1-
Sector de pesca de altura e gran altura
Política pesqueira en augas internacionais.- A única política cabal con
respecto ós recursos situados en augas internacionais é estimula-la súa
explotación responsable e sostible. O respecto á orde internacional é
esencial e ha de ser defendido e asegurado pola Unión Europea. A orde xurídica
vixente trala CNUDM (Conferencia de Nacións Unidas sobre Dereito do Mar) de
1982, é claro: os países ribeiráns no teñen dereitos especiais fóra das 200
millas e por iso os pescadores comunitarios teñen o dereito de pescar e a
obriga de cooperar na conservación. É a liña recollida no Acordo de Nova York
de 1995, sobre especies transzonais e altamente migratorias: o establecemento
dun equilibrio razoable entre dereitos e obrigas dos Estados, tanto dos
costeiros como dos que pescan en alta mar. Neste sentido habería que ser
especialmente crítico coas afirmacións unilaterais dos estados ribeiráns como
sería o caso do acordo das Galápagos que intenta extende-lo control sobre as
augas de alta mar adxacentes á súa ZEE.
A Unión Europea, a
través da Comisión, ha de desenvolver un papel activo e relevante no seo das
organizacións rexionais de pesca en coordinación constante co sector, tendo en
conta a importante representación política que posúe e a participación da súa
flota nas pesquerías de alta mar.
A Unión Europea debe
reclama-lo dereito a faenar en pé de igualdade alí onde o ten, como é o caso
de Svalbard e outras áreas similares, sen recorrer a procedementos legais de
autolimitación para compracer certas reclamacións excesivas de soberanía dalgún
Estado, especialmente agora que a importancia estratéxica deses territorios xa
non é a mesma, como resultado da terminación da guerra fría. En definitiva, a
situación xurídica con respecto á nosa presencia en certas augas
internacionais ou suxeitas a convenios especiais ha de poñerse de manifesto con
claridade meridiana, mesmo para aquelas augas onde haxa un conflicto político.
O actual equilibrio
establecido entre os intereses dos Estados ribeiráns e aqueles que pescan en
alta mar, representado pola Convención das Nacións Unidas sobre o dereito do
mar, asinada en 1982 e o Acordo de Nova York sobre os stocks transzonais e
altamente migratorios, deben constituir unha base permanente e estable que
regule internacionalmente a pesca de altura. Non faltan nin faltarán no futuro,
accións de países ribeiráns encamiñadas a desfacer este equilibrio no seu
favor.
A actividade da flota
española en augas internacionais por fóra das 200 millas é diversa e de gran
importancia. O sector realizou unha significativa labor de ubicación e
presencia, xerándose uns dereitos de pesca que han de ser defendidos a
ultranza. De aí o interese en facer prevalece-la competencia multilateral,
fronte ás ampliacións individuais de xurisdicción por parte de certos Estados
costeiros.
A mellor garantía e
salvagarda dos dereitos e da actividade pesqueira da flota española en alta mar
susténtase na defensa áxil da competencia absoluta das organizacións
internacionais rexionais de pesca en alta mar: non fomentar, simplemente, a
filosofía da liberdade de pesca en alta mar, senón a liberdade de pesca baixo
a ordenación e regulación das organizacións rexionais de pesca (ORP).
Nembargantes, non
debemos da-las costas á realidade. Nin CNUDM no 82 ni tampouco o Acordo de Nova
York no 95 supoñen unha aceptación xeneralizada do Dereito do Mar. En Nova
York, no 95, moitos Estados ribeiráns pretenderon estende-la súa xurisdicción
por fóra das 200 millas, e con toda seguridade continuarán producíndose tensións,
especialmente nas organizacións rexionais de pesca (ORPs), nas que seguiremos
asistindo a unha batalla que se presenta sobre todo en dous aspectos: (a) a
posta en cuestión de statu quo en materia de reparto de cotas, e (b) o
incremento das medidas de control en alta mar.
Debe ser rexeitado todo acto
de uso da forza na regulación e control da actividade pesqueira. Aínda cando
se avanzou algo neste aspecto e tratouse de diminui-las posibilidades de
intervención armada, todavía existe o dito risco. Por suposto, esta actividade
pesqueira deberá protexerse de forma axeitada, a través de acordos
internacionais, de carácter xurídico e tamén mediante a presencia de unidades
de inspección españolas na zona.
Sen embargo a mellor
forma de protexerse e de asegura-la actividade da nosa industria pesqueira a
longo prazo é establecer relacións económicas no ámbito da pesca cos países
en cuestión, no ámbito privado e público. Neste sentido e en prol do
pragmatismo cumpriría a posta en práctica dunha estratexia: defensa xurídico-política
e pola vía da cooperación.
Moitos países en
desenvolvemento queren potencia-lo seu sector pesqueiro, e o farán tarde ou
cedo. Niso ten Galicia unha oportunidade que non pode deixar escapar. A economía
do futuro non é só a producción directa de bens tanxibles, é sobre todo a
producción e venda de tecnoloxía e know-how.
Galicia ten un know-how
pesqueiro que debe saber vender. E para iso será tamén necesario coordina-la
cooperación pesqueira coa cooperación noutras materias, co obxecto de buscar
sinerxias entre ambas que poidan beneficia-los investimentos pesqueiros.
- En
busca de caladoiros alternativos.- Outro obxectivo importante é o de
continua-la búsqueda de novas especies e/ou caladoiros. A mellor alternativa
pode estar nas especies de gran profundidade. Agora ben, se ben moitas destas
poden ter un gran potencial, hai que aprender da experiencia e tratar de
desenvolver pesquerías autorizadas polas organizacións de xestión e se non
existen impulsa-la súa creación. Sobre todo hai que evitar pesquerías fóra
de control, ainda que estean sen regular.
En todo caso, a actual
política pesqueira soamente dispón do mecanismo de proxectos piloto de pesca
experimental no capítulo estructural (IFOP), destinado á búsqueda de novas áreas
ou caladoiros de pesca. O dito mecanismo é claramente insuficiente. A vía
rexeitada das CAMPAÑAS DE PESCA EXPERIMENTAL ou prospeccións pesqueiras era máis
adecuada.
Por outra parte, ainda
que se considera oportuno que o propio sector pesqueiro participe, nalgún grao,
no financiamento das campañas, non se estima axeitado liga-lo dito
financiamento cos futuros dereitos de pesca. En todo caso sería conveniente
impoñer algún tipo de limitación ós buques que participen nestas
experiencias de investigación.
Toda acción encamiñada
á explotación de novos recursos pesqueiros ten que segui-la premisa do Código
de conducta para unha pesca responsable: “No caso de novas pesquerías ou
pesquerías exploratorias, deberanse adoptar, o antes posible, medidas de
conservación e ordenación precautorias, incluíndo, entre outras, límites de
capturas e do esforzo de pesca. Estas medidas deberían manterse ata que se
dispoña de datos suficientes para facer unha avaliación adecuada. As medidas
de precaución deberían permitir, cando proceda, un desenvolvemento gradual das
pesquerías”.
Hai que insistir en que
o desenvolvemento de novas pesquerías debe realizarse só de maneira ordeada e
regulada no seo das ORPs, e non a través da actividade dos buques con bandeira
de comenencia, tanto nos caladoiros como no territorio nacional.
- Expedicións
prospectivas.- Na fase exploratoria pode haber dous tipos de accións:
campañas de investigación e campañas de prospección. As primeiras teñen
como intención determina-la área de distribución e abundancia das especies de
posible interese. As segundas teñen como intención verificar que se pode
realizar unha actividade rendible respectando o recurso, polo tanto deben estar
organizadas e deseñadas polo sector pesqueiro, pero coa participación e
verificación de investigadores pesqueiros.
Sería desexable no
futuro que, ademais dos estudios biolóxicos, fixérase un segundo tipo de campañas
para avalia-la rendibilidade económica de pesquerías exploradas. Todas estas
accións poden incluso facerse pola propia Administración estatal ou autonómica,
xa que ás veces a búsqueda do cofinanciamento comunitario atrasa o programa e
ademais tende a atraer posibles competidores.
