V. FACTORES QUE INCIDEN SOBRE O MEDIO ENERXÍA

    Vivimos nunha sociedade que considera de forma xeralizada que a enerxía, nas súas formas comerciais, é un servicio ou un ben abondoso; que non se van ter problemas no seu abastecemento, en cantidade e prezo e, que por outra parte, os problemas ambientais que ocasionan a transformación e uso da enerxía resolveranse como ocorreu no pasado máis recente.

    É preciso sinalar que isto pode xa non ser así. En primeiro lugar, hase de indicar que a curto prazo non hai signos de restriccións no subministro enerxético nos países desenvolvidos e, que o prezo da enerxía comparado co doutros bens creceu, dende a década dos setenta, crise dos prezos do petróleo, a un ritmo inferior a eles.

    Pero en moitos países en vías de desenvolvemento, o abastecemento de enerxía, compra de petróleo ou os seus derivados, supón gastar máis dun tercio do valor das súas exportacións, xeralmente de tipo agrícola, os prezos das cales se incrementan, se o fan, moi despacio. Aquí si xorde un aspecto crítico no subministro enerxético, que nun mundo globalizado ha de ter transcendencia para todos.

    Volvendo ó obxecto deste documento, si que é preciso sinalar que as cuestións ambientais relacionadas co consumo de enerxía son transcendentes. Non é factible facer extrapolacións de tempos pasados; o consumo de enerxía da humanidade creceu ata chegar a valores que son dunha orde de magnitude similar ó de certos fenómenos naturais que afectan a toda a Terra, en concreto, a parte da enerxía solar que toda a vexetación fixa mediante a fotosíntese é só un nivel de magnitude maior que toda a enerxía comercial que usamos os humanos. Polo tanto chegouse a intensidades enerxéticas que poden modelar a Terra.

    Este apartado céntrase en aspectos ambientais relacionados coa transformación e o consumo de enerxía en Galicia, pero non se pode subtraer das consideracións de tipo global, xa que estas nos afectan ineludiblemente; pero tampouco se poden esquecer as interrrelacións entre medio ambiente e subministro enerxético, xa que este pode quedar condicionado polos problemas ambientais actuais ou futuros.

Usos enerxéticos

    Antes de centrarse nas cuestións ambientais se ha de centrar o marco de referencia cunha análise miúda dos destinos das enerxías comerciais, que teñen unha estructura parecida nos distintos países desenvolvidos, pero con matices específicos de cada contorno.

    Encontrámonos nunha rexión que transforma case o dobre da enerxía final que consumimos, é dicir expórtase cara ó resto do Estado unha parte importante de productos enerxéticos: derivados do petróleo e electricidade. Pero tamén hai que sinalar, como se apuntaba máis arriba, que o momento actual é a apertura cara a un esquema de cambio.

    A electricidade supón algo menos da cuarta parte do consumo final de enerxía. Utilízase en consumos domésticos e servicios: iluminación, electrodomésticos, refrixeración privada e industrial. Pero tamén se emprega, e en moita maior medida na industria, accionamento de motores de todo tipo de maquinaria, en fornos e en procesos electroquímicos. Estes últimos son de especial significado en Galicia, a producción de aluminio é moi importante, pero tamén temos industria doutros metais: silicio, carburos, ou outros productos de alta demanda eléctrica como o cloro.

    En Galicia implantáronse industrias básicas por diversas razóns, unha delas a crenza de dispoñer de enerxía eléctrica barata: hidráulica e xeración térmica con lignito. Isto, que era así nun esquema autárquico de todo o Estado español, cambia nun contorno globalizado e de liberalización de prezos que estamos vivindo.

    Os combustibles de uso directo supoñen dous tercios do consumo final de enerxía e utilízanse en diferentes usos; a demanda maioritaria corresponde ó transporte, tanto de personas coma de mercancías, que por outro lado presentan un ritmo de actividade crecente. A industria é outro sector de demanda de combustibles e servicios e os usos domésticos completan o destino destes combustibles.

    En Galicia o transporte e asimilados son un compoñente importante do sistema enerxético. Os portos de chegada e saída de mercancías e de actividades pesqueiras son un feito diferenciador importante con respecto a outras autonomías. O movemento de camións cara a outras rexións do país o dende estas cara ós portos é outra parte importante. Así mesmo o tráfico de persoas, tanto de residentes coma de visitantes é unha actividade crecente.

Impacto

    Os problemas derivados da transformación e usos da enerxía supoñen un amplo espectro de cuestións que afecta de moi diversa forma ó contorno e son vistos de diferente forma polas persoas e colectivos de cidadáns. A pesar de que no inicio deste apartado se indicou que a sociedade en si é confiada e ademais tende a difuminar responsabilidades, si que se ha de constatar unha preocupación crecente dos cidadáns pola situación do contorno no cal vivimos.

    Se focalizamos cara ós aspectos máis singulares que afectan á nosa rexión podemos citar as seguintes cuestións:

- Contaminación urbana.- Derivada fundamentalmente do uso da enerxía no transporte, calefacción, industrias de servicios...

    En Galicia non temos concentracións urbanas moi amplas e conxestionadas e por outro lado son frecuentes os ventos que barren e limpan a atmosfera. Por iso os fenómenos de contaminación urbana non son moi intensos e persistentes, anque non por iso se han de considerar de forma liviá.

- Emisións atmosféricas da grande industria.- Producida fundamentalmente pola industria enerxética (centrais térmicas), e resto da industria que fundamenta os seus procesos productivos no uso intensivo da enerxía (refinería de petróleo, fabricación de alumina-aluminio, industria metalúrxica, plantas de coxeración baseadas en derivados líquidos do petróleo, ...).

