INVESTIGACIÓN NO SECTOR DA PESCA

1.- O DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO DAS EMPRESAS PESQUEIRAS

   Mundialización.- Non é descubrir nada novo, o feito de afirmar que a tendencia internacional, é a de camiñar cara o que se denomina a globalización, ou mellor aínda, mundialización da actividade económica, tendencia imparable e que ademáis non ten precedentes na historia.

    O proceso actual de liberdade de movemento dos capitais financieros e a relativa facilidade coa que tamén se trasladan os medios de producción, poden introducir distorsións importantes no mercado laboral e afectar moi considerablemente ás rexións onde se produce a retirada do investimento.

    Por iso para unha rexión como Galicia, irreversible e inevitablemente inmersa nunha economía mundializada e no Mercado Único Europeo, ten unha importancia crucial prepara-la súa sociedade e estructuras económicas para facer fronte a este reto e conformarse como unha economía aberta. Para acadar isto, é esencial ser capaz de atraer investimentos foráneos, así como fomentar o investimento propio no exterior que compense cos seus retornos de capital, posibles consecuencias negativas da globalización na súa estructura productiva e nivel de emprego.

    Nesta preparación para constituírse nunha economía aberta é tan esencial coma o anterior manter unha producción propia que poida ser vendida non só no mercado interno, senón no mercado exterior. Sen iso non hai balanza comercial que poida manterse. Hai pois que coida-la economía productiva posto que sen ela o resultado é unha economía subsidiada ou un proceso de emigración da forza laboral.

    A pesca constitúe precisamente unha das áreas da economía productiva onde Galicia goza de momento dunha vantaxe comparativa e é asimesmo competitiva, polo tanto debe prepararse e desenvolverse neste período de tal xeito que non perda a relativa posición de dominio que mantivo ata o de agora.

     No cabe dúbida que para algúns subsectores da pesca, a integración neste proceso pode implicar unha deslocalización de certas actividades que antes se levaban a cabo en Galicia, cara a outras partes do mundo. Isto no ha de percibirse como unha ameaza. Pola contra, esta deslocalización de actividades vai asegura-lo mantemento de emprego de calidade nun contexto de clarísimo retroceso da demanda de emprego neste sector. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Financiamento e estructura empresarial.- A pesca galega ten que internacionalizarse no seu conxunto e tamén ten que te-la capacidade de facer evoluciona-las súas estructuras empresariais neste sentido. Iso non ten por qué significa-la conversión de tódalas súas empresas en grandes multinacionais, pero si en empresas capaces de desenvolverse no medio internacional.

    O tamaño empresarial máis adecuado a alcanzar dependerá de cada caso particular: algunhas empresas deberán de evolucionar cara a unha estructura verdadeiramente multinacional, outras se limitarán a crecer asegurándose a presencia noutros países, mentres que outras terán que procurar alcanza-la estructura axeitada para desenvolverse no contexto internacional, ainda que sen necesidade de ter presencia máis alá das fronteiras nacionais. Isto é aplicable a tódolos subsectores pesqueiros sen excepción: altura, baixura, marisqueo, acuicultura, industrias de transformación, de almacenamento, comercialización e tódalas industrias conexas.

    Un desenvolvemento san que poida ser impulsado desde a área política ha de procurar levar a cabo accións que poidan facer evolucionar e desenvolver ó sector da pesca en bloque: a estas alturas e cunha situación xeral de crecemento económico hai que tomar medidas enérxicas e xa no caben excepcións por razóns sociais máis que en medida moi prudente. As medidas a adoptar poden facerse moi difíciles se no futuro o crecemento económico se modera.

    O logro destes obxectivos se enfrenta cun freo importante: a mentalidade localista que prevalece no sector e en certas esferas políticas e sociais. As estructuras mentais e a tradición minifundista dificultan procesos como o asociacionismo, o cooperativismo ou a fusión entre empresas dos distintos sectores, que son imprescindibles para un cambio da estructura empresarial da pesca orientado á competitividade, á rendibilidade, así como a expansión cara a novos mercados.

