Desde a
celebración da primeira Mostra de Ribadavia, un dos alicerces na xénese do
teatro galego actual, transcorreron a penas trinta anos, un lapso de tempo
escaso mais suficiente para que o movemento teatral galego establecese as bases
dunha estructura teatral que na altura de 1973 semellaba unha utopía. A finais
dos anos setenta comeza un proceso de profesionalización, coa formación das
primeiras compañías estables, e continúa coa creación do Centro Dramático
Galego en 1984, un fito significativo na procura da necesaria lexitimación
social e institucional da creación teatral. Este proceso recibe un novo pulo en
1989, ano en que se pon en marcha o Instituto Galego das Artes Escénicas e
Musicais (IGAEM), institución chamada a liderar o proceso de normalización e a
regularización da actividade teatral en Galicia.
O ballet,
a danza, a ópera, o teatro e a música, son os ámbitos creativos sobre os que
o IGAEM asumiu as competencias correspondentes. Sen embargo, tanto no plano das
finalidades como dos obxectivos e das liñas de actuación en cada unha das
artes escénicas, existe unha considerable similitude, sobre todo se nos
situamos no espacio común que comparten o ballet, a danza, a opera ou o teatro,
razón pola que tódalas consideracións que se realizan arredor do feito
teatral, desde unha perspectiva xenérica, serían aplicables a todas as demais.
Paralelamente,
os traballadores do teatro puxeron en marcha diferentes plataformas orientadas a
establecer un diálogo permanente coas institucións e potenciar así proxectos
comúns orientados á fomentar a normalización da actividade teatral, en tanto
que se entendía que as artes escénicas constituían e constitúen un referente
necesario na diversificación da oferta cultural da comunidade, cunha notable
incidencia no uso e no goce dos tempos libres, pero tamén un sector productivo
con notables posibilidades para a promoción de novos bancos de traballo. Foi así
que en 1990 a Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de
Galicia aprobaba e presentaba un documento, “Bases para unha política
teatral”, no que se establecían unha serie de obxectivos e liñas de actuación.
Mesmo hoxe a maioría das formulacións contidas nesa proposta gozan de
considerable actualidade e poden informar dos rumbos necesarios para o
establecemento de políticas teatrais realistas e axeitadas á realidade que se
pretende transformar.
Doce anos despois da publicación daquel documento, da creación de diversos
foros e grupos de traballo, da celebración de congresos, encontros e
seminarios, e da publicación de documentos de traballo, informes e outros
materiais, podemos afirmar que sendo certo que a situación mellorou
sustancialmente nos aspectos cuantitativos, no plano cualitativo o sistema
teatral galego presenta unha serie de deficiencias estructurais que dificultan o
inicio dunha nova etapa, transcendental. Nestes últimos anos diversas voces (críticos,
investigadores, espectadores, programadores, creadores... ) subliñan o remate
dun ciclo e mostran a necesidade de establecer un novo marco. Falan da
necesidade de desenvolver novos procesos de producción e de realización, de
explorar novas estratexias para a distribución e para a exhibición, de
imaxinar novas alternativas no fomento da recepción e de promover a creación
de novos públicos. Un tecido teatral e cultural que se debe entender non só en
función das infraestructuras, equipamentos e
recursos, senón tamén como resultado da interacción entre os
diferentes axentes sociais directa ou indirectamente implicados nos procesos de
creación e difusión do teatro, o ballet, a danza ou a ópera.
Falan de
políticas teatrais vertebradoras que, deseñadas, adoptadas por consenso e
potenciadas por tódolos axentes sociais, permitan converter o teatro, o ballet,
a ópera e a danza en feitos centrais na vida social e cultural. Reclaman, en
suma, a formulación e construcción dun novo paradigma, no que se definan os
eixes básicos desa política teatral renovadora; pero reclaman tamén a
necesidade dunha especie de pacto polo teatro no que se impliquen as
administracións públicas, os organismos públicos e privados, os traballadores
do teatro e moitos outros axentes sociais.