- Cambio climático.- Lígase á emisión de gases de efecto invernadoiro: CO2, CH4, e outros compostos de nitróxeno, de cloro e doutros halóxenos. É a gran preocupación ambiental de tipo global que afecta a toda a humanidade. Por un lado coas distorsións importantes en moitos aspectos: agricultura, pesca, abastecemento de auga, habitabilidade, turismo, que se verán alterados polo cambio climático, do cal cada vez está convencida unha maior parte da sociedade e da comunidade científica. Por outro lado coas modificacións que se han de derivar no noso esquema enerxético, xa que a mitigación deste fenómeno pasa pola reducción significativa das emisións de gases de efecto invernadoiro e de forma importante as do maior contribuínte, o CO2 que provén do uso de combustibles fósiles.

    A previsión de efectos do cambio climático ten hoxe por hoxe moitas imprecisións; pero non temos que esquecer que a península Ibérica e Galicia en particular se encontran en zonas límite das franxas climáticas da terra, polo tanto calquera variación do clima global deberá afectarnos e, quizais de forma significativa. As modificacións nas correntes do atlántico: percorrido e temperatura, incidirán na pesca, pero tamén na agricultura galegas. Se se eleva o nivel do mar de forma significativa podemos ter problemas de perda de praias, zonas marisqueiras e incidencia no turismo.

Instrumentos de diminución de impacto

    Como consideración xeral, hai que destacar que o mellor instrumento de diminución de impacto das actividades enerxéticas sobre o medio ambiente, é a mellora da eficiencia na transformación e uso final da enerxía. Se unha economía consegue crecer cunha demanda enerxética estabilizada ou crecendo a taxas inferiores ás da economía, a súa eficiencia enerxética aumenta e, por tanto, o impacto debido ás actividades enerxéticas estará estabilizado ou será menor.

    Do total da enerxía consumida no mundo, a penas o 40% é enerxía útil, perdéndose o 60% restante en ineficiencias derivadas, esencialmente, das tecnoloxías de transformación e uso final.

A mellora de eficiencia enerxética se pode conseguir con diferentes instrumentos:

- Aforro de enerxía: Emprego de tecnoloxías eficientes tanto na industria coma nos transportes e no sector doméstico e terciario. Xestión da demanda enerxética (especialmente eléctrica), adaptando as pautas de consumos horarios e outros.

- Substitución dunhas enerxías por outras: Esta substitución soe levar asociada ganancia de eficiencia, ben polo rendemento interno da tecnoloxía aplicada, ben porque a enerxía útil é maior. Por exemplo empregando gas natural e enerxía renovable en lugar de carbón ou en lugar de productos petrolíferos.

- Enerxías renovables: O seu uso implica, en xeral, ganancia de eficiencia, pois en moitos casos son aplicacións locais que evitan o transporte da enerxía primaria e os procesos de transformación asociados son de alto rendemento.

- Coxeración: nos últimos anos están tendo enorme importancia, pola relación tecnoloxía-eficiencia, os investimentos en coxeración industrial (producción combinada de calor e electricidade), en particular os asociados ó uso do gas natural. O proceso de coxeración pode alcanzar rendementos térmicos conxuntos superiores ó 70% fronte ó 30% dunha xeración eléctrica convencional.

Enerxías renovables

    Anque os primeiros aproveitamentos enerxéticos non térmicos efectuados polo home corresponderon a formas de enerxía renovable (hidráulica e eólica) a chegada da era industrial co desenvolvemento da máquina de vapor e, máis tarde, dos motores de combustión interna xunto coa dispoñibilidade de combustibles fósiles de base carbonada produciu unha evolución dende unha forma renovable (madeira e biomasa) dos principios da era industrial cara ó carbón posteriormente desprazado en moitas aplicacións por productos do petróleo e polo gas natural e, tamén, por procesos de producción térmica de fisión nuclear.

    A agresión ambiental que se deriva do uso de combustibles de base hidrocarbonada, cada vez máis coñecida, conduce á formalización de acordos de carácter internacional que pretenden unha evolución cara á sostibilidade con serios problemas de aplicación.

    Como consecuencia de distintos acordos e da consideración de posibles escenarios da evolución internacional a UE formulou, como obxectivo, a obtención dunha contribución de enerxías renovables ó consumo total da enerxía de sus estados membros do 12% para o ano 2010, partindo da base de que a achega actual non alcanza o 6% e que este dato se logrou pola importante contribución dos países incorporados recentemente: Austria, Finlandia e Suecia nos que a contribución de enerxías renovables ó seu consumo propio supera o 24%.

    A posibilidade de alcanzar o obxectivo proposto establécese sobre a base dun forte desenvolvemento do aproveitamento de biomasas -ó que se asigna unha cota do 8%-, do da enerxía eólica e da minihidráulica xa que se admite que a gran hidráulica (más de 10 MW de potencia unitaria) está moi aproveitada xa e espérase pouca evolución. As formas directas de aproveitamento solar seguirán sendo case testemuñais aínda que se espera un grande impulso en desenvolvemento tecnolóxico como tamén ocorrerá con enerxías xeotérmicas, de mareas, etc.

    Galicia posúe un elevado potencial de contribuír á consecución dos obxectivos globais en varias formas de producción de enerxía renovable.

    A tradicional explotación de enerxía hidráulica que, por contra, inundou zonas productivas, alterou a ecoloxía dos propios cauces de auga e non tivo as compensacións debidas ós seus contornos no pasado, ha de evolucionar para facer compatible a situación xa consolidada con novos aproveitamentos temporais e coa mellora e mantemento de instalacións que dean cumprida satisfacción ós niveis de calidade esixibles tanto en augas coma en contornos.

    En producción de biomasa contémplanse os residuos da industria do bosque, madereira, agrícola, gandeira, lamas de depuración de augas e fracción orgánica de residuos sólidos urbanos así como o sucesivo establecemento de plantacións de enerxía tanto de plantas anuais coma de masas forestais que deberán ocupar parte dos terreos que haberán de ser abandonados para o uso agrícola tradicional que, a nivel Europeo se estiman no 30% do solo actualmente cultivado. O noso nivel de crecemento nas nosas masas establecidas permite afirmar que sería un obxectivo rexional razoable unha producción de 100 MW totais nun número de 6-8 plantas con eficiencia elevada e tecnoloxía avanzada que ha de compatibilizarse cun respecto ambiental moi especial e acorde cun contorno natural que ha de recuperar as condicións de excelencia .