    A iso engádese a non existencia dunha cultura empresarial autóctona, que implica serias carencias: non hai unha cultura asentada de dirección das empresas polos accionistas, hai unha certa dificultade para acadar economías de escala porque non existe o costume de recorrer ás ampliacións de capital nos mercados abertos como rápida forma de expansión. Como resultado inevitable diso existe un rexeitamento cara o uso das novas tecnoloxías, xa que no fondo non se ten demasiada fe nelas nin fondos para adoptalas. O curto prazo está excesivamente presente e todo iso constitúe un grave freo ó desenvolvemento dunhas empresas pesqueiras modernas.

    Polo que respecta á estructura empresarial resulta clave o tamaño das empresas pesqueiras. É certo que non hai unha única dimensión óptima para estas senón que cada unha delas se pode adecuar a un segmento diferenciado, pero sempre baixo criterios de rendibilidade. Non obstante, é aconsellable un aumento da dimensión empresarial que facilite: i) a captación de fondos alleos; ii) o investimento no extranxeiro e a diversificación; iii) a capacidade de xestión e a conciencia da necesidade de investir no sector; iv) a apertura ó exterior a través da comercialización, para deixar de ser unha “industria presa do mercado español”.

    Á parte da dimensión, o principal problema das PEMES (Pequenas e Medianas Empresas) pesqueiras non é necesariamente a súa estructura familiar senón unha mentalidade limitada con respecto á súa expansión e con respecto ó tratamento dos socios minoritarios. O tamaño inaxeitado da maioría das empresas pesqueiras está dificultando a aparición de investidores no noso sector, xa que desconfían da súa rendibilidade futura, aínda cando a rendibilidade non estea necesariamente rifada coa dimensión. Parece, polo tanto, inevitable acometer reaxustes estructurais, encamiñados a aumenta-lo seu tamaño medio de tal forma que lles axude a afrontar, mediante técnicas modernas de dirección, un mercado cada vez máis competitivo.

    A pesca galega só poderá ser considerada madura cando se consolide como un sector seguro e atractivo para os investidores. O problema de imaxe da pesca galega afecta tamén á esfera económica e ó emprego, porque se percibe como un sector non fiable. Este problema non poderá resolverse se non se xera unha cultura de estabilidade financeira no sector.

    As empresas galegas deben afacerse a realizar verdadeiras asociacións e a escala significativa, se é necesario con intereses extranxeiros e non sempre co obxectivo de asegurarse o acceso á explotación dos recursos, senón para asegura-la solidez dos seus investimentos. Á parte das áreas tradicionais de investimento do sector pesqueiro galego, sería conveniente establecer lazos económicos con outras empresas de pesca europeas.

    As entidades financeiras galegas teñen que comprometerse en todo este proceso, polo que deberían dotarse dun departamento que analice os proxectos de investimento no sector pesqueiro e desmitifique falsos riscos.

    É fundamental así mesmo, o xera-la confianza suficiente para atrae-lo investimento alleo en posibles procesos de ampliación de capital. Para iso os fondos dos accionistas minoritarios ou os dos subscriptores de obrigas de todo tipo deben de estar convenientemente salvagardados e protexidos contra posibles decisións arbitrarias dos accionistas principais, de tal maneira que os minoritarios no queden presos dunha mala dirección.

    As entidades financeiras poden e deben de xogar un papel esencial aquí como garantes deste tipo de investimento, fomentando a modificación dos estatutos de certas empresas “con garantía de solvencia”, que aseguren que o nivel de endebedamento é o adecuado, que o investimento proposto é sólido e sensato e que a empresa está xestionada axeitadamente a nivel xerencial e sen intrusión excesiva dos accionistas principais: só así será posible atrae-lo diñeiro dos pequenos aforradores e obter unha boa reputación financeira.

