II  RECURSOS NATURAIS ATMOSFERA

    O estado da atmosfera en Galicia está condicionado polas emisións antropoxénicas procedentes de actividades industriais, agrícolas e gandeiras, e domésticas, e polas condicións atmosféricas sinópticas dominantes, caracterizadas pola influencia do Atlántico nas provincias costeiras, e por condicións máis locais no interior.

    Así, e especialmente nas provincias costeiras, as condicións de dispersión e renovación da atmosfera, e a elevada precipitación, favorecen habitualmente a reducción dos niveis de contaminantes atmosféricos primarios, polo que a calidade do aire en Galicia é, en xeral, boa, incluso nos contornos urbanos, agás en determinados contornos locais asociados a focos emisores singulares, xeralmente de orixe industrial.

    Calidade do aire: estado actual

    Dentro dos contaminantes primarios de especial relevancia, ben polo seu volume total de emisións, ou ben pola existencia de emisións localizadas de importancia, podemos distinguir segundo o contorno no que se producen:

    a) No contorno rural, afectado tamén por diversas actividades industriais, atópanse o metano e amonía (procedentes de residuos gandeiros), o SO2 e as partículas sólidas, de distinta granulometría, (procedentes na súa maior parte da combustión de carbón e, máis localmente, de actividades mineiras a ceo aberto) e, en menor medida, os óxidos de nitróxeno (NOx), e metais pesados. Por suposto, a presencia de industrias localizadas que xeran contaminantes específicos ademais dos xa mencionados (por exemplo, fluoruros), é de importancia nesta análise. E, tamén, como contaminantes de orixe natural, a presencia de aerosois mariños, e compostos orgánicos volátiles, son os máis representativos destes.

    b) No contorno urbano, tamén afectado por actividades industriais, aprécianse niveis significativos de NOx, partículas e Pb (procedentes do tráfico rodado, actividades industriais e domésticas). E, dependendo das industrias e actividades productivas situadas en cada poboación, tamén se incrementan os niveis destes contaminantes, ou se aprecian outros contaminantes, como compostos orgánicos volátiles (no caso de industrias de refino do petróleo, ou industrias de transformación de papel), partículas sólidas (derivadas da trasfega de sólidos), ou outras.

    Aínda cando nesta listaxe se trata de reflectir os contaminantes primarios de maior relevancia en Galicia e a súa orixe máis probable, non é posible na situación actual determinar de forma cuantitativa ambos aspectos, posto que non se dispón dun inventario de emisións exhaustivo para a comunidade galega; excepto o inventario CORINE AIR que presenta carencias tanto na actualización da información, coma no tipo de contaminantes e focos emisores considerados.

    En liñas xerais, como se indicou, os niveis de inmisión destes contaminantes primarios adoitan presentarse dentro de límites, debido ás condicións atmosféricas que favorecen a súa dispersión e eliminación; sen embargo, á súa vez estes mesmos procesos favorecen a producción de contaminantes secundarios que, ben empeoran a calidade do aire no contorno, ou ben teñen unha incidencia directa sobre a deposición ácida.

    Así, das emisións actuais de metano e compostos orgánicos volátiles, tanto no medio rural coma no urbano, derívanse radicais libres susceptibles de participar na formación de O3 troposférico, especialmente no medio rural galego, onde se detectaron niveis significativos tanto de forma episódica coma de fondo (superándose, en ocasións, os 80 microg/m3). Precisamente debido á súa orixe e ós seus mecanismos de xeración, non é posible definir exactamente as causas destes niveis, se se deben exclusivamente á súa formación como consecuencia de emisións bioxénicas ou antropoxénicas de precursores, ou se ademais existen fenómenos meteorolóxicos que favorecen a entrada de O3 estratosférico. Neste sentido, ademais do seguimento continuo do O3 superficial, resultaría de interese a dispoñibilidade de sondaxes de O3 en altura, cando menos, en períodos meteorolóxicos (paso de frontes acusadas) que poidan favorecer a

 

 

 

 

 

entrada de O3 dende capas superiores.

Das emisións de gases ácidos, especialmente SO2 pero, cada vez en maior medida, tamén de NOx, derívanse niveis localmente apreciables de partículas de sulfato e nitrato, e depósitos especialmente significativos no norte de Galicia. Estes depósitos están, por outra parte, adecuadamente caracterizados e cuantificados (tanto mediante o estudio da súa orixe e formación, coma na medida sistemática), e nos niveis actuais non presentan problemas de impacto significativo. Ademais, a tendencia actual, derivada entre outras razóns do desenvolvemento dos acordos adoptados dentro do Grupo de Traballo do Convenio de Xenebra, encamíñase cara á reducción substancial e futura eliminación das emisións de SO2 (procedentes na súa maior parte da combustión de carbón, e de sistemas de xeración de enerxía baseados en combustibles fósiles líquidos), e o incremento, en menor medida, das emisións de NOx (a partir da xeneralización do uso do gas natural).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Respecto á formación de partículas, especialmente de pequeno tamaño, esta asóciase xeralmente á transformación das emisións ácidas, anque tamén teñen importancia algúns compostos orgánicos (como os hidrocarburos policíclicos aromáticos, HPA), a incidencia dos cales pode ser maior nas áreas urbanas. Neste caso, as tendencias actuais que pretenden establecer un control diferenciado sobre as partículas de menor tamaño (PM2.5 ou, incluso, PM1, fronte ó PM10 utilizado actualmente), poden non ser de aplicación en Galicia, debido á achega continua e significativa de aerosois mariños que, actualmente, non están cuantificados.

    Un aspecto adicional a considerar é a incidencia da contribución de Galicia a efectos da contaminación atmosférica a escala continental e global, e a influencia destes efectos sobre o propio medio ambiente en Galicia. Neste sentido, dous son os efectos máis significativos que poden destacarse:

- A deposición ácida, na que Galicia é esencialmente exportadora, pola súa situación no continente europeo, e que foi xa analizada.

- O cambio climático, no que podemos distinguir dúas perspectivas distintas:

    a) Galicia contribúe ó seu aumento, en forma de gases de efecto invernadoiro (CO2, CH4, O3 troposférico), e por outra ó seu descenso, debido ó incremento da masa forestal galega.

    b) Galicia podería ser receptora deste efecto, no sentido de que o clima galego sufra cambios significativos. Os rexistros dispoñibles actualmente en Galicia non parecen indicar cambios climáticos significativos ó longo deste século, sendo máis importantes as influencias locais na definición do clima dunha rexión galega determinada. As experiencias actuais en materia de meteoroloxía, que permitiron mellorar o coñecemento deste medio, que se desenvolven en Galicia non apuntan a cambios notables neste ámbito.

Perspectivas

    Como se indicou, o estado actual da calidade do aire en Galicia é, en xeral, bo, se ben hai que destacar contornos localmente mellorables, asociados habitualmente a determinadas actividades industriais (combustión de carbón, refino do petróleo, fabricación de pasta de papel, metalurxia e actividades mineiras). Prevese, sen embargo, que este estado sufra modificacións significativas nos próximos anos, debido fundamentalmente a:

    1. A substitución do carbón e gasóleo por gas natural e carbóns limpos na producción de enerxía, como consecuencia no primeiro caso da aplicación dos acordos derivados do Convenio de Xenebra para o período 2001-2005; e a utilización de enerxías renovables como substitutivas ou complementarias dos combustibles fósiles.

    2. As novas actuacións que, en materia de control da contaminación atmosférica, obrigan tanto ás actuais coma ás futuras Directivas comunitarias sobre partículas, O3, compostos orgánicos (volátiles, persistentes, particulados), metais, etc., que se están elaborando de acordo con grupos de traballo asociados ó Convenio de Xenebra, a rede EMEP e, en moitos casos, emulando as tendencias establecidas dentro do grupo NARSTO (Canadá, EEUU e México) para o estudio e control da contaminación atmosférica en América do Norte.

    En canto ó primeiro punto, é necesario analizar especialmente a incidencia do incremento previsible das emisións de NOx, tanto en grandes centros productores de enerxía e unidades de coxeración, coma no ámbito urbano (fundamentalmente transporte), sobre a formación de O3 troposférico. En canto ó segundo punto, Galicia debe establecer as súas propias prioridades, en función das súas actividades productivas máis relevantes, para o que resulta necesario dispoñer dun inventario exhaustivo das súas emisións.

Recomendacións

    A partir da análise do estado actual da atmosfera en Galicia, e das perspectivas futuras de cambio que se prevén, poden establecerse unha serie de recomendacións en canto ás accións a desenvolver nos próximos anos, que permitan consolidar aquelas iniciativas de interese xa establecidas, e desenvolver outras acorde coas novas necesidades condicionadas por factores externos o internos. Estas recomendacións resúmense nas seguintes actuacións:

    1. Fomentar e incrementar o coñecemento da atmosfera en Galicia, mediante a recompilación sistemática de información meteorolóxica e climatolóxica, a aplicación sistemática de modelos meteorolóxicos propios para Galicia, e a análise dos mesmos. Este coñecemento, anque non se corresponde especificamente coa definición da calidade do aire, é unha base imprescindible para a análise posterior dos parámetros que si definen a calidade do aire.

    2. Fomentar e incrementar o seguimento sistemático da calidade do aire en contornos urbanos e industriais en Galicia, mediante redes de vixilancia de inmisión e depósito, para os contaminantes máis comúns: SO2, NOx, O3, partículas sólidas. Esta actuación debe ter como obxectivo a dispoñibilidade dun inventario sistemático da calidade do aire e depósito de contaminantes atmosféricos, así como da delimitación das responsabilidades sobre a orixe dos contaminantes.

    3. Fomentar e incrementar o uso de sistemas de prevención e control da contaminación atmosférica en contornos industriais e grandes cidades, baseadas en redes de medida dos contaminantes emitidos por cada foco específico, e modelos matemáticos meteorolóxicos e de dispersión (dos que xa existen diversas experiencias en Galicia), que permitan establecer as condicións localmente aceptables para o desenvolvemento de actividades industriais e urbanas, respecto da calidade do aire.

    4. Desenvolver programas de análise sistemática doutros contaminantes previsiblemente a controlar, ademais dos mencionados no punto 1, de acordo coas tendencias actuais en Europa, por orde de prioridade: partículas finas e a súa especiación, compostos orgánicos volátiles, metais (p.ex., Hg, Pb, Zn, Cd), HPAs e compostos orgánicos persistentes (POPs).