2.- AUGAS DE TERCEIROS
PAÍSES. OS NOVOS ACORDOS PESQUEIROS CON TERCEIROS PAÍSES
O que se coñeceu no
seu día como acordos pesqueiros de “primera e segunda xeración” atópanse
nun momento de crise, pero a Unión non pode simplemente abandoar á súa sorte
a este importantísimo sector da economía de certos países e rexións
comunitarias, que aínda xera moito emprego, riqueza e incluso propicia o
desenvolvemento de tecnoloxía.
A Unión Europea é
quen, se dispón da suficiente vontade política para iso, de facer un esforzo
de imaxinación para dar unha nova orientación a este sector da economía, no
que se podería chamar “acordos pesqueiros de terceira xeración”, que deben
partir da base de que a actividade e os investimentos pesqueiros están suxeitos
ás mesmas normas internacionais do comercio que o resto das actividades
productivas.
Deste xeito e no que
fai referencia á liberalización dos intercambios, do mesmo modo que se avogaba
pola realización do mercado interno, debe buscarse a cooperación internacional
e protección e seguridade xurídica dos investimentos comunitarios que se
poidan realizar en terceiros países, de maneira especial aqueles que pretendan
ter acordos de todo tipo coa Unión.
Neste sentido cabe
decir que é alí onde a pesca española foi máis dinámica e onde a iniciativa
privada actuou polos seus propios medios, establecendo empresas mixtas e
importantes investimentos en inmobilizado en terra, onde se violan
frecuentemente estes principios elementais, dunha maneira que nunca se permitiría
en sectores tales como a banca, telecomunicacións ou transporte.
A pesca é esencial
para o desenvolvemento de certos países e certamente a política de pesca nesta
área, como calquera outra política comunitaria, debe de ser coherente coa política
comunitaria de cooperación para o desenvolvemento: isto ninguén o nega.
Nembargantes, e tendo en conta o contexto económico internacional así como as
normas máis elementais da eficiencia económica, é necesario abandoa-lo
concepto de que a explotación dos recursos mariños debe ser reservada en
exclusiva para os nacionais, sen axuda do capital externo ou que debe de
manterse a maioría accionarial ou a xerencia destas empresas en mans dos
nacionais dese país.
É necesario o respecto
ós investimentos comunitarios nesta área e loitar pola liberalización do réxime
de investimentos nos países con recursos pesqueiros, sen discuti-lo dereito
deses países sobre a mellor maneira de asegurar que unha boa parte do valor
engadido, dentro do posible para face-la explotación viable, quede no país en
cuestión para xerar máis investimentos.
É obvio que os acordos
con terceiros países dependen do interese das dúas partes. Por iso cómpre que
a Comunidade considere diversos modelos de acordo, adaptados a distintas
circunstancias e intereses dos países terceiros en cuestión. Polo tanto a política
de acordos debe dispoñer dun amplo abano de modelos adaptados ás distintas
condicións que ofrecen os países terceiros en cuestión.

A tendencia actual ó
desenvolvemento dos acordos “de terceira xeración”, entendidos como tales
aqueles acordos que integran os intereses pesqueiros comunitarios cos intereses
de desenvolvemento dos países terceiros en cuestión, debe consolidarse
naqueles casos nos que o Estado costeiro ten un grao de desenvolvemento
suficiente como para permitir relacións empresariais fructíferas a nivel
bilateral. Pero convén lembrar que este non é, nin moito menos, o caso de tódolos
países ribeiráns con recursos pesqueiros de interese.
Por iso, a posta en práctica
destes acordos non debería necesariamente, significar unha reducción dos de
primeira e segunda xeración. Pola contra, os acordos contra unha contraprestación
económica poden todavía xogar un importante papel no século XXI: conviría
non esquecer que, para algún país de Africa, os fondos do seu acordo de pesca
coa Comunidade constitúen a súa máis segura fonte de divisas.
Por outra parte, a
Comunidade debe insistir en exercer algunha forma moderna
de aplicación do principio “acceso a mercados-acceso a recursos”. O acceso
ós mercados comunitarios concédese sen ningún tipo de esixencia en materia de
acceso recíproco ós recursos pesqueiros do país en cuestión ou de respecto
ós investimentos da Unión, ou á liberdade de acceso a estas dentro do marco
xurídico internacional.
Quizais a noción de
“acordo de terceira xeración” (integra-la pesca no marco xeral da axuda ó
desenvolvemento do país terceiro en cuestión) poida proporcionar algunha
solución a este problema. Os acordos de axuda ó desenvolvemento deberán
incluir consideracións sobre estabilidade política, garantías financeiras e,
ademais, engloba-la pesca nun marco moito máis amplo, no que outros Estados
membros tamén teñan interese en establecer garantías xurídicas para outros
sectores económicos comunitarios.
Investimentos
de capital galego en terceiros paises e as sociedades mixtas:
o papel da OMC.- As prácticas proteccionistas que existen en
certos países (Canadá, EE.UU., etc.) con respecto ós investimentos
extranxeiros e a importación de buques de pesca poden ser incompatibles coas
normas da OMC. Este tipo de proteccionismo impediu o desenvolvemento de
sociedades mixtas cos países que se citan, contrastando vivamente coa forte
demanda de liberalización do mercado que tales Estados din defender.
Un asunto que preocupa
ó sector pesqueiro español é cómo se pode defender, desde o marco xurídico
que proporciona a OMC, o respecto ós dereitos individuais dos empresarios españois
no tocante ós investimentos ou prácticas comerciais levadas a cabo polas
autoridades de certos países. Actualmente na OMC non parece haber solución
legal; pero hai que intentar buscala no futuro.
Esta vía de cooperación,
que se organizou sen que exista unha política comunitaria definida, mantén uns
importantes vínculos socioeconómicos coa Comunidade, que a nova PCP deberá
recoñecer e estimular, se non queremos que se produza o desarraigamento
definitivo das empresas comunitarias que participan no capital das sociedades
mixtas e que aínda seguen radicadas naquelas poboacións costeiras comunitarias
altamente dependentes da pesca.
Financiamento
do investimento exterior.- Mentres esta vía de cooperación
pesqueira con países terceiros siga sendo un obxectivo de dimensionamiento da
flota comunitaria, considérase adecuado que a principal fonte de financiamento
proveña da UE, ben a través de recursos económicos estructurais, ou ben acolléndose
á liña de acordos pesqueiros.
Sen embargo, Galicia
non pode esquecer que a finalidade de todo financiamento estructural é facerse
innecesario a medio ou longo prazo. Na perspectiva do 2010, Galicia debe
prepara-lo terreo para un financiamento da súa industria pesqueira, incluso no
caso de que se reduciran ou desapareceran as axudas estructurais comunitarias.
Unha vez xa coñecido
que esta estratexia empresarial de investimentos no estranxeiro dá bos
resultados, sería necesario que as entidades crediticias apostaran, en maior
medida, por esta vía do negocio pesqueiro.
A experiencia vivida
deixou patente que os riscos económicos que implican os investimentos
pesqueiros en terceiros países veñen, case sempre, da man de decisións
arbitrarias por parte dos gobernos que rexen en cada momento neses países.
Poucas veces os proxectos fracasaron como consecuencia de fallos nas pesquerías
ou no mercado dos productos pesqueiros.
Por conseguinte, unha
escala de riscos que poña á cabeza, tanto a estabilidade política do país
coma o nivel de desenvolvemento que teña en materia pesqueira, serían un dos
aspectos fundamentais que deberían ser considerados polas entidades financeiras.
Aínda que para levar a
cabo investimentos no extranxeiro a dimensión da empresa dependa dos obxectivos,
o financiamento, e do tipo de investimento, é evidente que, en termos xerais, a
maioría das empresas galegas son demasiado pequenas para lanzarse á aventura
exterior. Ademais doutras posibles medidas de fomento do investimento exterior,
a cuestión da concentración empresarial xurde unha vez máis como unha
necesidade perentoria.
