As
sociedades pre-industriais operaban cunha mixtura de reflexión e producción,
ou experimentación activa, que refugaba a representación teórica do
prototipo. O propio uso do obxecto definía a validez ou non do producto. A
producción masiva e seriada, característica das sociedades industriais, vese
na obriga de substituír este sistema especialmente custoso e lento por outro
que garanta a absoluta idoneidade do obxecto con anterioridade á súa
introducción no mercado. O concepto de idoneidade témolo que entender tanto
desde a perspectiva económica coma da cultural. As sociedades contemporáneas
pseudo-desenvolvidas, ou estacionadas nun proceso de producción industrial
inmaduro, incapaces de xeraren unha cultura proxectual propia, é dicir, un deseño
propio, recorren á copia literal ou maquillada de productos, co que xulgan
evitar un esforzo inicial, aproveitándose ó mesmo tempo do éxito proxectual
dos outros, cando na realidade isto sitúaas nunha posición subalterna, cunha
producción de segunda clase e nunha perda completa das capacidades
connotativas, culturais e de valor engadido dos seus productos.
Na área
do deseño, tres son os sectores comunmente aceptados: Gráfico, Industria e de
Moda, deixando a unha beira a Arquitectura, non por razóns cognoscitivas, senón
porque constitúe unha ponla amplamente desenvolvida e con características históricas
de seu.
1.
DESEÑO DE MODA
Galicia
ocupa un lugar relevante desde hai case tres décadas no panorama da industria
da moda. Cunha significativa presencia internacional dos seus productos, son
sobexamente coñecidas as empresas galegas que ocupan un lugar sinalado dentro
do sector. O éxito neste procede dunha síntese acertada de deseño de
producto, producción, comercialización e comunicación. Sen embargo no que
atinxe especificamente ó deseño, unha característica desta especialidade é a
confusión que se percibe entre deseñador e empresario: ás veces enténdese
por deseñador o promotor de determinado deseño, chamándose deseñadores por
extensión a tódolos empresarios do sector. Esta cuestión non tería maior
importancia se non fora porque tende a esquecerse a verdadeira función do deseñador
de moda a secas, o que á súa vez redunda en problemas de formación e da
necesaria anovación xeneracional do sector. Galicia non conta con ningunha
estructura educativa seria de deseño de moda, o que resulta paradoxal sendo
como é recoñecida a súa relevancia.
2.
DESEÑO INDUSTRIAL
Se no deseño
de moda custa diferenciar deseñador de empresario, no tocante ó deseño
industrial a distinción é clara: a industria existe, o deseño non. Salvo
minoritarias excepcións, a industria galega prefire reproducir vellas formas,
baseadas nunha tradición pervertida pola intromisión do moderno en forma de
desproporción e abaratamento ó copiar directamente modelos alleos e polo tanto
xa esgotados. Como exemplo paradigmático destas liñas visítese a Feira do
Moble da Estrada.
Nos primeiros anos oitenta xurdía a notabilísima figura dalgún deseñador
galego que presentou o que podía ser o inicio dun bo camiño no territorio do
moble e da iluminación, pero as súas propostas non atoparon a necesaria
receptividade nin na industria nin nas institucións que poderían potencialo.
Na
actualidade o Goberno Galego creou o Centro de Innovación e Servicios de Deseño
dentro da estructura do IGAPE, pero descoñecemos a súa efectividade e polo
momento non son perceptibles os seus efectos na producción industrial do país,
fóra daquela tradicionalmente vencellada ó proxecto, como é o caso da
industria naval. Así mesmo, existe unha Escola de Deseño Industrial en Ferrol
co rango de Escola Universitaria, pero aínda non saíu das súas aulas a
primeira promoción.
3.
DESEÑO GRÁFICO
O deseño
gráfico ou bidimensional comprende un amplo abano de subsectores (editorial ,
institucional, etc.) non claramente determinados, o que provoca certa confusión
terminolóxica e ás veces a erros conceptuais moi difundidos, como cando se
confunde deseño e publicidade. Quizais as características principais e comúns
a tódolos subsectores sexan a forte presencia do comunicacional e do expresivo
e o seu parentesco, segundo os casos máis ou menos forte, coas artes plásticas.
Máis desapercibida pasa nunha análise pouco atenta, a súa pregnante relación
co feito lingüístico e incluso co feito literario.
A
disciplina do deseño gráfico é a máis desenvolvida en Galicia. Existe un
grupo de profesionais acreditados que exercen a súa actividade tanto dentro
como fóra do país. A incidencia do seu traballo faise notar en sectores como o
editorial e o institucional e en bastante menor medida no empresarial. O sector
editorial está na avangarda na utilización do deseño: practicamente a
totalidade das editoriais galegas recórren ós servicios profesionais dos deseñadores,
tanto no que se refire á súa imaxe como o deseño dos seus productos. Nas
institucións galegas, paradoxalmente, obsérvase nos últimos tempos unha certa
recesión na atención á súa imaxe corporativa, suplindo demasiadas veces o
rigor e a dignidade comunicacional por campañas de vulto onde quedan
desatendidas as características culturais consustanciais ó verdadeiro deseño
gráfico.