    5. Desenvolver un inventario sistemático de emisións á atmosfera en Galicia, tanto naturais coma antropoxénicas e, cando sexa posible, de modelos capaces de previr a evolución futura de ditas emisións en función dos cambios previstos. Este inventario, xunto cos mapas relacionados coa calidade do aire derivados das redes sistemáticas, sería un instrumento esencial na definición de políticas futuras de xestión de calidade do aire en Galicia, e os efectos reais de ditas políticas sobre Galicia, e no contexto internacional.

    6. Como un obxectivo complementario, que require previamente as cinco primeiras actuacións, preséntase o estudio e cuantificación dos fluxos de contaminantes atmosféricos a outros medios (solos, augas) e os seus efectos nestes.

SOLOS

    O solo é a capa superficial da terra que funciona como un sistema aberto, capaz de intercambiar materia e enerxía cos medios exteriores a el, e actúa de sistema de conexión entre a litosfera, a hidrosfera, a biosfera e a atmosfera. Nel teñen lugar procesos bioxeoquímicos de vital importancia:

- É un medio de vida cunha importante reserva xenética de diferentes especies. Os 30 cm superiores dunha ha de solo conteñen como promedio 25 tm de organismos.

- Intervén de forma activa nos ciclos bioxeoquímicos dos elementos, mediante procesos de descomposición, mineralización transformación, fixación, mobilización... etc.

- É un importante sumidoiro de carbono, que se retén en forma de biomasa microbiana e humus. A cantidade de C almacenada nos solos é case o triple da que contén a biomasa superficial e o dobre da existente na atmosfera.

- Productor de alimentos e fibras.

- É o principal sistema amortecedor dos impactos, naturais ou antrópicos, que poden afectar ós ambientes superficiais. Mediante diferentes procesos físico-químicos actúa neutralizando ácidos ou álcalis, retendo catións, anións ou partículas, descompoñendo substancias orgánicas e transformando diferentes compostos orgánicos e inorgánicos, por todo o cal exerce un papel de filtro e depuración das augas ó tempo que mitiga os posibles impactos sobre a biota.

- É o lugar de asentamento da maioría das actividades humanas (urbanas, infraestructuras, industriais, viarias, recreativas, almacenamento de residuos, etc.).

    Aínda que, en principio, os solos son un recurso renovable os procesos naturais de formación son moi lentos, de modo que a recuperación completa dun solo degradado pode alcanzar, en condicións naturais, ata centos ou miles de anos, polo que debe ser considerado como un ben non renovable a escala humana. Pola importancia das súas funcións e a súa fraxilidade é un dos bens que require unha axeitada planificación do seu uso e conservación.

Diversidade dos solos en Galicia

    Os solos de Galicia amosan unha gran variabilidade de acordo fundamentalmente á natureza do material de partida, o relevo e o tempo de desenvolvemento.

    Xunto ós procesos de alteración do material xeolóxico e descomposición e humificación de restos orgánicos prodúcense ocasionalmente outros procesos, como a iluviación ou traslocación de materiais (complexos organo-metálicos, arxila...) dende a superficie a capas máis profundas, dando orixe á formación de horizontes de acumulación representativos doutros tipos de solos (podsoles, acrisoles, alisoles...) moito menos extensivos.

    O tempo necesario para que se produzan estas etapas depende da alterabilidade da rocha e da agresividade do sistema de alteración (temperatura, drenaxe, organismos,...). En Galicia pode estimarse que estes procesos requiren períodos que van dende uns poucos séculos ata varios millóns de anos.

    A distribución dos solos no territorio recóllese de forma simplificada no mapa 1.

    Dende o punto de vista químico, a formación do solo en Galicia caracterízase por unha perda case total de catións alcalinos e alcalinotérreos, un lavado importante de SiO2 (da orde do 40-50%) e unha aproximación progresiva dende a composición inicial cara ó “sistema residual”. A intensidade do lavado de catións básicos en Galicia é maior que noutras zonas de Europa para rochas similares. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Isto explica as características de acidez e baixo contido de bases que presentan case tódolos solos, cunha certa independencia do material do que proceden e da fase evolutiva na que se encontran.

Calidade dos solos en Galicia

    A calidade dun solo ha de ser valorada de acordo ó grao de cumprimento de tódalas súas funcións. Non obstante, dado que os principais limitantes afectan xenericamente á maioría delas e que a aptitude agronómica foi tradicionalmente considerada para a avaliación dos solos do mundo, en orde, entre outras razóns, a preservar as terras máis productivas fronte a diferentes actividades que anulen irreversiblemente esta capacidade, utilizaremos de modo operativo este esquema para unha valoración global dos solos de Galicia. Os parámetros principais que condicionan tanto o seu comportamento como a súa aptitude para diferentes usos, fundamentalmente os agronómicos son:

- Fortes pendentes. Existe actualmente unha baixa porcentaxe de superficies con pendentes menores do 10% (as máis adecuadas para o cultivo) e moitas áreas con máis dun 25% de inclinación (mapa 2).

- Baixa espesura efectiva en grandes áreas (mapa 3). Aparece asociada, normalmente, ós relevos abruptos, especialmente nas áreas graníticas e de lousa,

- Sendo un limitante incluso máis crítico que o anterior, ó dificultar o asentamento vexetal e o aproveitamento de auga e nutrientes. A escasa cobertura vexetal fai a estes solos moi susceptibles á erosión, o que conduce a perpetuar o seu baixo desenvolvemento por continuos procesos de rexuvenecemento .

- Baixa capacidade de retención de auga. É un importante factor limitante de moitos solos de Galicia que, sumado ó factor climático, é causa dunha seca estival importante. Está relacionada coa espesura do solo, contido en materia orgánica e textura, agudizada pola escasa reserva de humidade do solo (mapa 4)

- Condicións climáticas inadecuadas en moitas áreas, especialmente pola natureza da distribución das chuvias que presentan os valores máis baixos coincidindo coa máxima achega de radiación solar, o que orixina un déficit hídrico considerable. Ademais, nas zonas elevadas do interior de Galicia debe destacarse o alto risco de xeadas que dificultan ou impiden o desenvolvemento de moitas especies. Nestas zonas soen presentarse, tamén, solos lépticos e pendentes pronunciadas (moi frecuentemente superiores ó 13% ou incluso ó 25%). Estes aspectos levan a unha parte importante do territorio de Galicia a ser incluída dentro da definición europea de “área deprimida” de agricultura de montaña.

- Acidez xeralizada na maior parte do territorio, salvo sobre rochas ultrabásicas ou en solos de cultivo corrixidos polo home.

- Toxicidade por aluminio. Nestas condicións de solo ácido (pH ó redor do 5.0), o Al convértese no elemento clave das propiedades químicas do solo, satura o complexo de cambio, estabiliza os compostos húmicos, favorece a floculación das arxilas... e exerce o control principal das reaccións ácido-base, actuando como tampón de ácidos e álcalis e mantendo a reacción do solo no intervalo 4.5-5.5. Así mesmo, é o axente principal nos procesos de absorción de anións. O Al faise biodispoñible na maior parte dos solos naturais, afectando á actividade bacteriana e, por tanto, influíndo negativamente nos procesos de nitrificación e fixación de nitróxeno atmosférico, de modo que a productividade agrícola só pode ser alcanzada mediante técnicas de corrección por encalado ou estercolado.

- Escasa reserva de catións alcalinos e alcalinotérreos e fixación de K nos solos máis ácidos derivados de materiais micáceos.

- Alta fixación de fosfatos.

- A natureza da rocha e o grao de evolución do solo son tamén aspectos importantes nas propiedades químicas. Así, os solos sobre serpentinitas caracterízanse pola súa pobreza en fósforo e potasio e un exceso de Mg; nas rochas básicas a fixación de fosfatos é intensa, tanto en fases incipientes (ándicas) coma finais (ferrálicas), e nos granitos, lousas e rochas ricas en cuarzo, a acidificación e pobreza de nutrientes asimilables, especialmente fósforo, é particularmente intensa.

    Todo isto fai que os solos de Galicia teñan unha baixa fertilidade intrínseca e que só a achega de nutrientes e a corrección dos defectos máis significativos, xunto cunha política que evite a súa erosión e utilización inadecuada, poderían levar a un incremento significativo da producción ó mesmo tempo que se conservaría este recurso imprescindible non renovable. No mapa 5 recóllese de forma simplificada a aptitude agronómica do territorio. Nel establécense as clases de capacidade para a maior parte dos cultivos (non para un cultivo específico en particular). Ó conxunto de propiedades que definen as zonas de moi baixa capacidade edafoclimática habería que engadir, en moitos casos, os problemas derivados da estructura da propiedade; a baixa rendibilidade da agricultura, en xeral, e de moitas das alternativas establecidas en Galicia, en particular; a avanzada idade, baixa formación tecnolóxica e escasa dispoñibilidade económica de gran parte dos agricultores; e, sobre todo, a deficiente infraestructura de comercialización que deixa ós productores unha escasa marxe de rendemento. Os solos de maior aptitude localízanse no sector litoral, dende A Mariña lucense ata A Guardia (a alturas inferiores a 300 metros), penetrando cara ó interior a través de vales fluviais, sobre todo dos ríos Ulla, Umia e Miño. Nestas zonas as alternativas de cultivo son moi amplas e a productividade potencial climática moi elevada. Sen embargo, existen problemas de competencia por outros usos, fundamentalmente o urbanístico, que apetecen as mellores terras e desprazan a agricultura cara a zonas de inferior calidade.

    A evolución natural dos solos e as súas propiedades pode verse modificada por cambios nas condicións naturais ou por actuacións antrópicas. Cando o cambio de dirección afecta negativamente ó cumprimento das súas funcións dise que o solo perdeu “calidade” ou que se encontra en vías de degradación, existindo un período, máis o menos longo segundo a capacidade de resistencia do solo á afección, no que os efectos non son percibidos mentres o solo vai perdendo de maneira insidiosa a súa capacidade de amortecer o impacto. Finalmente, cando esta se supera se producen cambios no solo, xeralmente de forma brusca e explosiva e  xa resulta difícil, e ás veces imposible, recuperar o frear a tendencia degradativa.

