IX. ARQUIVOS, BIBLIOTECAS
E MUSEOS.
PATRIMONIO HISTÓRICO
Os tres ámbitos primeiros desta área sofren de semellantes deficiencias, a meirande parte delas de orde estructural, derivadas dunha reflexión insuficiente sobre a situación de partida por parte das administracións e da carencia dunha consideración global sobre o papel que arquivos, bibliotecas e museos poden e deben cumprir na sociedade galega contemporánea. Na procura dos elementos-trazo, comúns ós tres ámbitos e identificadores desas deficiencias, podemos atopar como aspectos máis salientables:
1. A carencia, por parte de poderes públicos e da sociedade, dunha análise en
profundidade sobre o perfil que lle cómpre ó arquivo, á biblioteca e ó museo
na actualidade e no seu inmediato porvir. Análise que penetre no carácter
instrumental destas tres institucións como axentes para a conservación da
memoria cultural e como espacios de información, documentación e investigación
desa memoria. E reflexión que se achegue á función que a sociedade demanda
deses espacios como lugares de difusión, socialización e democratización dos
contidos amplos e diversos da nosa memoria social e cultural.
2. A falta dun planeamento integral, por parte da administración competente
nestas materias, que ordene e articule en Galicia un Sistema de Arquivos, un
Sistema Bibliotecario e un Sistema de Museos no marco das responsabilidades e
competencias institucionais e xestoras que, de xeito xerárquico e/ou
concorrencial, recaen sobre administracións públicas e sociedade civil. A noción
de sistema formulada nas leis vixentes sobre arquivos, museos e bibliotecas é,
na práctica, unha expresión retórica afastada da vontade expresada polo
lexislador cando redactou e aprobou a Lei 14/1989 de Bibliotecas de Galicia e a
Lei 30/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia.
3. A inexistencia ata hoxe de normativa e regulamento específico para tódolos
ámbitos desta área, a parálise no desenvolvemento necesario das devanditas
leis. A limitada comprensión do arquivo, da biblioteca e do museo, así como do
patrimonio bibliográfico, documental e museístico, canto partes nodulares do
patrimonio cultural dificulta tanto o adecuado desenvolvemento regulamentario
das leis neste campo como a construcción dunha política integral e integradora
que non disocie o museo, o arquivo e a biblioteca da acción e a xestión global
do patrimonio cultural. Na política cultural de Galicia, e por parte de tódalas
adminstracións, esta visión global non aparece, como o mostra a aplicación
das políticas sectoriais en materia de cultura faltas de estratexias e
programas dotados dunha verdadeira coordinación.
4. Os tres aspectos enunciados mostran que, para os efectos da cuestión que nos
ocupa e no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, non se desenvolveu ata
hoxe un proceso activo para vertebrar o triángulo planeamento-dotación-xestión,
esencial para toda acción estratexicamente orientada a resolver deficiencias
estructurais importantes.
1. UNHA DIAGNOSE DA SITUACIÓN ACTUAL
As
Xornadas de ANABAD-Galicia e os diferentes Coloquios Galegos de Museos
organizados polo Consello Galego de Museos, teñen trasladado, particularmente
nos últimos quince anos, ás administracións e á sociedade a problemática
que afecta ó patrimonio cultural que estas institucións deben conservar,
documentar e investigar, ademais de difundir. Son carencias sinaladas
reiteradamente:
1. Deficiencias nas infraestructuras, equipamentos e dotacións, tanto dos
subsistemas e redes públicas (autonómica, provincial e municipal) coma nas
redes do ámbito privado (que afecta a patrimonios documentais, bibliográficos
e mobles moi relevantes).
2. Deficiencias na articulación legal e normativa. Cómpre insistir no
sustantivo articulación, porque as leis e normas específicas que afectan a
esta área non resolven os problemas se descoñecen o conxunto da paisaxe
sociocultural do país e se non van doadamente ensarilladas cos corpus
normativos que tocan os temas territoriais, urbanísticos e ambientais.
3. Deficiencias no planeamento e na xestión, que se expresan na falta de
vertebración orgánica e/ou funcional de centros e redes, o que empece a
articulación dun sistema.
4. Deficiencias cuantitativas e cualitativas na dotación de recursos humanos
que se manifestan na configuración dos cadros de persoal, moi particularmente
no centros ámbito municipal e de titularidade privada. A formación e
cualificación científico-técnica dos que prestan servicios nestes centros é
particularmente deficiente, non existindo un modelo harmónico e homoxéneo de
formación, ingreso e acceso a estes servicios.