3.- PESCA LITORAL E DE
BAIXURA: AUGAS NACIONAIS
A
necesaria recuperación do caladoiro nacional.- A sobrepesca no
caladoiro nacional, en augas xuridisdiccionais españolas que engloban as
interiores, está sen corrixir debido principalmente á resistencia social e ó
incumprimento sistemático das normas.
Neste sentido non temos
máis remedio que ser claros: sobran barcos no caladoiro nacional e falta unha
inspección eficaz a tódolos niveis. Pretender que as cousas queden como están
é suicida, e alegar razóns de presunta “sensibilidade social” para non
cambia-la situación actual é unha actitude profundamente retrógrada e
equivocada. Para realizar este obxectivo non se pode perder nin un minuto.
Un obxectivo deste
tipo, digámolo sen eufemismos, suporá perda de emprego directo a bordo, pero
é precisamente agora, nun ciclo económico expansivo, cando o paro está diminuíndo
e hai máis traballo alternativo en terra, o momento de acometer vigorosamente
esta reforma. Non facelo sería perder unha oportunidade histórica que quizais
non se repita: flota reducida pero moderna, competitiva, rendible, que xere
economías sólidas e a través da mellora das condicións de seguridade e
habitabilidade a bordo, conxuntamente cunha mellora das condicións económicas,
contribuirá a que este sector non se considere pola xuventude coma unha fonte
de emprego marxinal. Todo iso é sinxelamente imposible cunha flota
sobredimensionada faenando sobre uns recursos sobreexplotados.
A recuperación dos
recursos é un obxectivo indiscutible tanto desde o punto de vista social como
económico e biolóxico. Cómpre propoñerse un obxectivo de recuperación e un
calendario que non debe supera-los dez anos. O nivel de recuperación pode ser
establecido a varios niveis, pero en todo caso, ten que ser sostible.
A meirande dificultade
estará sen dúbida nas flotas dos pequenos portos, nos que existe pouca ou
ningunha alternativa laboral á pesca. Quizais é aí onde o ritmo de cambio
deberá ser máis moderado. En todo caso a sociedade debe comprender moi ben que
o fenómeno da sobrepesca e a súa corrección pasa por aceptar unha forte
reducción permanente no número de buques e homes, para producir máis e mellor
calidade. Isto debe acometerse sen concesións ó electoralismo.
A medio prazo unha
reducción do traballo no mar, vai supoñe-la creación dun traballo adicional
en terra ó existir unha maior producción de materia prima e unha maior
capitalización das empresas. Nembargantes, na pesca, como en calquera sector
industrial, a modernización pasa por unha reducción do emprego tradicional.
Esta reducción de man de obra terá que ir xunto a medidas de acompañamento
social. Tan necesario como cambia-lo modelo de explotación é dar unhas boas
condicións de saída a quen abandone a actividade. É aquí onde hai que
demostrar máis sensibilidade social. Segundo a idade, as xubilacións
anticipadas ou a reciclaxe profesional, poden se-las solucións.
A renovación das
flotas é o complemento indispensable da súa reducción: debe haber menos
barcos, pero máis modernos e competitivos. Iso xerará de maneira bastante
inmediata emprego alternativo aínda que a súa localización xeográfica non
coincida exactamente co sitio onde se produce a reducción.
Parece evidente que,
mesmo para as flotas de menor tamaño, habería que aplica-lo sistema de
dereitos de pesca individuais transferibles. Non obstante, para os sectores máis
artesanais podería establecerse un réxime transitorio axeitado. É esencial
neste momento e para permitir unha racionalización adecuada no que a
dimensionamento da flota se refire, o pechar e continxenta-los censos no
caladoiro nacional establecendo o sistema de dereitos de pesca transferibles sen
excepcións, do que se falou antes no capítulo da PCP, para o que a pesca
nacional non é excepción, e para o que é preciso a continxentación de tódalas
actividades pesqueiras do caladoiro nacional.
En todo caso, toda acción centrada na pesca do litoral esixirá un período transitorio. A transitoriedade probablemente virá dada polo orzamento que se adique a conducir ese proceso. O que si está claro é que unha reducción e renovación da flota debe facerse con fondos públicos abondosos, para primas ó desmantelamento, novas construccións de buques distintos e medidas sociais para os que abandonen a actividade. O período transitorio debería ser basicamente o tempo necesario para poder financia-lo proceso con fondos públicos: o ritmo de cambio será o ritmo co que poidan financiarse as diferentes accións. Haberá resistencias de determinados intereses particulares, pero o mar é da sociedade e nunca de determinados colectivos.

As artes utilizadas nas rías
deben ser moi selectivas. Tanto no que se refire ós tamaños das especies que
se capturan, como ós efectos sobre especies asociadas e o medio mariño. Iso
implica a necesidade de revisa-las normas técnicas relativas ás artes de pesca
e marisqueo.
Igualmente, a
conservación do medio natural debe ser un obxectivo irrenunciable, non só polo
seu valor ecolóxico, senón mesmo polo seu valor pesqueiro: a preservación de
certas áreas na costa pode ser esencial para favorece-la reproducción de
moitas especies directa ou indirectamente ligadas á pesca. Non se trata de
converte-las rías enteiras en santuarios, pero si de consideralas como reservas
biolóxicas parciais e excluír unha serie de artes non selectivas do seu
interior. A creación de zonas protexidas debe ser, polo
tanto, un obxectivo fundamental. E o contexto ideal para establecer unha serie
de zonas protexidas ou limitadas debe se-lo da ordenación integral do litoral e
as rías.
Tamén debe incidirse
na necesidade de facer cumplir de maneira estricta as normas establecidas. É
moi difícil inculcar esta mentalidade. Neste sentido, parece claro que habería
que insistir nas cuestións de conservación como parte da formación
profesional, e que a educación ambiental no colexio inclúa nocións sobre a
xestión dos recursos mariños, para cambia-la mentalidade do país que mantén
unha incrible tolerancia social coa actividade ilegal que se palpa en certas
zonas de Galicia.
Outro aspecto relevante
da regulación destas pesquerías é o da aplicación de medidas comerciais. As
medidas de regulación de capturas, con obxectivos eminentemente comerciais,
deberían ser aplicadas polas OPPs (Organizacións de Productores). En Galicia
falta cultura organizativa e solidaria no sector, e téndese a reclama-la
intervención da Administración para o que debería ser unha responsabilidade
das propias empresas pesqueiras. É necesario que estas labores sexan asumidas
polas propias asociacións: a Administración debe retirarse dunha vixilancia
destas normas que non corresponden en realidade ás súas competencias e que non
contribúen máis que a unha desresponsabilización do sector pesqueiro.
Impulsar
unha decidida política de control.- As
sociedades máis democráticas do mundo son estrictas na aplicación das súas
normas. Cómpre consultar moito unha decisión, pero unha vez tomada, as
autoridades deben aplicala decididamente, sen temor a dar unha imaxe de represión.
Poucas cousas hai máis democráticas que facer cumpri-las normas a todo o mundo
por igual.
Neste mesmo contexto, o
problema das capturas e comercialización de inmaturos merece unha atención
especial. A captura de xuvenís constitúe outro estigma do que o Estado español
debe desprenderse. Ou se actúa con toda a enerxía sobre esta cuestión ou non
nos libraremos nin da sobrepesca, nin da imaxe negativa que a acompaña.
Establecer un control
axeitado no caladoiro nacional é básico se se quere ser eficaz na protección
e recuperación dos recursos. Para iso, haberá que coordinar convenientemente,
a través dos textos legais oportunos, a cooperación entre capitanías marítimas
e tódolos servicios de vixilancia autonómicos, estatais e coa Garda Civil do
Mar. Quizais sexa oportuno o revisa-la comenencia de establecer un servicio de
gardacostas único que englobe vixilancia, inspección e salvamento marítimo,
cunha profesionalización axeitada destes servicios. É obvio que en materia de
control marítimo existen demasiados organismos como para levar a cabo esta
labor con eficacia.
4.- ACUICULTURA
A
necesidade urxente dun proxecto de ordenación da costa galega.- A
acuicultura non é unha alternativa á pesca, senón un subsector dentro do
agregado de empresas pesqueiras, que se ben presenta problemas comúns ó
conxunto do sector pesqueiro, ten unhas características específicas propias
que requiren un tratamento diferenciado do resto dos subsectores pesqueiros.
