Vivimos
nos albores da Sociedade da Comunicación e o Coñecemento. Todos sabemos que a
cultura que frecuentamos chega a nós por canles que non existían hai tan só
unha década. Dentro doutros dez anos, o panorama terá mudado radicalmente da
man dos procesos de renovación iniciados. O hipersector da Comunicación camiña
cara a unha maior concentración, coa configuración de grupos multimedia que
diversifican a producción de contidos nos distintos soportes. A multimedia é o
paradigma das factorías da nova sociedade. A converxencia mediática xa é unha
realidade que se revalidará antes de dous lutros tamén en Galicia. Asistimos a
tempos de redefinición de estratexias mediáticas para encarar os novos retos.
No noso país, por mor do contexto sociocultural no que nos atopamos, resulta
vital redefinir a política de comunicación para garantir a supervivencia da
cultura propia. Só así poderemos asegurar a boa saúde da cultura galega nunha
sociedade mundializada, onde unha tendencia á homoxeneización compite con
outra que busca a globalización da diversidade. Global e local configúranse
como as dúas e simultáneas tendencias da comunicación actual que ten reflexos
en Galicia.
A
estructura de medios en Galicia está caracterizada pola existencia de pequenas
e medianas empresas, a maioría de propiedade familiar, e cunha escasa presencia
no sector mediático doutros ámbitos territoriais. As principais excepcións
son o Grupo Voz, Prensa Ibérica (editora de Faro de Vigo), as principais cadeas
radiofónicas e as televisións privadas. A Compañía de Radio Televisión de
Galicia aparece como a principal rede de medios públicos, que convive cos
medios estatais públicos audiovisuais (TVE e RNE en Galicia) e cos medios
privados audiovisuais.
O sector
de medios impresos conta con dez diarios de información xeral e un de información
deportiva, así como con ducias de publicacións periódicas (unha semanal en
galego, A Nosa Terra, e varias culturais). O sistema radiofónico está
integrado por un total de 233 emisoras públicas e comerciais (a maioría públicas).
Este mapa radiofónico caracterízase pola forte presencia dos grandes grupos
con sede central en Madrid e pola programación en lingua propia da Radio Galega.
O mapa
televisivo ten a Televisión de Galicia como a canle con voz propia e a
programación territorial de TVE en Galicia, así como as desconexións de
Antena 3 Televisión e Tele 5. Pero a maioría das cadeas privadas (Antena 3
Televisión, Tele 5 e Canal Plus) pertencen ós grandes grupos audiovisuais con
sede central en Madrid. Canto a novos medios, Galicia, que se incorporou á rede
de redes en 1993, conta con varios miles de páxinas web, con edición electrónica
dos principais diarios e con publicacións pensadas para a rede.
En
definitiva, partimos dunha situación caracterizada por un sector de medios de
comunicación de base empresarial maioritariamente familiar, pouco vertebrado,
pouco comprometido coa lingua propia do país e non suficientemente competitivo
para afrontar os retos que se aveciñan. Ten, eso si, unha rede de medios con
boa implantación territorial e un público que mantén un consumo dos seus
productos bastante fidelizado. Hai, en xeral, unha aceptable sintonía entre os
medios galegos e os cidadáns galegos.
1.- OBXECTIVOS
Nun
escenario de converxencia mediática e de concentracións, cunha estructura
empresarial como a galega e cun panorama profesional de recoñecidos xornalistas,
os obxectivos dos medios de comunicación que existen na actualidade e, en xeral,
do hipersector da comunicación son:
1.-Intervir
na sociedade que ten a multimedia como paradigma con proxectos de converxencia
mediática e diversificación da producción de contidos. Os medios tradicionais,
aínda que confían na convivencia cos novos medios nun prazo de dez anos, son
conscientes da necesidade de dar pasos para anticiparse ó novo mapa de factorías
de contidos que se debuxa nun horizonte temporal coma o apuntado. Nese novo
mapa, os diarios e as publicacións en papel tenderán á impresión en destino,
a radio vivirá na madurez dixital, a televisión será dixital e interactiva, e
a multimedia aproveitará tódalas súas posibilidades. É dicir, os medios
tradicionais estarán adaptados ós tempos que hoxe se albiscan e estará
configurado un sistema mediático no que as novas factorías terán un papel
dominante. A previsible converxencia avanzará, como dicimos, pero non tan
rapidamente como para que o escenario non manteña elementos de estreita relación
co que entramos no novo século. Falamos, en definitiva, da etapa de madureza da
era dixital no ámbito dos medios de comunicación.
2.-A
incorporación do sector de medios de comunicación á Sociedade da Comunicación
e o Coñecemento esixe superar a febleza da estructura empresarial e entrar
nunha fase máis dinámica e innovadora para vencer os desafíos da etapa que se
aveciña.
Urxe sentar as bases para emprender o cambio
de rumbo coa reorganización
das
empresas actuais e coa creación doutras novas.