5. No que ós arquivos e ó
patrimonio documental atinxe, o feble artellamento do Subsistema de Arquivos
xestionados pola Xunta de Galicia incide negativamente na configuración e no
funcionamento dun Sistema de Arquivos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente, a falta de servicios chave, coma tal unha Comisión Superior
Calificadora de documentos administrativos, un Centro de Restauración do
Patrimonio documental de Galicia e un Centro de Reproducción de Documentos,
imposibilitan o artellamento ordenado do Sistema. A carencia ata o momento dun
Programa integral (priorizado e xerarquizado) de informatización e aplicación
das novas tecnoloxías de información e comunicación nos arquivos do Sistema
é un factor adicional que dificulta a súa consolidación e o cumprimento do
seu fin máis importante: o acceso ó Patrimonio Documental de Galicia. A
inexistencia, ordenada e priorizada, dunha política de atención ós restantes
Subsistemas ou redes de Arquivos de Galicia é outra pexa esencial para a construcción e adecuado
funcionamento dun verdadeiro Sistema de Arquivos de Galicia.
6. No que ás bibliotecas e ó servicio bibliotecario respecta, a deficiente
calidade dos servicios (escaseza de fondos bibliográficos e orzamentarios,
falta de regularidade no incremento das coleccións, inadecuación e
insuficiencia espacial dos edificios, cativeza da oferta e programación
horarias, ou a pobreza na disposición e xestión das novas tecnoloxías)
dificultan tanto a vertebración do noso sistema bibliotecario coma a gradual e
necesaria reconversión das bibliotecas en centros de documentación e información.
A biblioteca-institución precisa hoxe perfilar con precisión a súa imaxe pública
dentro da sociedade na que opera e á que serve e a biblioteca pública debe
traballar cara á concepción do seu novo modelo de organización, dotación e
xestión. Particular problemática presentan as bibliotecas municipais,
singularmente as das vilas e pequenos concellos. En moitos concellos non hai
consignacións anuais específicas para as súas bibliotecas, que viven baixo mínimos
e sometidas ás decisións arbitrarias da autoridade política. Ítem máis, o
fornecemento de libros e o funcionamento de servicios como o bibliobús non
obedece a criterios de organización-xestión técnica e profesionalizada, senón
a decisións conxunturais. Índice do subdesenvolvemento do noso sistema
bibliotecario son tamén as bibliotecas de barrio e as escolares, escasas e
eivadas por carencias de todo tipo.
7. Canto ós museos cómpre salientar a indisciplina,
a invertebración e o incumprimento da norma legal na que se move en Galicia o
acto de creación e promoción de museos, fenómenos favorecidos pola falta de
desenvolvemento normativo da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e pola
inexistencia dunha política articulada e coordinada, entre administracións e
sectores sociais, para tecer unha paisaxe museal de Galicia inscrita nunha acción
integrada de conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural.
Carecemos dun programa que defina os espacios estratéxicos dentro da museoloxía
galaica (Museo do Pobo Galego, rede de Museos xestionados pola Xunta de Galicia,
rede municipal inscrita nunha rede ou subsistema comarcal e por outra banda as
redes privadas, salientablemente a rede eclesiástica) e constrúa o sistema de
museos de Galicia dentro deste marco. Cómpre reabrir o debate que devolva ós
museos das redes públicas (e ós das privadas subvencionados) a consideración
de servicios públicos para o acceso ó patrimonio cultural e para a conservación,
investigación e difusión da memoria social da nosa comunidade. Debate que
implica a comprensión desta institución como un espacio educativo e un lugar
no que se reflicte a identidade cultural (dinámica e cambiante) de Galicia e
das súas xentes e que relativice o reduccionismo turístico e espectacular cara
ó que camiñan hoxe moitas accións musealizadoras e activadoras do patrimonio
cultural. O espacio comarcal e a recuperación político-institucional da
comarca constitúen un locus fundamental para vertebrar unha acción
patrimonializadora e musealizadora social e culturalmente ordenada,
territorialmente equilibradora e politicamente democrática. Pero ese espacio
está orfo e ausente aínda en Galicia dunha política de patrimonio cultural
estudiada, debatida e minimamente contrastada. Os principios que deberían rexer
as accións neste sentido terían que limitar os plans a curto prazo, con
macro-actividades ou macro-centros puntuais, potenciando, pola contra, un
equilibrado e racional repartimento dos recursos por toda Galicia e, de maneira
especial, por algunhas comarcas galegas que, na actualidade, están en claro
retroceso.
