É xa un tópico adxectivar o tempo que vivimos como o da era do audiovisual e a
multimedia. De certo, atopámonos no medio dunha revolución que acarrexará
profundas implicacións na vida cotián do ser humano, do mesmo xeito que no século
XIX aconteceu coa Revolución industrial. Os custos da producción dixital
abaratan os da analóxica e permiten a creación de imaxes e contidos altamente
sofisticados dende calquera curruncho do planeta, mesmo dende territorios periféricos
como Galicia.
O
audiovisual tradicional (cine e TV), camiña agora integrado no que se chama a
Sociedade da Información ou industria dos contidos, sexa cal for o seu soporte
de distribución: cine (tradicional ou electrónico), TV (herziana, cabo,
dixital, WEB-TV...), soportes físicos (VHS, CD-Rom, DVD...) ou novos
mecanismos, como a telefonía UTMS ou redes de banda ancha... Caminamos cara a
un mundo donde os contidos poderán personalizarse e o receptor escollerá a
mellor maneira de relacionarse con eles.
1.
OLLADA Á SITUACIÓN EN GALICIA
A
industria dos contidos é o sector econonómico con máis futuro, onde se
integran audiovisual, telefonía, medios de comunicación e informática... Nos
últimos anos asistimos a unha vertixinosa espiral de cambios profundos na
comunicación que medran en progresión xeométrica, namentres en España e
Galicia, lamentablemente, a acción institucional e social faino en progresión
aritmética. En Galicia o cinema non tivo un desenvolvemento industrial ata a década
dos 90. A partir do estatuto de Autonomía en 1980 iniciouse unha longa andai na
que culminou coa creación de TVG en 1985. Outros feitos decisivos foron a
creación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) e mais da Escola de Imaxe e
Son. A creación da Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI)
servirá para consolidar o emerxente tecido industrial audiovisual na Comunidade
Galega, en colaboración co apoio da TVG á producción independente dos últimos
tres anos.
En 1999 o
Parlamento de Galicia aprobou a “Lei do Audiovisual de Galicia” que define o
audiovisual como sector estrátexico para o país e marca as grandes liñas de
actuación do futuro inmediato. Galicia poderá atopar a súa mellor
oportunidade de desenvolverse cultural e industrialmente na medida que aposte
decididamente pola sua incorporación inmediata á sociedade da información. En
caso contrario, seguirá a ser un país sen voz propia, sometido ás leis
inexorables da globalización e a homoxeneización cultural do planeta.
2.
LIÑAS DE ACTUACIÓN
A pesar do
camiño encetado, aínda son inxentes os retos do sector audiovisual e
multimedia no futuro inmediato, se Galicia quere sobrevivir no mundo
globalizado, vertical e homoxeneizado que se aveciña. Para iso precísanse accións
institucionais que potencien e dinamicen o sector, favorecendo sinerxias con
estructuras industriais e creativas de contextos e ámbitos similares ó noso
(Portugal, Europa, Iberoamérica).
1.-
Desenvolvemento da Lei do Audiovisual
A pesar de
que foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, a Lei aínda non foi
desenvolvida en aspectos que repercuten directamente na industria: Política
activa da administración na defensa do sector, creación do Consorcio do
Audiovisual, sinerxia con outros ámbitos e Consellerías da administración autónoma,
Rexistros de empresas e bancos de proxectos, etc. É urxente traballar no seu
desenvolvemento para que o sector audiovisual e da multimedia teña alicerces sólidos
sobre os que construír os proxectos que demanda a sociedade.
2.-
Preproducción
-
Axudas explícitas e directas para o desenvolvemento de guións (multimedia,
cine e TV).
-
Establecemento de liñas de colaboración e alianzas coa industria editorial
galega (encontros, convenios, etc.).
-
Urxe a creación dunha Film Comission que facilite os labores de preproducción
da actividade audiovisual en
Galicia.
3.-
Producción e financiamento
- Mellora
dos mecanismos de financiamento (fondos de garantía). Valoración de activos en
desenvolvementos, guións ou productos...
-
Investigación en innovación e desenvolvementos de enginers, interfaces...
-
Mellora das axudas á renovación de infraestructuras tecnolóxicas específicas
das empresas do audiovisual e da
multimedia.
-
Clarificación das reglas de xogo nas axudas e subvencións.
-
Profesionalización nas decisións das axudas institucionais.
-
Axudas específicas ó sector da exhibición. Especialmente coas posibilidades
do cine electrónico para crear alternativas para exhibición ás grandes cadeas.
-
Asistencia a foros de encontro e
coproduccións.
- Liñas
de axuda tendentes a fortalecer o tecido empresarial e industrial relacionado
coa multimedia e a comunicación (creación de novas empresas, actualización e
reconversión das existentes, etc).
4.-
Educación
Este
é un dos aspectos claves no hipotético futuro de Galicia na “era da
información”. Os recursos humanos e a creatividade son o valor máis
importante da nova economía e o mundo educativo galego aínda permanece alleo
á utilización das tecnoloxías dixitais de información.
- Plan de
producción de contidos específicos (multimedia, audiovisual) para o mundo
escolar.
-
Incorporación de materias que familiaricen o alumnado coas novas tecnoloxías e
linguaxes da comunicación en tódolos niveis educativos.
- Creación
de redes de teleformación con contidos específicos da comunicación e a
multimedia.
-
Potenciación de centros de aprendizaxe e formación en multimedia, combinando o
punto de vista tecnolóxico e o creativo, fomentando o talento a creatividade e
o traballo en equipo...
-
Elaboración dun plan de actualización permanente dos profesionais do sector.
-
Incorporación das universidades ó proceso.
5.-
Contidos específicos
Nun
mundo onde o máis importante son os intaxibles, o local ou periférico pode
converterse instantaneamente en universal. Cabería facer un esforzo para poñer
en valor a rica tradición da cultura galega, a paisaxe, a lingua, a
arquitectura, a iconografía.... Trátase de activos básicos da nosa cultura
periférica, e as novas tecnoloxías posibilitan a súa difusión e
comercialización no mercado global.