    É necesaria certa orixinalidade neste aspecto, creando por parte das entidades financeiras con implantación real e vocación investidora en Galicia, unha especie de etiqueta de “investimento seguro” para certas empresas, porque a pesca está considerada como unha actividade económicamente inestable e de alto risco, polo que se encontrará sempre con dificultades para o seu financiamento. Se non é posible o recurso a capitais alleos, recorrer ó crédito bancario como única fonte de financiamento alleo limita seriamente a capacidade de expansión das empresas galegas.

    Tamén hai que ser innovador nos propios mecanismos do mercado dos productos pesqueiros. Fórmulas de axilización do mercado, tal como a integración da pesca no comercio electrónico, deben de impulsarse con decisión, porque calquera atraso nesta área fai logo moi difícil a recuperación do desfase. España pode ter xa un certo atraso neste aspecto.

   Competitividade.- A competitividade das empresas do sector pesqueiro galego pode estar en risco se non se deseña  unha estratexia de reestructuración de custos a longo prazo. O carácter predominantemente minifundista das empresas do sector, un certo desinterese cara as novas tecnoloxías, a falta de formación dalgúns subsectores, a autocomplacencia, e algunhas decisións políticas erróneas adoptadas a tódolos niveis, levaron ó noso sector a unha situación que pode implicar un declive perigoso a medio e longo prazo.

    A nosa flota, excepcións á parte nalgúns sectores da pesca industrial, atópase vella e mal equipada; iso repercute en que este sector só é capaz de atraer man de obra de calidade decrecente, o que conleva unha mingua da eficiencia.

    Hai que producir mellor que na actualidade, o que o mercado demande, de forma máis atractiva que os competidores e máis barato ca eles. Hoxendía iso só pode lograrse racionalizando os medios de producción e non regateando investimentos na renovación de equipos e na formación das personas que os manexen.

    Iso implica a necesidade de renova-las flotas de maneira decidida, non só construíndo barcos novos, senón ademáis barcos modernos e eficientes. Ademáis, a competitividade é tamén función do equilibrio básico entre flota e recursos: unha flota excesiva para os recursos dispoñibles nunca permitirá a competitividade. En resumo, para mante-la competitividade cómpre ter unha flota máis reducida e máis moderna.

    Entre outros aspectos é necesario unha urxente e inaplazable revisión da normativa laboral referente a tripulacións mínimas. Os requirimentos da lexislación española son excesivos, moi por enriba do que require por exemplo a lexislación dos Países Baixos que é bastante rigorosa en temas de seguridade. Como resultado, os buques españois son obrigados a utilizar un número excesivo de tripulantes, o que diminúe o espacio habitable a bordo, encarece moi notablemente os custos e desincentiva fortemente o investimento en materia de renovación.

    O sector industrial transformador, conserveiro e comercializador, e a acuicultura teñen, así mesmo, a necesidade de renovarse e modernizarse apoiándose no I+D+I, así como defender no mercado unha maior política de calidade como aseguramento dos seus productos de alto valor. Igualmente, sería moi importante que o sector evolucionase a unha maior integración vertical cara atrás para asegurarse o aprovisonamento das materias primas e cara adiante para poder dispoñer dunha comercialización máis eficiente.

    A innovación ha de facerse a tódolos niveis e de forma constante e debe ter como obxectivo permanente a reducción dos custos de explotación e o de producir de modo eficaz e eficiente de cara ó mercado. Neste sentido o mantemento de organismos vetustos como as cooperativas de descarga, os altos custos de subministracións, como o combustible e o xeo, e os custos de atraque son alguns dos puntos que han de revisarse.

    Tamén é necesario revisa-la estructura de custos indirectos deste sector, entre eles o réxime impositivo da pesca e industrias de transformación e acuicultura, e analizar cómo incide na competitividade da industria pesqueira. Un instrumento indispensable é a xeración dunha fiscalidade que se adecúe á especificidade da pesca.

