I. INTRODUCCIÓN

    Este documento é froito dun consenso entre os membros do relatorio e tenta, en consonancia co Proxecto Galicia 2010, desencadear un proceso de reflexión na sociedade galega sobre o futuro das actividades relacionadas coa pesca.

    Con esta finalidade,considerouse conveniente utilizar unha certa contundencia na linguaxe, tentando non facer concesións ó que pode ser máis ou menos “politicamente correcto”, xa que os membros do relatorio están convencidos de que se non se toman as medidas axeitadas, a sociedade galega terá que asumi-la inevitable consecuencia de que determinadas actividades pesqueiras queden fóra das tendencias principais do desenvolvemento económico e se convirtan en marxinais.

    O relatorio fai primeiro unha análise dos problemas de natureza xeral que afectan a todo o sector pesqueiro. Posteriormente detense a examinar de forma particular cada un dos subsectores.

   A sinerxia do agregado empresarial pesqueiro.- Sen descoñece-la súa dimensión social, cultural e ambiental o termo PESCA debe ser entendido para os efectos deste relatorio como o agregado empresarial constituído por todas aquelas empresas que teñen relación coa explotación, transformación ou comercialización dos recursos mariños, independentemente da súa orixe ou da tecnoloxía utilizada.

    Galicia ha de procurar que todo este agregado empresarial se desenvolva simultánea e coherentemente, no senso de que cada un dos seus subsectores non debe ser considerado como unha alternativa ós outros; isto é, son sinérxicos pero requiren un tratamento particular. Se o conxunto progresa en paralelo, o dito agregado empresarial desenvolverase con moita máis forza.

    O sector pesqueiro non é un sector permanentemente en crise senón un sector en permanente evolución e ten que converterse nun sector maduro e competitivo, xestionándose como os demais sectores e industrias da Unión Europea. Para seguir sendo punteira nesta actividade Galicia ha de pescar de modo distinto, mellorando as súas técnicas extractivas e axeitando o seu esforzo pesqueiro ás directrices internacionais e europeas de pesca responsable e sostible, establecendo unha sa estratexia investidora no mercado nacional e no do exterior.

   A utilidade da planificación.- O desenvolvemento harmónico do sector implica unha planificación global, procurando que tódolos seus obxectivos se acaden no período establecido. Este relatorio quere chama-la atención sobre o feito de que xa se levan moitos anos de planificación e de execución, pero os obxectivos finais nunca se chegan acadar, especialmente no que a recuperación dos recursos se refire.

    Unha planificación eficaz que asegure a modernización económica do sector debe concretarse nun prazo máximo de dez anos para alcanza-los seus obxectivos finais e debe ser executada na súa totalidade. Así mesmo, cómpre que as medidas que se establezan en tódolos niveis sexan eficaces e doadas de aplicar.

   A imaxe negativa da pesca española no mundo: un problema sen resolver.- A pesca española ten un gravísimo problema de imaxe que, por inxusto que poida parecer, afecta de forma directa á nosa credibilidade internacional e, polo tanto, á nosa actividade económica. Existe unha imaxe de pescadores depredadores, a pesar de que tal sona non se xustifica.

    Paradoxalmente, no mundo da pesca, países que fan caso omiso das regulacións internacionais en vigor  e que continúan con actividades rexeitadas pola opinión pública mundial (coma na pesca da balea, a pesca de especies en moratoria, as artes de enmalle de deriva, a pesca industrial indiscriminada, etc.), non só non chegan a te-la imaxe negativa que ten o sector pesqueiro español senón que a teñen mesmo boa, posiblemente porque compensaron estes actos con políticas de imaxe conservacionistas dos recursos. Nun mundo mediático como o actual, Galicia debe contrarrestar activamente esta imaxe a través dunha política activa nos medios de comunicación social máis influíntes na escena internacional. Pero recompoñer esta imaxe constitúe nembargantes un problema para Galicia que vai máis aló da simple publicidade e require atalla-lo problema de fondo: mellora-las nosas prácticas pesqueiras naqueles casos en que non son responsables, e isto implica unha formulación estratéxica con moitas accións simultáneas que se teñen que estender ó longo de varios anos. Hai que lograr para a pesca española unha imaxe positiva, ecolóxica, de sector moderno e competitivo, creador de valor social e de emprego e sobre todo respectuoso das medidas de conservación.