    Con respecto á producción eólica, estamos nunha rexión moi favorecida. España é xa a tercera potencia de Europa neste sector. O aproveitamento eólico é útil cando existen ventos en franxas de velocidade de 4.5 a 10 m/s durante períodos superiores ó 25% do tempo (2300 horas/ano), pero o establecemento das instalacións necesarias presenta dificultades derivadas da xeración de impactos durante a construcción que requiren garantías de restablecemento -non sempre posible-, producción de ruídos, alteración de usos da zona, afectación a fauna ou flora, alteración de paisaxe e, a necesidade de dispoñer de liñas de evacuación da enerxía que, en si mesmas, constitúen instalacións paralelas que han de superar o mesmo tipo de afeccións. O resultado é que cada aplicación supón un problema distinto no que a perspectiva individual divide claramente a opinión dos cidadáns. A contemplación dun parque eólico, incluso sen problemas de proximidade, é un panorama agradable ou desagradable dependente de posicionamentos individuais. Hemos de aclarar que ningún dos países ten que cumprir unha cota de achega de enerxías renovables senón que ten a obriga moral de efectuar a maior achega posible en función dos seus recursos naturais e do seu desenvolvemento tecnolóxico e de infraestructuras polo que un forte desenvolvemento eólico, compatible cos restantes valores naturais, é importante non só pola producción de enerxía en si mesma senón tamén polo impulso tecnolóxico que supón en todo o armazón industrial do contorno. Con todo, a implantación de parques ha de ter limitacións por causas derivadas da indispoñibilidade de espacios terrestres para outros usos. O estado actual da tecnoloxía permite afirmar que o aproveitamento de enerxía eólica en instalacións mariñas ancoradas sobre o fondo principalmente, é competitivo co de instalacións terrestres xa que compensan o maior custo derivado da construcción de liñas de evacuación no mar co de maior potencia unitaria de instalacións como consecuencia de que o vento no mar é, por termo medio, de maior velocidade que en terra. A enorme reducción de problemas derivados de uso do espacio, ruídos, e incluso de imaxe, xunto coa posible integración de efectos como o uso dos fustes de elementos como soportes de balizamentos, de iluminación de zonas ou de instalación de equipos de sinais ou seguridade abre grandes posibilidades de desenvolvemento que sumadas ó terrestre permitirían un importante impulso tanto enerxético coma tecnolóxico.

    En enerxía solar, tanto térmica coma fotovoltaica, o desenvolvemento importante é máis de carácter cualitativo que cuantitativo. Moitas aplicacións como faros, telefonía en zonas afastadas de redes eléctricas, etc. requirirán xeracións puntuais ou almacenamentos de enerxía seguros. Con respecto ó almacenamento existen desenvolvementos recentes que permiten, mediante pilas de combustible rexerables, bos comportamentos, o que reducirá algo o campo de aplicación previsto para formas fotovoltaicas que non lograron ata agora eficiencias e economía aceptables. En Galicia, o número de horas de radiación utilizable é menor que o conveniente o que encarece a unidade de enerxía producida polo que é de supoñer que os avances se producirán noutras zonas. Adoita incorporarse nestas consideracións o concepto de enerxía solar pasiva que, derivada de condicións de deseño e do uso de materiais adecuados, permite economizar enerxías de todo tipo e, neste campo si que existe un elevado potencial derivado da dispoñibilidade de materiais base utilizables (residuos de lousas e granito, madeiras, etc.) e de grupos de traballo en materiais de construcción que han de ser potenciados.

    Existe todo un conxunto de posibles aplicacións de formas sinxelas, sempre en baixa capacidade, de formas singulares de enerxías renovables que terán un futuro a medio prazo non desprezable. Moitas destas formas non se consideran polo seu carácter intermitente non acorde cos valores de consumo, por exemplo a enerxía das mareas que, pode ser aproveitada en lugares nos que existen dispositivos naturais de almacenamento -albufeiras-, ou torrentes que poden ser represados dalgún modo ou formas de captación de enerxía solar térmica para procesos de evaporación ou de secado que se intúe que terán viabilidade co desenvolvemento de almacenamentos de pequeno volume e elevada capacidade ou de volumes non utilizados para outros fins como poden ser cavernas subterráneas para almacenamento de aire comprimido ou de novo desenvolvemento como as xa consolidadas “pilas rexerables de combustible”. A solución de almacenamentos de enerxía, hoxe case limitados a formas hidráulicas aproveitando condicións naturais, permitirá o beneficio de formas esporádicas e doutras formas de baixa capacidade que, por acumulación, produzan cantidades importantes en formas de aplicación nobre.

    Do mesmo modo que a posibilidade do control a distancia e automático permitiu a posta en servicio, novamente, de instalacións hidráulicas abandonadas durante anos por falta de viabilidade económica, o avance das novas tecnoloxías e os deseños especializados de baixo mantemento farán viables novas aplicacións de baixa intensidade como poden ser: eólicos e hidráulicos de baixa potencia, correntes fluviais, correntes de marea, sistemas de captación de enerxía solar por concentración, formas fotovoltaicas (especialmente en lámina delgada), formas de combustión/gasificación de biomasa con producción de enerxía eléctrica, etc., esencialmente por que non sendo viable a achega de enerxía eléctrica á rede a prezos medios de producción máis prima correspondente, situación actual, si é interesante o autoabastecemento a prezos de baixa tensión que paga o usuario e o autoabastecemento de formas de enerxía capaces de substituír o consumo de combustibles de automoción e similares obtibles en cultivos enerxéticos (biomasas) ou en formas de almacenamento. Os prezos actuais de producción de enerxías renovables descenderán nos próximos anos, estando actualmente a eólica e a biomasa en zona de prezos de mercado, e non entrando a enerxía fotovoltaica nesta zona ata aproximadamente o 2015.

