II. POLÍTICAS CULTURAIS

     A sociedade galega experimentou nas últimas décadas unha profunda transformación que atinxiu non só os aspectos sociolóxicos e económicos senón tamén os modos de xestión da cousa pública e mesmo de xeito máis específico a todo o que se refire ó eido da acción cultural e ó das políticas culturais. Galicia coñeceu, en paralelo co que aconteceu no conxunto de España, unha reubicación sociolóxica do papel da cultura. Se ó longo das décadas da extinta Dictadura a cultura desempeñou un papel netamente subalterno e orientado pola vía da censura e o control político, véndose decote relegada á función de ornamento ou a subsistir coma mera anécdota; a nova situación democrática e a revolución informacional tenderon a resituala, provocando tamén a emerxencia de novos dilemas e problemáticas.

    Os profundos cambios sociolóxicos acontecidos no país transformaron a face dunha terra intensamente ruralizada e con baixos niveis educativos nunha comunidade claramente orientada cara á sociedade urbana e na cal vemos como as novas xeracións multiplican xeometricamente os ratios formativos que foran habituais entre os seus maiores hai só tres ou catro décadas. Máis en concreto, no ámbito das políticas culturais a sociedade galega acaba de experimentar os efectos de polo menos tres grandes transformacións que afectan ós modos de institucionalización e xestión dos recursos culturais.

     En primeiro lugar, e cunha particular trascendencia, a aparición da Administración autonómica, en segundo lugar, a instauración dun municipalismo democrático con efectos heteroxéneos, e no que pode destacarse a diferenciación do grupo dos concellos pequenos, os cales se ven obrigados pola precariedade orzamentaria a unha intensa dependencia da Xunta de Galicia e das Deputacións Provinciais. E, en terceiro e último lugar, a aparición dun grupo formado polas sete grandes cidades do país, as cales presentan entre elas fórmulas distintas tanto no ritmo coma no modo de afrontar a resolución dos seus desafíos no terreo das políticas culturais.

 1.- A SITUACIÓN ACTUAL DA ADMINISTRACIÓN DA CULTURA

     Os modos de asunción das responsabilidades no eido da cultura por parte das distintas administracións responsables do noso entramado democrático se teñen exercido desde presupostos e niveis de receptividade diferentes. Por unha banda, o inicio da recente xeira democrática no país motivou a consolidación de tres focos de acción e responsabilización particularmente activos. En primeiro lugar, o Estado Central, desde onde se realizou un esforzo por marcar diferencias coa etapa anterior, e por facilitar a emerxencia de novas elites sociais. En segundo lugar, os concellos, nos que gobernaron desde o primeiro momento moitos partidos de esquerdas. Estes quixeron evidenciar a súa impronta vencellando a utopía política á cultural e achegando o seu gran de area ó proceso de democratización da cultura. Finalmente, as Comunidades Autónomas víronse compelidas a facer fronte á construcción social e cultural dunhas identidades que lles servían de esteo e fundamento. Nese aspecto, e en particular as nacionalidades históricas, Cataluña o País Vasco e Galicia, foron definindo unhas políticas culturais específicas.

     Cómpre decir que nestes últimos anos e xa desde a Administración Central, foise evidenciando unha certa atonía influída pola crise fiscal do estado occidental, co conseguinte arrefecemento do ideal de democratización cultural e a publicitación alternativa dalgúns mitos de substitución. Quizais o máis claro destes teña sido o do posible mecenato da industria privada como promotora da cultura. Ata o de agora, o balanzo desta vía posible resulta bastante desalentador, habida conta de que a cultura que é apoiada polos mecenatos (salvo honrosísimas excepcións) resulta moi sesgada cara ó marketing e os trazos máis espectaculares e comerciais, o cal, aínda cos seus aspectos positivos, resulta incompleto e insuficiente.

Noutros ámbitos da administración percíbese ultimamente un enfriamento do compromiso de participación na cultura (concellos) así como unha ralentización do labor de reconstrucción cultural e identitaria (Comunidades Autónomas), evidenciándose unha forte proclividade a privilexiar grandes proxectos de erección de equipamentos de ocio e cultura de nova planta pensados máis desde obxectivos turísticos que culturais. Un asunto este que non presentaría grandes problemas se non correse o risco de condicionar e provocar fortes recortes nos propios e limitados presupostos de cultura da Comunidade Autónoma. O pretexto do axuste neoliberal e a encomiable vontade de vencellar a cultura con factores de desenvolvemento máis amplios coma o turismo non pode disolver o compromiso estable da democracia por promover cidadáns identificados coa súa cultura, destros no seu manexo e participativos. A función económica da cultura non pode anular a súa imprescindible dimensión social e política na sociedade democrática presente e futura. Pola contra, cómpre seguir avanzando e experimentando na súa profundización.