Sen embargo, o sector
da acuicultura tampouco é uniforme e débese diferencia-lo subsector de
cultivos a flote (bateas), que pode ser considerado como un sector asentado, do
subsector da piscicultura que é un sector actualmente en desenvolvemento,
utilizador de tecnoloxía punta e moi propicio ó desenvolvemento de novas
tecnoloxías. Ambos subsectores caracterízanse pola utilización do dominio público
marítimo e marítimo-terrestre.
Os trámites administrativos que hai que realizar para a creación dunha
nova granxa de piscicultura son abrumadores e por descracia lentos, debido,
sobre todo, á cantidade de organismos que interveñen (Consellería de Pesca,
Costas en Madrid, Costas en Galicia, Medio Ambiente, etc...). Polo tanto, para
facilitar que as empresas se animen a investir e experimentar con novas
especies, debemos axilizar no posible os trámites que deban cumprimenta-las
empresas.
No caso dos cultivos
flotantes este problema non existe no marco dos polígonos de cultivo
existentes. Pero un problema similar ó anterior sucede no suposto de novos
cultivos e posibles novos polígonos.
Para eliminar estes
custos de instalación e estimular un desenvolvemento san do sector, cómpre
unha ordenación integral do espacio marítimo, marítimo-terrestre e marítimo
contiguo en materia de cultivos mariños, xa que na actualidade non existe unha
planificación de usos destes espacios feito con vocación de futuro. Esta
ordenación integral debe basearse en parámetros obxectivos: as condicións
ambientais, a idoneidade dos tipos de cultivo, a compatibilidade con outras
actividades, etc.
Este proxecto de
ordenación do espacio público marítimo e marítimo-terrestre, ten que
considera-las posibilidades de uso alternativo das costas e non se pode levar a
cabo sen realizar previamente un estudio global sobre a potencialidade de
utilización de cultivos na costa galega no que se concrete: i) unha análise
detallada de cada zona, coas súas posibilidades ou imposibilidades de cultivo e
qué tipo de cultivos serían os máis rendibles; ii) estudio das correntes e
densidades máximas de cada polígono para mante-la calidade das augas e dos
fondos, limitando os riscos de epidemias dos productos; iii) unha investigación
sobre as consecuencias da interacción entre distintas especies como resultado
da mestura de distintos tipos de cultivos na mesma zona. A realización deste
estudio contribuiría, nun doble sentido, a aumenta-la rendibilidade dos
cultivos e a limita-los efectos ambientais deles.
Este estudio ten como
obxectivo principal establecer cales poden se-los tipos de cultivos máis
axeitados para cada área da costa galega, as condicións ambientais idóneas
para cada especie, os usos compatibles do territorio con outras actividades e,
sobre todo, contribuir á reducción dos custos de investigación naquelas
empresas que desexen inicia-lo cultivo dunha nova especie ou mellora-las
existentes. Todo iso dentro dun marco xeral de ordenación integral do espacio
marítimo e marítimo-terrestre de Galicia, que asegure que a acuicultura poida
desenvolverse nun marco harmónico cos demais usos deste mesmo espacio.
A ordenación integral
do territorio convértese nunha ferramenta indispensable para abordar estas
cuestións de xeito eficaz, pero ademais, permite a preparación das áreas en
cuestión por medio dunha infraestructura que poida ser decisiva á hora de
atraer novos investimentos ás zonas de nova explotación reducindo a tramitación
oficial para o establecemento de novas explotacións.
As
novas concesións e cambios de dominio.- A acuicultura ten que estar
suxeita ós mesmos principios que rexen a política común da pesca que Galicia
quere para a Unión Europea. Afronta-los retos do futuro esixe inevitablemente a
liberalización das concesións da acuicultura, partindo de dúas premisas
esenciais: a) o coñecemento de que existen condicións socioeconómicas que non
se poden eliminar dun plumazo polo que é preciso partir da situación
existente; b) a necesidade de modifica-las condicións das novas autorizacións,
dotándoas de maior publicidade e liberdade de acceso no ámbito de toda a Unión
Europea ou máis alá, a prol de procurar un sector innovador.
A apertura do sector ó
investimento exterior non implica rexeita-la potestade de establecer prioridades
para permiti-lo dito acceso. É dicir, a Administración pode establecer
prioridades para aqueles aspectos que considere imprescindibles para outorgar
unha concesión, pero atendendo unicamente a criterios de rendibilidade, tanto
económica como social, así como calidade, control, etc., sempre que non
agachen intencións discriminatorias.
A Administración pode
e debe esixirlle ós concesionarios que xeren valor social. Cada recurso debe
te-la forma de concesión óptima en termos de emprego, ambiente, investimento,
I+D+I, creación de tecido productivo e valor engadido. A Administración debe
asegurar que as concesións funcionen como fontes de riqueza e benestar. As
condicións das concesións deben procurar un equilibrio entre o beneficio
empresarial e o beneficio social. O que non se pode permitir é que unha concesión
teña rendementos marxinais, debendo estar prevista a retirada da concesión
nestes casos, xa que se trata dun recurso común cun aproveitamento particular
que debe xerar un beneficio claro. Por iso cómpre que as condicións de
adxudicación de concesións sexan moito máis esixentes ca na actualidade, e
supoñan un mellor equilibrio entre dereitos e obrigas para os seus titulares.
Cultivos
experimentais.- Débese estimula-la experimentación con fondos
privados, sen que isto constitúa logo unha entrada falsa a permisos para a
explotación de especies tradicionais.
Tendo coidado en evitar
este tipo de situacións, convén revisa-las condicións de adxudicación destes
permisos de explotación experimental.
O problema de cultivo
de novas especies está intimamente vencellado á problemática das axudas á
I+D+I, para empresas privadas. Neste sentido consideramos que as axudas de I+D+I
deberían orientarse cara a promoción de novos cultivos con preferencia da
promoción de novas especies. Tamén parece evidente que son necesarios
incentivos e garantías xurídicas para o investimento privado, así como
establecer unhas condicións de atribución na ordenación da zona e de rapidez
nas concesións.
O
sector mexilloeiro.- O cultivo do mexillón supón unha importante
fonte de riqueza para numerosas vilas costeiras galegas; non debemos esquecer
que Galicia é un dos primeiros productores mundiais deste bivalvo. Pero debemos
ser conscientes de que tanto a súa explotación como a súa comercialización
amosan deficiencias que precisan ser subsanadas.
Dadas as condicións
naturais insuperables das rías para o cultivo do mexillón é esixible que só
exista producción de alta calidade. Hai que producir mellor mexillón, o que
pasa por establecer condicións de cultivo que garantan a devandita calidade.
Ademais é
indispensable que a comercialización deste producto estea cuberta por unha
estricta clasificación comercial que estableza uns estándares de calidade
claros e rigorosos, para que o cliente saiba en todo momento qué é o que
compra.
O minifundismo nos
cultivos flotantes é tamén notable. Isto podería presentar algunhas vantaxes
en termos de emprego, pero é desavantaxoso en termos de xestión moderna e
eficaz. Será necesaria unha política de concentración das explotacións,
quizais a través da política de adxudicación e renovación das concesións.
Fai falta unha ordenación
do sector que estimule unha concentración axeitada, tanto horizontal como
vertical, para acadar certa dimensión co obxectivo de conseguir un número
axeitado de bateas por productor nunha primeira fase, que habería que
determinar mediante os estudios económicos pertinentes. En todo caso, só deberían
poder subsistir sen concentrarse aquelas que manteñan certo nivel de eficiencia
económica preestablecida, igual que para as explotacións xa existentes.
Agora ben, neste
proceso de concentración hai que ser extremadamente coidadoso para non
elimina-la competitividade e non dana-la libre competencia deste mercado que
haberá que coidar especialmente. Nunha primeira fase de concentración non se
debería permitir que ninguén conseguise o control dun número excesivo, a
determinar, dos puntos de fondeo.