2. EVOLUCIÓN DO EMPREGO

    Con frecuencia fálase de “mante-lo emprego no sector da pesca” como un dos obxectivos económicos e políticos máis importantes nunha estratexia de desenvolvemento deste sector. Isto é unha falacia económica, porque implica unha actitude de manter un emprego de baixa calidade a costa da eficiencia económica e social da actividade.

    Efectivamente o emprego consérvase ou créase mantendo unhas empresas económicamente eficientes que a base de xerar riqueza, proporcionen medios financeiros para realizar novos investimentos, que se reinvistan na pesca ou que se dirixan cara a outras áreas da economía productiva galega.

    En conxunto, cabe esperar que se perda  emprego dentro do sector pesqueiro, tal e como o coñecemos na súa composición actual, nun esforzo de racionalización da actividade productiva para poder manter unha actividade próspera. Isto sucede en tódalas actividades económicas. Nembargantes, e dentro desta mesma área de actividade económica  xurdirán novas empresas e novas oportunidades, con emprego de mellor calidade.

    É conveniente crear alternativas noutras actividades relacionadas coa pesca e fomentar e incentivar o I+D+I, de tal maneira que se gañe en riqueza global. Ten que prima-la idea de competitividade sobre o mantemento de postos de traballo pouco productivos -que son cada vez menos atractivos- para acadar, vía eficacia, maior calidade do emprego.

    Por outra parte, vense constatando nos últimos anos unha importante falta de persoal cualificado e non cualificado tanto a bordo coma en terra. Por iso resulta incongruente unha política orientada a mante-lo emprego, cando en realidade a tendencia é á falta de demanda de emprego, sobre todo a bordo dos buques, que non cubre xa na actualidade a oferta das empresas. A única forma de solucionar este problema, pasa por ofrecer mellores condicións de traballo a bordo, tanto desde o punto de vista da remuneración económica, como desde o punto de vista da habitabilidade, comodidades e seguridade.

    Así mesmo, é necesario o establece-las condicións necesarias para asegurar que o traballador non se quede “atrapado” nesa profesión da que por razóns obvias, pode desexar saír nun momento dado da súa vida. Iso implica, que o emprego debe ter unha cualificación elevada e ademais que permita o paso a outras actividades con relativa facilidade. Este aspecto abordarase no apartado de formación.

    Por outro lado, é necesario explorar ata o límite do posible aqueles colectivos de desempregados que nunca ata agora pensaran no mar como solución á súa situación laboral. Neste sentido o colectivo feminino é un dos máis importantes. A muller non se apunta ó traballo a bordo porque existe unha inercia social que fai que nin o considere. A integración da muller ó mundo da pesca debe constituir un obxectivo prioritario. Para iso é necesario que se estableza un sistema de primas ou de fortes desgravacións fiscais, ou ámbalas dúas cousas para aquelas empresas que decidan enrolar mulleres e iso ha de realizarse con rapidez e enerxía.

    Non obstante, é de prever que aínda así non se chegue a cubri-la oferta de emprego para o que haberá que recorrer, como xa vén sucedendo, á man de obra procedente da inmigración; pero para iso é moi necesario deseñar unha política de inmigración axeitada e ordeada que non deixe nada á improvisación e que ademáis poida axudar na política de cooperación do sector pesqueiro con terceiros países.

    Na pesca artesanal é onde hai que realizar unha búsqueda alternativa e paralela de actividades que poidan absorber posibles excedentes locais de man de obra, para evita-la desertización e abandono daquelas áreas que poidan estar en zonas máis illadas ou con meirandes dificultades de obter emprego alternativo.