 2.- AXENTES E EQUIPAMENTOS

     Un dos trazos que máis claramente pode definir as políticas culturais autonómicas e municipais é o da xeneralizada creación nos últimos quince anos de equipamentos culturais de carácter diverso (Casas da cultura, centros socio-culturais, auditorios, etc). Neste despregue de equipamentos, que nas grandes cidades asumiu un particular protagonismo, converténdoas en modelo a imitar por parte dos concellos medianos e pequenos, con excesiva frecuencia houbo máis ruído ca noces. No país existen bastantes equipamentos culturais que hoxe languidecen. En xeral, o esforzo realizado na construcción de edificios non sempre foi culminado cun compromiso paralelo e efectivo en capital humano competente e creativo. Con frecuencia, en moitas grandes cidades os labores profesionais de cultura careceron do pulo e o rigor que o esforzo orzamentario equipamentador semellaba prometer.

Nos pequenos e medianos concellos, e isto quizais por falta de planificación, non se contemplou a cuestión clave da sostenibilidade dos equipamentos materiais, con vistas a construír unha infraestructura cultural estable e consolidada que esixe. Desde a administración autonómica, un excesivo celo non intervencionista en ocasións fanou a posibilidade de artellar estructuras de promoción de axentes, de formación continuada e apoio, que desen promovido todo o potencial latente de rendemento dos equipamentos e dos técnicos socioculturais para acadar un país máis rico e comprometido no seu desafío de construcción dunha identidade e unha cidadanía cultural. Desde a Universidade, en fin, non sempre existiu a ductilidade suficiente para aproveitar recursos coma as formacións de postgrao, as cales resultan particularmente interesantes por permitir o acceso de profesionais cualificados á docencia así como tamén por facilitar doadamente a adaptación dos programas a un mercado laboral moi anovador e cambiante.

  3.- A SITUACIÓN DA REDE ASOCIATIVA CULTURAL

     Posiblemente, unha das virtualidades máis salientables da sociedade democrática sexa a da súa comparativamente alta capacidade para mellorar a eficiencia na utilización dos recursos disponibles. Nestes termos, podemos entender que a sociedade civil é o actor protagónico que se atopa mellor capacitado para apontoar aquelas iniciativas de tipo asociativo-cultural, así como para deixar esmorecer aquelas outras que responden máis a obxectivos partidarios que a un afán solidario por promover a cidadanía e a cultura da comunidade. Tradicionalmente, o noso sistema asociativo viveatrapado nunha tensión irresolta entre o afán espúreo por conseguir o seu control partidario e a falla simétrica de criterios obxectivos e democráticos que permitan unha asignación xusta e equilibrada dos recursos públicos disponibles.

Alí onde a intelixencia e a sensatez de uns e outros fixo acto de presencia os efectos resultan visibles. Hai comunidades e concellos no país nos cales unha vida asociativa e cultural vizosa e unha política local sensible ós intereses da comunidade, levan da man e son quen de saber xuntar en proxectos a responsables políticos locais e a promotores asociativos, aínda desde puntos de vista ideolóxicos e partidarios dispares. Isto é posible porque uns e outros axentes decátanse da distancia funcional existente entre soportes distintos (sociais e políticos) nun marco común de carácter democrático. De cara a crebar esta rotina cómpre sofincar a necesaria implementación dunha axeitada política institucional de apoio e promoción ó movemento asociativo que estableza criterios obxectivos de reparto de recursos, directos e indirectos, financeiros e en especies, que sancionen positivamente tanto o desenvolvemento de programas participados como a capacidade anovadora e de apertura a novos terreos de modos de acción cultural ou sociocultural.