1. OS FUNDAMENTOS DUN PROXECTO VERTEBRADOR
A
posta en marcha de políticas vertebradoras precisa da existencia de marcos
desde os que proceder ó seu deseño, posta en marcha e coordinación. Nese
sentido, entendemos que sería aconsellable unha reforma estructural do IGAEM
para que asumise tódalas funcións que lle corresponden, adoptando un modelo
xerencial máis orientado á dinamización e á promoción. Habería que dotalo,
en consecuencia, dun Departamento de Música, dun Departamento de Danza e dun
Departamento de Teatro, poñendo á súa fronte a persoas cun coñecemento
contrastado e coa experiencia, a cualificación e a competencia profesional para
deseñar, poñer en marcha e avaliar programas de desenvolvemento, ora como una
iniciativa propia do IGAEM, ora promovendo a colaboración entre diferentes
institucións e organismos. Similar importancia debería ter o Centro de
Documentación das Artes Escénicas e Musicais, un departamento que precisa
igualmente de profesionais, e que ademais das funcións que vén cumprindo tamén
debería realizar novos programas de catalogación e inventario para elaborar un
Mapa das Artes Escénicas no que se establecesen as infraestructuras, recursos e
equipamentos existentes, así como tamén un censo das entidades e agrupacións
que veñen desenvolvendo algún tipo de actividade nos ámbitos sinalados. Un
mapa de recursos materiais e recursos humanos que tería indubidable importancia
no deseño e posta en marcha de iniciativas e programas.
Outro dos
axentes implicados ten que ser a Dirección Xeral de Promoción Cultural. Moitos
dos proxectos, programas e iniciativas relacionados coa formación e a animación
teatral deberían ter como entidade promotora e coordinadora a esta Dirección
Xeral, da que cabería esperar un papel máis dinámico, asumindo un maior
protagonismo no fomento da creatividade cultural do país. Ademais dos
organismos autónomos ou directamente dependentes da Consellería de Cultura,
non hai dúbida de que tanto a Consellería de Educación como a Consellería de
Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, poden chegar a desempeñar
un papel fundamental en todo este proceso; a primeira acometendo as medidas
necesarias para promover a regularización das ensinanzas teatrais ou
colaborando na mellora da oferta de actividades extraescolares e complementarias
dos centros escolares da súa competencia, e a segunda potenciando programas
específicos orientados a colectivos como a muller ou a mocidade que constitúen
un sector moi significativo entre os seus beneficiarios potenciais.
Unha das condicións para a posta en marcha de procesos e proxectos
vertebradores radica pois na necesidade de determinar, a través do diálogo
institucional e social e dos consensos que este poida provocar, cáles deberían
ser as áreas fundamentais de actuación das administracións autonómica, local
e provincial, cál o papel das entidades dispostas a asumir o mecenado e cómo
establecer mecanismos de cooperación e coordinación entre todas elas, tal e
como se está a facer na actualidade coa Rede de Teatros e Auditorios creada por
iniciativa do IGAEM. Como veremos, a diversidade de áreas e ámbitos de actuación
e intervención, xunto coa heteroxeneidade de posibles beneficiarios, convida a
unha clarificación competencial entre as diferentes administracións e
organismos, non só para establecer espacios de colaboración senón tamén para
propiciar a sempre desexable optimización de recursos, infraestructuras ou
equipamentos.
Finalmente, hai que considerar que as políticas culturais centradas nas artes
escénicas e promovidas desde as institucións, outras entidades, públicas e
privadas, e organismos diversos, a miúdo se entenden como un servicio á
comunidade, en tanto que se parte do convencemento de que as artes escénicas
constitúen un medio de expresión e comunicación artística e cultural útil e
valioso, e máis nunha sociedade na que os tempos libres adquiriron unha
transcendencia considerable. Por iso un dos referentes necesarios no seu deseño
son os públicos, en tanto que constitúen os seus verdadeiros beneficiarios.
Endebén,
o estudio das dinámicas internas na recepción das artes escénicas en Galicia
mostra tanto a necesidade de diversificar a oferta para atender as expectativas
e as necesidades dos diferentes públicos, moitos deles emerxentes ou aínda por
constituír, como a transcendencia de programar adecuadamente esa oferta, de
maneira que a exhibición de productos escénicos se converta nun fenómeno
perfectamente visible e desexable para todos os cidadáns. Con frecuencia analízanse
as porcentaxes de asistencia ós espectáculos teatrais sen facer referencia ás
causas que determinan eses comportamentos; deste xeito, os baixos índices de
lectura, de asistencia a espectáculos ou de implicación en actividades de carácter
sociocultural, informan dunha serie de deficiencias que remiten a carencias
relacionadas co consumo cultural ou coa participación social dos cidadáns.
