III  MEDIO URBANO

    A escasa calidade ambiental do medio urbano é unha das principais preocupacións na Unión Europea, sendo as autoridades municipais e o público en xeral os que teñen unha percepción máis directa do problema. Sen embargo, as condicións ambientais varían moitísimo dunha cidade ou rexión europea a outra, en parte debido ás diferencias na aplicación de normas e directrices. Diferentes pautas e fases de desenvolvemento económico xeran diferentes tipos de problemas ambientais e os distribúen de forma desigual dentro das cidades e dunha cidade a outra. Tanto nas zonas en crecemento coma en declive, a construcción e remodelación de edificios e infraestructuras teñen repercusións directas nos ecosistemas naturais. Os atascos, a contaminación causada polo tráfico, as tensións e os ruídos teñen graves consecuencias para a saúde e, de forma máis xeral, para a calidade de vida.

    Coñecemos cal é a problemática ambiental do medio urbano pero encontrámonos coa dificultade de valoralos e avalialos, en definitiva de seleccionar o indicador apropiado para cada aspecto. O capítulo dedicado ó medio urbano en “Medio Ambiente en Europa: o Informe Dobris” presenta unha panorámica completa da situación do contorno natural e construído das cidades europeas. Neste traballo analízase a calidade do medio ambiente físico de 51 cidades europeas utilizando datos sobre 20 indicadores e centrándose na estructura urbana (poboación, ocupación e usos do solo, áreas abandonadas e renovación e mobilidade urbanas), fluxos urbanos (consumo de auga e residuos, enerxía, transporte de mercancías, producción, tratamento, eliminación e reciclaxe de residuos) e calidade do medio ambiente urbano (A calidade do aire e a auga, ruído, seguridade do tráfico, condicións de habitabilidade, acceso ós espacios verdes e vida silvestre). Entre as cidades seleccionadas para o estudio atópanse tres españolas: Barcelona, Bilbao e Madrid.

    Na actualidade non existe un sistema de indicadores elaborado para o estudio e descrición do medio ambiente urbano galego, debido, por un lado á complexidade científica e competencial para a súa elaboración e por outro ó novidoso do concepto de sostibilidade a nivel local. Poderíase realizar unha aproximación a través da análise dos datos existentes en determinados aspectos asimilables a indicadores humanos, físicos e ambientais, pero este exercicio non pasaría ser simplemente descritivo e carecería do enfoque global imprescindible para estudiar un sistema urbano.

    Que existen problemas nas vilas e cidades de Galicia é indubidable, pero establecer os patróns, fluxos e calidade ambiental do noso medio urbano, en definitiva, a metodoloxía a utilizar é unha materia pendente na Galicia actual.

    Independentemente da complexidade intrínseca do medio galego para realizar calquera estudio ambiental, o porqué da carencia de estudios explícase en gran medida pola estructura de competencias da nosa comunidade autónoma. Os encargados de realizar os estudios serían as Administracións Locais, pero estas, salvo contadas ocasións, ben non teñen conciencia desta necesidade, ben están á espera dun posible apoio financeiro e técnico da Administración Autonómica, que non se posiciona de forma clara ó respecto.

    Ante esta situación se poden realizar unha serie de recomendacións, pero a existencia dunha conciencia sobre a necesidade de estes estudios e a vontade para levalos a cabo son imprescindibles para que na Galicia do 2010 mellore sensiblemente neste ámbito.

Actuacións necesarias

- Concienciar as autoridades locais da necesidade de coñecer o seu medio. Sería aconsellable que a Administración Autonómica impulsase un programa de difusión da sostibilidade local, dando a coñecer a filosofía da Axenda 21 Local.

- Consensuar a metodoloxía a empregar a efectos de poder comparar resultados e poder obter conclusións globais a partir das locais.

- Crear unha rede de municipios sostibles de Galicia, tendo en conta as experiencias doutras comunidades, así como participar activamente na Campaña de Cidades Sostibles Europeas.

- Establecer, dentro da rede de municipios sostibles de Galicia, os mecanismos de apoio técnico para a realización de estudios.

- Establecer os mecanismos financeiros necesarios para a realización dos estudios. Este chamamento non é só para a Administración senón tamén para o sector privado.

- Fomentar as canles para a participación pública, imprescindible para impulsar calquera acción en materia de medio ambiente.