Unha batea é un
investimento que se pode amortizar en 10 anos. A aqueles que non empregaran a
concesión para facer un cultivo en condicións (un mínimo de producción
segundo a zona, un historial aceptablemente libre de infraccións á normativa)
non se lle debería renova-la concesión á expiración dela. A idea debe ser
converte-la concesión nun instrumento que non só outorgue dereitos, senón que
tamén implique a obriga de realizar un cultivo moderno, rendible e ecolóxicamente
aceptable.
Deste modo, teríamos
que defini-los requisitos que deberían cumprir aqueles productores que accedan
á concesión. Consideramos que a experiencia non é unha condición esencial,
pois se pode adquirir no mercado laboral. Tanto o rendemento esperado do
cultivo, como a integración vertical -productor/transformador/comercializador-,
e tamén a solvencia técnica da empresa, son factores a considerar á hora de
acceder á concesión.
Outros
cultivos.- Outro tema de capital importancia é fomentar unha maior
diversidade na producción, xa que existen importantes oportunidades no cultivo
de novas especies que teñen un amplo consumo no mercado europeo.
Así mesmo, a pesar
dalgunhas iniciativas, a explotación das algas segue sendo unha gran asignatura
pendente en Galicia. Descartado certo tipo de explotación debido á falta de
pradeiras naturais extensas e regulares (explotables mecanicamente), a mellor
alternativa pode se-la producción de especies de alto valor comercial en
substratos artificiais. As experiencias realizadas foron moi positivas, só
faltou continuidade.
Ademais tendería a palia-los problemas biolóxicos inherentes ó monocultivo.

O
subsector da piscicultura.- A piscicultura é un subsector con
potencialidade de expansión e pode
ser unha fonte de xeración de postos de traballo, precisamente nas áreas máis
remotas e despoboadas da costa. Para este sector, a necesidade de ordenación da
costa é aínda máis urxente ca no sector de bivalvos nos cultivos de flote,
onde en boa medida xa se realizaron progresos considerables. É esencial
identificar, para este tipo de actividade, as zonas idóneas, tanto desde o
punto de vista da viabilidade do cultivo, como desde o de minimizar efectos
sobre o ambiente e impactos sobre outros usos. As zonas idóneas, tanto para as
granxas marítimo terrestres como para as gaiolas flotantes, teñen que ser
dotadas dun estatuto semellante ó dos actuais polígonos de cultivos flotantes,
que permitan a autorización das actividades a través dun proceso sinxelo e rápido,
evitando que cada nova instalación requira un procedemento administrativo
pesado e complexo.
A Administración debe
establece-las condicións de instalación destas industrias de acordo co
proxecto de ordenación do territorio litoral e marítimo, tendo en conta que
son plantas de producción moi esixentes en termos de ubicación: auga de
calidade, escasa elevación sobre o nivel do mar, necesidade de minimiza-lo
impacto ambiental, distancia doutras instalacións que poidan interactuar con
elas (transmisión de enfermidades, etc.).
O sector de cultivo de
peixes debe aproveitar ó máximo as posibilidades de consumo que a medio prazo
ofrece o mercado europeo. Sen embargo, convén analiza-la posibilidade de
introducción do cultivo de novas especies, para o que pode ser fundamental
reorienta-lo traballo que fan os distintos centros de investigación.
Sería desexable
favorece-la diversificación doutras especies. A idea pode ser trasladar aquí
tamén as “campañas bio-económicas” da pesca, é dicir, experiencias de
cultivo para avalia-la viabilidade técnica e económica dun determinado
cultivo. E este tipo de experiencia piloto debería, de feito, ter prioridade no
financiamento. Ademais da investigación de base (novos cultivos, alimentación,
patoloxías) a Administración pode financia-los proxectos piloto, co obxecto de
determina-la viabilidade técnica e económica de novos cultivos.
Neste sector, un
proxecto serio non debería ter problemas de financiamento, ainda que na práctica
os ten. Parte do problema débese quizais a que no Estado español hai todavía
pouca tradición de empresas de financiamento de capital de risco. É preciso
reconsidera-la idea da banca especializada (ou das seccións especializadas na
banca), para abordar estes problemas.
5.- O MARISQUEO A PÉ
Un dos grandes
problemas do sector do marisqueo é o da profesionalización. Obxectivo de tódolos
gobernos autonómicos ata a data, o seu avance é desesperantemente lento. Pero
non hai alternativa. Unha das claves para avanzar é a formación e a renovación
xeracional: facilita-lo acceso de xente nova e máis formada ós colectivos
marisqueiros. E para que esta teña o seu impacto (posto que os medios para a
formación xa existen) cómpre que a xente nova, formada en marisqueo, teña saída
profesional; o que implica necesariamente unha profesionalización da actividade,
que xere necesidade de xóvenes técnicos.
Profesionalización do
marisqueo significa que quen se dedique a iso non se limite a extrae-lo marisco,
senón que invista en traballo e capital para mellora-la producción, calquera
que sexa o modelo de producción elixido, e que ademais poida obter un nivel de
ingresos digno e sostido, o que unicamente pode pasar por unha estricta limitación
do número de mariscadores en cada explotación.
A actividade
marisqueira debe estar restrinxida; débese conceder a persoas físicas ou xurídicas
a autorización para explotar en exclusiva un ben público a cambio de que
cumpran unha serie de requisitos, como en calquera outra actividade extractiva
de pesca, xa que para o marisqueo rexen os mesmos principios biolóxicos e económicos
que para calquera outra explotación de recursos mariños renovables.
A tendencia debe se-la
de aumentar progresivamente as esixencias en materia de adxudicación de
autorizacións, obrigando ás entidades titulares a dispoñer dunha certa (ainda
que razoable) capitalización e, sobre todo, dispoñer de persoal técnico que
lle permita realizar unha explotación racional, organizada, e que inclúa o uso
de técnicas de semicultivo. Galicia dispón dos medios para formar eses técnicos:
só falta adecua-la oferta deles á demanda. Sendo esta última aínda escasa,
as condicións de adxudicación de autorizacións deberían incidir na obriga de
dispoñer dos ditos técnicos.
As autorizacións
marisqueiras precisan unha reordenación xa en marcha, pero que require dun pulo
decidido. Ten que haber un revulsivo que faga que as autorizacións sexan
soamente outorgadas a quen as explote axeitadamente. Non se trata de partir de
cero, pero si partir dunhas bases máis claras e sas.
Dunha vez, hai que
da-lo paso de outorgar autorizacións só a aqueles que se comprometan a
ocuparse por si mesmos da explotación marisqueira. Os poderes públicos deberán
determina-la caducidade das autorizacións no caso de que non se exploten
axeitadamente.
É preciso un proxecto
de recuperación de zonas marisqueiras. Un proxecto deste tipo (recuperación de
substratos degradados para o marisqueo) xa foi posto en marcha, pero con escaso
éxito. Habería que facelo incluíndo unha fase de estudio ampla e a
participación de empresas de calquera lugar do mundo con experiencia nestas
cuestións. Podería estudiarse tamén a posibilidade de outorgar en concesión
as zonas menos aptas a empresas (que non teñen por qué excluír cooperativas
formadas polos propios mariscadores) coa condición de que as adapten á
producción marisqueira.
Haberá que
considera-la necesidade de ir un pouco máis alá que a Lei de pesca de Galicia
actual, e permitir que as “entidades de interese colectivo” aínda que sigan
tendo un protagonismo indubidable, non sexan as únicas beneficiarias da
explotación marisqueira. Hai moitas zonas de producción parcialmente
degradadas, ou pouco explotadas, que se poderían outorgar a empresas sen gran
risco de ruptura social. Podería ser necesario introducir un sistema mixto, no
que a explotación polas entidades de interese colectivo non impida un enfoque
verdadeiramente empresarial nalgúns casos e zonas.
Hai que comezar por
unha reclasificación das zonas marisqueiras, por un auténtico catastro
marisqueiro, no que se identifiquen as zonas en función da súa
productividade. E haberá que volver a reparti-las zonas mellores, pero xa só
en función de proxectos solventes de explotación. E nas zonas menos
favorables, incentiva-la explotación por empresas que estean dispostas a
investir en mellorar substratos e converte-las zonas en cuestión en boas zonas
de marisqueo industrial.