    En Galicia, poden descartarse de forma xeralizada os procesos degradativos debidos á sodificación, cementación por carbonatos, xeso ou sílice amorfa e tamén os de desertificación, alomenos mentres o balance de auga teña as características actuais. Tamén resulta practicamente imposible a evolución con formación de codias lateríticas porque nin o tempo nin as condicións do sistema de alteración o permiten.

Ocupación destructiva

    Utilizamos este termo para definir a eliminación física do solo mediante escavación ou cubrimento (non o dificilmente reversible). A demanda de solo urbano ou industrial, as actividades mineiras, a creación de infraestructuras viarias, de servicio, ocio.., etc., son causa de importantes perdas de solo en tódolos países máis ou menos industrializados.

    En Galicia a ocupación destructiva é unha das principais causas de degradación dos solos, debido a que ó normal desenvolvemento dos núcleos urbanos engádese, nun amplo sector do territorio, unha forte ocupación pola elevada dispersión da poboación en entidades de moi baixa densidade ou en vivendas illadas, coas súas correspondentes demandas de servicio. A perda de solo adquire límites dramáticos en gran parte do sector costeiro, fundamentalmente, nas Rías Baixas, sobre todo se se ten en conta que os terreos máis afectados por esta expansión urbanística son os de mellor calidade, tanto climática coma edáfica. Non se dispón de datos suficientes acerca do ritmo de desaparición de terras agrícolas de primeira calidade en Galicia pero, considerando a tendencia previsible nalgúns factores sociais e económicos de todo o noroeste peninsular, como é o incremento de desenvolvemento do Eixo Atlántico, unido á crecente demanda de vivendas (primeira ou segunda vivenda) unifamiliares afastadas dos cascos urbanos e á non suficiente sensibilidade das políticas desenvolvidas ó respecto, pode sinalarse que este tipo de degradación edáfica experimentará un aumento moi considerable nun curto espacio de tempo.

Erosión

    Nas condicións actuais de Galicia, a erosión tería como parámetros de risco o factor chuvia, debido á súa intensidade en determinados períodos do ano, e, en moitos casos, o factor topografía. En sentido inverso, protexendo ó solo contra a erosión, actúa o clima, considerado globalmente, ó favorecer unha cobertura vexetal extensiva e estable, e as propiedades intrínsecas dos solos como a presencia de coloides dificilmente dipersables (caolinita, gibbsita, complexos organoalumínicos,...) e a abundancia de catións floculantes favorecedores da estructura (O Al fundamentalmente), o que explica o baixo nivel de partículas en suspensión nas correntes fluviais e a transparencia xeral dos cursos de auga de Galicia comparados cos doutras zonas mediterráneas. Como resultado, nas condicións actuais, a biostaxia, o formación de solos estables, sería a consecuencia lóxica en todo o territorio e, polo tanto, a erosión debería ser mínima. Nestas condicións só as actividades humanas poden perturbar, e de feito perturban, este equilibrio, provocando a reducción da cobertura vexetal e deixando o solo exposto ós factores erosivos. En Galicia hai aproximadamente un 18% do territorio distribuído nas zonas de serras orientais e centrais, en áreas de fortes pendentes, sobre materiais ricos en cuarzo, ou con tendencia á descamación (lousas) e tamén ás litoloxías serpentínticas, calcáreas e graníticas.

Salinización e alcalinización

    En Galicia non se presentan este tipo de procesos, a excepción, naturalmente, dos solos do litoral costeiro en contacto co mar, que presentan caracter sálico, e, de forma temporal, algúns solos de invernadoiro con alta fertilización e un manexo inadecuado, que ocupan aínda hoxe unha extensión reducida.

Acidificación

    A acidificación do solo é un proceso natural característico de áreas con elevada pluviosidade e con sistemas abertos, ben drenados, debido á perda gradual de catións alcalinos e alcalinotérreos por lavado do solo. Por outra parte, a acidificación é inducida pola liberación de substancias ácidas nos procesos metabólicos de respiración da biota do solo e polos mecanismos de oxidación de formas reducidas, fundamentalmente de C, N, S e Fe. Fronte a esta tendencia acidificante o solo desenvolve diferentes mecanismos amortecedores que controlan o pH a valores diferentes para cada tipo de tampón, de maneira que a acidificación resulta, finalmente, un proceso paulatino, máis o menos lento, e non continuo, que varía dende un estado inicial (pH de abrasión de cada rocha en particular) a diferentes intervalos de acidez segundo o mecanismo regulador desenvolvido.

   

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Os solos de Galicia alcanzaron xa o estado de “solos ácidos”, cunha elevada desaturación do complexo de cambio de catións e valores de pH entre 4.5 e 5.5. O control da acidez é exercido polo tampón aluminio (Al(OH)3-Al(OH)2+), elemento que exerce un papel moi importante na maior parte das propiedades dos solos e é causa dos principais problemas de fertilidade dos mesmos.

    As actividades humanas poden intensificar a entrada de ácidos no solo ata o punto que se supere a súa capacidade de neutralización. Entre estas actividades poden sinalarse: a minería sobre materiais ricos en sulfuros, a combustión de hidrocarburos ou de carbón rico en S, as achegas excesivas de abonos acidificantes, a modificación inducida das condicións red-ox de solos hidromorfos ricos en S, a aceleración dos ritmos de oxidación da materia orgánica o a substitución da vexetación introducindo especies con maior taxa de absorción de catións que de anións, maior intensidade de liberación de CO2 e ácidos orgánicos ou unha elevada producción de restos orgánicos ricos en polifenoles e outras moléculas orgánicas de carácter ácido, dificilmente degradables... A acidificación efectiva dos solos producirase cando a intensidade da achega ácida supere á capacidade de neutralización do sistema. Finalmente, cando un solo se acidifica, ademais de degradarse irreversiblemente a súa calidade, se produce un risco de afección ós sistemas adxacentes, augas superficiais e biota, debido ó incremento da solubilidade do Al e outros metais e, polo tanto da súa biodispoñibilidade e posible toxicidade. A expresión “carga crítica de acidez” foi definida como a máxima cantidade de ácidos que un solo pode soportar sen que se modifiquen, de forma significativa e a longo prazo, a súa composición ou á súa función.

    As principais actividades humanas acidificantes de Galicia son as derivadas da minería de materiais ricos en sulfuros, como as minas a ceo aberto de lignitos da Coruña e o depósitos de cascallo con sulfuros metálicos do complexo básico de Santiago. Puntualmente, tamén se producen estes procesos nalgunhas canteiras que explotan rochas (lousas, filitas, anfibolitas, esquistos...) con mineralizacións piríticas. A exposición destes materiais á intemperie pode inducir unha intensa liberación de protóns debido á oxidación biocatalizada, o que provoca situacións de forte acidez nos solos de mina.

    A deposición atmosférica ácida pode inducir efectos negativos sobre os solos, influíndo sobre unha extensión máis ampla do territorio, aínda cando a intensidade dos procesos, caso de producirse, é sempre moito menor que a observada no contorno máis próximo dos solos de mina con sulfuros.

    A carga crítica de acidez (CCA) dos solos de Galicia foi calculada aplicando diferentes modelos propostos dentro do convenio de Xenebra sobre Contaminación Transfronteiriza a Longa Distancia. A CCA resultou en todo o territorio relativamente elevada en comparación coa doutros países de Europa, debido fundamentalmente a dous factores, unha elevada “taxa de alteración” inducida, entre outras causas, polas características térmicas da rexión e, sobre todo, unha elevada “alcalinidade de lavado tolerable”, é dicir a posible mobilización de cantidades importantes de Al sen comprometer a concentración por encima dos límites de risco para os organismos, o que, en Galicia, é debido á forte dilución causada pola frecuencia e intensidade das precipitacións. No marco xeral dunha elevada capacidade de neutralización de ácidos de toda a rexión, as áreas máis sensibles son aquelas que presentan solos pouco profundos, areosos, de mineraloxía cuarzosa ou rica en minerais resistentes, con menores taxas de infiltración (As comarcas con maior seca) e/ou as zonas máis frías.

Contaminación por metais pesados

    En Galicia, o contido total de metais pesados en solos naturais (considerando como tales os solos cunha influencia humana mínima) é moi variado dependendo do tipo de material xeolóxico. Os solos sobre rochas básicas e, sobre todo, ultrabásicas, presentan contidos moi altos dalgúns elementos, como Cu, Ni, Cr, Mn..., mentres que a concentración de Pb é normalmente superior en rochas ácidas. Esta variabilidade nos niveis de fondo dificulta a definición e caracterización de “solos contaminados” (por achegas externas) na medida que non resulta adecuada a utilización de estándares de calidade ríxidos, extrapolados de normativas que non teñan en conta esta diversidade.

    A achega de metais pesados a través da deposición atmosférica varía de forma importante dende áreas urbanas, ou as máis industrializadas do eixo atlántico, ás zonas máis despoboadas das montañas orientais. En liñas xerais, non pode falarse de altos niveis de contaminación en comparación cos doutras rexións de Europa. Non obstante, os rexistros realizados en turbeiras, os medios que mellor permiten un seguimento temporal das achegas atmosféricas, situadas ó noreste da rexión, na dirección dos ventos predominantes, poñen de manifesto que durante os últimos 50 anos se produciu un incremento do contido en metais como Cd, Pb, Zn, Ni e Mn por un factor que varía entre 1.5 e 7.

    A diferencia do que se observa na maior parte dos países de Europa, as actividades agrícolas de Galicia non supuxeron unha fonte destacable de contaminación (extensiva) por metais pesados. Non obstante, de forma máis localizada pode falarse dunha intensificación das actividades que orixina un incremento notable dalgún destes elementos, o caso máis destacable é o aumento de Cu observado en solos de viñedo debido ó emprego sistemático de funxicidas.

    O aumento das actividades de depuración de augas residuais, previsto para os próximos anos, traerá consigo un incremento moi considerable na producción de lodos. O carácter encalante dalgúns destes lodos, así como o seu potencial fertilizante en determinados elementos, conducirá previsiblemente ó aumento da súa utilización para a corrección de solos agrícolas ácidos.

    A pesar de que non se dispón de datos de tódolos emprazamentos industriais potencialmente contaminados de Galicia (máis de 500 inventariados) se pode afirmar que a contaminación por metais pesados é a máis habitual nestas zonas, superándose en moitos dos casos estudiados os límites propostos por diferentes normativas europeas para a definición de solos que esixen intervención.