 4.- ACERCA DOS LÍMITES DA AFECCIÓN INSTITUCIONAL POLA CULTURA-ESPECTÁCULO

     Un dos índices máis significativos da ineficiencia cultural en Galicia márcao á proclividade tendencialmente crecente nos últimos anos a administrarnos unha dose excesiva de cultura-espectáculo. De certo, a cultura espectáculo é un fenónemo consustancial á sociedade na que vivimos. Pero resulta esixible a unha boa política cultural que demostre a capacidade para dosificala e para saber incardinala nun proceso de desenvolvemento social, económico e cultural do país. A proliferación de macroconcertos por todo o país nun tempo no que a xente procura instancias de religamento, identitarias e de encontro colectivo non representa en por si un asunto que cuestione a racionalidade dunha política cultural. A eiva atópase no feito de que a cultura dos concerto de masas campe libremente fagocitando recursos e dominando as prácticas sociais, na forma estandardizada de productos relativamente rotinarios e baleirados de imaxinación. E aínda máis que estas actividades se manteñan alleas, con excesiva frecuencia, a toda ambición tanto de excelencia como de pedagoxía cultural. En Galicia, que vende música étnica no exterior, non se crearon -máis alá dos intercélticos, de festivais coma o de Guitiriz, e/ou dos xa hoxe rotinarios encontros folklóricos internacionais- concertos e encontros de relevancia local e internacional con rúbricas abertas ás culturas e identidades emerxentes no mundo, por exemplo. Pola contra, multiplicáronse os concertos de música de consumo máis rotinaria e menos esixente.

Outra das limitacións da preferencia institucional polo concerto é aquela que remite á facilidade coa que se produce un proceso inflacionario dos custos dos contratos máis ou menos estrela, comparada coa habitualmente modesta xestión dos presupostos coa que traballan, por exemplo, os pequenos concellos. Os riscos dunha praxe inspirada no “Panem et Circenses” no eido da cultura, nun país con recursos limitados, é o de que se estraga e hipoteca a posibilidade de promover unha canteira propia nunha terra que se algo ten é un precioso legado de memoria cultural para construír unha identidade abondo forte e competitiva como para facela valer tamén canto producto prezado no contexto da sociedade globalizada do consumo cultural. Para testemuñalo está hoxe a mostra do éxito exterior crecente dos nosos músicos, escritores, artistas plásticos e creadores audiovisuais. Non termar deste feito constitúe unha flagrante responsabilidade histórica.

    Non debe implicar esta ollada (realizada, ata aquí, desde a perspectiva privilexiadora da relevancia da música étnica) que releguemos o interese cultural que representarían iniciativas dirixidas a potenciar áreas tales coma a da alta cultura musical, normalmente desatendida a nivel pedagóxico, relegada frecuentemente a espacios escindidos e bastante allea a iniciativas que a acheguen a uns públicos populares moito máis sensibles e capaces do que frecuentemente coidamos. O modesto camiño percorrido neste eido indícanos que é perfectamente posible atraer e fidelizar novos públicos populares en sectores tan elitistas (en opinión dalgúns) coma poidan selo a música clásica ou o teatro. Exemplos, aínda que escasos, hainos que resultan relevantes e estimulantes. A esixencia é a de sabermos diversificar e animar políticas institucionais menos rotinarias e máis  valentes que non renuncien  a experimentar e difundir novos xeitos e itinerarios mesmo se en aparencia os seus resultados non resultan tan espectaculares coma os duns macroconcertos de música de temporada.

 5.- A INDUSTRIA CULTURAL E OS CREADORES DE CULTURA

     Existe unha estreita relación entre a base creativa dun país e o desenvolvemento dunha industria cultural. A relación no caso do libro resulta visible para todos: á existencia dun sector editorial galego élle consubstancial a disponibilidade de autores en lingua galega como punta de lanza da súa actividade. Non obstante, tamén é certo que a lóxica específica comercial e industrial fai que non abonde só con esa condición para a existencia dunha industria vizosa. Pola contra, a industria editorial galega quizais teña que recoñecer que poida non ter sabido, por exemplo, aproveitar as potencialidades de moitos dos seus autores no mercado español. No momento actual a industria audiovisual acadou xa un nivel de potencia económica equiparable ó da industria do libro e evidencia unha grande forza e considerables potencialidades de cara ó futuro. Tamén neste terreo, a cesta non se fai sen vimios e a existencia de creadores nos terreos da interpretación, son, imaxe e plástica resulta transcendental. Pódense lembrar aquí as críticas recibidas pola Dirección Xeral de Cultura cando se puxo en marcha o Centro Dramático Galego, por parte dos que coidaban que a atención ó teatro era un anacronismo e un investimento pouco útil. Daquela, moi poucos eran os que ventaban a relación directa e estructural que é posible establecer entre a súa existencia e a posibilidade futura de desenvolvemento dun sector audiovisual galego. Argumentos parecidos poderían decirse sobre da posta en marcha, mesmo, no seu momento da Televisión de Galicia.