Non cabe dúbida de que
a producción de semente é o gran colo de botella que impide da-lo salto cara a
un verdadeiro semicultivo. Dado que non funcionou a instalación de hatchery ás
confrarías ou asociacións, debería intentarse convencer a unha empresa con
certa solvencia na materia para que invista nunha hatchery
de moluscos en Galicia con financiamento preferente, coa idea de que a política
da Xunta será a de promove-lo semicultivo e, polo tanto, “crear” un mercado
para a producción da dita planta. Tamén debe apoiarse o desenvolvemento das
chamadas “mini-hatcherys” que
poden proporcionar un medio máis flexible e barato de producir semente.
6.- COMERCIALIZACION DA
PESCA FRESCA EN GALICIA
Hai que lembrar que o
peixe e o marisco frescos de Galicia son productos dunha calidade (e dunha imaxe
no mercado) insuperables. Sen embargo, Galicia non o aproveita suficientemente.
Unha política de comercialización dos nosos productos debe ante todo
explota-la súa excelente calidade e imaxe. E iso implica necesariamente
distingui-los nosos productos dos doutras procedencias, e revalorizalos a través
dunha axeitada publicidade e presentación.
Isto require unha
estratexia comercial, un intento de establecer marcas ou etiquetas e un perfecto
coñecemento das canles de comercialización. Naturalmente será necesario
establecer parámetros de calidade mínimos, métodos de control desta e
circuitos de comercialización.
Se ben nada se opón a
que as organizacións de productores poidan desenvolver isto por si soas, o
realismo nos di que só unhas cantas delas, cunha dimensión e organización que
non abunda dende logo na pesca artesanal e marisqueo, serían capaces de levar a
cabo a dita empresa. Non obstante, se queremos lograr un resultado óptimo
deberemos contar coas empresas comercializadoras, xa que estas poderán achega-lo
seu coñecemento do mercado e as necesidades e inquedanzas do consumidor.
As empresas
comercializadoras ata o de agora foron descoidadas no deseño das políticas
pesqueiras, e esta situación debe cambiar. Non podemos ter un sector pesqueiro
forte sen empresas comercializadoras galegas que apoien os nosos productos e
faciliten a súa introducción nos mercados. Pero a obtención de apoios públicos
implica que han de deseñar unha estratexia comercial específica para os
productos da pesca e posuír un certo tamaño e solvencia financeira.
Nada impide a integración
anterior ou posterior das empresas ou entidades colectivas de explotación coas
empresas comercializadoras ou cunha asociación económica de varias delas e iso
quizais sexa unha evolución desexable para un desenvolvemento san do sector a
partir das estructuras socioeconóminas existentes.
No marco xeral
apuntado, o sector comercializador galego atópase en exceso fragamentado, de
maneira que nos grandes portos de Galicia existe unha cantidade esaxerada de
pequenos comercializadores. A progresiva diminución das capturas nos caladoiros,
co consecuente aumento de importacións e a entrada no mercado das empresas de
distribución moderna, causaron unha mingua das operacións dos maioristas de
tamaño medio e un aumento dos maioristas máis grandes.
A competencia entre
comercializadores de peixe pasou a desenvolverse en dous marcos distintos de
negocio: o dos pequenos comercializadores, que se adican principalmente á venda
a mercados centrais, comercio tradicional (pescaderías) e hostelería; e o dos
grandes comercializadores, dirixida principalmente a cadeas de distribución
moderna.
Ámbolos dous tipos de
maioristas son precisos para asegurar un mercado san, xa que existen tipos de
peixes e de clientes (pescaderías tradicionais e hostelería) que conceden á
calidade un maior valor e que requiren un servicio máis personalizado,
admitindo un maior custo de empaque e selección, mentres que clientes como as
grandes áreas comerciais están máis interesados nun cumprimento íntegro dos
pedidos, os custos mínimos de manipulación e os prezos máis baixos.
Por outra parte, a
necesidade da expansión cara ó exterior é vital no sector da comercialización.
É máis: é necesaria para romper coa excesiva dependencia dos mercados próximos.
É perigoso que mentres todo o mundo gaña penetración no mercado español, os
productos galegos non gañen penetración nos mercados exteriores. Ademais, se
se aposta pola calidade, por productos de primor de precio elevado, estes
mercados son por naturaleza limitados, e hai que buscalos tamén no extranxeiro.
Por iso a expansión comercial cara os mercados exteriores debe constituír unha
clara prioridade, e iso sen dúbida requirirá unhas empresas comercializadoras
fortes, na líña do exposto máis arriba.
Maioristas
de pescado.- As empresas comercializadoras son, por regra xeral,
pequenas, de estructura familiar e con escasos recursos financeiros, no adoitan
empregar fontes de financiamento externas e a falta de “profesionais de
empresa” motiva que as súas perspetivas de crecemento sexan reducidas.
Mentres este tipo de
empresas sexan as de maior número en Galicia, non será factible o óptimo
cumprimento das normas hixiénico-sanitarias, o desenvolvemento de campañas
publicitarias dos productos pesqueiros galegos no ámbito nacional, e moito
menos a realización de investimentos en I+D+I.
Existen actualmente
asociacións de maioristas de peixe en casi tódolos portos de Galicia, pero as
súas estructuras actuais (os votos son nominativos e non ponderados) impide que
os maioristas de gran tamaño se involucren activamente nestas asociacións.
Unhas asociacións
fortes e capitalizadas permitirían a adquisición conxunta de maquinaria para
os seus socios a un custo menor, captando capital para o investimento en I+D+I
da que se beneficiarían tódolos asociados. É fundamental o apoio, por parte
da Administración, ó crecemento sólido e financeiramente san das asociacións
maioristas.
Mercados
centrais.- A cantidade de productos pesqueiros que se comercializan a
través dos mercados centrais de abastos de España non parou de diminuir. As
fusións existentes das cadeas de distribución modernas e a decadencia das
pescaderías tradicionais concentrou o poder de compra nun menor número de
empresas.
Os mercados centrais
non souberon adaptarse ás esixencias dun novo tipo de cliente. En poucos anos,
as principais cadeas de distribución moderna construíron centrais de compra de
perecederos, asumindo as funcións loxísticas asociadas á distribución dos
productos pesqueiros.
Así, nestes momentos,
podemos dicir que o futuro destes mercados é difícil e sufrirán unha profunda
reestructuración, orientándose de novo cara os clientes pequenos que, aínda
que en menor número, seguen acudindo ós “Mercas”.
Nembargantes, non se
trata de impedi-lo acceso dos grandes compradores ós centros de venda, senón
que máis ben se trata de manter unha competencia axeitada entre os distintos
compradores, impedindo que a gran capacidade de compra destas cadeas chegue a
constituír un monopolio que acaba perxudicando a competencia nestes mercados.
Iso requirirá un redimensionamento das empresas comercializadoras tradicionais,
que ha de pasar pola súa capitalización ou pola súa fusión ata lograr unha
dimensión que lles permita permanecer no mercado e competir con éxito coas
grandes superficies.

A
distribución moderna.- A introducción das
cadeas de distribución moderna no mercado da pesca fresca ten como principal
efecto a modificación do circuito comercializador. As principais cadeas
comezaron a instalar empresas satélites (centrais de compra) nos principais
portos galegos a través das cales surtirse dos nosos productos pesqueiros, pero
este movemento non contribúe a un aumento da demanda senón a un trasvase desta,
desde o maiorista que subministraba esas tendas cara a central de compras.
Os efectos producidos
pola entrada das centrais de compra das grandes cadeas de distribución nas
lonxas galegas foron: i) a diminución do poder de compra dos maioristas, ii) o
trasvase do beneficio comercial da manipulación e distribución do peixe desde
os maioristas ás grandes empresas de distribución moderna; iii) o aumento do
poder de compra destas empresas (cada vez máis grandes) co conseguinte perigo a
medio prazo dunha situación de dominio da demanda fronte á oferta (situación
xa acontecida noutros subsectores) e polo tanto, o deterioro da competencia.