    As situacións máis severas prodúcense cando a contaminación por metais pesados vai asociada a procesos con xeración de ácidos, sobre todo, en áreas de influencia directa sobre acuíferos superficiais ou profundos. Nestas zonas recoñécese un incremento substancial de metais pesados na vexetación existente e, por suposto, nos cursos fluviais máis próximos, onde se detecta un descenso acusado das poboacións de organismos acuáticos.

    Situacións próximas a esta poden producirse en canteiras de lousas e doutras rochas cando presentan concentracións elevadas de sulfuros, así como na construcción de infraestructuras viarias sobre este mesmo tipo de materiais. Así mesmo, a exposición ó aire de determinados residuos industriais, como as cinzas de pirita tostada, teñen tamén este mesmo potencial acidificante e liberador de metais pesados.

    Noutras ocasiones, con similares niveis de metais pesados nos solos, as condicións do medio receptor, especialmente de pH e Eh, poden actuar minimizando ou potenciando, segundo os sistemas, os riscos de mobilidade e biodispoñibilidade.

    A evolución dos solos contaminados co tempo é un aspecto a engadir ó que non se lle concede actualmente a importancia debida. Se a caracterización de solos contaminados e o establecemento de riscos nas condicións actuais (clima, propiedades físico-químicas do solo... etc.) é un requisito imprescindible para o establecemento dunha xerarquía de actuacións (urxentes ou a medio prazo), unha mellor comprensión debería considerar a evolución máis probable en tempos de maior escala (décadas ou centurias). Así, considerando as condicións de pluviosidade actual, a evolución lóxica de tódolos microsistemas definidos no exemplo anterior levaría a unha solubilización e perda de carbonatos por lavado, o que levaría aparellado un descenso de pH e, polo tanto, un incremento da solubilidade de Zn, Pb e, sobre todo, Cd. As actuacións humanas sobre este tipo de ambientes poden modificar drasticamente as previsións, acelerando ou retardando os impactos sobre os solos e augas superficiais do contorno. En Galicia existen exemplos significativos ó respecto.

Compostos orgánicos tóxicos

    Os compostos orgánicos tóxicos chegan ós solos por diferentes rutas: deposición atmosférica dende fontes industriais, vehículos ou solos previamente contaminados que actúan como fonte, achega directa en suspensións ou disolucións, achegas de residuos sólidos, etc. A súa composición pode ser extraordinariamente variada encontrándose substancias orgánicas moi persistentes nos solos, como hidrocarburos de diferentes tipos incluíndo os aromáticos policíclicos (HPA), policlorobifenilos (PCBs) e outros organoclorados como as dioxinas, furanos, pentaclorofenol, ftalatos, etc.; outras son facilmente biodegradables ou de elevada volatilidade, con tendencia a pasar á atmosfera (COV). Moitas destas substancias derivan da utilización de combustibles, aceites lubrificantes, pinturas, deterxentes, e, sobre todo, praguicidas, dos que en Europa existen, alomenos, 600 compoñentes activos. Entre os insecticidas inclúense organoclorados, organofosfatos, carbamatos e piretroides. Os funxicidas comprenden, entre outros, dicarbamatos, organomercuriais, organoclorados, ftalidamidas... e, entre os herbicidas, clorofenoxiácidos, carbamatos, uronas, sulfonilureas, triazinas, glifosatos... Estas substancias presentan diferentes graos de persistencia no solo onde son nocivos para moitos organismos.

    Hai moi poucos datos referentes ós niveis de contaminación de solos por estes productos en Galicia, se ben se sabe que aparecen frecuentemente en vertedoiros, vertidos incontrolados, contorno de talleres, gasolineiras, áreas industrializadas e zonas de almacenamento de combustibles e, tamén, en solos agrícolas. Con seguridade os solos que presentan maiores riscos son aqueles nos que se producen vertidos incontrolados e os subxacentes a antigas actividades industriais (ruínas industriais). Nestes lugares é moi frecuente encontrar lixiviados que conteñen petróleo, gasolinas, alcatráns, disolventes organoclorados, xunto a metais pesados e outros contaminantes que foron abandonados sen ningún tipo de tratamento cando xa non tiñan un interese económico.

    En canto á contaminación de solos agrícolas por praguicidas estímase que en Galicia este tipo de degradación é pouco relevante, en termos xerais, anque é posible que existan pequenas zonas con agricultura intensiva ou forzada que presenten elevadas concentracións.

Contaminación do solo por nitróxeno e fósforo: eutrofización

    Este tipo de contaminación ten a súa orixe en fontes difusas relacionadas fundamentalmente co incremento das cabanas gandeiras de vacún e porcino que levan a unha adición elevada de fertilizantes do tipo dos estercos e zurros ó solo. En Galicia, o emprego de zurros resulta xa excesivo en moitas zonas, o que provoca un deterioro da calidade das augas fluviais e das comunidades bióticas debido ó incremento da concentración de nitratos e, ocasionalmente, de amonio. Ademais, intensifícanse os procesos de perda de nitróxeno dende o solo á atmosfera co conseguinte incremento do risco de producción de chuvias ácidas con NOx.

    A diferencia do que sucede nalgúns países do norte de Europa, o risco de mobilización de fosfatos dende as terras fertilizadas é en Galicia moi pouco importante, debido non só á menor cantidade de fertilizantes fosfatados achegados, senón, sobre todo, á elevada capacidade de fixación de PO43- polos solos da rexión, absorción que é realizada por coloides non cristalinos ricos en Al e/ou Fe, fundamentalmente. Ata o momento non foron identificados casos de saturación de solos por fosfatos, non obstante, debe sinalarse que, dentro desta situación xeral, existen algunhas zonas máis sensibles, sobre solos areosos ou de baixa espesura, nas que unha intensificación da fertilización fosfatada podería non estar carente de riscos.

Compactación

    A compactación dos solos prodúcese polo paso repetitivo e acumulativo de maquinaria pesada, apeiros de labranza e vehículos sobre solos con altos contidos de humidade. A compactación depende da presión exercida e a súa frecuencia e, por suposto, de características intrínsecas do solo, sendo máis facilmente compactables os solos profundos, de baixa densidade, texturas lamacentas ou areosas (< 25% arxila) e estructura con tendencia a masiva en húmido.

    En Galicia, os solos máis sensibles a este proceso son os derivados de lousas ou sedimentos lamacentos en áreas con nivel freático elevado (cambisoles gleicos, gleisoles, fluvisoles...) existentes en rexións como Terra Chá e, en xeral, nos terreos do paleozoico oriental de Galicia. Nos solos ben drenados e con nivel freático profundo o proceso non é imposible pero a presencia de Al floculando á materia orgánica e ás arxilas adoita dar estructuras grumosas de elevada estabilidade e resistencia á compactación.

Perda de materia orgánica

    Como consecuencia da intensificación da agricultura os solos de Europa sufriron un descenso drástico de materia orgánica que afecta seriamente á calidade dos solos, en particular, e dos sistemas adxacentes, en xeral. A perda de materia orgánica inflúe negativamente na estructura do solo e na súa estabilidade, na retención de auga, capacidade tampón, actividade biolóxica e na retención e cambio de nutrientes. Nun corto a medio prazo pode influír na vulnerabilidade á erosión, compactación, acidificación, salinización, deficiencia en nutrientes e seca. Ademais, en solos con altos contidos de metais pesados, a perda de materia orgánica pode facilitar a súa mobilización, dado que decrece a absorción vía formación de complexos órgano-metal.

     Dadas as características climáticas de Galicia, os solos naturais, con pasto, monte baixo ou arboredo, que reciben achegas regulares de materia orgánica a través da vexetación, presentan contidos relativamente elevados de materia orgánica nos horizontes superficiais.

    A pesar desta tendencia climática dos solos de Galicia, en moitas áreas nas que se produciron incendios de elevada intensidade foron afectados os horizontes superiores do solo, causándose a calcinación dos restos orgánicos e de parte das fraccións húmicas. Anque a revexetación, espontánea ou forzada, actúa reiniciando o proceso, a velocidade de recuperación é relativamente lenta, sobre todo naquelas situacións nas que os terreos afectados sofren procesos de erosión que dificultan o asentamento vexetal.

    Os solos de cultivo presentan un descenso substancial de materia orgánica respecto ós non cultivados do contorno. Os valores mínimos detectados son inferiores a 0.5% de C e localízanse fundamentalmente sobre esquistos e sedimentos cuaternarios, nas zonas máis secas. A porcentaxe de perda, segundo o solo estea sometido a arboredo (e/ou monte baixo ) ou estea cultivado, oscila entre un 30 e un 40%. Entre as causas que favorecen este proceso deben sinalarse, ademais da extracción neta de biomasa nos solos cultivados, a elevación do pH, por encalado, e o incremento no contido de N dispoñible, factores ambos que favorecen a actividade biolóxica e, polo tanto, os procesos de mineralización da materia orgánica.

    Probablemente o ritmo de descenso de C co cultivo foi moi lento durante un longo período de tempo, no que o estercolado de solos de labor era unha práctica tradicional que tendía a compensar esta tendencia negativa ó tempo que transfería nutrientes ás áreas de maior productividade. Nos últimos anos a práctica do estercolado caeu en desuso en amplas zonas do territorio, do que se deduce unha intensificación da velocidade de perda de carbono, que, moi probablemente, incrementará de forma acusada nos próximos anos.

Tendencias das políticas de protección

    Ata o momento as políticas de protección do solo orientáronse a garantir o mantemento da súa capacidade productiva, sobre todo con fins agrícolas ou forestais ou de conservación da calidade dos cursos e reservas de auga, e á protección do solo da contaminación producida por actividades industriais e abandono de residuos nos países de economía máis avanzada. Dende a década dos 90 diferentes organismos consideraron imprescindible a elaboración de sistemas lexislativos de protección do solo polas súas cualidades intrínsecas pero, ata o de agora, estes non foron desenvolvidos, quizais polas grandes dificultades que presenta a súa elaboración.

    En primeiro lugar, o termo “protección do solo” pode referirse á protección en sentido amplo e con independencia do uso ou ben á protección dun determinado uso do solo que se desexa conservar. Existen orientacións de ambos tipos en diferentes países europeos, se ben parece que hai unha tendencia a priorizar os sistemas de protección xeral, que non teñan en conta un uso concreto senón a multifuncionalidade do solo. Esta tendencia unificadora ten grandes dificultades de aplicación pola gran variedad existente de tipos de solos, aptitudes e sensibilidade fronte a cada tipo de uso e os procesos degradativos que inducen.