8. Os tres ámbitos coinciden na denuncia do desigual repartimento que se fai
dos fondos públicos para a atención das necesidades culturais
infraestructurais fronte a aplicación de partidas moito máis elevadas de gasto
para accións de contido e configuración espectacular, temporais e efémeras.
Algúns grandes proxectos, como a Cidade da Cultura, corren o risco de empecer o
desenvolvemento ordenado dunha recuperación eficiente do noso patrimonio
cultural no marco dun proceso necesario (e xa urxente) de estructuración
territorial policéntrica. O patrimonio cultural xoga na Galicia de hoxe un
papel estratéxico que non está sendo axeitadamente considerado polas
administracións públicas e tampouco por sectores varios da chamada sociedade
civil.
2. CONTEXTUALIZACIÓN DESTA PROBLEMÁTICA. LIÑAS DE ACTUACIÓN
Dificilmente ten doado encaixe nun relatorio como este analizar, definir
obxectivos e propoñer unha metodoloxía para o seu logro se desconectamos o
mundo dos arquivos, bibliotecas e museos do marco máis amplo e globalizador do
patrimonio cultural. Arquivos, bibliotecas e museos son espacios historicamente
formalizados como lugares centrais dentro dunha visión integral do patrimonio
cultural. Á marxe deste non é doado establecer un programa de accións para
resolver deficiencias, porque as deficiencias estructurais que afectan a estes
espacios son deficiencias que constitúen a cerna da Sociedade da conservación.
Polo tanto arquivos, bibiotecas e museos só poden atopar un itinerario adecuado
para resolver a súa problemática dentro do ‘efecto marco’. Para tal efecto
cómpre:
1. Deslindar, para despois articular, as deficiencias de concepción das
deficiencias orgánicas e funcionais (xestoras e dotacionais). O que debe ser
hoxe un arquivo, un museo e unha biblioteca e baixo qué supostos de todo tipo
debemos recoñecer como tales os diferentes centros, espacios e iniciativas así
(auto) denominadas.
2. Resolver a problemática legal e normativa na liña da iluminación
proxectada pola reflexión conceptual indicada, particularmente no relativo ó
control sobre a creación, dotación, profesionalización e xestión destes
servicios culturais.
3. Traballar na concertación e o consenso institucional, sempre baixo a
autoridade democrática de quen posúe as máximas competencias, para ordenar os
mapas e as paisaxes dos diferentes sistemas: o bibliotecario, o arquivístico e
o museal. Sen esquecer que un sistema é unha combinación de estructuras orgánicas
e de vínculos, dependencias e accións funcionais.
4. Implicar os profesionais cualificados e técnica e científicamente solventes
que levan anos traballando para a vertebración en Galicia dos sistemas ditos no
marco dun labor xeral de conservación, documentación-investigación e difusión
do seu patrimonio cultural. Profesionais de arquivos, bibliotecas e museos,
incluídos aqueles que realizan a súas tarefas facultativas nos arquivos,
bibliotecas e museos da Universidade, e todos aqueles especializados nos campos
da arquivística, a biblioteconomía e a museoloxía que centran a súa
investigación no estudio do patrimonio bibliográfico, documental e museolóxico
e no estudio do patrimonio cultural nas súas diferentes áreas e campos. A
definición legal destes Centros como espacios de conservación, documentación,
investigación, educación e difusión aconsella unha homologación, para os
efectos do deber e o dereito de formación continua e reciclaxe dos profesionais
especializados, co persoal docente e investigador do Ensino secundario e
superior.
5. Comezar un traballo de dotación de infraestructuras no campo do patrimonio
cultural, priorizando: A formación e cualificación específica dos
profesionais no marco de programas adecuados nos campos da arquivística, a
biblioteconomía e a museoloxía nas distintas especialidades (arqueolóxica,
antropolóxica, histórico-social, histórico-artística, científico-natural e
técnica, etc).
As políticas de conservación patrimonial especializada e os programas de
documentación e investigación. Tamén cómpre a creación e dotación de
Centros de especialización para restauradores nunha escola de formación académica
superior que configure programas e itinerarios curriculares adecuados ás
complexas problemáticas que presenta hoxe o patrimonio cultural no seu conxunto
e, para o que aquí procede, no ámbito do patrimonio documental e bibliográfico
e no amplo abano de cuestións que atopa a acción restauradora no complexo e
interdisciplinar patrimonio museolóxico.
