V. INFRAESTRUCTURAS E SUBSECTOR SERVICIOS

1.- POLÍTICA PORTUARIA E DE TRANSPORTE EN RELACIÓN COA PESCA

    Trátase aquí de abordar soamente aquelas accións da política portuaria que teñan que ver coas actividades pesqueiras. Con base nisto, debemos preguntarnos se a oferta dos productos da pesca está o suficientemente concentrada, para que os mercados actúen correctamente ou se, pola contra, a oferta está excesivamente dispersa e supeditada a criterios que fan excesivas concesións a intereses locais.

    Unha política portuaria non debe basearse soamente na existencia de peiraos de atraque e desembarco, senón que paralelamente han de habilitarse terreos asociados para o asentamento de industrias relacionadas ou dependentes desta actividade. Sería conveniente concentra-los recursos económicos, públicos e privados nun número definido e limitado de centros de desembarco e venda. Urxe esta acción, para que ó menos un número limitado destes centros se prepare axeitadamente para competir nun mercado global e sexan capaces de facer de locomotora económica do resto.

    A aposta por la calidade implica que tódolos portos pesqueiros ou puntos de desembarco, teñan instalacións para mante-la cadea de frío. Iso esixirá unha certa concentración dos portos e puntos de desembarco, especialmente para a pesca de altura, pero tamén para a de baixura e mesmo o marisqueo. Ademais, o control tamén apunta cara a necesidade de concentrar puntos de desembarco e venda.

   Isto será de difícil realización política dado o acusado localismo do país. Quizais a solución teña que vir da man da integración do propio sector productor, como única forma de poder concentrar certas actividades.

    É necesaria unha planificación dos investimentos portuarios no ámbito galego, determinando cales han de se-los portos prioritarios para a recepción de certos investimentos, desterrando para sempre as consideraciones localistas.

    A política de investimentos portuarios en materia de pesca ha de estar totalmente vinculada á política pesqueira e débese procura-la maior eficiencia económica nos ditos investimentos.

    A actual xestión dos portos pesqueiros non é a máis eficaz. Para mellorala é necesario  traspasar primeiro a parte pesqueira dos portos de interese xeral  á Comunidade Autónoma galega: sen isto non é posible unha coordinación eficaz dos investimentos. Tamén é necesario revisa-la modalidade de xestión destes, xa que ha de procurarse que as liñas directrices desta, sexan a de ofrece-los mellores servicios ós prezos máis competitivos, evitando o cobro de comisións innecesarias, como por exemplo sobre o consumo de auga ou electricidade, que non son máis que cánones encubertos.

    O reinvestimento constante dos fondos recadados, debe se-la filosofía predominante. É posible que unha privatización da xestión portuaria sexa unha medida adecuada, de acordo con modelos existentes noutros sitios de Europa, non mediante extrañas sociedades de difícil encaixe na orde económica actual, senón mediante sociedades anónimas de xestión onde os accionistas principais poidan se-los mesmos usuarios.

    Parte da responsabilidade dos problemas de funcionamiento das lonxas e portos galegos débese á falta dunha verdadeira política de ordenación do territorio. O uso de terreos “marítimos” para outro tipo de actividades, o deseño das propias cidades, os horarios, etc., dan a sensación de desorganización administrativa a tódolos niveis.

    Os portos galegos empezan a estar debidamente conectados coas redes de transporte, e coa mellora do ferrocarril contribuirase decisivamente á súa competitividade. Unha boa conexión con estas debería ser un factor prioritario á hora de decidi-la concentración dos investimentos portuarios, alomenos nunha primeira fase.

    O transporte aéreo xoga un papel cada vez máis importante na distribución dos productos da pesca. Galicia ten unha infraestructura básica teoricamente boa, con catro aeroportos nun radio de 300 Km.: A Coruña, Santiago, Vigo e O Porto. É indispensable a creación dunha boa terminal de carga aérea especializada en productos da pesca que capte o tráfico que agora se despraza a outros aeroportos e para iso un dos tres aeroportos de Galicia debe especializarse, con tarifas e servicios ben adaptados para iso, na importación de peixe e, sobre todo, prescindindo de consideracións localistas ridículas.

    Polas súas posibilidades de expansión, operatividade e posición central dos distintos portos galegos é racional avogar por Santiago como localización máis lóxica, sen excluir A Coruña e Vigo se as condicións de mercado e o investimento privado deciden realizar investimentos alí: non obstante os fondos e o esforzo da Administración deben sen dúbida optar por Santiago na fase inicial.

    Unha política claramente favorecedora á dispersión da oferta da pesca galega, atendendo a localismos e ignorando a economía global do sector, é un grave erro: un mercado é máis competitivo canto máis concentrada está a súa oferta, e un ben tan perecedeiro como o peixe  ten unhas características propias que aumentan aínda máis os efectos positivos da concentración da oferta.

    Unha boa infraestructura de lonxas é esencial para garantir unha boa comercialización dos productos galegos, así como para atraer desembarcos doutras flotas. As lonxas deben se-las imprescindibles, evitando multiplicacións innecesarias. Todas deben estar equipadas coa última tecnoloxía. A comunicación informática entre elas podería mellora-los prezos, rachando con certas situacións de posible oligopolio en certos puntos de venda de escaso volume de negocios. A venda electrónica de pescado por Internet, empeza a funcionar noutros países e isto é unha evolución da que non hai que quedar descolgados.

2.- INDUSTRIA DA CONSTRUCCIÓN NAVAL EN RELACIÓN COA PESCA

    A industria da construcción naval depende en boa medida da demanda nacional: unha boa demanda interna asegúralle así mesmo pedidos do exterior: iso é un incentivo máis para emprender con vigor, e en paralelo á reducción do número de buques, unha política de renovación da flota a tódolos niveis. Non é intelixente  manter unha flota vella e insegura só polo feito de que resulte a primeira vista rendible e haxa inercias socioeconómicas difíciles de vencer.

    Ter unha flota moderna, competitiva e segura, é un obxectivo indiscutible. Non se pode manter unha flota vella con poucas garantías de seguridade e unha mala habitabilidade para as tripulacións.

3.- INDUSTRIA MARÍTIMA DE OCIO

    Galicia ten unhas condicións óptimas para que exista unha industria relacionada coa pesca deportiva e a navegación, similar á que existe na costa occidental dos Estados Unidos ou no norte de Europa: isto a curto prazo pode ser unha alternativa de emprego.

    Este tipo de actividade xera moitos ingresos e debería desenvolverse máis. Probablemente o emprego xerado sería estacional, pero podería ser moi importante en certas zonas.

    Esta industria esixe unhas instalacións e un saber facer específico e para  incentivar este desenvolvemento, quizais conveña tomar contacto con investidores que operan en áreas similares á nosa, atraendo e incentivando os seus investimentos cara a Galicia.

    A pesca deportiva de grandes peláxicos está en Galicia sen explotar, e sen embargo, noutras zonas do mundo é unha industria florecente ainda que sexa unha actividade cunha marcada estacionalidade.