    O problema complícase porque de moitas das interaccións que teñen lugar nos solos non existe un coñecemento científico preciso para cada lugar, o que leva á adopción de xeneralizacións excesivas dos insuficientes datos dispoñibles, o que orixina serios problemas para a toma de decisións. Por unha parte, deben realizarse actuacións preventivas, pero ás veces as medidas utilizadas resultan excesivamente alarmistas e causan unha perda de recursos pois non se avaliou correctamente a capacidade de resposta concreta de cada tipo de solo a un determinado impacto ou ben se toman medidas que, sendo positivas nuns lugares, causan problemas maiores que a situación inicial noutros. Noutras ocasións unha sobrevaloración da capacidade de amortecer impactos dos solos pode levar á súa rápida destrucción e a graves danos na hidrosfera e biosfera.

    A elaboración de políticas preventivas flexibles que poidan modificarse rapidamente, en función dos novos datos obtidos durante o seguimento dos procesos ou de novas investigacións, debe ser un principio fundamental. Por outra parte, é imprescindible incrementar o noso coñecemento sobre a resposta dos solos fronte a diferentes tipos de agresión. Neste sentido, a utilización ampla do concepto de “carga crítica”, que intenta cuantificar a reacción de cada solo ou sistema ecolóxico frente a cada posible impacto, parece ser un camiño acertado posto que permite dispoñer dun instrumento máis preciso para a toma de decisións. Por iso, xunto á obtención de suficientes datos acerca da distribución espacial das cargas críticas de contaminantes acidificantes (S e N), eutrofizantes (N), metais pesados, carbonos orgánicos volátiles e persistentes, ozono, etc. deben determinarse tamén as cargas que pode soportar cada solo de calquera tipo de actividade (pastoreo, producción forestal, rendementos de cultivo, actividades deportivas...) de forma que se garanta a sostibilidade da súa composición e propiedades por medio de normas específicas que impidan sobrepasar a súa capacidade de resposta. Ó mesmo tempo, estes datos da carga crítica poden e deben converterse nun instrumento esencial da planificación e ordenación territorial, axudando á localización das actividades de maiores impactos naqueles espacios con solos e ecosistemas de maior resistencia e capacidade de acollida para estas actividades e mitigando a presión sobre os solos de maior sensibilidade e propensión á degradación.

    En síntese, hai algunhas tendencias de conservación do solo para os próximos anos nas que parece existir un certo acordo.

- Considérase que os principios deben evolucionar dende estratexias de recuperación dos solos degradados e reacción fronte ós impactos xa producidos a estratexias preventivas e de acción que minimicen a aparición de situacións indesexables. Así mesmo, debe dispoñerse de medidas de actuación urxente para posibles accidentes ou cambios nas propiedades dos solos que presenten problemas de forma brusca e explosiva.

- Debe darse cada vez máis importancia á protección das funcións do solo que á dos seus usos e, por outra parte, os usos que lles demos ós solos deberían estar cada vez máis relacionados coas aptitudes e a sensibilidade dos solos para iso.

- Deben terse en conta máis os criterios de multifuncionalidade. En vez de protexer un solo para un determinado uso, é necesario avaliar a súa vulnerabilidade fronte a diferentes usos.

- É necesario ter máis información sobre os niveis de cada tipo de contaminante que un solo pode soportar sen que se modifiquen, significativamente, a súa composición e propiedades. Así mesmo, é necesario ter en conta a capacidade de cada solo para satisfacer as necesidades humanas sen que aparezan procesos degradativos ou perda de calidade do solo.

- É preciso adoptar un enfoque que trascenda das medidas ambientais e permita elaborar políticas integradoras que abrangan os distintos usos potenciais do solo: agrícola, forestal, industrial, ubanismo, turismo e outros.

- O principio de prevención debe ser atendido pero as políticas de actuación deben ser flexibles para ter en conta a diversidade de respostas dos solos e  os novos coñecementos.

AUGAS CONTINENTAIS

    Este apartado de recursos naturais céntrase nas augas continentais (ríos, encoros, humidais). Dúas son as preocupacións fundamentais: a calidade e a dispoñibilidade da auga. En canto a calidade da auga hai que enfrontarse a problemas derivados da contaminación de diversa procedencia (agrícola, urbana e industrial) e ó problema do sobreenriquecemento nutritivo (proceso de eutrofización), en canto á dispoñibilidade de auga, a sobreexplotación do medio e organismos é o punto no que está centrado o interese.

    A Directiva 271/91, do 21 de maio, condiciona as actuacións a realizar en materia de depuración e marca uns obxectivos de depuración para uns determinados anos (1998, 2000 e 2005), fundamentalmente para augas residuais urbanas pero tamén para augas residuais industriais, xa que establece criterios para a redacción e aplicación de normas para augas residuais industriais que vertan a sistemas de colectores e instalacións de tratamento, a augas industriais biodegradables que vertan directamente ó medio receptor.

Calidade da auga

    Existen diferentes redes nacionais que pretenden controlar a calidade da auga, pero debido á baixa densidade de estacións de medición destas redes e á amplitude da rede hidrográfica galega, os datos adquiridos polas redes estatais informan moi precariamente sobre o estado das nosas augas.

    Unha idea do estado actual dos nosos ríos podería obterse a través dos índices e indicadores seguintes:

- Índices bióticos, baseados en bioindicadores e comunidades de macroinvertebrados. Anque se dispón de ampla información sobre estes organismos acuáticos non existen estudios de calidade sistematizados, sincrónicos e extensivos a todo o territorio autonómico.

- Índices químicos de contaminación xeral. Disponse dunha rede autonómica de seguimento de varios anos de duración, que permite obter unha aproximación porcentual do estado de contaminación dos ríos, pero moi lonxe do índice de estado do sistema de indicadores ambientais europeos.

- O número de especies piscícolas ameazadas (salmón, reo, anguía..) ou introducidas (perca americana ou black-bass, tenca...), xunto á recuperación ou aumento doutras especies ligadas a estes hábitats (londra..) achegan información moi válida sobre o estado de conservación dos ríos de Galicia. 

- Existe un estudio realizado no ano 1992 que abrangue toda a Comunidade Autónoma, cunha alta densidade de estacións de mostraxe (273) sobre contaminación de metais pesados en biota (briófitos) e un índice xeral de tensión cuns resultados que, en resumo, son os seguintes: situación xeral: 73% das estacións con moi boa (31%) e boa (42.9%) calidade; 20.5% de estacións con calidade mediana; e 6.5% das estacións con mala (3.1%) e moi mala (3.4%) calidade.

    En canto ós nosos encoros a taxa de eutrofización crecente dos últimos anos é preocupante. De todos modos a información sistematizada dispoñible é moi escasa e sería conveniente un control estacional da calidade da auga dos nosos encoros que incluíse índices de grao trófico (concentración de clorofila; indicadores planctónicos...) e porcentaxe da superficie encorada eutrofizada que podería avaliarse mediante técnicas de teledetección.

    A información sobre o estado das nosas augas subterráneas é moi limitado, como norma xeral enténdese que unha auga subterránea está contaminada se a concentración en nitratos é superior a 50mg/l. Unha idea do estado desta auga podemos construíla co número e distribución de explotacións gandeiras intensivas e o consumo de fertilizantes por superficie cultivada.

    Resulta difícil ter unha imaxe clara do estado actual da calidade de augas nas augas continentais e litorais de Galicia. Anque se dispón dunha serie de análises sistemáticas realizadas no transcurso de 10 anos, estas refírense a puntos de mostraxe únicos por río, situados nas estacións de aforo. Tamén se teñen feito campañas sistemáticas, en períodos curtos, referidos a algúns ríos.

    Por outra parte estas análises refírense, maioritariamente, a parámetros físico - químicos, en menor número de casos, microbiolóxicos e en moi poucos consideran parámetros de calidade biolóxica (invertebrados).

    Por iso resulta difícil coñecer con precisión cál é a situación da calidade en contornos de focos contaminantes, descarga de augas residuais de núcleos urbanos, instalacións fabriles ou agro-pecuarias.

    Disponse tamén de datos de calidade de augas en campañas efectuadas en contornos de polígonos industriais ou dalgunhas cidades (Santiago, Lugo, Ourense, Vigo, río Barbaña, río Louro...). Nestes casos a situación é, sen dúbida, máis comprometida pois, ademais da contaminación microbiolóxica xa indicada detéctase unha importante contaminación físico-química. Nalgúns casos particulares (río Sar no contorno de Santiago de Compostela, por exemplo) dispóñense de datos históricos cun maior detalle.

    Con tódalas reservas que supón empregar estes datos para unha análise, podería facerse un mínimo diagnóstico segundo o cal:

- En xeral, a calidade físico-química é adecuada nos puntos de mostraxe relativamente afastados de núcleos urbanos e/ou industriais se ben, incluso neste caso, a calidade microbiolóxica é preocupante en moitos dos puntos de mostraxe. Hai varios factores que poden explicar estes resultados:

- En primeiro lugar, debido á pluviosidade e á non separación de augas pluviais de augas residuais, a concentración de materia orgánica nas augas residuais é, polo xeral, baixa. Sen embargo a actividade gandeira, moi distribuída polo territorio, favorece a proliferación de microorganismos en augas incluso con pouca materia orgánica disolta.

- Se ben as capacidades nominais de moitas estacións depuradoras de augas residuais, EDAR, son moi superiores ás reais, a pesar da deficiente operación de moitas delas, a reducción de materia orgánica efectúase ata os límites requiridos. Sen embargo este tratamento non consegue mellorar a calidade microbiolóxica das augas. Unha importante reducción da carga orgánica prodúcese nas operacións físico-químicas pero non hai unha reducción efectiva de microorganismos fecais e, en xeral, patóxenos, na etapa biolóxica, cando esta exista na EDAR. Ademais non se dispón de sistemas eficaces de desinfección.

- En contornos de cidades ou de polígonos industriais a situación é manifestamente diferente. As explicacións a este feito veñen dadas polos seguintes factores

- No que respecta a contaminación urbana, ou ben non se dispón de EDAR, ou ben están operadas deficientemente, ou ben son claramente insuficientes. A carga orgánica presente no río favorece, adicionalmente, o desenvolvemento da microbiota presente nas augas.