    Nos últimos tempos, de entre as formas non tradicionais de producción de enerxía, xorde como interesante, e máis para Galicia, o aproveitamento das “correntes de marea” mediante turbinas somerxidas que poden facer captacións significativas con rotores de poucos metros de diámetro que operan en fluxos de auga duns 2 m/s de velocidade o que produce unha rotación lenta con pouca perturbación do medio e tamén se produce a amplificación de dispositivos tradicionais de bombeo tipo ariete hidráulico empregando sistemas a flote e rotores de paletas. En tódolos casos contémplase o uso nas marxes das correntes de bocanas ou de desembocadura de ríos para non alterar tampouco o uso habitual do espacio.

Previsións cara a un futuro a medio prazo

    O panorama sucintamente descrito permite asegurar que na década que se inicia producirase un despegue espectacular das tecnoloxías e usos das enerxías renovables que abranguen a tódolos estamentos. Desenvolveranse sistemas de regulamento e control para a captación e almacenamento de enerxías variables que presentan dificultades de aproveitamento cando maximizan a súa presencia (eólica), desenvolveranse dispositivos para aproveitamentos pequenos de carácter difuso que non crean impactos ambientais a nivel individual nas formas xa descritas, consolidaranse formas de transformación de enerxías de biomasas en formas sólida, de lamas, líquida e gasificadas nas que poden participar tódolos sectores productivos e estableceranse formas de captación de enerxías solares, de producción de biomasas e de correntes fluídas que constituirán globalmente un depósito de emprego de importancia notable.

    Un segundo grupo de factores derivado da asunción polos cidadáns, e por institucións, dos conceptos de desenvolvemento sostible no que se pretende o uso e a producción de enerxía con criterios de grande eficiencia e máximo nivel de autosuficiencia está xerando toda unha nova arquitectura no deseño, uso de novos materiais en construcción, aproveitamentos de enerxías locais de carácter puntual e sistemas de almacenamento privados de baixa capacidade para formas térmicas e eléctricas ó tempo que se definen unhas condicións de climatización e confort de rango superior tanto polo que respecta a variables de tipo físico coma temperatura, humidade, nivel de ruído etc., coma á atención que se define para variables de incidencia na saúde como renovacións de aire, control de zonas estancadas, sistemas de refrixeración libres de microorganismos etc. A nivel de comunidades, institucións ou distritos xa son práctica habitual en moitos lugares os sistemas comunais de calefacción e de abastecemento de auga quente e crese que na década actual se implantaran tamén circuítos comunais de refrixeración co que o obxectivo formulado supón reducir o consumo de enerxías convencionais no uso e goce de vivendas etc. por captación individual de enerxías diversas e economía por reducción de perdas ó tempo que a enerxía importada se consuma en forma dispoñible en réxime de producción e transporte moi eficiente.

    A análise de distintos sistemas piloto, xa operativos, permite economías globais da orde do 70% do consumo de enerxía, en relación con proxectos similares de tipo tradicional cumprindo especificacións de calidade e confort de alto nivel de satisfacción, non sendo variable obxectivo o carácter económico xa que instalacións como as fotovoltaicas (que se aplican por imaxe ou por gusto, non por economía) ou a adquisición de enerxías verdes a prezos alzados desenvólvense tamén en función de compromisos ambiental ou de imaxe que asomen determinadas persoas ou grupos.

    A esixencia de respecto ambiental pode compatibilizarse coa de mellor calidade de vida, de reducción no consumo de enerxía, de cumprimento de reducción de emisións dos acordos internacionais e de fomento de emprego na nova construcción de equipamentos e instrumentación, de instalacións e de redes de subministro.

    Se consideramos que Galicia reúne unhas condicións especialísimas para a producción de enerxías renovables como eólica no mar e producción de biomasas como formas de máis interese e que non é desprezable a súa capacidade de captación de formas solares e sistemas difusos, que o seu potencial en recursos humanos non é inferior ó de rexións de Europa consideradas entre as desenvolvidas, pode concluírse que existe un potencial importantísimo que unha organización e apoio adecuados deberá transformar nunha realidade no ano 2010.

Expectativas para ese mesmo futuro

    Para cumprir as previsións indicadas requírense cambios de actitudes a tódolos niveis. O establecemento dun mercado de enerxía aberto e competitivo que rompa os monopolios existentes en producción e consumo, cunha rede de alta tensión nacionalizada, ha de consolidarse permitindo a conexión en paralelo coa rede eléctrica a todo tipo de instalacións productoras con menores custos de conexión que os actuais. A rede de alta tensión non debería estar xestionada por ningún productor senón directamente polo ministerio correspondente, a nivel nacional, e pola Xunta de Galicia a nivel autonómico; a razón disto é que todo o desenvolvemento de enerxías renovables choca co previsible do gas natural que estará dispoñible en grandes cantidades e a prezo moi competitivo, coa condición engadida de que o seu transporte licuado ou por gaseoducto é monopolizable o que se traduce nunha nova posible monopolización da enerxía, non só a eléctrica.

    O Estado, que se comprometeu no Real Decreto de decembro de 1998, haberá de coidar as condicións en que son autorizables as instalacións de producción de enerxías renovables pero, unha vez autorizadas, haberá de cumprir o seu compromiso sen corrección das primas establecidas.

    As entidades económicas tanto oficiais coma privadas teñen responsabilidade cos sistemas de producción de enerxía. nos países europeos nos que se avanza de modo notable, funcionan xa cooperativas de investidores privados que participan en instalacións de producción de certo porte que, en xeral, requiren investimentos que superan o nivel individual. Cada investidor de ditas cooperativas é un propagador da idea e un defensor das ER en distintas formas co que se orientan as aplicacións realmente interesantes, se reduce a oposición cidadá e se evita a deformación de intentos ou campañas de promoción de instalacións sen interese económico ou técnico que se proxectan sobre campañas de publicidade de fabricantes de equipos ou doutros grupos. A constitución de varias sociedades que teñan a “capacidade de facer” xunto cos espacios xa definidos para instalacións de importancia, que no se executan necesariamente nun prazo pero resérvase o dereito, abrirá o mercado á iniciativa de particulares cunha reducción da conflictividade, non só por reducción da oposición a cada instalación senón por que se contemple o nivel de execución correcto que satisfai as demandas xerais.