Fronte a
estas situacións, que dan conta de verdadeiras asimetrías comunicativas e de
fallas estructurais na xestión cultural, tamén cabe establecer metodoloxías e
estratexias de animación para inverter unha tendencia que ten a súa causa no
feito de que o teatro non forma parte do imaxinario sociocultural dunha elevada
porcentaxe da poboación, polo que os cidadáns dificilmente poderán valorar e
apreciar aquelo que a penas coñecen. Experiencias recentes mostran, por outra
banda, que alí onde se poñen en marcha medidas orientadas a informar e a
fomentar a participación dos cidadáns na vida cultural do seu contorno, os
espectadores das artes escénicas aumentan considerablemente.
2.
LIÑAS DE ACTUACIÓN
A posta en
marcha dun novo paradigma asentado no deseño e promoción de políticas
vertebradoras implica establecer dinámicas orientadas a fomentar a participación
activa dos cidadáns na vida sociocultural da comunidade e a promover a creación
e a difusión dos productos culturais que esa comunidade elabora. Entre esas dinámicas
habería que considerar as seguintes:

1.
A formación: tanto aquela que ten unha dimensión instrumental e procedemental
como a que ten un carácter finalista. Neste sentido, cómpre a plena
regularización das ensinanzas teatrais e de danza, segundo as disposicións
emanadas da Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo. Entre os obxectivos a
curto prazo habería que salientar a necesidade de poñer en marcha a Escola
Superior de Arte Dramática de Galicia, e dotala dos medios e recursos
necesarios para que se constitúa como un dos marcos desde o que potenciar
terreos tan significativos como a formación permanente e a investigación,
tanto a orientada ó estudio do feito teatral, como á que persegue a
experimentación de novas linguaxes, correntes e tendencias escénicas. Similar
importancia, pola súa incidencia na posta en marcha de iniciativas no marco do
teatro afeccionado, poderían ter as Escolas de Teatro de ámbito municipal ou
comarcal.
2. A
animación, entendida como un conxunto diversificado de iniciativas e programas
directamente relacionados coa promoción das artes escénicas en moi diversos
tempos e espacios e orientada a diferentes beneficiarios: grupos afeccionados,
grupos afeccionados de colectivos concretos (mulleres, terceira idade,
discapacidade..), teatro e danza da infancia e da mocidade (ou escolar). Pero
tamén hai que considerar os vínculos que a animación no terreo das artes escénicas
ten con procesos de información, divulgación e difusión cultural, conservación
do patrimonio, integración e loita contra a exclusión, constituíndo así unha
ferramenta necesaria nos procesos de promoción da participación e de
arrequecemento da sociedade civil.
3. A
realización de espectáculos é un dos eixes fundamentais da actividade nas
artes escénicas, mais cómpre que se melloren as súas condicións de producción
e de elaboración, garantindo unha maior dedicación por parte dos profesionais,
o que implica promover medidas orientadas a favorecer a creación de unidades de
producción estables que poidan deseñar proxectos de creación en función dos
públicos, diversificando así a oferta e aumentando a proxección social da
creación artística.
4. O
sistema actual de exhibición e distribución de espectáculos condiciona
negativamente a relación entre creadores e espectadores, por iso cómpre
establecer novos mecanismos e estratexias na programación e na difusión,
relacionados con actividades específicas de animación e de captación de públicos,
coas que garantir unha presencia máis prolongada dos espectáculos nos teatros,
o que redunda en beneficio dos potenciais usuarios. Igualmente, habería que
establecer mecanismos racionais de distribución, o que supón non só mellorar
as infraestructuras existentes senón tamén establecer pautas de coordinación
e cooperación entre as administracións e entre estas e outras entidades, públicas
e privadas.
5. A
información e a crítica constitúen dous elementos importantes do sistema
cultural que configura cada unha das artes escénicas, tanto por contribuír a
aumentar a súa visibilidade como pola posibilidade de establecer debates
constructivos arredor das orientacións temáticas e artísticas da creación de
espectáculos. A importancia destasdúas funcións aumentará na medida en que
as anteriores se vaian desenvolvendo, malia que a función informativa pode
chegar a ser determinante na proxección e visibilidade da vida cultural dunha
cidade ou dunha comarca.