- En moitas ocasións a carga achegada á EDAR urbanas vén basicamente constituída por vertidos industriais que lle confiren á auga residual características particulares de olor, cor, carga orgánica, etc. fronte ós que resultan insuficientes ou ineficaces as instalacións actuais.

- Cando a actividade industrial está localizada en polígonos adoita dispoñerse de sistemas de tratamento claramente insuficientes, a maior parte dos casos de tipo físico-químico, incorporándose os efluentes ó colector en condicións demasiado agresivas ou ben sendo vertidos directamente. Na maior parte das ocasións, sen embargo, os vertidos industriais evacúanse directamente, mesmo sen ningún tipo de pretratamento sinxelo.

    En canto á normativa, habería que mencionar a inexistencia de leis ambientais que establezan límites de calidade das augas, vertidos ou de lamas ou sedimentos mariños. Isto supón unha gran dificultade para a Administración á hora de outorgar autorizacións de vertido e, ademais, podería dar lugar á aparición, se non se regula, de sedimentos cuns valores elevados de material contaminante acumulativo respecto á auga. A nivel ambiental, tampouco existe unha lei sobre límites de alerta de contaminantes en auga de chuvia.

Dispoñibilidade de auga

    A dispoñibilidade deste recurso natural en Galicia encóntrase nunha situación de privilexio, tal e como se expón na seguinte análise:

- A cantidade de auga por habitante (cantidade total = escorrentía+extracción) é moi elevada superando a clase de referencia. Supoñendo o módulo de 100m3/hab.ano utilízase un 0.02% do total (12.5 billóns de litros ano). Estímase que un aproveitamento adecuado podería alcanzar o 10-15% do total sen efectos ecolóxicos graves

- Non existen problemas de sobre explotación de acuíferos

- A porcentaxe de superficie con balance hídrico deficitario a nivel anual é pouco significativa, anque é certo que en determinadas comarcas cunha agricultura intensiva expansiva poida reclamar nun futuro axudas para aumentar o regadío e aumentar a súa capacidade productiva.

Presións sobre o recurso auga

    Unha clara presión sobre a calidade da auga exércena os asentamentos humanos sen sistemas efectivos de tratamento das augas residuais que xeran. A UE considera que as poboacións con menos de 10.000 habitantes (o habitante equivalente = demanda bioquímica de osíxeno, DBO, de 60 g/día), non provocan un impacto significativo sobre os sistemas fluviais, sen embargo este é un criterio moi ambiguo pois o impacto depende da relación carga contaminante/caudal receptor e das condicións ambientais (características físico-químicas da auga, condicións climáticas como temperatura, estacionalidade, tipo de biota, etc.). Se ben é certo que en Galicia a elevada dispersión da poboación reduce puntualmente as cargas contaminantes, en moitas poboacións estas vértense a pequenos ríos e regueiros con moi baixa capacidade autodepuradora provocando o seu deterioro ecolóxico. Por outro lado, coa dispersión de poboación auméntase a dispersión da contaminación por augas residuais urbanas e da contaminación agropecuaria difusa agravando os custos de depuración fronte a poboamentos máis concentrados.

    Respecto á presión exercida sobre a cantidade do recurso consideramos que a intensidade do uso da auga: consumo - extracción (ano)/recurso (ano), é moi baixo se o comparamos con outras autonomías. O uso da auga na producción de enerxía anque ten un forte retorno, as derivacións e retencións (caudais ecolóxicos) poden exercer unha presión moi clara sobre a calidade ecolóxica dos sistemas fluviais.

    O menor retorno das augas de consumo agrícola xunto a un enriquecemento das mesmas cando volven á canle agrava a situación de eutrofía crecente dos nosos ríos.

Respostas ás presións

    O grao e a capacidade de resposta da nosa sociedade fronte ó deterioro das súas augas superficiais podemos avalialo para a próxima década coas seguintes recomendacións:

- Un maior esforzo no investimento público e privado na reducción do consumo e na descontaminación das augas residuais urbanas, industriais e agrícolas.

- Aumentar o grao de cumprimento das normativas europeas.

- Perfeccionamiento dos sistemas de depuración con desenvolvemento de sistemas biolóxicos económicos (filtros verdes) sobre todo en pequenos núcleos.

- Implantación dun Sistema de inspección da eficacia depuradora das instalacións realizadas e en realización.

- Creación dunha Rede de Vixilancia da calidade da auga, axustada á nosa rede fluvial e de acordo co Banco de Espécimes Ambientais de Galicia, capaz de realizar controis sistemáticos da calidade ecolóxica da auga.

- Aumentar o rigor da administración nos estudios de efectos ambientais en xeral, e respecto ós aproveitamentos hidráulicos (proxecto social e baixo impacto ecolóxico como condicións irrenunciables para as minicentrais).

- Potenciar a educación ambiental para conseguir unha reducción do consumo urbano .

- Repercutir o custo real de abastecemento e depuración sobre o usuario.

- Revitalización do código de boas prácticas agrarias.

- Aumento de eficiencia no uso industrial da auga e a reciclaxe.

- Deslinde de marxes fluviais e creación de filtros biolóxicos de ribeira, e intensificación de repoboacións de protección de ladeiras

- Rehabilitación de ecosistemas degradados e establecemento de plans de recuperación de fauna piscícola (salmón, troita, reo, anguía,...).

- Establecer unha xestión fluvial no sentido de protexer os ríos e as súas cuncas das actividades que afectan á súa estructura e hábitats naturais.

- Fomentar un aumento de canles protexidas.

COSTAS - LITORAL

    Entendemos por costas as ribeiras marítimas, as rías e a zona intermareal. A costa é un espacio natural, fráxil e sensible, soporte de multitude de ecosistemas esenciais para a vida no planeta, patrimonio natural e desenvolvemento de actividades básicas.

    A costa é un dos principais activos con que conta Galicia tanto dende o punto de vista do patrimonio natural, coma cultural e económico, precisamente por iso está sometida a unha forte presión de usos e de intereses de apropiación que a ameazan fortemente.

    As principais preocupacións deste recurso son a sobreexplotación, a contaminación e a alteración física.

Estado das nosas costas

    Realizouse un inventario de espacios impactados na costa detectándose un total de 570. De todo o conxunto de espacios impactados inventariados destácanse os seguintes problemas xerais:

- O maior problema da costa é a existencia de múltiples vertidos incontrolados de escombros, xeralmente mesturados con RSU.

- O segundo gran problema da costa é o vertido de augas residuais tanto urbanas coma industriais, en moitos casos sen ningún tipo de depuración.

- Comprobouse a existencia de vertedoiros municipais de RSU incontrolados situados en lugares pouco favorables, con elevado impacto visual en zonas de valor paisaxístico, caída de residuos ó mar, dispersión de residuos polo vento, etc.

- A industria pesada galega preséntase moi concentrada nalgúns puntos.

- Existencia de recheos para gañar terreo ó mar.

- Nas praias da Comunidade Autónoma detectáronse presencia de residuos sólidos sobre a area e en zonas limítrofes do interior, vertido de augas residuais sen tratar, extraccións de area, etc.

    Sobre o grao de contaminación/conservación das nosas costas disponse de algunha información específica: estudios sobre contaminación microbiolóxica en augas e cultivos (p.e. E. coli en mexillón); datos sobre seguimento de mareas vermellas; estado sanitario de praias; estudios extensivos sobre metais pesados e contaminantes específicos en medio mariño e inventarios de recursos comerciais e comunidades naturais. Disponse dunha rede de calidade da auga cunha recolección sistemática de mostras en tódalas rías

    En canto á explotación de recursos acuáticos disponse de boa información sobre o grao e evolución de explotacións marisqueiras, fundamentalmente sobre cultivos mariños, e menos datos e pouco fiables sobre outros tipos de extraccións (peixes, algas...), grao de furtivismo submarino, pesca deportiva...

    Respecto ó grao de naturalidade das ribeiras pode dicirse que están fortemente antropizadas debido a unha construcción descontrolada e de baixa calidade e menor valor estético.

Presións sobre o recurso costas

    A principal presión sobre os nosos ecosistemas costeiros derívase dun alto -en alza- e disperso poboamento, cun moi baixo tratamento de augas residuais. A isto hai que engadir o baixo tratamento de residuos de determinadas empresas e un alto grao de industrialización nalgunhas comarcas e localidades que xeran contaminantes perigosos.

    O incremento da taxa de inmigración e do turismo cara á costa agravan ano a ano os problemas de contaminación e de construcción desordenada (saturación de espacios costeiros, transformacións fisionómicas, sobreexplotación de recursos, ...).

    Ó efecto directo da poboación ribeirá hai que engadir que a cada vez peor calidade da auga dos ríos nos estuarios -debido a contaminación augas arriba tanto urbana coma agraria difusa, os procesos de erosión postincendio...que agravan a situación dos ecosistemas costeiros, aparecendo síntomas de eutrofización (mareas verdes) en determinadas áreas das rías, as de menor taxa de renovación hidráulica- con perda de calidade das augas para o cultivo de moluscos- afogamento directo por macroalgas e cambio do sedimento cara a unha textura máis fina e aparición de condicións de anaerobiose- e diminución da calidade estética reducindo o seu valor para o recreo e o turismo. Estes procesos advírtense fundamentalmente nas zonas medias das rías con praias de area fina, baixa pendente... as máis aptas e apreciadas para os cultivos mariños e o baño.  

    A explotación de especies comerciais cun alto grao de intensidade e ilegalidade e con técnicas cada vez máis agresivas dentro das rías, están reducindo a súa capacidade de rexeneración a límites perigosos non podendo actuar os sistemas de amortecemento naturais. Indirectamente todas aquelas especies con algunha fase de vida estuarina ou que migran -polas mesmas causas- ten ameazada a súa capacidade de supervivencia.

    Os efectos dunha acuicultura intensiva con métodos de manexo inadecuados agravan a situación dos fondos das rías e o grao trófico das augas, así como a posible aparición de desequilibrios ecolóxicos. 

    Descoñécese en que medida todas estas perturbacións están asociadas á aparición doutros problemas como mareas vermellas, pragas...

    Anque cada día hai máis control a proliferación máis ou menos desordenada de instalacións: portuarias, industriais de ribeira, recreo, recheos... fan que a porcentaxe de liña de costa afectada sexa moi elevada a pesar da gran lonxitude da mesma. 

