IV  FERRAMENTAS PARA O CAMBIO SOCIAL EDUCACIÓN AMBIENTAL

    A cultura ambiental é a manifestación, por aprendizaxe, da educación ambiental (EA). Malamente poderemos falar da existencia da cultura ambiental nun país onde non exista educación ambiental.

    Cando os membros dunha sociedade lavan os dentes ou realizan a súa hixiene corporal dun xeito tan automático coma o feito de se por os zapatos ó saír de casa, fálase de que teñen cultura sanitaria: Teñen completamente asimiladas as pautas de conducta propias ou derivadas, dunha correcta educación sanitaria. Do mesmo xeito soamente poderemos falar dun país culto, na práctica ambiental, cando cada un dos seus cidadáns teñan aprendidas, asimiladas e postas en práctica, as pautas de conducta ambiental.

    A sociedade galega hoxe está moi lonxe de comprender que é o Medio Ambiente: como debemos entendelo, respectalo e defendelo. Nesta situación, de falla de educación ambiental, malamente os cidadáns chegarán a acadar a súa mínima bagaxe cultural ambiental como para que Galicia sexa un país con cultura ambiental.

Antecedentes

    Para entender a educación ambiental galega cómpre situala no contexto da EA global, enfrontala ás datas claves da súa historia (Estocolmo, Belgrado, Tbilisi, Río de Xaneiro) e comparala coa EA das outras comunidades do Estado, dos que ten recibido moitas achegas e influencias. O nacemento do ecoloxismo galego nos anos 70 coincide en gran medida co rexurdimento dos “Movementos de Renovación Pedagóxica”, que se nutren dun substrato teórico e ideolóxico semellante. Desta síntese entre “conservacionismo” e “escola nova” nace a primeira educación ambiental, xenuinamente galega, a principios dos anos 80.

    Nas primeiras Xornadas Galegas de Educación Ambiental (A Coruña 1985) faise un diagnóstico da EA do momento; facéndose fincapé na “falla de apoio institucional e no limitado das experiencias existentes: Sen programas interdisciplinarios, nin conexión entre as diferentes experiencias”. As recomendacións de Tbilisi (1977) e Sitges (1983) aínda non tiñan enraizado na EA galega.

    O Primeiro encontro de EA de Galicia, patrocinado pola Consellería de Presidencia da Xunta (1988), marcaría outro fito importante nesta evolución polo extenso número de relatorios, comunicacións e materiais presentados e, ademais, pola implicación da Administración Autonómica na súa organización.

    Co proceso de debate da Reforma Educativa, que se produce ó longo deste decenio, dende 1983, desembócase na proposta de integración transversal da EA no sistema educativo (Seminario das Navas, 1988). Xorde unha nova EA de corte integrador, holístico e baseada na acción cara á resolución de problemas. A primeira introducción na escola destes novos enfoques e ideas faise gracias ó traballo dos ensinantes galegos e os MRPs máis representativos que, retomando o discurso da Scuola Nuova e da Institución Libre de Enseñanza de principios de século, apostan pola constitución dunha nova escola integradora e para a diversidade, aberta á realidade e xeradora de cidadáns críticos e participativos.

    Cómpre sinalar que os primeiros pasos emprendidos pola moderna EA galega distan moito de satisfacer estas condicións básicas. Trátase, en moitos casos, de actividades puntuais, fragmentarias, sen conexión co currículo nin dotadas de instrumentos correctos de avaliación, moi vencelladas á área das Ciencias Naturais e cunha visión reduccionista, esencialmente biofísica da problemática ambiental.

    A medida que a Reforma Educativa avanza na súa implantación, a administración toma o liderado do proceso e moitos educadores e grupos de traballo se integran nas estructuras oficiais -consellerías, concellos, centros ambientais, centros de formación- para participar dende dentro no traballo que levará á edificación dun armazón curricular no que a EA será contemplada nos diferentes niveis do sistema educativo.

    O aspecto positivo, derivado da implicación das administracións na EA, tivo como contrapartida posturas acomodaticias e máis conservadoras no profesorado. A participación das administracións no proceso de EA incrementou e racionalizou os recursos acadándose unha maior preparación e profesionalidade do profesorado; pero o aspecto negativo foi a perda de compromiso do mesmo.

    A formación continua do profesorado, dependente antes dos encontros e xornadas que organizaban os MRPs, pasa a ser cáseque propiedade absoluta dos CEFOCOPs (hoxe en día CEFOREs), que desenvolven un sen número de cursiños de formación continua onde a EA, e outras transversais, teñen unha presencia moi destacada.

