O
espírito da década 1980-90 é coincidente coa reflexión internacional sobre a
relación entre os centros internacionais de decisión e as mensaxes culturais
elaboradas nas periferias xeográficas (filosofía da diferencia, cultura
posmoderna). En Galicia, a década caracterizábase por unha clara vontade de
autoidentificación que desenvolvía os presupostos da sonada mostra de 1974
“Encontros no Espacio”. O novo pulo de 1982-84 das históricas bienais de
Pontevedra, comezadas en 1969, o seu programa de Novos Valores, e a xa célebre
secuencia de exposicións que se inician con “Atlántica” (Baiona, 1980),
consolidaron indubitablemente o valor da propia identidade da arte galega de
avangarda coa primeira proxección española e internacional de xoves creadores
galegos ante o histórico protagonismo do eixo Madrid-Barcelona.

Sobre esta base, durante a década
pasada (1990-99) ten lugar en Galicia a progresiva multiplicación de
iniciativas institucionais, de entidades privadas ou de carácter mixto que
coadxuvan a este desenvolvemento. Ademais da continuidade da actividade monográfica
das Bienais de Pontevedra, da Fotobienal de Vigo, das convocatorias de cerámica
de Sargadelos ou da Estampa Contemporánea de Betanzos, ou da actividade dos
Museos Provinciais, debemos lembrar, entre outras iniciativas, a instauración
das bolsas e premios de Unión Fenosa no 89, a presencia da avangarda galega na
Expo de Sevilla, a política de Exposicións do Auditorio de Galicia ou de
entidades como Caixavigo (hoxe Caixanova) e Caixa Galicia, ou a de fundacións
inauguradas mesta década coma a Luís Seoane na Coruña, Eugenio Granell en
Santiago ou Laxeiro en Vigo; os programas municipais de exposicións de arte
contemporánea e de parques escultóricos (Coruña, Pontevedra, O Grove, etc.);
as mostras periódicas do Foro Atlántico das Artes. Son tamén merecentes de
especial mención nesta década as grandes exposicións programadas co gallo dos
Xacobeos 93 e 99 ou as multiprovinciais como Terra Única do 97.
Ademais da
considerable importancia que supuxeron para o desenvolvemento e divulgación da
comprensión do fenómeno artístico as novas situacións xeradas desde a
implantación da Escola de Imaxe e Son da Coruña, a Escola de Conservación e
Restauración de Bens Culturais en Pontevedra, ou a capacidade de xestión da
Escola de Canteiros desde a súa nova sede, hai que sinalar como factores
estructurantes fundamentais:
1.-
Progresivo esforzo bibliográfico de documentación da arte galega en libros,
catalografía de coleccións e textos de presentación de exposicións coa
incorporación de novos valores da crítica; sen esquecer o considerable labor
editorial das Deputacións provinciais, Museos e o Consello da Cultura Galega.
2.-
Implantación da Licenciatura de Belas Artes no sistema universitario galego en
1990, coas especialidades de Pintura, Escultura e Deseño-Audiovisuais. Isto
suporá a curto prazo (xa acontece) a necesaria relación deste centro
universitario coa arte de avangarda en Galicia, e antes do 2010 a incorporación
de novos modos didácticos da Expresión Plástica nos Centros de Ensinanzas
Medias.
3.- A
creación dun Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1994 supuxo a
presencia definitiva dun eixo de conexión internacional, a súa programación
de exposicións e a apertura dun foro permanente de arte contemporánea. Hai que
salientar dun modo moi especial o labor editorial do CGAC que está sumando
nesta década un esforzo documental sen precedentes na materia en Galicia.
1. A NOVA FUNCIÓN DAS ARTES PLÁSTICAS
O perfil
propio da arte contemporánea como construcción da imaxe do mundo, que está
presente nos hábitos culturais recentes dos creadores galegos, ten en conta os
seguintes sete aspectos:
- Dispersión
das fórmulas expresivas, mestura dos xéneros tradicionais e uso das novas
tecnoloxías con soporte versátil e rápido que ademais garante a veracidade
pola súa capacidade para ser publicitada. Conseguinte anulación da diferencia
copia / orixinal na obra de arte, entre a imaxe e o seu soporte. Aínda no marco
da hibridación e da mestizaxe, preeminencia do significado a transmitir sobre o
vehículo visual empregado, que pode ser calquera.
- Isto
afecta tamén ó entorno físico da exposición: ausencia dos espacios fixos de
referencia e incorporación do espacio xeográfico e cidadán á obra de arte
(exposición en espacios sorpresivos non homologrables, intervencións públicas,
instalacións, etc).
- Mudanzas
na relación entre o espectador e o artista. O espectador pasa a recreador de
significados recibidos e o artista prede protagonismo como productor único.
Importancia da crítica como interpretación do significado socioeconómico e
literario, importancia do significado público e político de toda imaxe.
- Canto ó
papel social da arte, mantense unha confianza difusa na capacidade de
representar a complexidade do mundo, alimentando a provocación permanente de
non considerar sólida ningunha certeza. Xa que logo, mantemento dunha dupla
actitude en aparencia contradictoria: imposibilidade de formulacións utópicas
ou da proposición de mudanza cualitativas na historia.
No ámbito galego acentúanse con particularidade estes síntomas:
- A
superación do ‘atlantismo’ como preocupación identitaria gracias ó diálogo
natural dos xoves artistas coas correntes internacionais. Isto fai supor que se
está a entender a relación do doméstico co global máis do que como unha
defensa do autóctono como unha forma autóctona de encarar os problemas.
- Procura
de materiais escultóricos non especificamente galegos, e proxectos en espacios
alternativos de exposición á marxe dos tradicionais, así como apropiación do
entorno xeográfico como ámbito de intervención.
