I  INTRODUCCIÓN

    Hai vinteoito anos convocouse en Estocolmo a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Humano. Celebrada a un alto nivel político e cun espírito renovador, sentou as bases filosóficas do que debe ser a coevolución do home e a natureza, ademais de ser o xermolo do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA-UNEP).

    Independentemente dos matices e críticas1 a esta conferencia, se reflexionamos sobre o seu carisma, casi mítico, encontrámonos coa sorpresa de que se basea nunha premisa que hoxe nos parece totalmente lóxica: a necesidade de considerar os factores sociais e económicos como parte do ecosistema humano. Por outro lado, Estocolmo constitúe un punto de inflexión, delimitando un antes e un despois.

    Antes de Estocolmo 1972 existiron dúas iniciativas, impulsadas ambas por unha comunidade científica preocupada tanto polo cariz que estaba tomando o desenvolvemento da humanidade como pola escaseza de cantidade e calidade dos nosos recursos naturais e das metodoloxías de investigación no campo das ciencias ambientais.

   O Programa Biolóxico Internacional, posto en marcha en 1964 e culminado dez anos despois con éxitos notables, tiña como obxectivo principal a mobilización de gran número de investigadores que puidesen dispoñer dos elementos técnicos máis perfeccionados, non soamente para estudiar os distintos compoñentes dun ecosistema, senón para entender o seu funcionamento na súa totalidade.

    No contexto do nacemento dos primeiros movementos ecoloxistas nos países desenvolvidos a UNESCO convoca, en 1968, a Conferencia Intergobernamental de Expertos para a discusión das bases científicas da utilización e conservación dos recursos da biosfera, na que se definiu a existencia de relacións entre o desenvolvemento económico e social e o uso dos recursos. Froito desta conferencia nace, en 1971, o Programa Internacional sobre o Home e a Biosfera (MAB) co obxectivo principal de estudiar, dende unha visión integrada, as relacións do home co seu contorno, a fin de orientar o desenvolvemento de maneira que non se poña en perigo a renovación dos recursos, filosofía que con matices posteriores dá lugar ó concepto de desenvolvemento sostible2, pedra angular da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e Desenvolvemento, comunmente coñecida como Río 92. Pasaran vinte anos dende Estocolmo e o que ata daquela eran advertencias dun futuro afastado e incerto, convértense en voces de alarma sobre un presente en crise ambiental. Os estados reúnense para estudiar o problema e buscar solucións, o que dá lugar a catro documentos clave: a Declaración de Río sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento, o Convenio Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, o Convenio sobre a Diversidade Biológica e, por último, o Programa 21, tamén coñecido como Axenda 21, a aplicación da cal será sometida a exame no 2002.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Sen embargo, malia á existencia de conferencias e documentos, de estratexias e “manuais de instruccións para un desenvolvemento sostible da humanidade” a degradación do medio ambiente seguiu unha espiral crecente. Sen ir máis lonxe na Declaración Ministerial de Malmö3 os ministros de medio ambiente expresan a súa profunda preocupación “... porque, a pesar dos numerosos e continuos esforzos realizados con éxito pola comunidade internacional dende a Conferencia de Estocolmo e de ter alcanzado algún progreso, o medio ambiente e a base natural de recursos que sostén a vida na terra seguen a deteriorarse a ritmo alarmante ...”.

    No marco da Unión Europea asistimos ó desenvolvemento de cinco programas de medio ambiente; o último, fillo dos postulados de Río 92, concibido na euforia política do desenvolvemento sostible non conseguiu os resultados esperados, e é que é difícil frear unha sobreexplotación de dimensións planetarias cando non hai vontade real por parte de tódolos axentes sociais, e en especial das institucións e empresas.

A finais do presente ano entrará en vigor, por un período de dez anos, un novo programa europeo de medio ambiente. As esixencias deste novo programa son principalmente actuacións prioritarias na loita contra o quentamento global, o consumo abusivo dos recursos e a producción de residuos, a perda de biodiversidade, a degradación do solo e as incertezas que, en forma de risco, presenta a biotecnoloxía e a enxeñería xenética. Os temas medioambientais, en virtude do seu carácter horizontal, deberán integrarse, ademais, noutras políticas para que as normativas que resulten non só se promulguen senón que ademais se cumpran, e aqueles que non o fagan asuman a responsabilidade medioambiental que corresponde.

    Este é o contexto no que teremos que convivir os galegos durante os próximos dez anos, é o tempo que nos tocou vivir.

    Aínda a risco de simplificar a situación poderíase denominar o período 2000-2010 como o “decenio do cambio necesario”. Ata o momento estase a poñer freo ó proceso de degradación do contorno, pero non se está invertendo dito proceso, somos víctimas da inercia de dous séculos de industrialización, onde o coñecemento e a tecnoloxía foron usados dende unha perspectiva mecanicista e maquiavélica, onde a natureza e a humanidade se puxeron a disposición do mal chamado progreso. Como sinal a premio Nobel da Paz, Rigoberta Menchú: “... este modelo de suposto desenvolvemento debe cambiar profundamente. A pobreza, a miseria, a degradación do medio ambiente e o esgotamento dos recursos naturais continuarán mentres non se abandone a irracionalidade na forma de producir e distribuír a riqueza, acentuada polo modelo económico globalizante; mentres que a meta final sexa o individuo antes que a comunidade; mentres as ansias dunha maior e cada día máis acelerada acumulación de riqueza, de concentración e centralización de capital sigan caracterizando o proceso político, social, económico e cultural actualmente hexemónico ...”.

