas
Comunidades da Galicia Exterior. Plan de apoio á difusión do libro galego no
ámbito internacional. Apoio á presencia do libro galego nas Feiras
Internacionais. Edición dun catálogo virtual do libro galego en Internet.
Apoio público á traduccións noutras linguas de obras escritas orixinalmente
en galego.
•
Desenvolvemento dun Plan Nacional de Mediatecas, adaptado á resolución do
Parlamento Europeo sobre as Bibliotecas na sociedade moderna. Desenvolvemento de
programas plurianuais de mediatecas escolares, que contemple a formación e
reciclaxe do persoal docente especializado no funcionamento das mediatecas, así
como a constitución dun módulo mínimo da mediateca galega para todos os
centros de educación non universitaria.
•
Posta en marcha dun programa integral (priorizado e xerarquizado) de
informatización e aplicación das novas tecnoloxías nos Arquivos e
Bibliotecas. Adaptación da rede bibliotecaria ás pautas do Consello de Europa.
•
Catalogación exhaustiva de todos os fondos antigos, públicos e privados.
Dixitalización de toda a documentación anterior ó século XVII.
•
Regulación e racionalización da política de subvencións e axudas ás
empresas (editorial, medios de comunicación, audiovisual, etc.) e ás Fundacións
e asociacións culturais.
•
Adopción de medidas destinadas á protección eficaz dos dereitos de autor.
•
Exploración e programación a longo prazo da rendibilidade estratéxica dos
investimentos en materia de mostras artísticas de grande formato, en
consonancia con xestións europeas semellantes, co obxecto de concatenar
esforzos no tempo e non pechar cada evento en si mesmo.
•
Creación e desenvolvemento de liñas editoriais orientadas á difusión en
galego da literatura dramática universal e á divulgación do coñecemento do
feito teatral, así como medidas específicas relativas a publicacións periódicas
e coleccións especializadas.
•
Promoción editorial e escénica da creación dramática galega, potenciando a
obra dos autores máis significativos na historia da nosa literatura dramática,
apoiando as novas fornadas de autores e autoras e estimulando a aparición de
novos valores.
•
Potenciación da presencia das artes escénicas nos medios de comunicación,
promoción da crítica e posta en marcha de campañas de información e
divulgación das artes escénicas.
•
Posta en marcha dun novo modelo de axudas á realización de espectáculos
teatrais e de danza, que contemple a posibilidade de elaborar proxectos
plurianuais, anuais ou circunstanciais, de xeito que as compañías poidan
establecer proxectos a longo, medio ou curto prazo.
•
Potenciación de espacios alternativos de exhibición teatral e de danza, e das
compañías que os promoven, para fomentar a diversidade na producción e
atender as demandas dos diferentes públicos. Posta en marcha de proxectos específicos
de promoción do teatro para a infancia e a mocidade, do teatro de bonecos e do
teatro de rúa. Posta en marcha de proxectos específicos de promoción do
teatro afeccionado, teatro escolar e doutros tipos de práctica teatral non
profesional.
•
Consolidación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e mellora das
infraestructuras, equipamentos e recursos existentes. Creación de circuítos de
exhibición das artes escénicas entre as cidades do Eixo Atlántico e fomento
de programas de producción e difusión entre as capitais de Galicia e do norte
de Portugal. Consolidación do mapa actual de mostras e festivais e posta en
marcha dun Festival Internacional de Teatro e Danza. Posta en marcha de Compañías
Residentes de teatro nas principais cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Lugo,
Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.
•
Establecemento de rutas monumentais.
•
Creación de redes de teleformación con contidos específicos da comunicación
e multimedia.
•
Elaboración dun plan de sinalética de Galicia, que evite o actual caos de
letreiros públicos e que contribúa a vencellar o deseño coa vida cotiá.
•
Elaboración dun Plan xeral de promoción do idioma galego, conforme as liñas
indicadas no texto correspondente.
•
Elaboración dun plan de acción para a recolocación dos compoñentes da
cultura tradicional nos medios de comunicación.
4.
ACTUACIÓNS SOBRE A FORMACIÓN
4.1.
Formación básica
•
Atención preferente, no ensino regulado, ó desenvolvemento da capacidade de
expresión dos individuos.
•
Adopción de medidas para aumentar os índices de lectura e fomentar os hábitos
de consumo cultural. As institucións educativas deberán no seu tramo
obrigatorio prestar atención preferente ós procedementos de lectura e
escritura nos diferentes soportes.