    As institucións responsables deberán axilizar as tramitacións de proxectos de instalacións. Nas condicións actuais o tempo de tramitación é superior ó de obsolescencia tecnolóxica para sistemas avanzados. Na nosa Autonomía deberá definirse con precisión e sinxeleza o marco no que é autorizable cada instalación a fin de axustar os tempos do procedemento de autorización, aceptando que ha de ser rigoroso, público e seguro.

TRANSPORTE

    A mobilidade é un fenómeno que caracteriza a sociedade actual, tanto en aspectos de realización persoal, coma en feitos que afectan de forma significativa ó desenvolvemento económico e social. O turismo, o comercio ou outras actividades tan específicas de Galicia como a pesca, englóbanse no amplo concepto de transporte.

    O binomio medio ambiente e transporte presenta cinco aspectos principais sobre os que é preciso reflexionar e que hemos de cruzar entre si á hora de propoñer liñas de actuación. Estes aspectos son:

- A automoción é unha das principais causas de mortalidade e discapacidade física inducida. Os atropelos de peóns e os accidentes de vehículos son un tema de singular importancia en Galicia.

- O transporte supón o primeiro consumidor de combustibles, tanto a nivel autonómico coma estatal. Os combustibles empregados son derivados do petróleo: gasolina e gas oil. A súa utilización dá lugar á maior emisión de CO2, máis dun tercio do total da nosa autonomía. Este gas é o principal compoñente do conxunto de “gases de efecto invernadoiro” causantes do cambio climático. Sobre as súas emisións propóñense medidas restrictivas a nivel europeo e mundial.

- Por outro lado os vehículos son focos de emisión de contaminantes atmosféricos, que teñen especial incidencia nos contornos urbanos e na saúde das persoas.

- O tráfico marítimo de todo tipo, transporte e pesca, contribúen á contaminación das augas costeiras con aceites e combustibles.

- As infraestructuras viarias constitúen un armazón de feridas e cicatrices no territorio. Se ben a sociedade demanda un maior desenvolvemento das mesmas, a súa construcción dá lugar a problemas, dende a diminución das comunicacións a nivel local, tanto para persoas coma para animais, á erosión en montes e vertido de escombros en ríos e cauces.

    Galicia atópase nun extremo da península ibérica e esta á súa vez é outro finisterre de Europa. A comunicación con ambos espacios é esencial para o desenvolvemento social e económico; por iso hemos de asumir que o transporte ha de crecer neste sentido de forma significativa, pero debera facelo de forma que a incidencia ambiental sexa a menor posible e asumida de forma consensuada pola sociedade galega.

    A capacidade de mobilidade interna para a nosa poboación é unha demanda social acorde coa cultura e o tempo en que vivimos. Pero tamén hemos de ter en conta o turismo, que é de maneira crecente unha das nosas principais actividades económicas, que precisa de infraestructuras e de consumo de combustibles. A pesca e a comercialización das capturas é outra actividade na cal as infraestructuras e o transporte son dous conceptos con peso singular.

    As capacidades portuarias de Galicia, en forma de terminais marítimas de tipo transoceánico e para distribución a outros destinos, son unha oportunidade de actividades industriais. Pero para iso cómpre desenvolver infraestructuras e incrementar as actividades de transporte.

    Neste contexto, na análise que segue, fanse mención a diferentes conceptos que inciden no contorno: medios de transporte, infraestructuras, calidade dos combustibles, etc. Estamos ante un tema complexo e poliédrico, que ha de estudiarse dende esta área medioambiental, pero tamén cruzarse na análise con outras áreas de actividade.

Mobilidade e rede de estradas

    A mobilidade de automóbiles propios e foráneos é un feito irregular que se concentra ó longo do ano en determinados días e horas. Os problemas de conxestión e o incremento da velocidade media resólvense coa dispoñibilidade de autovías e vías rápidas. Estas logo son utilizadas de forma intensa polo transporte por camión.

    Esta rede, que se encontra en fase de desenvolvemento, presenta as vantaxes de evitar o paso de vehículos polas poboacións, evitando atropelos e reducindo a contaminación atmosférica nelas. Así mesmo son a alternativa de comunicación de Galicia co resto da península.

    Pese a eses efectos positivos, non se pode esquecer que o fomento do transporte por estrada, de mercancías e persoas, que supón a existencia desas autovías, induce un excesivo incremento no consumo de combustibles e na emisión de CO2. Por outro lado, a agresión física derivada da construcción desas grandes infraestructuras, erosión e perda de masas forestais, é un impacto nada desexable. Por iso unha vez finalizado o actual plan deberíase ser restrictivo na autorización de novas autovías.

    Por outro lado, si parece que é preciso envorcarse na mellora das vías provinciais e comarcais que fagan máis segura a mobilidade no ámbito rural e sexan un índice da súa calidade de vida. O transporte de viaxeiros por autobús nestes contornos ha de ser unha alternativa segura, flexible e de calidade.

Rede ferroviaria

    O transporte por ferrocarril diminuíu porcentualmente de forma considerable en toda Europa, pero en España fíxoo de maneira máis significativa aínda. Pero este tipo de transporte é o que menor incidencia ambiental presenta. Por un lado as infraestructuras viarias xa dispoñen de trazados; a mellora ou adecuación dos mesmos non debera ter unha incidencia ambiental importante. Doutro lado, e moi importante, o consumo específico de enerxía desta forma de transporte é netamente inferior ás correspondentes de estrada, polo cal as emisións de CO2 son tamén moi inferiores, xa que ademais é factible a electrificación de liñas e tendemos a un esquema eléctrico de menor emisión específica de CO2.

- No futuro é imprescindible fomentar o transporte de mercancías por vía ferroviaria, en particular nas conexións co resto de España e con Europa. Isto evitaría a construcción de novas autovías e non empeoraría os nosos parámetros de emisións de CO2. Para isto habería que:

- Desenvolver puntos de conexión de áreas portuarias e industriais coa rede ferroviaria.