Está
por facer aínda un plan xeral da sinalética de Galicia que evite o actual caos
de letreiros e cartelóns xeralmente situados no lugar máis inoportuno e da
peor forma gráfica posible, pero iso si, portadores de logotipos descomunais,
firmas devoradoras dos contidos que avalan. Algún concello do país coquetea de
corporación en corporación cun vello escudo decimonónico que presenta de
forma variopinta, na compaña dun amplo mostrario de tipografías e corpos, e
cun novo logotipo rebordante de estribillos posmodernos. Pola contra, outros
concellos galegos son un bo exemplo a seguir na procura dunha coherente aplicación
da identidade e das relacións comunicacionais de signo visual cos cidadáns.
Así e
todo, é no sector empresarial onde máis patente se evidencia a necesidade
dunha análise profunda do lugar que debe ocupar o deseño do producto e da
propia imaxe no desenvolvemento empresarial. Neste terreo Galicia manifesta un
perceptible retraso con respecto ó resto das comunidades europeas, e dentro de
España sitúase por debaixo da media do Estado.
Galicia
(empresas, institucións e o conxunto dos cidadáns) debe tomar conciencia de
que o seu desenvolvemento global pasa por unha decidida incorporación á ben
chamada cultura do proxecto, que significa entre outras cousas confiar en si
mesma como pobo creador, intelectualmente capaz de prever o futuro. Pero esta
mensaxe, por sinxela que semelle, precisa ser explicada ó conxunto da sociedade.
Cómpre determinar sistemas de actuación cara á administración, ó mercado,
ó sistema educativo e cara ós voceiros da información.
Non existe
en Galicia unha asociación de deseñadores minimamente representativa que sexa
interlocutora válida frente ás distintas instancias, ó mesmo tempo que capaz
de atender ás necesidades do exercicio profesional. Vintecinco anos de deseño
gráfico galego non foron suficientes para que se constituíse unha asociación
cando menos de deseñadores gráficos. O medo ó outro, o minifundismo cultural
e profesional, son algunhas das cuestións que explican por que os profesionais
gráficos de Galicia prefiren militar en asociacións catalanas e madrileñas e
negar a existencia de iguais no seu feudo laboral. A creación dunha Asociación
Profesional de Deseñadores de Galicia, forte e ben constituída, é un
obxectivo prioritario para que o deseño galego cobre un novo pulo e incremente
o seu imprescindible contributo ó desenvolvemento da industria e da sociedade.
A súa ausencia pode explicar, ou cando menos axudar a facelo, pasado o boom do
deseño dos oitenta, o actual deterioro que está sufrindo en ámbitos
institucionais e culturais, así como o devalo na súa consideración social.
Sen entrar na valoración se é ou non razoable que Galicia non conte cun só
premio ou recoñecemento semellante que valore ó mesmo tempo que potencie e dea
a coñecer a actividade dos deseñadores.
Outro eixo
esencial e prioritario de actuación é o da formación. Cómpre acabar co
actual caos educativo, que semella máis dirixido a conseguir a perda de vocación
dos futuros deseñadores que a completar uns ciclos de formación eficaces e
homologables cos existentes na Comunidade Europea. Como exemplo da actual
situación cabe citar que Deseño Gráfico se pode estudiar como Formación
Profesional en Ourense ou como ponla de Belas Artes en Pontevedra, sen que os
plans de estudios especifiquen graos de formación ou especialidades distintas
ou, no seu caso, progresións académicas lóxicas. Existe ademais unha ampla
oferta subcultural de ensinanzas non reguladas sobre a materia que adoitan
mesturar e confundir deseño, informática, publicidade e altas doses do máis
abafante decoracionismo. O Deseño Industrial estúdiase como carreira de grao
medio, os novos estudios de Graduado Multimedia non existen na Universidade
Galega e, como xa se mencionou con anterioridade, tampouco é posible cursar en
toda Galicia estudios de Deseño de Moda, fóra da oferta privada das recicladas
academias de Corte e Confección.
Por último
nesta primeira aproximación ó estado da cuestión cabe sinalar como obxectivos
a necesaria adopción de medidas administrativas conducentes a fomentar a
utilización industrial e institucional do deseño, medidas lexislativas que
protexan os dereitos de autor tanto dos profesionais coma dos promotores e
inversores en deseño e medidas comunicativas e culturais, do tipo do
anteriormente citado Plan de Sinalética de Galicia que contribúan a vencellar
o deseño coa vida cotiá e amosen a súa función social.