3.-A
consolidación das empresas actuais precisará, nalgúns casos, de alianzas con
grupos doutros sectores económicos do país e acordos de colaboración con
empresas do hipersector da comunicación doutros ámbitos xeográficos. Tódolos
datos apuntan a que a presencia de grupos de comunicación de fóra que actuarán
en Galicia aumentará nos próximos anos.
4.-As
novas infraestructuras tecnolóxicas, sobre todo as de banda ancha e as inalámbricas,
permitirán ás renovadas empresas atender as futuras demandas de servicios de
información e entretenemento. As empresas tradicionais teñen experiencia en
ofrecer contidos, o que será un dos seus principais activos nunha sociedade na
que o público decidirá cando e como recibirá a información. Falamos dunha
sociedade galega electrónica e interactiva que deberá defender a súa
identidade nun contexto de diversidade. Isto esixe crear boas bases de datos de
información de Galicia e potenciar a producción de contidos galegos e en
galego, así como nas principais linguas francas do novo escenario mediático
actual.
5.-Os
xornalistas do futuro veranse afectados polo contexto multimedia. Manterán o
seu papel de mediadores sociais que deberá garantir a calidade e a
credibilidade dos productos informativos. Estes xornalistas traballarán con
novas ferramentas, polo que precisarán da educación continua, presencial e por
medio de tele-ensino, para actualizar os coñecementos. Os novos xornalistas tamén
terán que recibir unha formación axeitada ás novas demandas do hipersector,
que precisa fornecedores de contidos con formación básica para a polivalencia
e, ó mesmo tempo, con capacidade para unha rápida especialización en
distintos cometidos (temáticos, máquinas,...).
6.-Os
novos usuarios da información deberán dispoñer dunha maior formación sobre a
sociedade mediática para entender o seu funcionamento, as claves da elaboración
de contidos e, en definitiva, e para que sexan consumidores e productores críticos
(cando menos, que teñan capacidade para practicar a interactividade con coñecementos
suficientes sobre os medios e a sociedade multimedia).
7.-No novo
escenario será vital manter un sector público do hipersector da comunicación
que, cun modelo ben dimensionado e cunha boa xestión, aproveite as novas
tecnoloxías para difundir os contidos nos distintos soportes en lingua galega e
para cubrir aqueles ámbitos que considere estratéxicos o goberno galego. Hai,
pois, que reestructurar o sector público de medios de comunicación da
Comunidade autónoma.
8.-Así
mesmo, cómpre unha actualización do marco normativo (actualización dos
actuais textos e aprobación doutros que permitan unha política de comunicación
propia no escenario mundializado) para establecer liñas de actuación no
hipersector. Precisarase tamén unha revisión das políticas de incentivos para
o emprego da lingua propia no ámbito dos medios de comunicación tradicionais e
nos novos medios. As actuacións no hipersector da comunicación teñen que
xirar arredor dun proxecto global que actúe de marco da política de comunicación
dun país para ter voz propia no escenario mundial.
2.-
ORIENTACIÓNS
A
consecución destes obxectivos precisa dunhas liñas xerais de actuación que,
de xeito esquemático, deben contemplar os seguintes puntos:
1.-Unha
política activa de comunicación desde os poderes públicos que responda ás
novas necesidades e que defenda a identidade galega no contexto da mundialización.
2.-Unha
implicación dos empresarios en proxectos que superen o curto prazo e aposten
polo deseño de estratexias a medio e longo prazo a fin de aproveitar as
potenciais vantaxes do redeseño do panorama mediático. Precísanse novas
estructuras organizativas e funcionais para o escenario da converxencia. O
modelo de futuro precisa, a curto prazo, de accións encamiñadas á creación
de modernas plantas de impresión para varias cabeceiras e sistemas de
distribución conxuntos dos productos para as pequenas empresas, así como
doutras medidas de colaboración entre as pequenas e medianas empresas nos ámbitos
de mercado onde non compiten.
3.-Unha
implicación dos profesionais no proceso de renovación para vencer as
resistencias ó cambio cun proxecto que resulte ilusionante. A consecución
deste obxectivo supón pontenciar a autorregulación profesional, a dignificación
da profesión e os mecanismos de participación dos profesionais nos procesos de
producción de contidos.
4.-Unha
implicación dos usuarios nas políticas de participación e control sobre o
funcionamento dos medios. No novo escenario contarán coas posibilidades tecnolóxicas
para facer realidade a interactividade e terán un maior protagonismo na elección
da información que demanden en cada momento.
5.-Implicación
de empresas, administracións, profesionais e usuarios na revisión das políticas
de incentivos para fomentar o emprego da lingua propia en tódolos soportes e
para promocionar os productos propios no exterior en tantas linguas como sexa
preciso.
6.-Establecemento
dun modelo de infraestructuras da comunicación financiadas con fondos públicos
e privados mediante un sistema de accións combinadas para sumar esforzos que
permitan aproveitar o valor engadido dos productos culturais. O primeiro paso é
unha reordenación do sector público de medios de comunicación a partir dun
novo modelo empresarial no que a titularidade pública sexa maioritaria.