    Sen embargo, atopámonos ó mesmo tempo nunha circunstancia histórica que pode non volver a repetirse e que pode auna-la necesidade de reduci-lo déficit de man de obra producida pola tendencia natural do emprego a abandoa-lo traballo a bordo, a necesidade de diminuí-las tripulacións para racionalizar custos e a necesidade de eliminar buques dos caladoiros para permiti-la súa recuperación, sobre todo os nacionais.

 

  Neste sentido non se pode esperar máis: unha importante reducción da flota nos caladoiros nacionais, xunto a un peche dos censos e o inmediato establecemento de dereitos de pesca individuais e transferibles no ámbito nacional, do que se falaba no capítulo relativo á política comunitaria, é o que máis lle convén, por moitos motivos, ó sector pesqueiro extractivo.

    Non facer isto agora sería un erro histórico lamentable. Esta política sen dúbida relanzaría a construcción naval de unidades pesqueiras por varios anos. O excedente de buques debe eliminarse por medio do desmantelamento, xa que non ten sentido crear un mercado de buques de ocasión, que aínda que moi conveniente para algúns propietarios, é nocivo para o sistema productivo en xeral.

3. FORMACIÓN

    A formación é básica, xunto ás melloras das condicións do traballo, tanto para a creación de emprego de calidade como para a dignificación do emprego do mariñeiro. Pero existen importantes problemas en tódolos niveis de formación que levan a que tanto a FP1, como a FP2 no cubran as necesidades que require a industria no nivel de técnicos e especialistas.

    A estratexia implica, ademáis, facer de novo atractivo o traballo no mar e para iso é necesario que o traballador ou estudiante non se sinta pechado nun campo laboral demasiado estreito, senón que teña a sensación clara de que ó entrar a traballar neste sector ábreselle toda unha serie de opcións no mundo relacionado co mar.

    Todo iso pasa pola dignificación da formación ocupacional e profesional que teñen que constituír unha vía alternativa e simple de acceder a estudios superiores se así se desexa. Neste sentido hai que considera-lo conxunto de titulacións que teñen que ver co mar, calquera que sexa o seu rango, sexan universitarias ou non universitarias.

    Ante este panorama urxe: (i) unha reformulación do itinerario profesional naútico-pesqueiro no sentido de que o alumno/a poida ter maior flexibilidade á hora de poder cambiar de especialidade (máquinas-ponte-terra) e poder acceder a diplomaturas universitarias e (ii) unha reforma da FP que consiga un aumento do nivel de preparación do futuro profesional e un aumento das posibilidades profesionais a través da diversificación dos plans de estudio, así como a creación de pasarelas que faciliten maior mobilidade entre as diferentes especialidades, tanto en mar como en terra. Para iso, hai que fomenta-lo deseño de estudios de tódolos niveis sobre a base dunha vía curricular procurando estandariza-las asignaturas e gradualas adecuadamente, de modo que se simplifiquen as convalidacións de materias.

   Ó mesmo tempo, débese incentiva-la formación permanente do persoal nas empresas, e todo esforzo realizado en materia de capacitación laboral ha de estar regrado e certificado, de tal maneira que facilite o seu recoñecemento.

    Hoxendía, a Armada proporciona unha formación moi importante e cualificada que debe de ser tamén aproveitada pola poboación civil, especialmente cando se produce a reincorporación dos membros das forzas armadas á sociedade civil. É conveniente estudia-la compatibilidade dos estudios civís cos militares, de tal maneira que se convirtan nunha fonte máis de emprego atractivo e de calidade para os xóvenes de ambos sexos en Galicia.