Os desafíos ós que se enfrontan os sectores da industria cultural esixen unha acción estratéxica conxugada que afirme e arrequeza as liñas de apoio existentes ó libro desde a Consellería de Comunicación e Cultura e ó audiovisual, de xeito particular desde a TVG, así como tamén desde a Consellería de Familia e Promoción do Emprego. Non obstante, cómpre subliñar que non é suficiente un apoio convencional á industria sen un esforzo conxugado que confirme a posta en valor dos creadores que elaboran os contidos chamados a ser difundidos por medio das industrias culturais. En virtude do devandito, o futuro destes sectores configúrase tamén en paralelo coa capacidade dos homes e mulleres da cultura, das súas asociacións e institucións, así como en función da capacidade daquelas entidades corporativas como a Asociación Galega de Productores Independentes ou a Asociación Galega de Editores para simultaneamente interpretar e influír mellor no devir dos seus respectivos sectores.

    Outro sector que despunta é o do audio, vencellado á creación musical de tipo étnico, terreo no que Galicia está a ter un protagonismo crecente. Non obstante, neste sector a dependencia de casas editoras de fóra de Galicia é determinante, en virtude tanto das dificultades específicas na escala deste mercado como por mor da existencia dunha estructura comercial no ámbito español e máis en xeral no multinacional moi consolidada xa pola industria discográfica. En todo caso, a potencia creativa e económica do sector ten que facer reflexionar sobre os resultados, neste tempo de consumo crecente de cultura, que poden ser acadados e inducidos desde unha política cultural rigorosa e decidida. O éxito dos nosos músicos e intérpretes débese tanto ó país e á nosa cultura, á existencia de persoas sensibles e decididas cara á creación coma a precedentes iniciativas e políticas de promoción cultural que orientadas cara a aquelas actividades, como Grupos folklóricos, Escolas de Gaitas, Obradoiros de instrumentos ou outros, que fixeron e fan posible que Galicia converta a súa cultura xenuína nun producto cotizado no mercado global.

     Neste terreo as iniciativas dirixidas a acadar un maior control do mercado e dos productos desde o país non teñen porque estar limitadas á creación dunha industria propia, caben posibilidades intermedias coma aquelas que de xeito pioneiro se tentaran entre nós hai mais de trinta anos cando se crearan alianzas editoriais ou discográficas entre empresas galegas (Galaxia, Xistral, etc) e catalanas (Edigsa), uns ensaios que hoxe poden ser retomados con ambicións e alcances revisados.

 6.- ALTERNATIVAS CULTURAIS NA SOCIEDADE GLOBALIZADA DO CONSUMO CULTURAL

Na nosa opinión, a actual encrucillada na que se atopa a cultura galega atinxe a diferentes niveis ás tres instancias, ou se se prefire, ós tres actores protagónicos deste proceso: á Administración, ó sector privado da industria cultural, e ó conxunto de individuos, colectivos e asociacións que formando parte da sociedade civil se atopan vencellados dun modo ou outro á acción, promoción ou creación cultural. Á Administración esíxeselle rigor, brillantez e intuición respecto de modo de resolver os dilemas que presenta a inserción de Galicia no contexto dunha sociedade cada vez máis marcada polo consumo cultural, o primado da información e a reticulación mundial dos fluxos comunicacionais. Intuición para orientar as iniciativas emerxentes e rigor paramaximizar os recursos disponibles. Pola parte da industria cultural a simultánea capacidade de detectar e aproveitar as novas virtualidades do mercado sendo conscientes da potencialidade estratéxica do propio legado e memoria que permiten afrontar con solidez os novos desafíos de hibridación e multiculturalismo con que nos confronta a globalización e o consumo cultural. Ós creadores, cidadáns activos e voluntarios da acción cultural esíxeselle que se manteñan activos e en alerta reclamando e asumindo os foros de participación e a influencia na toma de decisións. Esta alerta resulta imprescindible nun tempo no que a inacción xorde coma unha ameaza desactivadora na forma sutil dunha tecnoutopía capaz de anular o rol insustituíble do compromiso e a participación desde a sociedade civil nos xeitos de afrontar os novos desafíos culturais do noso tempo.