    A aparición de síndromes de xenotoxicidade en determinados organismos, probablemente estea ligada á utilización pouco regulada e menos vixiada de productos antiincrustantes (coñecidos disruptores hormonais).

    A esporádica pero frecuente aparición de mareas negras -por accidentes derivados do intenso tráfico marítimo debido á nosa situación xeográfica ou a vertidos urbano-industriais, limpeza de sentinas, etc.- agravan a saúde das nosas privilexiadas costas

Respostas ó deterioro costeiro

- Desenvolvemento de medidas de control da edificación, o que contribuiría a reducir os impactos paisaxísticos, mellorando a estética e habitabilidade. Neste sentido é tamén importante a racionalización na instalación de parques eólicos, non soamente pola súa influencia directa sobre os hábitats de determinadas especies, incluíndo as migratorias, senón tamén pola súa influencia sobre a estética ou paisaxe.

- Accións para a recuperación e protección da zona de deslinde marítimo terrestre, a realización definitiva do deslinde do dominio marítimo -terrestre e fixación de servidumes de tránsito e protección.

- Aplicación do Plan de Actuacións nos LICs do litoral de Galicia, no cal se incrementa notablemente a porcentaxe de costa protexida, incluíndo os parques insulares...

- Declaración de Espacios Naturais submarinos que ademais de preservar a biodiversidade, teñen un demostrado, claro e beneficioso efecto sobre a productividade das zonas adxacentes como fonte de especímes e propágulos (grandes calas e baías, arrecifes, fondos de Mäerl, ...)

Loita contra a eutrofización mariña

- Control de especies oportunistas.

- Desenvolvemento do Plan de saneamento integral das Rías e do resto da costa para a reducción de riscos de contaminación e de eutrofización.

- Control de calidade do medio mariño.

- Control e seguridade do tráfico marítimo internacional e nacional.

- Control do furtivismo e da sobre-explotación e desenvolvemento da pesca deportiva.

- Establecemento de inverstimentos a restauración e protección de ecosistemas litorais degradados (espacios naturais, marismas, estuarios, acantilados...).

- Protección das marismas dende as máis pequenas polas súas importantes funcións naturais.

- Adquisición de espacios costeiros representativos de ecosistemas singulares para incorporalos ó dominio público cando os deslindes resulten insuficientes para a súa protección integral.

    En definitiva, establecemento dun Plan Especial de Protección do Litoral cunha xestión integrada entendida como un proceso continuo de coordinación e cooperación entre tódolos responsables en tódolos niveis dos entes territoriais e tódolos usuarios dos recursos de ditas zonas que teñen por obxectivos: a) establecer e manter unha utilización e un desenvolvemento sostible dos recursos das zonas costeiras, co fin de mellorar a calidade de vida das comunidades humanas que dependen destes recursos e b) manter a diversidade e productividade biolóxicas dos ecosistemas costeiros e mellorar a calidade do medio ambiente costeiro.

BIODIVERSIDADE

    Para ter unha idea aproximada do estado de conservación da biodiversidade en Galicia debemos considerar diferentes aspectos:

- Conservación dos hábitats.- Unha medida indirecta do grao de conservación xeral dos hábitats pode obterse a través do índice de fragmentación xeral do territorio. Dado o elevado nivel de dispersión dos núcleos de poboación, o urbanismo periurbano, o turismo e as necesidades de comunicación o grao de fragmentación é moi elevado en case todo o territorio da comunidade autónoma, aínda nas zonas de montaña menos poboadas, o que condiciona fortemente a supervivencia de especies territoriais que necesitan áreas de campeo grandes.

- Conservación das especies.- Debido ás lagoas existentes sobre unha gran parte da fauna invertebrada, o estado de conservación das especies só fai referencia á fauna vertebrada. Así, a evolución da relación entre o número de especies de vertebrados ameazados ou en perigo de extinción (libro vermello, listaxe vermella) fronte ó número total de vertebrados censados en Galicia pode subministrar unha idea sinxela da situación actual e tendencia. A evolución, nos últimos anos, de efectivos de determinadas especies como salmón, oso, pita do monte... axúdannos a centrar a situación.

    O estado xeral de conservación do Patrimonio natural atópase lonxe do óptimo desexable, tanto os hábitats costeiros, os asociados ós sistemas hidrolóxicos como os terrestres presentan índices de naturalidade bastante baixos, por causas moi diferentes pero que cabe destacar entre elas as derivadas dunha elevada dispersión da poboación, a edificación descontrolada, a excesiva fragmentación territorial, incendios, abandono de estructuras e cultivos...

    Ó ser a biodiversidade un producto da calidade do ecosistema todo aquilo que o perturba pode afectarlle en maior ou menor medida. Tódolos sectores sociais e productivos (agrario, forestal, pesca e acuicultura, cinexético e piscícola, enerxético, turístico, industrial, planificación do territorio, transporte, hidrolóxico, sanidade e comercio) poden afectar en maior ou menor medida á conservación da biodiversidade da comunidade autónoma galega.

    A presión sobre os hábitats pode cuantificarse seguindo criterios en función do número de km de estradas asfaltadas, liñas de ferrocarril e pistas construídas ó ano por unidade de superficie.

    A introducción de especies exóticas (visón, perca, variedades de especies cinexéticas, cangrexo americano, ostra, ameixa....) é un síntoma claro de presión sobre a biodiversidade natural polos efectos que soen derivarse (competencia e desprazamento de nicho, introducción de enfermidades e pragas, hibridacións...). A relación entre o número de especies de vertebrados introducidas e o número de vertebrados nativos poden informar obxectivamente sobre a presión exercida nos últimos anos

    A análise sobre cambios de uso do solo (superficie afectada e sentido do cambio) infórmanos do grao de alteración dos ecosistemas. Neste sentido a transformación ou abandono de determinadas paisaxes culturais antrópicas supón unha perda importante de patrimonio (especies e costumes) natural.

    A evolución da intensificación agrícola -medible a través do consumo de abonos e praguicidas por unidade de superficie e a superficie total transformada en roturacións e repoboacións- infórmanos doutras vías de presión. O sostemento dos prezos agrarios favoreceu a agricultura intensiva con: aumento do consumo de praguicidas e fertilizantes; destrucción de sebes vivas, cercas de pedra, desecación de zonas pantanosas, erosión do solo... reducindo os hábitats; o abandono de usos agrarios tradicionais supuxo unha perda de calidade de paisaxe e de biodiversidade...

    A alteración física do medio (incendios, extracción mineira en superficie, extracción de madeira de bosque natural, construcción de minicentrais e canalizacións...) e a contaminación química (contaminación atmosférica, vertidos...) xunto á contaminación biolóxica antes citada contribúen a minguar o equilibrio ecolóxico do territorio.

    A sobreexplotación de especies comerciais; a deficiente xestión dos recursos cinexéticos; o furtivismo e a utilización de velenos, explosivos, trampas; o comercio de especies.

Respostas cara á protección, conservación e rehabilitación da biodiversidade

    O programa de Desenvolvemento da Estratexia Española para a Conservación e o Uso Sostible da Diversidade Biolóxica establece como principios a seguir:

- Incorporación de pautas de restauración, conservación e uso sostible ós procesos de planificación e execución de políticas sectoriais, e creación de mecanismos para a conservación a longo e medio prazo dos recursos naturais e o establecemento de recursos normativos e financeiros necesarios.

- Outorgar rango de prioridade á investigación sobre biodiversidade, sendo fundamental o paliar as carencias respecto ó inventario de especies e hábitats e a actualización do Banco de Datos da Natureza.

- Un plan de actividades baseado en:    

- Elaboración de plans sectoriais

- Actualización periódica de diagnostico da estratexia

- Seguimento das estratexias da UE e Consello  de Europa

- Impulso á elaboración das estratexias autonómicas

- Coordinación do convenio de biodiversidade

- Xestión de subvencións a comunidades autónomas e privadas

- Coordinación de publicacións sobre biodiversidade

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Recomendacións

- Entre as medidas de conservación de hábitats é necesario lembrar o compromiso na elaboración dos plans de ordenación de recursos naturais dos parques e reservas naturais.

- O establecemento de plans de uso e xestión de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre.

- Respecto á conservación de especies é necesario reducir o número de especies en perigo de extinción ou ameazadas que non dispoñen de plans de recuperación autonómicos. Doce especies de aves (pita do monte, arao, águia real, avetarda...) encóntranse ameazadas por diferentes causas a destacar: caza e furtivismo, abandono de cultivos, explotación forestal, desecación de humidais, incendios...

- A conservación de especies singulares (cultivadas, forestais, salvaxes) implica o aumento de número de entradas en Bancos de Xermoplasma e a creación de dispositivos de conservación (plantacións).

- Estudios de viabilidade de accións especiais tales como recuperación de espacios naturais perdidos (lagoa de Antela, a maior superficie de auga continental de España), establecemento de reservas mariñas (sostibilidade de recursos pesqueiros), protección de espacios culturais...

- A ausencia total da disciplina máis elemental nos asentamentos de poboación diseminada obriga a establecer un control dos asentamentos humanos sobre todo na franxa litoral. Só 25 dos 315 concellos galegos aprobaron normativa propia do solo. Debe facerse cumprir a normativa e normas subsidiarias vixentes e procede avaliar os posibles efectos da nova lexislación urbanística sobre medidas urxentes de liberalización do sector inmobiliario, en canto transforma o solo rústico común en solo urbanizable afectando ó 50% do solo rústico de Galicia.

- Fomentar a agricultura biolóxica -cultivo de calidade moi adecuado ó noso clima e réxime de propiedade- boa alternativa ós excedentes agrarios da UE e unha medida de reducción da intensificación agraria e dos efectos perniciosos medio ambientais derivados.

- Establecer unha rede de biomonitorización de ecosistemas terrestres e acuáticos e un banco de especímes ambientais de Galicia que nos permitan vixiar o estado de conservación xeral dos ecosistemas e en particular de especies e espacios protexidos.

    Debe primarse a conservación da paisaxe pola súa gran riqueza e diversidade -superior en termos relativos fronte á riqueza específica peninsular.

    Deberase así mesmo nos próximos anos:

- Completar o coñecemento faunístico dos grupos pouco estudiados

- Facer un seguimento periódico e coordinación da información para detectar posibles regresións

- Profundar o estudio sobre a bioloxía (comportamento, interaccións, factores limitantes, aspectos xenéticos...) das especies raras, ameazadas ou en perigo de extinción, para poder deseñar plans de protección e conservación adecuados

- Fomentar a educación ambiental.