- Establecer servicios nocturnos rápidos, que por un lado cumprisen coas demandas dos usuarios e, por outro, se abastecesen de enerxía eléctrica como forza motriz, nun período horario no cal a demanda eléctrica está en período val.

- Estructurar unha rede interior de conexións.

    O transporte de viaxeiros por ferrocarril tamén é unha opción a fomentar, tanto como conexión rápida con Portugal e o resto de España, coma enlaces internos provinciais e comarcais.

    Os trens rápidos a nivel peninsular mostráronse como unha solución moi aceptada socialmente, tanto para viaxes profesionais coma sobre todo para o turismo de curta duración, viaxeiros nacionais e tamén estranxeiros.

    O transporte interno por ferrocarril ten unha forte competencia no autobús, que é moi aceptado por ser máis flexible e, á vez, ten un impacto ambiental moderado, moi inferior ó correspondente ó automóbil privado.

Contorno urbano

    O tráfico nas cidades é un problema de conxestión ó que se enfrontan ós cidadáns e as administracións municipais. Pero tamén é un problema ambiental posto que se emiten á atmosfera un abano de contaminantes:

- Óxidos de nitróxeno, que son compostos precursores da formación de ozono que é outro contaminante moi activo.

- Monóxido de carbono, hidrocarburos e compostos orgánicos volátiles.

- Óxidos de xofre e metais pesados, en particular compostos de chumbo (xa en diminución ó substituír o chumbo tetraetilo por MTBE e proximamente por ETBE).

    Todos estes contaminantes son activos fronte á saúde humana, principalmente fronte a anciáns, nenos e persoas con problemas respiratorios. O clima húmido de Galicia contribúe de forma especial a agravar a incidencia desta contaminación, anque a presencia de ventos limpa periodicamente a atmosfera urbana.

    En Europa preséntase con forza a necesidade de encontrar solucións a este problema. En primeiro lugar existe unha coincidencia xeralizada en fomentar o transporte público e que este se adecúe ás condicións específicas de cada cidade, pero en calquera caso con solucións limpas:

- Vehículos eléctricos, ben autónomos con baterías, ben con conexión á rede eléctrica. É unha alternativa sen emisión de contaminantes, pero con mingua á flexibilidade de movementos, en particular nas cidades con desniveis significativos.

- Utilización de combustibles moi limpos, ben en motores convencionais ou ben en novos desenvolvementos en vehículos provistos de celas de combustible.

    En relación ó transporte privado discútense diferentes alternativas que teñen unha estructura paralela á do transporte público, anque a selección non necesariamente ha de ser coincidente coa tomada para aquel:

- Utilización de combustibles moi limpos en motores de similar estructura á actual.

- Novos vehículos equipados con pilas de combustible.

-  Vehículo eléctrico privado ou para distribución de mercancías tipo miúdo, de pequeno tamaño, útil para o desprazamento polas cidades e para traxectos curtos interurbanos.

    Non é lóxico dende un documento xenérico como este tomar partido por ningunha destas solucións ou outras alternativas. Pero si se pode demandar que exista un debate social en cada cidade para avanzar na súa solución, que debería concitar o máis amplo consenso e adecuarse ás condicións sociais e económicas do contorno. A actuación dialogada e no seu caso coordinada con outras cidades españolas e europeas é un aspecto positivo a considerar.

    As alternativas privadas son máis difíciles de planificar e será a evolución do mercado o que decida as solucións máis aceptadas pola sociedade. Pero dende as administracións públicas é factible formular actuacións que fomenten a renovación dirixida do parque automobilístico, tal como se fai noutros lugares preocupados polo medio ambiente.

    A solución do pequeno vehículo eléctrico xa é factible e algunhas firmas, entre elas Citroën, puxeron no mercado automóbiles deste tipo. A situación dunha factoría desta empresa en Galicia favorece a análise positiva desta alternativa, que ademais podería estenderse ó resto do Estado.

Áreas portuarias e transporte marítimo

    Nas costas galegas existe un intenso tráfico marítimo, de dous tipos: a actividade pesqueira e o transporte de mercancías con ou sen recalada nos portos galegos. Todo isto orixina un vertido de productos petrolíferos ás augas:

- Ben de forma continuada a través das pequenas fugas nos equipos motrices de barcos ou os vertidos nas estacións de carga de combustible. Anque cada acción individual sexa minúscula, a presencia de numerosos barcos de todo tipo fai que o resultado ambiental sexa negativo. Por exemplo xa en case ningún porto pesqueiro é factible manter cebo vivo nas súas augas.

- Ou ben nos accidentes de buques que transportan productos petrolíferos e que están na memoria de todos. Pero tamén se dá a limpeza incontrolada e non autorizada de tanques e outros equipos de navegación; esta práctica irregular pode ter unha incidencia significativa nas nosas augas, en particular as das rías, onde a renovación das mesmas é lenta.

    A actividade marítima ha de manter o seu actual ritmo e mesmo incrementalo para conseguir o desenvolvemento económico e social da poboación costeira e de toda Galicia.

    Parecen positivas as propostas de construcción de grandes infraestructuras portuarias exteriores ás rías, onde o mar ten unha máis forte capacidade de renovación das augas e, preservando as interiores e máis recollidas das rías dunha parte do tráfico marítimo pesado.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   A nivel do estado español e de Galicia en particular, é lóxico favorecer o transporte de mercancías mediante buques de cabotaxe, é unha solución con menor consumo específico de enerxía que outras alternativas e á vez libera ás infraestructuras viarias da carga correspondente.

    Parece lóxico que a Administración Galega incremente a súa vixilancia da calidade das augas costeiras en toda a súa extensión e, en relación ó que se expón neste apartado, incida na contaminación por aceites e combustible das augas costeiras. Así mesmo se debería pensar en encontrar formas de vixilancia e inspección dos barcos que minimicen os pequenos vertidos de productos petrolíferos.