-
Sen abandonar os medios tradicionais, existe un uso crecente de soportes fotográficos,
tecnoloxías informáticas e comunicación de imaxes pola Rede.
2.
DEFINICIÓN DE CUESTIÓNS A SUPERAR
2.1.
O espectacular eclipsa a mensaxe
A decisión
política sobre os usos públicos da imaxe é de grande importancia porque a
construída pola arte é hoxe o rostro que os pobos trocan entre deles a través
dos macrocircuítos culturais. Por parte, o marco da ‘globalización’
acelera a necesidade da autodefinición. Desde comezos do século vinte as
avangardas históricas foron abandonando as formulacións derivadas das mera
fantasía para centrárense na representación dos problemas humanos. Polo mesmo,
o ámbito da cultura en xeral e das artes plásticas en particular compréndese
hoxe como unha forma intelixente e imaxinativa de definir e xestionar os
problemas derivados da comprensión do mundo. Pero cando se identifica a súa
capacidade icónica simbolizadora con determinadas formas sociais de
compracencia sensorial e de pasatempo festivo, trivialízase a función da arte
ata ser eliminada do entorno da Sociedade do Coñecemento e diluírse no da
Industria do Lecer.
2.2. Cultura do lecer
A relación
equívoca entre ‘estado de benestar’ e ‘cultura do lecer’ xerou un
cliente permanentemente insatisfeito e insaciable, grande consumidor de espectáculos.
Así, o esforzo da arte contemporánea por mostrar a perplexidade perante a
complexidade e a exploración do intrincado do mundo e da propia consciencia,
non é seguido polo grande público que percibe a arte soamente como decoración
cosmética de interiores, ou todo o máis como simple provocación, pero nunca
como unha forma de pensamento articulado sobre o mundo real. Sendo a transmisión
de imaxes unha linguaxe requintada pero de alto contido emotivo, o papel da arte
redúcese doadamente a catro categorías primarias que a converten en
‘complementaria’: o decorativo, o cosmético, o curioso, e mailo divertido.
Este papel complementario limita a súa incidencia social a unha feliz fórmula
sociolóxica para resolver o significado do lecer comprendéndoo como tempo
morto.

2.3.
Mudez do/a artista plástico/a
Unha
consecuencia dos dous puntos anteriores segue a ser aínda a pública suposición
da figura do/a artista plástico/a como persoa incapaz de articular unha
formulación discursiva sobre o significado dos problemas da realidade actual,
cando na práctica estes significados estan alimentando as súas angueiras
creativas. Polo mesmo, a consideración pública do/a artista como pensador,
canto individuo xerador de valores, usos e crenzas, precisa intensificarse
considerablemente. A información sobre os problemas da arte chega ó grande público
a través das exposicións de gran formato, e as edicións que destas exposicións
se derivan non inclúen, salvo excepcións, os comentarios dos propios artistas,
nin está prevista a súa palabra no protocolo das inauguracións oficiais,
ocupadas polo protagonismo político.
Endebén, a palabra pública de escritores, científicos e artistas é na
actualidade producción real de cultura.
A relación
mediática do/a artista co público precisa dunha revisión demorada. Nese senso,
tamén é salientable a escasa presencia da crítica especializada na imprenta.
3.
PROPOSTAS
3.1.
Campus Integrado das Artes
Parece
que chegou o momento apropiado para a creación dun Campus Integrado das Artes
na Universidade Galega, entendendo como ‘artes’ a elaboración de novas
propostas obxectuais máis ca como estudios humanísticos. Este Campus integrado
poderá desenvolverse a partir da Escola de Arquitectura da Coruña, o
Departamento de Historia da Arte de Santiago de Compostela, a Facultade de Belas
Artes de Pontevedra e as Escolas de Enxeñería Industrial de Vigo e Ferrol.
3.2.
Empresa, lexislación, educación
Os
Plans Económicos e Sociais de Galicia, nas súas directrices estratéxicas,
detectan a escaseza de infraestructuras básicas, a situación periférica do país,
a demanda interna pouco sofisticada e a excesiva orientación familiar da
industria como factores que dificultan a súa competitividade.
Entre
os obxectivos para o desenvolvemento do sector poden contarse:
- Ampliar a documentación sobre a arte galega no seu conxunto para paliar o divorcio entre historia da arte galega e as novas tendencias internacionais que practican os artistas mozos.
- Crear
canles de información directa e rápida intracomunitaria sobre eventos e
programas anuais.
-
Estreitar a colaboración interdepartamental entre as tres universidades galegas
a nivel investigador na área de artes plásticas.
-
Construcción dunha rede aínda inexistente entre o armazón empresarial e
tecnolóxico e a arte contemporánea que se realiza en Galicia.
-
Fortalecer os circuítos existentes de exhibición da arte potenciando os
contornos alternativos que comezan a xurdir afastados do concepto tradicional de
arte como espectáculo.
- Revisar
as actuacións da Administración nesta materia e examinar a eficacia do
investimento realizado nas grandes exposicións institucionais.
Entre as
orientacións, podemos resumir as seguintes:
- Promover
o impacto sociocultural do investimento doutoral dos terceiros ciclos de Belas
Artes dado que España é o único país da Rede Compostela que realiza teses de
doutoramento nesta área.
-
Financiar unha base de datos global da arte galega contemporánea.
-
Desenvolver incentivos financeiros para intercomunicar o mundo empresarial co da
creación artística.
-
Necesidade dun Instituto Interuniversitario de Arte Atlántica.
- Adoptar
medidas que promovan o coleccionismo público e privado.
-
Facilitar accións urxentes de articulación eficaz dos investimentos realizados
de forma dispersa.