As Administracións públicas
deben de estar moi vixiantes para evita-la aparición de posicións dominantes
no mercado de primeira venda do peixe, asegurando unha sa competencia que
favoreza tanto a productores como a clientes.
Comercialización
do marisco.- A comercialización é un dos grandes problemas do
marisqueo. O mellor marisco fresco de Galicia é un producto dunha calidade
excepcional que se comercializa en gran medida como se
fora un producto vulgar, sen diferencialo dunha competencia de menor calidade e
a prezo a miúdo máis competitivo. Unha comercialización seria debe, sobre
todo, facer fincapé na presentación e identificación do producto, de cara á
súa valorización nos mercados.
Para axudar neste
proceso, debería favorecerse a obrigatoriedade da indicación de procedencia en
todo o comercio, que permita presenta-lo marisco galego cunha etiqueta de
calidade que lle implique disfrutar
dun maior prezo nos mercados. Iso leva implícita a creación de denominacións
de orixe ou indicaciones de procedencia garantidas con controis de calidade.
Nunha perspectiva
expansiva, o sector da comercialización do marisco debería de poder competir
con outras fontes de producción distintas da galega. Existe xa unha capacidade
de absorber producción de fóra para depurar en Galicia, pero esta práctica
entraña riscos zoosanitarios e debería tratar de limitarse na medida do
posible.
Como alternativa a isto
non podemos esquece-la potencialidade de Galicia como investidora no marisqueo
foráneo. En numerosos países teñen uns recursos riquísimos de bivalvos que
non explotan, porque non saben como facelo, e non teñen montado o sistema de
control de calidade de augas e de toxinas esixido para poder exportar á UE. O
sector comercializador galego ten esta potencialidade e debe explotala, xa que
se non o fai, o farán outros que ó final farán a competencia igual sen
beneficio ningún para Galicia.
A dificultade pode vir
da ausencia de verdadeiras empresas marisqueiras en Galicia. Se se quere que no
marisqueo haxa investimento exterior, deberían existir primeiro empresas que
merezan tal nome no propio marisqueo galego. Moi probablemente sería desexable
que estas empresas estiveran constituidas por cooperativas de mariscadores, pero
ata a data, e polas razón que sexan, estas non teñen éxito en Galicia, polo
que as empresas comercializadoras poden constituí-la base para este
desenvolvemento, a condición de que o fagan favorecendo unha integración
vertical co sector extractivo.
Transformadores
dos productos de pesca fresca.- Entendemos como tales a aquelas
empresas que se adican ó aumento de valor dos productos da pesca frescos con
procesos industriais que non consistan unicamente na limpeza, clasificación,
empaque ou distribución destes, tarefas todas elas realizadas polas empresas
denominadas maioristas.
Actualmente existe unha
corrente de identificación deste tipo de empresas coas empresas adicadas ó
secado e salgado do bacallao, transformadoras de cefalópodos e fileteadoras de
peixe fresco, aínda que as dúas primeiras traballen con materia prima
conxelada, xa que o producto final se comercializa polas canles do peixe fresco.
Comercialización
do peixe salgado.- A industria do secado e salgado do peixe en
Galicia foi un dos subsectores pesqueiros punteiros máis afectado pola falta de
caladoiros propios e a mingua de capturas por buques da nosa flota. Tamén a
falta de iniciativa por parte destas empresas, na súa maioría PEMES, respecto
do proceso de producción ou saída ó mercado de novos productos orixinou que
empresas pertencentes a outras autonomías pasasen a liderar un mercado
tradicionalmente galego.
As solucións para as
nosas empresas do sector do peixe salgado deben ser imaxinativas: o reforzo de
portos galegos como portos para a descarga de conxelados, a adaptación ó
mercado coa producción de novos productos, a compra de máquinas de
embandeixado, etiquetado, etc. que rebaixen os seus custos de man de obra, a
integración de varias PEMES en asociacións, etc.
Transformadoras de cefalópodos.- Algunhas empresas galegas posúen unha
boa situación no ranking das principais empresas deste sector ainda que as
principais industrias estean situadas en Barcelona e Madrid, sendo de novo o
tamaño medio das nosas empresas un factor determinante. Consideramos necesario
o redimensionamento das empresas galegas e a investigación de novos procesos
productivos encamiñados a alonga-la vida útil do producto, pensando na
exportación a terceiros países.
Cómpre realizar I+D+I
en conservantes actualmente utilizados de cara a mellora-la calidade final do
producto en canto a textura e sabor.
Fileteadoras
de peixe do día.- Non hai empresas especialmente dedicadas a este
labor, senón que son sociedades filiais doutras empresas que se ocupan na súa
maioría da comercialización de productos pesqueiros frescos que aproveitan a súa
infraestructura en comercialización e distribución dos seus productos para
poder amplia-lo seu catálogo.
As empresas que
realizan este labor non só están contribuíndo ó aumento do consumo per cápita
deste tipo de peixes en España, senón que están influíndo moi claramente no
aumento da cotización relativa destes, xa que supón un novo mercado capaz de
absorber excedentes orixinados nos días de maiores capturas.
Gran parte do futuro da
nosa pesca de baixura susténtase en desenvolver este tipo de empresas. Os
consumidores actuais esixen cada vez productos máis elaborados e de maior
calidade e son estas as que han de traducir esas necesidades nun novo tipo de
productos especiais.
As empresas galegas
especializadas no fileteado contarían cunha gran vantaxe, a cercanía á
materia prima, fundamental para acada-la alta calidade requirida polos nosos
consumidores actuais.
O futuro destas
empresas parece ser bastante prometedor pero o seu crecemento irá aparellado co
crecemento do noso sector pesqueiro de baixura apoiándose en especies
consideradas menores debido ó baixo prezo que acadaban no mercado.
A Administración debe
incentiva-lo crecemento deste tipo de empresas mediante as seguintes medidas:
incentiva-la compra de maquinaria especializada; a creación de departamentos de
control de calidade; a elaboración de catálogos, carteis, folletos e demais
artigos de promocion e marketing; creación dunha marca de calidade; promove-la
creación dunha mesa de negociación con grandes áreas e cadeas de supermecados;
impulsa-la creación de asociacións destas empresas; impulsa-la creación de
departamentos de I+D+I.
7.- INDUSTRIA DE
TRANSFORMACIÓN
Industria
de almacenamento de frigorífico.- Galicia converteuse nun centro de
distribución de peixe conxelado, gracias ó gran número de industrias frigoríficas
instaladas na nosa costa, pero depende excesivamente dos productos da flota española.
Debería facerse unha política comercial máis agresiva co obxecto de atraer
productos doutras flotas do mundo que ata a data non utilizan as nosas instalacións,
e para iso é esencial unha análise da xestión portuaria.
Coa infraestructura
actual, Galicia debería consolidarse como un dos principais centros de
distribución e formación de prezos do peixe conxelado, recorrendo incluso a
alianzas estratéxicas con armadores doutros países para atrae-lo almacenamento
dos seus productos ós portos galegos.
Esta industria é
fundamental tanto para a xeración de riqueza en Galicia como para o
investimento no exterior. A sinerxia deste sector co da flota e o da
transformación e procesamento é obvia en ambos casos. No que respecta ó
investimento no exterior, é importante lograr unha integración vertical do
negocio que pode toma-la forma de participacións no capital de distintas
empresas pesqueiras e de transformación.
Iso apunta á
necesidade de promover fusións de empresas ou ó cruce de participacións nelas,
especialmente de empreas armadoras con empresas de almacenamento e
comercialización, co fin de dispoñer de conglomerados empresariais que poidan
ofrecer paquetes integrados de investimento (extracción, comercialización,
almacenamento, transformación).
Este sector tamén debe
da-lo paso cara o investimento no exterior, que hai que fomentar, non só na
extracción senón tamén na distribución. No conxelado probablemente haxa
empresas pequenas con cota de mercado non despreciable que se poidan mercar por
industrias españolas. O caso é que, mentres o mercado español se ve cada vez
máis aberto, a presencia de marcas españolas no mercado europeo é francamente
escasa.
