A cultura
da edición e do libro en Galicia deberá facer fronte na vindeira década a non
poucos desafíos, dificultades e contradiccións. É o reto da nova modernidade:
o salto cualitativo que permita a este sector a non quedar descolgado da
trepidante carreira dos tempos, abocados a unha encrucillada histórica de
semellante trascendencia á que significou a imprenta no século XV. Daquela, o
idioma galego quedou fóra da nova tecnoloxía do libro e, en certo modo,
Galicia, como singularidade, como identidade autónoma, quedou fóra do discurso
da Historia tamén, ou da chamada Alta Cultura. O futuro do sector da edición e
do libro preséntase como un espacio estratéxico e moi sensible, vencellado
estreitamente ó futuro do idioma galego e do sistema literario propio, como
eixes vertebradores da identidade cultural do país.
A edición
e o libro en Galicia deberán enfrontar na vindeira década a redefinición dos
soportes que utiliza, no contexto das novas tecnoloxías da información, así
como o proceso de converxencia mediática e de concentración empresarial que
caracterizan a todo o sector da edición no primeiro mundo. Estes procesos de
redefinición dun sector aínda moi feble empresarialmente, que opera sobre un
mercado moi reducido, deberá ser compatible co proceso de globalización da
diversidade que asegure a supervivencia do idioma e da creación literaria
propia, tanto nos soportes actuais en papel, como nos novos soportes dixitais
que configuran a sociedade da información.
Esta
proposta presenta, pois, os obxectivos e as actuacións estratéxicas que
entendemos deben permitir o desenvolvemento dun sector do libro e da edición
viable empresarial e culturalmente, no contexto da nova sociedade da comunicación
e do coñecemento.
1. O ESTADO DA EDICIÓN EN LINGUA GALEGA
Á
altura do cambio de milenio existe en Galicia (e en lingua galega), acaso por
vez primeira na historia, unha industria editorial propia, parte activa e
determinante do desenvolvemento dun sistema literario. Hai vintecinco anos, en
1975, Galicia editaba a penas 68 títulos anuais. En 1998, o sector ofreceu
1.528 referencias, das que 1.231 (o 80% ) están en galego. O libro editado en
Galicia facturou no ano 1998, 2.896 millóns de pesetas (2.736.854 exemplares
producidos), correspondendo ós publicados en galego o 77,1% (2.233 millóns de
pesetas). Esta actividade editorial está promovida por vintecatro empresas
privadas, que ocupan a 322 persoas (154 empregos directos), e manteñen vivos en
catálogo 5.791 títulos, dos que o 88,8% foron editados en galego. O libro
editado en Galicia presenta unha forte dependencia do ámbito educativo non
universitario, que supón o 30,4% da facturación anual, o 35,5% da producción
de exemplares e o 12,6% de todo o catálogo vivo actual; mentres a edición
literaria supón o 18% da facturación, o 12,8% da producción de exemplares e o
24,6% dos títulos en catálogo. O libro editado en Galicia comercialízase nun
42,1% por medio da rede de librerías (o 48%, no caso dos libros en galego),
mentres que as grandes superficies comercializan o 5,6% (7,1%, no caso dos
libros en galego); canles de comercialización como a venda por quioscos (0,7%),
correo (1,4%) ou Internet (0,5%) son hoxe a penas empregados. O libro editado en
Galicia comercialízase nun 88,2% no mercado interior, sendo Asturias, a
Comunidade de Madrid e Cataluña os mercados exteriores en que máis se adquiren
os libros aquí editados. As editoriais privadas de Galicia pagaron no ano 1998
por Dereitos de Autor 148 millóns de pesetas, e investiron 43 de millóns de
pesetas en promoción e publicidade.
As
vintecatro editoriais privadas, agremiadas na Asociación Galega de Editores (AGE),
teñen todas elas unha dimensión pequena ou media/pequena, formando parte o
42,9% delas dun grupo empresarial de edición e comunicación.
2.
AS CARENCIAS DO SECTOR
A
edición en Galicia aínda está eivada por múltiples carencias, entre as que cómpre
destacar as seguintes:
2.1. Carencias no terreo da difusión da lectura
- Os hábitos
de lectura entre a poboación galega son baixos e a porcentaxe de lectores en
galego inferior respecto á dos que están máis habituados a facelo en castelán
(o mercado do libro en lingua galega representa a penas un 13% do mercado total
do libro en Galicia). Segundo un informe elaborado polo Ministerio de Educación
e Cultura, Galicia ocupaba a penúltima posición entre as dezasete comunidades
autónomas na adquisición de libros (Galicia, que supón o 6,9% da poboación
española, representa o 5,9% de todo o mercado interior do libro en España, o
que amosa que se consume menos libros cá media española).
- Ausencia dunha rede bibliotecaria pública que cubra a totalidade dos núcleos
de poboación, tanto rurais como nas concentracións urbanas, dotada de fondos
bibliográficos e de recursos humanos suficientes.
-
Escasa dotación bibliotecaria nos centros docentes non universitarios.
-
Utilización de medios pouco eficaces nas campañas de animación á lectura
promovidas polas Administracións, que ata hoxe careceron dun marco global de
actuación e de coordinación entre elas.
2.2. Carencias e dificultades do sector empresarial
- A
excesiva fragmentación da industria da edición en Galicia, entre empresas de
reducido tamaño e outras que forman parte de grupos editoriais foráneos,
impediu a consolidación dun sector industrial integrado de artes gráficas,
especializado en edición de libros, que permitise completar en Galicia o
proceso de impresión e encadernación en tódolos formatos e calidades
habituais no sector.