    Dito o anterior non debemos confundir a verificación dunha realidade con evidentes dificultades cun pesimismo que asume a tarefa de cambiar como un imposible, aínda estamos a tempo dunha transición que modifique no soamente a velocidade de cambio senón o signo do mesmo, pero ademais hemos de ser conscientes da realidade que nos rodea, xa que o noso contorno máis próximo é responsabilidade nosa. É agora cando debemos sentar as bases para inverter o proceso de degradación que conduce á irreversibilidade; proceso a realizar sobre todo polos que causamos os problemas, é dicir o Norte desenvolvido, sen acurtar as posibilidades de desenvolvemento dos países do Sur en vías de desenvolvemento.

    O impacto ambiental das actividades humanas non é un fenómeno homoxéneo, senón que é ben distinto segundo o propio modo de vida e das condicións do contorno. Nun mundo que camiña cara á concentración do poder debemos, nos próximos dez anos, actuar a nivel local, achegar o noso gran de area, aprender e porqué non, servir de exemplo ó resto do mundo. Debemos aplicar a Axenda 21 en tódolos seus aspectos, ó ritmo de cada un, sen présa pero sen pausa. E non nos enganemos, cada un de nós ten unha responsabilidade co medio ambiente, ignorala é delegala en aqueles que a asumirán no seu propio beneficio.

    Non é unha tarefa fácil elaborar o escenario do medio ambiente da Galicia do 2010, moitas son as preguntas a cuestionarse e para a maioría non coñecemos unha resposta precisa, pero como en todo escenario temos un punto de partida, uns instrumentos de análise e unha imaxe desexada.

    A Galicia do 2000 é unha comunidade autónoma en proceso de desenvolvemento, cunha calidade ambiental moi aceptable, un clima temperado e húmido, unha orografía complexa pero non esaxerada que favorece unha gran diversidade de ecosistemas, unha franxa costeira única e unha densidade de poboación baixa no interior e alta na costa que limita a presión sobre o medio. Encontramos todo tipo de razóns para impulsar un modelo de industrialización respectuoso co contorno e modificar o modelo de consumo insostible que adoptamos.

    Considerando tódolos aspectos tratados, na Galicia do 2010 deberase ter detido e invertido a degradación do medio gracias á participación das institucións, o sector empresarial e sobre todo a sociedade civil, en base a unha poboación sensibilizada e educada que respecta os valores éticos e ambientais.

    As institucións deberán ter creado as condicións que faciliten a participación pública; se terán adoptado as cuestións ambientais como condición necesaria a tódolos niveis da política; a normativa deberá estar entre as máis esixentes, sobre todo no concernente ós delictos contra o medio ambiente e a responsabilidade derivada dos danos causados. A totalidade dos concellos de Galicia deberían ter superado o reto da sostibilidade local, asumindo a Axenda 21 Local4.

    O sector empresarial de Galicia deberá ter adoptado como filosofía de acción o condicionar os factores de rendibilidade económica ás premisas ambientais. A súa operación estará baseada nos principios de conservación de recursos, eficiencia enerxética e reducción de efluentes. Conceptos como a reducción, reutilización e reciclaxe de residuos, a análise do ciclo de vida, as auditorías ambientais, os sistemas de xestión medioambiental e o factor catro5 deberán formar parte da cultura das nosas empresas.

    A sociedade civil estará comprometida co seu contorno, sendo a súa participación imprescindible para a toma de decisións, determinando as pautas de comportamento en tódolos ámbitos. Será a presión cidadá a que, adoptando novos hábitos, consiga un mellor reparto da riqueza, unha maior protección do contorno e en definitiva un sistema baseado no aumento do benestar e o respecto á Natureza.

    A continuación preséntase unha visión que non pretende ser exhaustiva sobre o estado, presións que soporta o medio e recomendacións de diferentes áreas que participan no medio ambiente en Galicia (recursos naturais e medio urbano), así como sobre os factores máis importantes que inciden sobre o medio ambiente (transporte, enerxía e residuos) e a ferramenta básica para o cambio social necesario (educación ambiental).


1 No seu momento a Conferencia provocou grandes críticas ó semellar unha invitación ós países en desenvolvemento para deter ou frear a súa evolución.

2 O concepto de desenvolvemento sostible tal como o coñecemos hoxe é o definido pola Comisión Mundial de Medio Ambiente e Desenvolvemento: “desenvolvemento que satisfai as necesidades do presente sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades”.

3 Derivada do primeiro Foro Ambiental Mundial a nivel Ministerial, celebrado no presente ano.

4 A Axenda 21 Local baséase nos capítulos 7 e 28 da Axenda 21 (Río 92).

5 Club de Roma. 1998.