    Toda campaña ten que sobrepasa-los simples xestos e imaxes e ten que vir xunto a accións específicas que amosen a vontade española de cambio de estilo, comezando por recuperar total e rapidamente o caladoiro nacional nun prazo non superior a dez anos. É imprescindible converte-lo caladoiro nacional nun exemplo de pesca responsable.

    Os nosos buques e tódalas unidades de explotación teñen que ser un exemplo tanto desde o punto de vista da seguridade como do sanitario, tecnolóxico e de habitabilidade. A flota ha de estar renovada e deben eliminarse do caladoiro os buques antigos e aqueles que segundo as normas técnicas non estean nas condicións de seguridade para realizar estas actividades.

    Ademais, cómpre facer un esforzo no seo internacional, participando as Administracións públicas ó máximo -con medios materiais- na vixilancia e inspección física dos caladoiros internacionais e lidera-la loita contra as bandeiras de comenencia nunha acción decidida de chamamento e erradicación das mesmas. Non podemos esquecer que os buques cun pavillón de comenencia fan moito dano á imaxe da pesca española, aprovéitanse deslealmente das restriccións que impón a lexislación internacional ós buques de bandeira nacional e non contribuén á Facenda española, pero cando teñen problemas reclaman, impertinentemente, a asistencia da Administración. Este relatorio ten a firme opinión de que as bandeiras de comenencia teñen que rematar, e para iso haberá que tomar medidas enérxicas.

    Desenvolvemento da cooperación internacional.- A cooperación internacional en materia pesqueira debería ser un dos principais obxectivos de Galicia de cara a este decenio. Por isto as accións de cooperación con terceiros países non deben ser consideradas polo sector pesqueiro como unha ameaza, senón como unha oportunidade.

    Galicia pode achega-lo seu “know-how” en materia de formación, investigación, coñecemento do sector, etc., como principal atractivo para senta-las bases dunha relación estable e duradeira con terceiros países.

    En definitiva, trátase de establecer canles directas e estables, de forma que a nosa presencia en terceiros países se perciba como avantaxosa non só por unha contrapartida económica senón por un conxunto de beneficios globais (desenvolvemento, investigación, formación ...) para o país en concreto. Esta é unha aposta estratéxica na que Galicia ten que ter amplitude de miras.

   Fomento da cultura martítima: vivir cara ó mar.- Non hai que esquece-lo peso da cultura e da imaxe no mundo actual. En Galicia non se explota a extraordinaria cultura marítima e pesqueira que temos. A defensa e promoción desta cultura debe formar parte dos proxectos políticos e ser interpretada tamén en clave de valor social e económico.

    Dentro desta idea debería establecerse unha coordinación de tódolos museos do mar e acuarios existentes en Galicia, ou que traten temas marítimos, asegurándose desta maneira a coordinación e promoción da nosa rede museística mariña, alonxando todo isto de localismos trasnoitados. Así mesmo debería fomentarse o desenvolvemento da producción e venda de artigos relacionados co mar e a pesca, así como as emisións televisivas relacionadas co sector. E todo iso de cara a face-lo sector marítimo-pesqueiro máis coñecido e querido pola opinión pública, o que debe redundar nun meirande apoio social e político para a súa actividade.

    Vinculado con isto deberiamos facer un grande esforzo para fomentar todos aqueles deportes que teñan que ver directamente co mar: remo, vela, náutica, natación, etc. E facer un verdadeiro esforzo coordinado e sostible para situar e manter Galicia á cabeza deles. Así mesmo, algunhas actividades turísticas poden vincularse a estes valores culturais.