7.-Establecemento
dun programa de actuación que, no marco da política galega de comunicación,
garanta a presencia do sector público no ámbito das novas tecnoloxías e unha
política de alianzas que permita anticiparse o novo escenario que se debuxa no
horizonte. Este programa tamén debe garantir o acceso ás tecnoloxías actuais
a amplios sectores da poboación desde a escola.
3.-
AS CLAVES DAS NOVAS TENDENCIAS
Dentro de
dez anos, a poboación galega descenderá, pero terá mellor formación e será
máis esixente (tamén cos productos informativos). Este horizonte permítenos
apuntar algunhas claves das orientacións concretas que acabamos de enunciar e
as medidas básicas que se precisan para vencer os desafíos que temos diante da
nosa porta. O cambio mediático que está nos seus comezos, que algúns coñecen
como o da “sociedade en rede” ou da xeración “on line” incorpora moitos
valores novos. Supón, pois, un salto cualitativo con novos paradigmas que
buscarán a súa hexemonía na nova sociedade. Para vencer os retos apuntados no
campo da cultura, hai que establecer as actuacións, de xeito prioritario, no
campo do ensino e no campo da comunicación, claves na Sociedade da Comunicación
e o Coñecemento.
Neste
escenario, as empresas de comunicación teñen que asumir que a base do seu
negocio é a información. Non venden xornais en papel, radio ou televisión.
Ofrecen información en distintos soportes, operación que financian e financiarán
por vía directa, mediante o cobro dunha suscripción, ou por vía indirecta.
Esas novas factorías, de propiedade pública e privada, deberán moverse nun
marco normativo que teña en conta as características das tecnoloxías actuais,
a dupla e simultánea tendencia da comunicación (global e local), que garanta
uns medios públicos participativos e plurais, e que asegure a defensa da
identidade propia. Pero haberá que establecer tamén prioridades para dotar de
infraestructuras básicas a tódolos cidadáns, para evitar os desequilibrios e
para asegurar unha boa intervención da iniciativa privada nun sector estratéxico
para o país. Os estímulos da administración deberán motivar a participación
activa dos empresarios nese compromiso activo co cultura propia.
Estas
actuacións deberán acompañarse, como último punto de apoio, nunha política
educativa que garanta un bo coñecemento do funcionamento do escenario mediático
e de tódolos actores na Sociedade da Información e o Coñecemento. Esas
actuacións, básicas en tódolos niveis educativos, terán continuidade coas
actividades de formación continua para coñecer as posibilidades das novas
ferramentas que aparezan e para que tódolos cidadáns poidan facer efectivas as
posibilidades de interactividade que xa están na súa primeira fase e que
previsiblemente se ampliarán dentro de dez anos. Trátase, pois, dunha actuación
combinada en tódolos ámbitos da sociedade que contemple desde unha política
de comunicación que implique a usuarios, profesionais e empresarios ata a
consecución dunha dinámica social na que tódolos actores asuman o seu papel
no novo escenario.
4.-A
MODO DE CONCLUSIÓN
O
escenario mediático do 2010 asentarase sobre as bases do panorama que presenta
o hipersector da comunicación na estrea de novo século. Os medios tradicionais
terán que rematar a fase de adaptación, mentres os novos medios, estructurados
arredor de grandes corporacións mediáticas, aproveitarán as posibilidades da
converxencia e as novas vías da era dixital. As empresas multimedia serán o
paradigma e a forza da marca establecerá a diferencia de aceptación dos
productos na rede. Pero haberá convivencia dos medios tradicionais e dos novos
medios, con vantaxes potenciais para estes últimos, xa que contarán cun público
xove entre 18 e 30 anos que naceu coa popularización dos ordenadores persoais e
de Internet.
É neste contexto onde hai que situar as propostas que se consideran de interese
para acadar os obxectivos dunha sociedade con boa infraestructura para a nova
etapa e con cidadáns capaces de utilizar as ferramentas actuais e de participar
nunha sociedade que ofreza moitas máis vías para interactuar. O avance das
tecnoloxías converxentes permitirá a unificación dos soportes tecnolóxicos
como a televisión, o teléfono ou o computador, entre outros. Polas novas
autoestradas de banda ancha circulará audio, video e datos sen as limitacións
ata hoxe coñecidas. É dicir, haberá unha integración real neste horizonte de
sociedade multimedia que hoxe se debuxa con claroescuros no seu percorrido.
A
consecución dos obxectivos desexados e fixados para un prazo de dez anos só
será posible, en definitiva, se tódolos actores emprenden un proxecto común
de renovación e cambio do hipersector coa mirada posta na industria multimedia
que defenda a identidade propia nun escenario de sociedade mundializada. A
defensa dos valores locais e universais permitirá andar o camiño no que, por
suposto, haberá fortes debates sobre as liñas concretas de cada un destes
puntos xenéricos. O que si precisan compartir tódolos actores é a visión
xeral do futuro que ven en dez anos e as liñas xerais do novo escenario para un
país con lingua propia que está situado na periferia atlántica do mosaico
europeo.