- O tamaño
reducido do mercado sobre o que operan as editoriais galegas causa altos custos
de producción editorial, que inviabilizan, nalgúns casos, a utilización de
calidades de edición e fabricación acordes coas actuais esixencias do mercado.
- O escaso
recoñecemento institucional das editoriais como empresas culturais impediulles
o acceso ás axudas destinadas á renovación tecnolóxica e á formación e
reciclaxe do persoal especializado nos novos soportes.
- O apoio
institucional insuficiente non consentiu o desenvolvemento da diversificación
da oferta editorial, especialmente no ámbito da edición universitaria científico-técnica.
- A
ausencia de promoción suficientemente atractiva nos medios de comunicación de
masas, problema que é especialmente grave nos medios públicos (CRTVG, RNE en
Galicia, TVE en Galicia) onde non existe unha política estratéxica de apoio e
difusión do libro galego como ben cultural de primeira necesidade.
- A
deficiente rede de librerías (349 puntos de venda na comunidade, cunha dotación
comercial inferior á media estatal).
3. OBXECTIVOS DO SECTOR DA EDICIÓN E DO LIBRO
A aposta
de futuro da edición, por riba do soporte na que se realice, ha de ser a da
calidade, a da intelixencia, a do esforzo. Diante do reto das novas tecnoloxías
da sociedade da información e da mundialización, comprirá abordar con
imaxinación e creatividade o reforzamento do mercado do libro cara ó interior
e proxectalo cara ó exterior, na medida que o discurso da diversidade, das
identidades se universalice e saibamos compartilos en ámbitos máis amplos, máis
abertos e solidarios. Nesta liña, propomos:
1.-Aumentar
os índices de lectura e os hábitos de consumo de productos culturais escritos
da poboación de Galicia. As institucións educativas especializadas deberán no
seu tramo obrigatorio prestar atención preferente nos seus currículos ós
procedementos de lectura e escritura nos diferentes soportes. Deberán
establecerse fórmulas de colaboración entre as Administración Públicas e as
empresas multimedias para manter unha tensión permanente sobre a lectura como hábito
de lecer entre os cidadáns de tódalas idades.
2.-Potenciar
a edición de obras contemporáneas de creación, divulgación e referencia en
lingua galega, tanto sobre soportes convencionais, como sobre soportes dixitais.
As empresas editoriais deberán contar cos recursos que permitan diversificar a
súa actual oferta temática da edición (con atención preferente aos terreos
científico-técnicos, do ensaio e da divulgación xeral), coa intención de gañar
novos lectores e potenciar a lingua galega como vehículo de uso preferente no
sistema educativo.
3.-Promover
a edición de obras escritas do patrimonio cultural galego, tanto sobre soportes
convencionais, como sobre soportes dixitais. A conservación e recuperación do
patrimonio documental galego, despois de ser completada a súa catalogación,
debe permitir a edición daquelas pezas máis relevantes para o seu disfrute por
parte de investigadores e curiosos.
4.-Promover
a creación literaria en lingua galega en tódolos seus xéneros, como formas
artísticas e de expresión da creación contemporánea. A atención ó
desenvolvemento da creación literaria constitúe unha peza básica do
desenvolvemento de calquera sector editorial. Será necesario contar co mecenato
como unha das vías que fagan viable este apoio directo ós escritores (por
medio de sistemas de bolsas para a creación, organización de estadías
no estranxeiro, intercambios, organización de encontros, etc).
5.-Promover
a traducción e a edición en lingua galega, tanto sobre soportes convencionais
como sobre soportes dixitais, do patrimonio literario e científico da
humanidade. A actual oferta editorial de traduccións en lingua galega é escasa
e pouco representativa do patrimonio literario e científico da humanidade.
Comprirá un esforzo compartido entre as Administracións Públicas, as
Universidades, as asociacións de escritores e traductores, e mesmo das empresas
privadas (mecenato) para acometer un plan sistemático de traducción.
6.-Promover
a presencia e comercialización do libro en lingua galega nas comunidades da
Galicia exterior. A circulación do libro e doutros productos culturais entre a
comunidade galega no exterior (con especial atención as segundas e terceiras
xeracións) debería ser unha prioridade dos vindeiros anos. A utilización dos
novos soportes dixitais debe favorecer este necesario proceso.
7.-Promover
a difusión, coñecemento ou traducción da literatura galega noutras linguas e
noutros sistemas culturais. A proxección da creación literaria galega, por
medio tanto da política de apoio á traducción noutras linguas, como a
presencia do libro galego nos foros internacionais (con especial atención ás
comunidades lusófonas), como na promoción de cátedras de lingua e cultura
galega en diversas universidades, debe ser eixos dunha nova política cara ó
exterior do sector da edición.
8.-Desenvolver
unha rede pública de bibliotecas ou mediatecas que contribúan a construír
unha sociedade da información democrática, aberta e transparente. (Véxase máis
abaixo o apartado IX).
9.-
Desenvolver actuacións encamiñadas a aumentar o coñecemento e a protección
do dereito do autor e do editor. As Administracións, as asociacións de
editores, escritores, traductores, libreiros e bibliotecarios, xunto coas
entidades de xestión de dereitos de autor, deberán acometer as actuacións
necesarias para formar a cidadanía na protección do dereito do autor e do
editor.
10.-
Desenvolver actuacións formativas encamiñadas á actualización do nivel de
cualificación dos profesionais do sector da edición e da comercialización do
libro. A formación do persoal que traballa no ámbito da edición debe constituír
unha das prioridades para a renovación e modernización do sector, adaptándoa
ás novas esixencias da sociedade da información.