4.- TECNOLOXÍA. INVESTIGACIÓN +DESENVOLVEMENTO + INNOVACIÓN (I+D+I): RELACIÓN UNIVERSIDADE, ORGANISMOS PÚBLICOS DE INVESTIGACIÓN (OPIS) E CENTROS DE INVESTIGACIÓN TECNOLÓXICA (CITS) - EMPRESA PRIVADA

    Galicia, como potencia pesqueira que é, debería ter un alto desenvolvemento tecnolóxico e de Know-how equiparable a outros estados líderes do sector, pero a realidade é que nin sequera temos unha mediana tecnoloxía propia. Toda a tecnoloxía cómprase, por iso, e en liñas xerais, pódese dicir que o sector pesqueiro galego máis que tecnoloxía pesqueira propia, ten Know-How propio, que sendo sen dúbida valioso, non é suficiente para move-la innovación tecnolóxica.

    Existe un gran potencial de investigación en Galicia, pero o seu rendemento e producción está por debaixo das súas posibilidades. As deficiencias observadas no campo do I+D+I deben, polo tanto, abordarse en tres marcos interdependentes: i) a investigación na universidade; ii) os centros de investigación públicos e/ou privados (Organismos Públicos de Investimentos (OPIs) e Centros de Investigación Tecnolóxica (CITs); iii) as empresas.

    No marco da investigación universitaria, identifícase un gran distanciamiento entre empresa e universidade, OPIs e CITs. Non só existe desconfianza entre as dúas institucións senón que, ademáis, se presentan unha serie de inconvenientes que fan difícil o seu entendemento. O enlace entre o sector e a universidade, OPIs e CITs debe profundarse, así como o coñecemento da demanda.

    Por parte da empresa podemos enumera-los seguintes inconvenientes:

1. A industria demanda I+D+I eficiente, pero en xeral ten pouca confianza neste activo como elemento dinamizador da competitividade. Nunha gran maioría dos casos a concepción de I+D+I é moi limitada por parte do empresariado. O dito concepto redúcese, nalgúns casos, ó investimento en maquinaria e non a outros aspectos como mellora da xestión, calidade, coñecemento e aspectos ambientais, entre outros.

2. O tamaño das PEMES galegas fai difícil o investimento en I+D+I de maneira individual, polo que habería que buscar mecanismos non engorrosos e áxiles para que poideran acceder individual ou colectivamente ó desenvolvemento de investimentos. As empresas transmiten con dificultade as súas necesidades á universidade e centros de I+D+I (OPIs e CITs), considerando calquera desenvolvemento como un gasto superfluo e non como un investimento.

3. A empresa e a universidade, OPIs e CITs teñen visións diferentes da rendibilidade e confidencialidade da I+D+I.

Pola súa parte, aínda existindo un potencial de I+D+I en Galicia, os centros públicos e privados (OPIs e CITs), ben sexan da universidade ou non, atópanse cos seguintes inconvenientes:

1. Non existe no mundo empresarial de modo xeral un apoio manifesto á I+D+I. A maioría das axudas proceden das institucións públicas.

2. A situación económica e de recursos humanos da universidade, Opis e CITs está moi por debaixo do que sería desexable.

3. Faltan, na maioría dos casos, obxectivos claros e coordinación tanto entre a universidade e a empresa, como entre estas e diferentes centros públicos e privados (OPIs e CITs). Existen áreas que están perfectamente cubertas e outras non. Non existe planificación e coordinación, nin contactos en rede de maneira permanente.

4. Non existen grupos interdisciplinares de I+D+I con outros campos socioeconómicos que produzan informes científico-técnicos e económico-xurídicos sobre o sector pesqueiro (extractivo, industrial transformador, comercializador e da acuicultura). A oferta das universidades e centros de I+D+I (OPIs e CITs) existente en Galicia é variada, aínda que nalgúns campos insuficiente.

    Os centros tecnolóxicos desempeñan un papel fundamental de interfaz entre as empresas e a I+D+I, por iso a necesidade de apoialos como elementos dinamizadores da competitividade eficiente das empresas.