6. Profundizar na función educativa dos arquivos, bibliotecas e museos para os
diferentes niveis de ensino, como espacios complementarios da formación
regulamentada. Complementariamente, é preciso profundizar na función educativa
que poden e deben cumprir para o conxunto do tecido social, e como lugares de
reflexión nos que o cidadán manexa a memoria cultural como ferramenta de
comprensión da mudanza pola que atravesan el e a súa sociedade.
7. Inserir as bibliotecas e arquivos na sociedade da información (cos
postulados democráticos divulgados pola UNESCO) e restablecer o museo (e tamén
o arquivo) como espacio central das políticas de conservación-difusión da
memoria cultural na liña indicada e de acordo igualmente cos principios
promulgados polo Parlamento Europeo, e pola ICOM (International Commission on
Museums), a ICA (International Comisssion on Archives) e a IFLA (International
Federation of Library Associations), todos eles baixo o patrocinio igualmente da
UNESCO.
3.
PROPOSTAS
Como dixemos, os Museos deben potenciar a súa dimensión educativa. Con
horarios oportunos estableceranse obrigatoriamente visitas guidadas e
ilustradas. Sería de desexar que as pezas, antigas e modernas, se atopasen
reproducidas polos medios comúns (fotografías en series, por museos, épocas e
autores) e a ser posible integradas en narracións animadas, reproducibles por
calquera medio (video persoal ou en rede, discos ópticos, etc.), que tendan a
explicar o obxecto e integralo dalgunha maneira no seu medio, real ou finxido. Cómpre
suprimir de raíz a tendencia a converter os museos en almacéns dispares. Todo
o patrimonio artístico seralle presentado de maneira viva ós visitantes (sobre
todo, escolares) mediante excursións ou visitas reguladas), de maneira que xere
neles non unha lembranza erudita senón unha impresión histórica e vital.
Faise imprescindible acometer con tódolos medios unha catalogación completa de
tódolos fondos antigos, públicos e privados, para pór os catálogos a dispor
dos estudiosos. Sería desexable que se puidera chegar á conservación conxunta
da maior cantidade posible de elementos, que faría rendible a súa consulta. As
bibliotecas privadas que quixesen someterse a este tratamento global recibirían
beneficios fiscais, que serían máis importantes para o caso en que os bens
puidesen ser consultados e estudiados se o caso o requirise.
Tamén urxe informatizar, pondo os resultados a dispor dos estudiosos, todo o
patrimonio documental de Galicia. Cumpriría dixitilizar toda a documentación,
conservada en arquivos públicos ou privados, anterior ó século XVII. Nesta
media inclúense tódolos fondos referentes a Galicia que se atopan nos arquivos
estatais de España e Portugal (Simancas, Archivo Histórico Nacional, Archivo
del Reino, etc.), privados (Casa de Alba, Medinaceli, etc.) ou en arquivos
eclesiásticos locais (diocesanos, conventuais, parroquiais, municipais, etc.)
ou xerais (Vaticano, Casas xeneralicias, etc).
4.
SOBRE O PATRIMONIO MONUMENTAL
Toda acción se ha de centrar en dúas direccións: conservar e potenciar. A
conservación non precisa moitas explicacións, a potenciación procura
interesar os cidadáns para que adopten unha postura positiva e activa,
creacional, perante o patrimonio. En xeral, interesa que chegue á consciencia
de tódolos cidadáns, e non soamente dos máis especialmente cultivados, o
aprecio do patrimonio todo nas súas distintas facetas, o seu coñecemento e a súa
preocupación pola máis exquisita e cumprida conservación.
Semella imprescindible toda acción conservadora dos monumentos de calquera índole.
Esta acción ha de ser, por acaso no caso dos núcleos históricos, sobre todo
conservadora, pero de modo que esta acción non tenda a convertelo nun museo
anquilosado. A conservación ten que ser viva, potenciándoa mesmo mediante
incentivos fiscais, tanto para os propietarios que deberán conservar os bens
coa súa esencia antiga, como para os utentes que deberán obter tamén
beneficios fiscais polas serventías inevitables da súa utilización. No caso
de grandes monumentos, non só se conservarán como ben prezado permanente, senón
que se farán accesibles mediante a constitución de Rutas que os valoricen e
fagan atractivos, e proveitosos para a formación dos cidadáns.