•
Posta en marcha das Escolas Integradas de Música, con vistas a favorecer a
formación de novos talentos musicais.
•
Regularización do ensino das artes escénicas na Educación Primaria e
Secundaria. Incrementar a oferta de actividades teatrais extraescolares.
Elaboración de programas específicos para colectivos particulares
(discapacitados, terceira idade, etc.).
•
Imbricación do patrimonio cultural, das rutas (artesás, paisaxísticas,
industriais) e itineriarios culturais e mais dos museos e bibliotecas na formación
educativa.
•
Política de educación artística para niveis pre-universitarios, promoción
dos bacharelatos artísticos, favorecendo a implicación de especialistas nos
labores de ensino/aprendizaxe.
•
Atención específica á formación dos usuarios dos medios e as novas tecnoloxías
da comunicación. Incorporación de materias que familiaricen o alumnado coas
novas tecnoloxías e linguaxes de comunicación. Incorporación de contidos da
Sociedade da Comunicación e do Coñecemento no ensino regular. Plan de producción
de contidos específicos (multimedia, audiovisual) para o ámbito escolar.
•
Potenciación na formación no plurilingüismo dentro do sistema educativo.
Capacitación do profesorado no uso do idioma galego.
4.2.
Formación de especialistas
•
Creación dunha Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
•
Creación dunha Escola Superior de Danza.
•
Creación dunha Escola Superior de Cinema.
•
Formación de técnicos en cultura e axentes de animación sociocultural,
especialmente mediante cursos universitarios de posgrao.
•
Implicación das tres universidades galegas no proceso de innovación no
hipersector da Comunicación. Os programas de actuación da Universidade de
Santiago, a través da súa Facultade de Ciencias da Información, deberán
contemplar unha formación actual para os novos xornalistas, que serán
fornecedores de contidos e mediadores sociais. A innovación na formación debe
abarcar ós creativos publicitarios (en publicidade e relacións públicas), na
Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra, e ós profesionais do ámbito da
ficción audiovisual nas facultades de Ciencias da Información de Santiago e
Ciencias Sociais de Pontevedra (a implantación da titulación de Comunicación
Audiovisual está pendente, no ano 2000, da decisión do Goberno galego).
•
Titulación universitaria, mediante estudios de posgrao, en Edición
convencional e multimedia. Actualización dos profesionais do sector da edición
e comercialización do libro e outros productos editoriais.
•
Cualificación específica, segundo os diferentes niveis técnicos e científicos,
dos profesionais de arquivos e bibliotecas nas distintas especialidades.
Cualificación específica, segundo os diferentes niveis técnicos e científicos,
dos profesionais dos museos, atendendo ó contido temático especial de cada
unha das diversas tipoloxías museísticas. Creación e dotación dun Centro de
formación superior de restauradores.
•
Fomento da investigación arredor das artes escénicas, quer da orientada á
realización de estudios teóricos, quer a dirixida á experimentación e á
investigación de novas linguaxes expresivas e das diversas tendencias e
correntes escénicas.
•
Formación de profesionais especializados en Patrimonio Etnográfico e en
Antropoloxía Cultural e Aplicada. O Sistema Universitario Galego ofertará un
ciclo formativo completo nesa área e cursos de posgrao para especialistas.
Establecemento de ciclos formativos orientados á formación de Técnicos
Auxiliares especialistas en conservación, xestión e activación do Patrimonio
histórico, artístico e etnográfico.
•
Creación dun Campus Integrado das Artes, a partir da Escola de Arquitectura da
Coruña, o Departamento de Historia da Arte de Santiago, a Facultade de Belas
Artes de Pontevedra e as Escolas de Enxeñería Industrial. Creación dunha rede
interdepartamental de investigación sobre as artes plásticas entre as tres
universidades galegas.
•
Elaboración de ciclos de formación na área de deseño eficaces e homologables
cos existentes na Comunidade Europea. Establecemento de estudios de Graduado
Multimedia e estudios de Moda.
•
Potenciación de centros de aprendizaxe e formación en multimedia, combinando o
punto de vista tecnolóxico e o creativo. Plan de actualización permanente dos
profesionais do sector audiovisual, coa participación das Universidades no
proceso.
•
Implicación das Universidades na formación de persoal especializado en
sociolingüística e lingüística e aplicada á lingua galega, e na reciclaxe
dos profesionais dos servicios lingüísticos e de dinamización lingüística.