    Esta formación determina unha xeneralización da EA entre o profesorado dos niveis primario e secundario e potencia a realización de iniciativas máis globais, participativas e de corte máis disciplinario. Este tipo de formación na EA, da lugar á segunda xeración da EA Galega formada na década dos 90, pero cun retraso de 20 anos sobre a formación que teñen os docentes dos países do noso contorno cultural.

    Conviven pois, hoxe, dous tipos de profesorado:

- Os da primeira xeración -formados nos oitenta- e preocupados polo estudio de: ecosistemas, itinerarios, limpeza e coidado do contorno, hortas escolares, etc

- Os da segunda xeración, xa citados, que se ocupan de temas interdisciplinares e transversais do tipo: Auditorias e aforro enerxético, reciclaxe de refugallos, enerxías alternativas, educación para o consumo, aforro e reciclaxe das augas, as “R” ecolóxicas, etc.

    Boa proba deste cambio de enfoque, nos traballos de EA, entre estas dúas xeracións e o estudio comparado dos proxectos de investigación, comunicacións a congresos, etc. que se realizaban no ano 1985 (ver I Xornadas de Educación Ambiental. Vigo, 1987) e no ano 1995 (ver Acta Congreso Internacional de Estratexias e Prácticas en Educación Ambiental. ICE. Santiago, 1996).

Puntos fortes e febles da educación ambiental en Galicia

    Vimos de sinalar como, ó longo dos derradeiros 15 anos, tanto os MRPs como a administración iniciaron o camiño para a formación de educadores en EA, primeiro e imprescindible paso para acadar a cultura ambiental. No que segue indicaremos os puntos fortes e febles da EA

- Puntos fortes

    Como máis significativo no campo da EA debemos sinalar o feito que se saíu da parálise inicial. Hoxe tódolos axentes aducativos tomaron conciencia da importancia do problema e estase no camiño da formación do profesorado, primeiro paso para chegar a acadar a cultura ambiental.

- Puntos febles

    Cómpre comenzar por dicir que, a diagnose anterior, a formación do profesorado é tan so incipiente. Tal e como sinala a Estratexia Galega de Educación Ambiental: A formación do profesorado, en EA, e moi minoritaria dentro do colectivo de ensinantes de Galicia.

    Seguidamente, e de maneira moi breve e a modo de radiografía, sinalaremos algúns datos máis significativos, tanto na EA formal como na EA non formal, que nos permitirán comprender a febleza da nosa EA.

Educación ambiental formal

    A incorporación da EA ó labor educativo formal vén marcada polo carácter de transversalidade (LOXSE, 1990) e interdisciplinaridade, estando presente nos currículos das diferentes etapas educativas. Hoxe, 10 anos despois, a realidade é a seguinte:

- Na educación primaria hai poucos centros nos que conste actividade relevante en torno á EA, pero o peor é que tan só nunha pequena parte deles se produce algún tipo de continuidade.

- No ensino secundario a situación e semellante. Como medida indiquemos que de todos cantos proxectos de innovación educativa ten subvencionado a Consellería de Educación tan só unha pequena parte ten unha dimensión medioambiental. Para máis insistir, estes proxectos, están vinculados en xeral ás areas de ciencias naturais carecendo de transversalidade, interdisciplinaridade e internivelaridade.

- No ensino universitario debemos distinguir entre:

- Formación pre-grao:

    En diversas carreiras universitarias (bioloxía, farmacia, química...) disponse de orientacións “medioambientais” que non pretenden nin garanten, en xeral, unha aproximación completa ó problema. En moitas ocasións trátase de simples orientacións dalgunhas materias ou de mostras sobre temas bastante específicos resultantes de introducir unha visión particular nun contexto xenérico.

    No catálogo de titulacións oficiais do Estado está recollida a de “ciencias ambientais”, pero non se imparte en ningunha das universidades de Galicia. Trátase dunha carreira de carácter científico que trata o medio ambiente dende unha perspectiva integrada, máis orientada á detección de problemas ou análise da situación que á busca de solucións.

    No presente ano púxose en marcha unha titulación de carácter ambiental, “enxeñería ambiental” como título propio no sistema universitario galego. A orientación, enxeñeril, busca a resposta ós problemas detectados. Ata o momento non pode falarse de resultados, pero as perspectivas que se abren son certamente esperanzadoras.

- Formación post-grao:

    É francamente impresionante a oferta de cursos de especialización ofrecidos por entidades de todo tipo, sendo desexable aclarar suficientemente esta oferta, patrocinando entre varios sectores solventes un único e bo programa interuniversitario de postgrao, cun programa de calidade ben contrastado e avalado pola Consellería de Medio Ambiente.