Transporte aéreo

    Os aeroportos son puntos singulares de contaminación acústica, á parte que a súa construcción implica obras de dimensións significativas. A existencia de tres aeroportos en Galicia adecuados ó tráfico de voos comerciais, un deles con capacidade transoceánica, non parece que induza á construcción doutros novos. A relación co Norte de Portugal e o seu aeroporto de Porto é un feito a ter en consideración para futuras planificacións do tráfico aéreo.

    As obras de ampliación e adecuación ó tráfico futuro deberán ter en conta a incidencia en zonas urbanizadas, sen que iso supoña menoscabo da seguridade do tráfico aéreo.

    As emisións de contaminantes das aeronaves son importantes e inciden en zonas delicadas da atmosfera. Anque o regulamento deste tráfico e os seus niveis de contaminación corresponderán a acordos internacionais. Non debemos de deixar de facer unha chamada a unha cultura máis restrictiva no uso do avión e a súa translación a viaxes en ferrocarril, alomenos a nivel peninsular mediante os correspondentes trens rápidos.

Previsións e recomendacións

    O transporte hase de relacionar ambientalmente con cinco cuestións: accidentalidade, contaminación urbana, incidencia das infraestructuras, contaminación de augas costeiras e contribución ó cambio climático.

    En Galicia deberíanse ter en conta os seguintes aspectos cara ó futuro:

- Fomento do transporte público nas cidades.

- Selección de vehículos públicos urbanos de baixa contaminación: eléctricos ou de combustibles limpos.

- Fomento do uso de vehículos privados limpos no contorno urbano.

- Análise do desenvolvemento e promoción do coche eléctrico urbano.

- Fomento da producción de bioetanol con materias agrícolas galegas.

- Mellora das estradas provinciais e comarcais

- Promoción do transporte interurbano mediante autobuses

- Recuperación e desenvolvemento dunha rede autonómica de ferrocarril.

- Fomento do ferrocarril para o transporte de mercancías cara ó resto da península.

- Establecer e mellorar as conexións porto-ferrocarril.

- Dispoñibilidade de liñas rápidas ínter peninsulares para o transporte de viaxeiros.

- Utilización no posible de enerxía eléctrica como forza motriz en ferrocarril, transporte urbano e privado.

- Fomento do transporte de mercancías mediante cabotaxe.

- Control da calidade das augas costeiras. Previr o vertido dende buques de derivados petrolíferos, accidentais ou continuados.

RESIDUOS

    Os residuos constitúen o conxunto de compostos naturais ou producidos pola actividade do ser humano e que carecen de valor aparente. A xestión dos residuos é un dos retos máis importantes ós que se enfronta a sociedade actual.

    Dende a toma de conciencia do problema desenvolveuse un marco normativo importante, que se foi adaptando ás distintas filosofías e modelos de xestión tecnologicamente dispoñibles e economicamente viables. O modelo de xestión seguido na actualidade prima xerarquicamente a reducción, reutilización e reciclaxe, ademais de contemplar a valorización enerxética, relegando o vertido á última opción desexable.

Residuos Sólidos Urbanos (RSU)

    Galicia presenta un modelo de asentamento humano similar ó doutras rexións atlánticas de Europa Occidental, caracterizado pola súa elevada atomización. O armazón destes sistemas de asentamento está formado por unha serie de elementos simples: aldeas, parroquias, vilas e cidades, que forman un dos espacios máis densamente urbanizados da poboación diseminada de Europa.

    Actualmente, os datos de producción de RSU en Galicia ofrécennos unha cifra de 0,8 quilogramos por persoa e día, o que supón unha producción anual de 810.274 T. Sen embargo, estes datos enmascaran a situación real, xa que corresponde unicamente ós RSU que chegan á estructura de xestión oficial e controlada, pero moitos outros quedan polo camiño, xa sexa en vertedoiros incontrolados, en aplicacións de tipo agrícola, etc. Por outra parte, e anque nos situamos por debaixo da media europea, a taxa de producción está aumentando, e nos próximos anos alcanzará porcentaxes europeas. É recomendable afrontar esta realidade non só con solucións técnicas senón tamén con concienciación social, configurándose como principais actuacións:

- Concienciar a poboación en xeral sobre a importancia das 3R (reducción, reutilización e reciclaxe) incidindo especialmente na reducción. Para isto será necesario a planificación de actuacións en materia de educación, formación, difusión e información.

- Estudio dos niveis de reciclaxe e reutilización a fin de dimensionar adecuadamente a xestión.

- Creación dunha rede de infraestructuras para a xestión dos RSU, integrando os distintos sistemas de xestión existentes en Galicia.

- Continuar o labor de recuperación e restauración de espacios degradados por vertidos.

- Desenvolver un programa financeiro que permita sufragar a totalidade dos custos previstos.

- Establecer e reforzar os niveis de colaboración necesarios entre as distintas administracións competentes na materia.

- Fomentar a realización de análise de ciclo de vida dos productos como medida desexable.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  Residuos industriais

    O panorama actual da xestión de residuos industriais en Galicia presenta unha situación na que a minimización e os diferentes procesos de valorización (reutilización, reciclaxe, conversión en enerxía) non presentan unha proporción importante no global da xestión de residuos, existindo unha única planta de tratamento, SOGARISA nas Somozas (A Coruña), dedicada ós residuos perigosos. Disponse dun armazón de xestores e transportistas que completa o sistema de xestión, ademais dun marco normativo bastante desenvolvido tanto a nivel nacional coma autonómico.

    Como estratexia para os próximos anos se debe priorizar a prevención de residuos promovendo a súa recuperación, minimizando a súa destrucción final e controlando eficazmente o seu transporte.

    Para iso se deben promover as seguintes actuacións:

- Concienciar o sector industrial da importancia das 3R (reducción, reutilización e reciclaxe) incidindo especialmente na prevención. Para iso será necesario a planificación de actuacións en materia de formación e información.

- Realizar un estudio exhaustivo dos sectores productivos para determinar aqueles de maior incidencia tanto cuantitativa coma cualitativamente.