    Existe un problema grave que afecta de xeito moi especial á capacidade da universidade e outros centros de investigación (OPIs e CITs) para responder ás necesidades da sociedade galega. A valoración do curriculum vitae dos investigadores depende preferentemente das publicacións que este realice en determinadas revistas de circulación mundial: o investigador vese obrigado a orienta-la súa actividade á producción daquelas publicacións que lle poden proporcionar unha mellora na súa carreira. Conscientes desta situación, faise necesario mellora-la valoración de traballos e investigacións de máis directo interese para Galicia que se publiquen noutros ámbitos.

    Se ben é certo que os departamentos ou grupos de investigación se benefician de contratos na empresa privada e pode aumenta-lo seu prestixio profesional, cada investigador participante en particular pode non conseguir publicacións a raíz destes proxectos coas características académicas mencionadas. Isto é totalmente negativo para unha verdadeira cooperación entre universidade, OPIs e CITs e empresa: sen varia-los baremos académicos, vai ser moi difícil que a universidade, OPIs e CITs e os investigadores orienten a súa actividade cara a resolución de problemas concretos da sociedade, limitando esta actividade ó mínimo requirido para obte-los recursos económicos necesarios, para financia-las investigacións que poidan dar lugar a publicacións que proporcionan puntos para o progreso persoal dos investigadores. É necesario romper este círculo vicioso.

    Outro dos problemas que resulta ser un serio impedimento para un verdadeiro florecemento da cooperación entre universidade, OPIs e CITs e empresa é a confidencialidade que a industria require cando inviste fondos nun determinado proxecto de I+D+I, a cal entra en colisión coa necesidade anteriormente mencionada dos investigadores de publica-lo resultado destas investigacións.

    É precisa a búsqueda dunha canle máis áxil para a contratación entre universidade e centros de investigación  (OPIs e CITs) e as empresas privadas, que esixen inmediatez e confidencialidade dos resultados. Existe unha gran demanda potencial e quizás habería que facilita-lo pase temporal de persoas destes centros de investigación (OPIs e CITs) e universidade á empresa privada (vía comisión de servicios), coa correspondente valoración persoal e curricular.

    Debe, así mesmo, existir un sistema de contratación entre a empresa privada e as OPIs (organismos públicos de investigación) e os CIT (centros de innovación e tecnoloxía) moito máis áxil e flexible que o actual, que permita, naquelas investigacións concretas que o requiran, unhas condicións concretas de confidencialidade dos datos resultantes das ditas investigacións.

    Polo tanto, cremos necesario en canto á relación empresa-universidade, OPIs e CITs:

- A creación de foros coas empresas que institucionalicen unha relación constante e fluída, entre sector e investigación pesqueira e posibilite que os investigadores expliquen ó sector o que se está facendo. Con iso, fomentaríase a inclusión das industrias no proceso rector do centro de investigación.

- Concreción nas demandas: Moitas veces, a empresa non coñece a utilidade dunha investigación, noutras ocasións hai unha demanda de inmediatez irreconciliable coas dinámicas burocráticas da universidade. Aínda así hai  demanda, hai oferta, pero non existe un mercado no que se atopen. Algunhas solucións a esta situación pasarían por profundar en canles de relación e conceder maior autonomía e flexibilidade á universidade nas relacións coa empresa. Entre outras poderían propoñerse:

a) Amplia-los temas de investigación cara a áreas insuficientemente cubertas, como poden ser estudios socioeconómicos, xurídicos, politolóxicos, tecnolóxicos e de innovación, etc.

b) Elimina-las trabas á contratación directa. Que se permita a relación directa entre científicos, departamentos e empresas. Débese introducir máis autonomía e máis flexibilidade na xestión universitaria  e maior adecuación a unha demanda social en Galicia.

c) Incentivar unha financiación mixta, tanto pública como privada, tendo en conta os controis a priori que chegan a obstaculiza-lo proceso. En todo caso, toda financiación debería estar integrada nun proxecto máis global, non crear un organismo senón unha canle que posibilite grupos académicamente potentes e grupos socialmente útiles.