    Todos estes datos son reveladores da escasa introducción da EA no ensino formal. Aínda máis, semella que, nestes últimos anos, se ten producido unha desaceleración no activismo ambiental, ligada á desaparición de moitos grupos de traballo. A desaparición destes grupos diminúe o número de proxectos educativos ambientais e a presión necesaria sobre as autoridades educativas para que estean sempre en vilo.

Educación ambiental non formal

    Na educación non formal detéctase un incremento nas instalacións e nos equipamentos propios dos distintos axentes: Administracións autonómicas e locais, MRPs, asociacións ecoloxistas, sindicatos, etc. Cómpre subliñar que, sendo notorio o incremento, este é moito menor que o existente noutras comunidades como Cataluña, Andalucía, etc.

    Como aspectos a mellorar significativamente debemos sinalar:

- Nivel moi incipiente do desenvolvemento das iniciativas, que poden morrer axiña ou esmorecer se non contan con financiamento adecuado.

- Descoñecemento mutuo das actuacións en curso e falta de coordinación entre os distintos axentes.

- Necesidade de potenciar, dende o poder público, por axudar este tipo de ensino, fundamental para espallar a EA por tódolos recantos do tecido social.

    Indiquemos que os prometedores proxectos da Rede Galega de Centros de Educación Ambiental e da Carta de Calidade dos Centros de EA de Galicia semellan ser moi boas iniciativas. Descoñecemos se serán capaces de coordinar os centros existentes e pular pola creación doutros novos que andan, hoxe, a xurdir, pero apostamos polo seu futuro e a súa necesidade nun país ben artellado no campo ambiental.

Propostas de futuro

    A educación ambiental estase a montar aínda hoxe, e cómpre asentala xa para poder construír a Cultura Ambiental da nosa sociedade.

O reto cara o 2010 sería acadar unha sociedade ambientalmente culta. Para acadar tal obxectivo cumprirían as seguintes recomendacións.

- Recomendacións xerais:

- É urxente un desideratum xeral para que as nosas Administracións aposten, de xeito decidido e claro, pola implantación de programas de EA, tanto nos ámbitos non formal coma formal, facilitando, ó mesmo tempo a creación de grupos de traballo que deseñen e leven á práctica campañas no campo medioambiental.

- Cómpre reordenar os diversos grupos de mestres e educadores existentes hoxe, de modo que as campañas de EA non se superpoñan senón que actúen sinerxicamente unhas sobre das outras. Estas estratexias educativas deberán estar incardinadas dentro dunha política ambiental máis ampla e ben definida dende os organismos pertinentes.

- A estratexia galega de educación ambiental debe ser un aspecto máis dunha lei galega do medio ambiente que marque as directrices necesarias para acadar unha auténtica cultura ambiental na nosa sociedade. Esta cultura ambiental fará compatible o densenvolvemento sustentable do noso país.

- Recomendacións máis concretas e urxentes:

- Definir, concretar e poñer en práctica titulacións que permitan avanzar a EA:

- Ciencias ambientais, educador ambiental, tecnoloxía ambiental, control e calidade do medio natural, cursos de postgrao e programas de terceiro ciclo no campo do medio ambiente,...

- Creación da REGACEA (rede galega de centros de educación ambiental) e difusión da Carta de Calidade dos Centros de EA.

- Estender a rede de centros de EA por toda a comunidade autónoma e, de modo particular, a aqueles colectivos máis necesitados.

- Fomentar e promover a integración da EA nos distintos niveis do sistema educativo e no desenvolvemento curricular (PEC, PCC e PCA). Para iso cómpre:

- Promover a creación dunha rede galega de centros con proxectos de EA que actúen, sinerxicamente, uns sobre os outros.

- Reformar os cursos de formación de profesores, potenciando a dimensión ambiental dun xeito interdisciplinar e internivelar.

- Axudar e premiar economicamente aquelas iniciativas máis interesantes, difundíndoas nos medios de comunicación.

- Creación dun centro galego de EA encargado de:

- Planificar, coordinar, promocionar e subsidiar as actividades de EA.

- Promover a formación das empresas para a súa adhesión ó sistema voluntario de xestión e coauditoría ambiental establecida pola Unión Europea.

- Divulgar as iniciativas en EA máis sobranceiras. Isto implicaría: Establecer convenios e liñas de subvención para fomentar a existencia de publicacións periódicas en EA, posibilitar a traducción e reimpresión dos materiais máis importantes das ONGs e organizacións internacionais, etc.