- Faise necesaria unha planificación dos recursos cinexéticos da Comunidade Autónoma de tal forma que aumente a potencialidade cinexética; aumente o valor económico da actividade de caza e aumente a renda de agricultores e propietarios que sosteñen o recurso.

- Deben establecerse, no que a pesca se refire, plans de ordenación de recursos acuáticos que garantan a protección da vida piscícola, especialmente nos tramos de maior calidade. É necesario potenciar: a restauración e defensa de marxes; restauración e protección de zonas de freza e leitos fluviais; determinación e control de caudais mínimos; as repoboacións; a realización de estudios hidrobiolóxicos e de mellora xenética das poboacións... Creación de aulas de río e escenarios deportivos; aumento de tramos de pesca sen morte; axuste das cargas de pesca... En definitiva é necesario o desenvolvemento dunha lei de protección dos sistemas acuáticos e de regulación da pesca.

BOSQUES E MONTES

    A superficie ocupada polos bosques galegos aumenta, co que Galicia, país forestal, o é cada vez máis. Os datos procedentes dos tres inventarios Forestais realizados dende hai algo máis de tres décadas (1965-1974; 1987; 1997-1998) confirman o que se ve ó viaxar por Galicia, que cada vez hai máis árbores. A superficie forestal galega ocupa na actualidade (1997-1998) o 70% da superficie total, unos 2.060.453 ha, das cales 1.242.222 ha (60,3%) son monte arborada, 182.505 ha (8%) son arborada rara, e 535.726 ha (31%) son monte desarborada. A superficie total forestal incrementouse nunha década en 92.142 has a costa da superficie agraria. No mesmo período a superficie forestal de arboredo aumentou en 379.350 ha a costa da superficie agraria e da forestal desarborada.

    O aumento da superficie de bosque ten a súa orixe no abandono de prácticas de corte de esquilmo e leñas, no éxodo rural e consecuente abandono da agricultura, nos programas de apoio á forestación e finalmente, no resultado da loita contra os incendios forestais.

    O éxodo e envellecemento da poboación rural e o abandono da agricultura constitúen unha das causas do incremento dos bosques pero tamén son motivo da degradación de bosques moi antropomorfizados como son os castiñeiros de froito da montaña oriental galega, un compoñente fundamental da paisaxe, que en ausencia da intervención humana se degrada, se volve inflamable e finalmente desaparece, ben engulido polas chamas, ben polo bosque emerxente.

    Hai dúas décadas discutíase a cualificación como terreos forestais dos montes desarborados, o monte. Considerábase que a roturación das superficies forestais desarboradas, era a única posibilidade de incrementar a superficie das explotacións agrarias, a rendibilidade das cales estivo limitada polo seu pequeno tamaño e non pola súa productividade. As cousas cambiaron moito dende aquela, a agricultura foi quedando relegada, co cal esta cuestión se presenta só en certas áreas.

    Dous tipos de bosque, de natureza contraposta, son os principais responsables do incremento da superficie dos bosques. O incremento da superficie ocupada polos bosques de frondosas autóctonas durante a última década, que pasaron de ocupar 238.372 ha a 396.690 ha (66.4% de incremento) son consecuencia do carácter bravo do medio por diminución da presión do gando sobre o monte e do abandono da agricultura noutros casos. Este carácter bravo maniféstase tamén nun asombroso incremento dalgunha fauna silvestre. O incremento máis notable produciuse na superficie ocupada polos eucaliptais, que no mesmo período aumentou un 353%, pasando de 39.183 ha a 177.679 ha.

A propiedade e o seu tamaño.

    A estructura da propiedade da terra en Galicia, e do monte en concreto, é un problema de primeira orde, que impón limitacións difíciles de superar no establecemento de plans de ordenación selvícola, na aplicación de medidas de conservación e, finalmente no desenvolvemento de investigación aplicada.

    O monte galego é de propiedade privada na súa práctica totalidade (98,2% da superficie) e minifundista na súa maioría. Os montes de propiedade particular que comprenden o 75,6% da superficie total forestal, pertencen a un total de 672.718 propietarios, cunha superficie media de monte por propietario de 1,78 ha, que á súa vez está divida en varias parcelas. Os montes de mellor calidade, aptos para cultivar as especies máis esixentes na calidade dos solos e os máis productivos, son unha parte desta propiedade minifundista.

    As propiedades forestais de gran tamaño son os montes veciñais, que ocupan o 22,2% da superficie forestal e teñen un tamaño medio de 254,7 ha. A pesar de que en xeral son os montes con solos de peor calidade, menos productivos e pouco aptos para especies esixentes en calidade de solos, son os montes nos que se encontrarán menos dificultades no establecemento de plans de ordenación.

    As únicas superficies de monte público existentes están nas Illas Cíes e Ons, Ancares, Invernadoiro, San Mamede e Monfero, todos eles espacios protexidos. A conservación de Espacios Naturais Protexidos situados en terreos de propiedade privada está presentando serios problemas que fan moi difíciles os seus plans de Ordenación.

    A falta de terreos de propiedade pública está tamén empequeñecendo os resultados de investigación aplicada en silvicultura, xenética forestal ou as plantacións de demostración selvática. A experiencia do CIFA Lourizán, durante varias décadas, demostra varias cousas: que os intereses privados só en casos excepcionais son compatibles coa investigación e que é imposible a realización dos labores de mantemento dunha rede ampla de parcelas esparexidas.

Índices de presión

* Extracción de madeiras

    Segundo as estimacións do CIS da Madeira, os cortes anuais de madeira para usos industriais están ó redor dos 6,5 millóns de metros cúbicos mentres que os crecementos anuais superan os 11 millóns de m3.

    En canto ás especies utilizadas pola industria galega o 61% da madeira transformada é madeira de piñeiro, o 31% é madeira de eucalipto e o 8% doutras frondosas.

    O coeficiente “cortes/crecemento de piñeiros” é indicador dunha forte presión por parte das industrias sobre as masas de coníferas que impide a evolución dos piñeirais tanto en volume coma en calidade.

    No que se refire ó aproveitamento da madeira de eucalipto o coeficiente consumo/crecemento é moi baixo, o que quere dicir que o crecemento da madeira en monte desta especie é moi superior á demanda para industria.

 

 

 

 

 

 

    O desenvolvemento de tecnoloxías de serrado, secado e laminado abriría novas perspectivas á utilización da madeira que está crecendo en bosque.

    A presión dos cortes sobre as masas de frondosas autóctonas pode estimarse considerando que o 8% da madeira transformada (520.000 m3 anuais) é de frondosas. Comparando este dato co crecemento anual, que é ó redor do dobre, a presión dos cortes sobre as frondosas non é grande. Isto non quere dicir que exista un corte selectivo dos mellores exemplares de carballo, castaño, cerdeira e nogueira dando lugar a un empeoramento xenético das masas.

* Superficie arborada queimada

    Despois de que un 56% da superficie forestal se queimase ó longo das décadas dos anos setenta e oitenta, a creación do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais e a instrumentación dunha serie de ferramentas, entre as que destaca o Plan INFOGA, conseguiuse unha boa eficacia na extinción. A superficie queimada na última década, despois da creación en 1990 do INFOGA reduciuse nun 73% con respecto á década dos setenta, e a un 77% menos que na década dos oitenta.

    Os incendios deste último verán multiplicaron a demanda pública de aplicación dunhas medidas de prevención masivas que son inviables dende os puntos de vista ecolóxico e económico. As propostas da loita contra as causas dos incendios son as mesmas que han de ter en conta a tan necesaria ordenación dos montes. Os incendios, intencionados na súa maioría, revelan en boa parte, conflictos de intereses sobre o monte, que se han de ter en conta no establecemento dos plans de ordenación.

Recomendacións

- Reforestación e uso do solo. Hase de manter o programa de repoboación forestal así como habilitar infraestructuras para a prevención de incendios.

- Hanse de adoptar medidas de conservación de especies forestais: o mellor método de conservación de especies forestais arbóreas nunha área tan antropomorfizada como Galicia é a conservación en redes de pequenas plantacións artificiais, establecidas co obxectivo de reunir a máxima variabilidade xenética. Outro método de conservación moi interesante sería a promoción da utilización nas novas plantacións de materiais de reproducción (sementes) adaptados á área de utilización e con elevada variabilidade xenética. Para isto deberanse establecer hortas sementeiros na creación dos cales se consideran mellora en calidade e ganancia xenética. Así mesmo hase de conseguir:

- A xestión da superficie forestal protexida (montes de utilidade pública)

- Realizar repoboacións con fins estrictamente conservacionistas (corrección hidrolóxica, loita contra a erosión, corredores, ripisilva...).

- Reforzar os recursos e medidas cara á prevención, detección e extinción de incendios

- Tamén se deberán aplicar medidas encamiñadas ó desenvolvemento dunha superficie forestal que ha de subministrar de maneira combinada bens económicos, sociais (ocio) e medio ambientais. Para isto é prioritario estimular a iniciativa privada cara a unha modernización da actividade forestal:

- Aumentar o tamaño medio das explotacións forestais, diminuír o número de titulares (asociacionismo). Aumentar a superficie con plans de ordenación.

- Profesionalizar o sector, para mellorar a producción actual en calidade e cantidade, moi afastada da potencial da nosa rexión unha das máis aptas de Europa para aumentar a rendibilidade.

- Compaxinar usos forestais e gandeiros extensivos

- Crear unha rede autonómica de seguimento da calidade do bosque máis fina en densidade e tipo de información que a existente, conectada ó Banco de Especímes Ambientais de Galicia.

    Resumindo deberán ser obxectivo dunha política forestal con visión de futuro o cumprimento dos obxectivos seguintes:

- Programa de fomento da repoboación forestal

- Intensificación dos tratamentos selvícolas

- Mellora xenética forestal

- Mellora da xestión (asociacionismo, prevención contra incendios...).

- Producción de madeira de alta calidade (carballo, nogueira, cerdeira...) para autosubministro, a reducción de importacións de países tropicais -axudando a reducir as presións sobre a súa biodiversidade-, e o sumidoiro efectivo de CO2

- Conservación da paisaxe e a biodiversidade da comunidade autónoma

- Fomento de actividades de ocio e cinexéticas.

- Fomentar a investigación forestal.