Industria
conserveira.- A industria da conserva é un dos sectores industriais
máis antigos e relevantes de Galicia que noutro tempo contribuíu decisivamente
á industrialización do sector pesqueiro, pero que na actualidade, pese a supoñer
a primeira rexión productora europea e unha das dúas máis importantes no ámbito
mundial, aínda debe mellorar na súa estructura. A atomización industrial é o
seu aspecto máis preocupante, na medida en que a escasa dimensión é un factor
limitante para o acceso a un financiamento axeitado, a novos mercados, e á
inserción deste sector nun mercado internacional e liberalizado.
É urxente
moderniza-las estructuras organizativas e de propiedade das empresas, básicamente
familiares e con accionariado de diferentes xeracións. O nivel formativo dos
graos superiores na dirección das empresas é mellorable. Hai tamén unha baixa
presencia de técnicos e licenciados-diplomados no ámbito directivo funcional;
é mellorable ademais a xestión, planificación e organización, en moitos
casos por falta de coñecemento de técnicas e métodos adecuados.
Así mesmo obsérvanse
no ámbito intermedio carencias formativas, con optimizable presencia de
titulados medios ou de FP no núcleo operativo, formado maioritariamente por
operarios con estudios primarios. Isto require unha solución rápida para o que
haberá que deseñar un proxecto de reciclaxe deste persoal.
Como consecuencia,
escasean os proxectos estratéxicos a longo prazo, o que pode dificulta-lo deseño
e desenvolvemento de estratexias competitivas. Quizais debido a isto as empresas
teñen máis necesidades de capital circulante que empresas doutras actividades,
debido fundamentalmente ós elevados saldos de clientes con gran poder
negociador, ou as elevadas necesidades de stock, ben de materia prima ou de
producto terminado. É por iso que o peso do financiamento a curto prazo é
maior nesta actividade que noutras, o que implica un maior risco ou
inestabilidade financeira a curto prazo.
Dixemos que para todo o
conxunto do sector pesqueiro deberá incentivarse a internacionalización das
empresas, pero no caso das empresas conserveiras esta necesidade é máis
inmediata e esta tendencia ha de reforzarse aínda máis. Hai que considera-la
internacionalización como unha oportunidade especialmente avantaxosa para este
sector. A pesar de que as empresas se consideran ben localizadas
industrialmente, xa existe unha conciencia de que tamén é necesario realizar
investimentos fóra de Galicia para buscar novas vantaxes competitivas. Sen
embargo, o proceso de internacionalización da producción é aínda moi
limitado e, en xeral, redúcese ás empresas de maior tamaño e solvencia económica.
A conserva galega podería
mellorar competitividade en prezo a medio prazo. O risco de deslocalización é
alto pero debe afrontarse con decisión se é necesario, xa que a expansión das
empresas conserveiras a outros países, tenderá a fortalece-las industrias
localizadas en Galicia e a xerar emprego galego de calidade no exterior.
A competencia potencial
externa provén fundamentalmente de países en desenvolvemento que presentan
unha gran vantaxe competitiva en custos, sobre todo de man de obra. Aínda cando
os seus productos son de calidade media, os seus niveis de prezo permiten unha
penetración importante nos mercados internacionais e mesmo no español. Ademais
existe xa unha concentración da competencia internacional en grandes grupos
empresariais conserveiros máis ou menos integrados e con capacidade para xerar
vantaxes importantes en custos.
Para aumenta-la
competitividade das industrias conserveiras galegas débese apoiar-la tendencia
á fabricación de productos con maior valor engadido, e a calidade total como
obxectivo, o que constitúe un posible elemento diferenciador fronte á
competencia internacional, máis baseada en estratexias de gama curta
(especialización), con custos moi competitivos.
A localización xeográfica
de Galicia con acceso privilexiado a determinadas especies mariñas e as amplas
posibilidades de acceso ó mar, poden ser unha fonte de vantaxes para competir.
Tamén a presencia de fabricantes de bens de equipo líderes no ámbito mundial,
especializados mesmo no deseño e montaxe de plantas no eido internacional, unha
moderna industria de servicios frigoríficos, empresas de instalacións
especializadas, supoñen unha potente industria auxiliar, de empresas de apoio
ás actividades principais que poden impulsa-la súa competitividade.
En relación cos
mercados de venda as empresas han de enfrontarse a unha forte concentración das
vendas de cada actividade nun número moi reducido de productos que supoñen,
sobre o total, entre o 65% (conservas) e cáseque o 80% (en precociñados). A
pesar da amplitude da gama de productos das empresas, sendo o primeiro país do
mundo en variedade de productos e preparacións, parece existir unha dependencia
excesiva do éxito ou fracaso que poidan ter no mercado productos coma o atún
no caso das conservas ou as luras en conxelados-precociñados.
Estas empresas
presentan ademais un escaso desenvolvemento de actividades de innovación, sobre
todo no referente ó lanzamento de novos productos, ainda que se observa unha
inquietude maior, pero limitada, pola mellora dalgúns dos aspectos de
presentación dos productos xa existentes, especialmente o empaquetamento ou a
embalaxe final de expedición e entrega ó cliente.
Tamén se observa que
pode ser mellorable a presencia na canle dos puntos de venda tradicionais e en
HORECA (hostelería, restauración e catering), canles que para o conxunto dos
productos derivados do mar no ámbito nacional teñen un peso importante. Así
mesmo, detéctase unha mellorable presencia en mercados internacionais
relativamente atractivos.
Algunhas destas
carencias débense a un insuficente coñecemento e dominio dos mercados
internacionais da xerencia destas empresas, que tamén se ve influído pola súa
escasa dimensión media e pola súa mellorable cultura de xestión.
Entre outras cousas, é
necesario potencia-la imaxe de marca, para evitar riscos futuros en mercados de
forte e crecente presencia das marcas brancas de distribuidor, pois estas
empresas se ven afectadas de maneira especial polos importantes e frecuentes
cambios no sector da gran distribución, derivados dos procesos de fusións,
adquisicións ou alianzas entre as grandes cadeas comerciais que propician a
aparición de novas marcas de distribución, o peche de puntos de venda da
apertura de novos centros.
Eses cambios supoñen,
en xeral, un aumento incesante da concentración da demanda que implica un poder
de compra maior das empresas de distribución e, por iso, a presencia no mercado
das marcas brancas, que se perciben en xeral de forma negativa na medida en que
fan desaparecer marcas de fabricante ó reducir espacio nas estanterías ou ó
non ser apoiadas pola distribución que favorece máis a “marca propia”, ou
na medida en que poden
O sector conserveiro
ten a necesidade de ser incentivado na súa renovación e modernización. Así
mesmo, sería moi importante que o sector evolucionase cara unha maior integración
vertical.
Por todas estas razóns
é necesario incentivar nas industrias conserveiras o desenvolvemento de
estratexias de cooperación vencendo as reticencias tradicionais deste sector.
Non habería que descarta-lo desenvolvemento destas estratexias con proveedores
e clientes incluíndo a subcontratación de actividades productivas buscando
unha maior flexibilidade, especialización productiva no “corazón do
negocio” e buscando a reducción de custos fixos. Tamén cómpre incentivar
nestas empresas o desenvolvemento de sistemas de xestión ambiental, que virá
esixido cada vez máis pola sociedade, os consumidores, a lexislación e os
propios distribuidores.
Parece claro, que debe
de aumenta-lo tamaño destas empresas para aumenta-la súa competitividade. Este
aumento de tamaño debería producirse por fusión, absorción e/ou por
crecemento interno.
Evidentemente sería
preferible que a concentración das empresas non se limite ás españolas; sería
preferible tratar de absorber empresas no extranxeiro co obxecto de lograr unha
apertura ós mercados exteriores: a conserva aínda en gran medida é un sector
claramente refén do mercado español, o cal é estratexicamente perigoso.
Unha boa concentración
de empresas, de transformación e de almacenamento, bos medios e políticas
agresivas de comercialización, poden converter Galicia nun centro mundial do
comercio dos productos pesqueiros, que é unha actividade de futuro e sostible
durante a próxima media centuria.