- Fomentar a implantación de tecnoloxías limpas e sistemas de xestión medioambiental, principalmente naqueles sectores que xeran maior impacto.

- Establecer os mecanismos financeiros necesarios para facilitar a implantación da producción limpa na industria.

- Optimizar a rede de infraestructuras dispoñibles para a xestión dos residuos industriais.

- Velar pola aplicación do principio “o que contamina paga”, segundo o cal, a máxima responsabilidade para garantir técnica, económica e loxisticamente a correcta xestión dos residuos é dos productores que poñen no mercado bens, que co seu uso deveñen en residuos.

- Fomentar a realización de Análise de Ciclo de Vida dos productos como medida desexable.

Residuos agrarios

    Os residuos agrarios son aqueles xerados nocontorno natural e o integran un grupo heteroxéneo de productos compostos, por exemplo, polas plantas ou parte delas, comprendendo tamén os residuos xerados nas explotacións gandeiras intensivas. Para o seu estudio os residuos agrarios adoitan dividirse nos seguintes grupos: agrícolas, gandeiros, forestais e de industrias agrarias.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

    Da importancia do sector agrario de Galicia deriva a problemática dos residuos agrarios, especialmente no referente ó zurro. Faise necesario, polo tanto, dedicarlle unha especial atención a este tipo de residuo. Entre as actuacións recomendables ó respecto se poden destacar:

- O primeiro punto a considerar na solución da xeración de todo tipo de residuos é a súa minimización. No caso de residuos agrarios é difícil aplicar as técnicas de minimización, dado que os residuos deben ser retirados para facilitar o cultivo posterior. Soamente no caso de residuos gandeiros e das industrias agrarias poden aplicarse tecnoloxías de menor consumo de auga, xa sea optimizando as operacións de limpeza ou aplicando operacións de recirculación de augas.

- Fomentar o aproveitamento e contribuír ó subministro de materias primas secundarias a certos sectores da industria ou da agricultura. Como apoio a esta actuación é recomendable levar a cabo unha análise e caracterización dos residuos xerados e unha selección de técnicas de aproveitamento destes residuos.

- Desenvolver un programa financeiro que permita ó sector afrontar os custos derivados da adopción de tecnoloxías limpas.

- Concienciar o sector agrario da importancia das 3R (reducción, reutilización e reciclaxe) incidindo especialmente na prevención. Para iso será necesario a planificación de actuacións en materia de formación e información.

Residuos sanitarios

    Os residuos xerados por actividades de atención á saúde, xa sexan asistenciais, preventivas ou de investigación denomínanse residuos sanitarios, algúns dos cales son asimilables a RSU e por tanto tratados como tales, e outros son considerados de forma especial debido á súa incidencia altamente nociva para o medio.

    Actualmente existe na nosa comunidade un marco normativo para a súa xestión, pero se entendemos como xestión o conxunto de accións que se poñen en práctica para a consecución dun resultado óptimo, no caso de xestión de residuos sanitarios, este debe supeditarse a alcanzar o destino final máis adecuado de acordo ás súas características, ademais de ofrecer unha total transparencia na xestión, ó ser unha área de especial sensibilidade para a opinión pública.

Pilas usadas e acumuladores

    O actual modelo de consumo, presente na sociedade galega, ten dúas características que inciden especialmente na producción deste tipo de residuos: a portabilidade e “o usar e tirar”.

    O principal problema de contaminación de pilas usadas e acumuladores vén dado pola súa eliminación incontrolada que pode liberar os metais de carácter tóxico que posúen.

    Actualmente existen unha serie de campañas de recogida de pilas nas que participan as distintas administracións, colectivos e público en xeral, que están axudando a modificar as actividades e comportamento dos cidadáns facéndoos conscientes do potencial contaminante deste residuo. Á súa vez o tratamento de pilas usadas realízase nunha planta especialmente deseñada para isto no municipio das Somozas.

    As recomendacións a realizar céntranse sobre todo en:

- Continuar e ampliar as campañas de concienciación cidadá.

- Potenciar os sistemas de recollida.

Vehículos fóra de uso

    O crecemento nos últimos anos do parque de vehículos de Galicia trae como consecuencia directa o incremento deste tipo de residuo. A importancia da reciclaxe dos vehículos ó final da súa vida útil vénnos dada pola cantidade en valor absoluto dos residuos non aproveitados. O vehículo fóra de uso é reciclable nun 75% e estes residuos son xestionados actualmente por un subsector industrial pouco coñecido e escasamente regulado. Galicia non escapa a esta situación e deberá adaptarse ó novo marco normativo establecido pola Unión Europea ó respecto.

Outros residuos

    Outros residuos non mencionados nos apartados anteriores pero de gran repercusión ambiental constitúenos:

- Neumáticos. Existen en Galicia distintas solucións que van dende a reciclaxe en plantas de recauchutado á transformación en productos industriais como o seu uso na industria do cemento ou o desenvolvemento das instalacións de transformación por craqueo ou gasificación.

- Aceites usados. Constitúen un dos residuos que recibiu maior atención dende o sector industrial. O seu uso como combustible en centrais térmicas ou na industria cerámica, deixou o seu lugar ó establecemento dunha industria específica de transformación.

- Vidro. A recuperación e reutilización do vidro constitúe unha opción xa tradicional tecnoloxicamente. Debería, na próxima década, constituírse algunha instalación industrial en Galicia que tratase este residuo.

- Plásticos. A reciclaxe e reutilización de plásticos constitúe un reto a propoñer nos próximos anos na comunidade autónoma, conscientes dos problemas asociados ás distintas formulacións e á masa crítica necesaria.

- Residuos de construcción. Anque na actualidade trátanse en conxunto como inertes, a medio prazo deberán xestionarse os materiais separadamente.

- Material electrónico. A industria electrónica, cunha velocidade de cambio moi superior a outras áreas xera un volume cada vez máis significativo de residuos. Xa existen no Estado español, experiencias de recuperación de compoñentes electrónicos, que antes ou despois deberán abordarse na nosa comunidade autónoma.