VI. MEDIO AMBIENTE E PESCA

1.- UNHA DIMENSIÓN MEDIOAMBIENTAL PARA A PESCA GALEGA

    A noción do desenvolvemento sostible constitúe unha referencia obrigada en calquera modelo de alternativa económica e social para o futuro da Comunidade na liña do establecido no artigo 6 do Tratado da Comunidade Europea. Esta noción comporta a necesidade de que as actividades económicas se desenvolvan cun impacto o máis reducido posible sobre os ecosistemas nos que se asentan, de maneira que teñan un carácter duradeiro.

    A pesca non pode en modo ningún substraerse a esta tendencia. Iso fai necesario que se poña un acento especial na conservación do ambiente mariño, con particular énfase no carácter selectivo das artes e métodos de pesca, non só no que se refire á captura de xuvenís das especies pesqueiras senón tamén no que respecta ás capturas incidentais de mamíferos, aves mariñas, ou outras especies.

    Por outra parte, as consideraciones ambientais tamén deben referirse á necesidade de asegurar que a explotación sostible dos recursos mariños sexa eficiente, é dicir, que a actividade pesqueira transforme a mortalidade infrinxida ós stoks en alimentos humanos coa maior eficiencia posible.

2.- A PESCA E O COMERCIO RESPONSABLE

    Se é obvio que a pesca debe ser responsable, e que Galicia debe poñerse á cabeza desta filosofía, o comercio dos productos pesqueiros ha de ser igualmente responsable.

    A Unión Europea non pode permanecer impasible fronte a terceiros países que explotan irresponsablemente os seus recursos para logo comercializar libremente os productos desta explotación irracional no mercado comunitario. Ainda que moitos países adquiriron a propiedade dos seus recursos pesqueiros a través do xa consolidado dereito do mar, iso non quere dicir que estean exentos de responsabilidade ante o resto do mundo no que se refire a unha explotación responsable deles.

    A Unión Europea debe de establecer, nas súas pautas de explotación dos recursos, o enfoque de precaución, pero debe así mesmo de esixir unha tal aplicación a todos aqueles países que pretendan acceder ó mercado comunitario, incluso ás capturas que proveñan de augas da súa soberanía.

    Nesta estratexia é imprescindible lidera-la idea do comercio responsable, entendendo por tal a necesidade de que o peixe propio, pero tamén o importado de países terceiros, corresponda a recursos axeitadamente xestionados. Galicia, na medida en que desenvolva a pesca responsable e ecolóxica, debe promover estas certificacións ecolóxicas a condición de que se establezan con carácter público e non privado, que axudarán ós seus productos a competir nun mercado cada vez máis selectivo, así como a exercer sobre os países exportadores unha necesaria presión, que compense a que estes exercen en materia de acceso ós recursos.

3.- PESCA E ECOLOXÍA

    A explosión da demanda mundial nos últimos 20 anos, contribuíu notablemente á creación de problemas de conservación dalgunhas especies en distintas zonas do planeta, o que provocou unha sensibilización por parte da opinión publica, organizacións ecoloxistas, partidos políticos, etc. que á súa vez e debido a unha excesiva reacción a aquelas circunstancias, están poñendo en perigo a actividade económica da pesca en si mesma. Non obstante, hai que recoñecer que a pesca non pode permanecer na marxe da crecente conciencia ecolóxica das sociedades desenvolvidas.

    As consideracións ambientais van ser dunha importancia capital nos próximos anos. Galicia debería poñerse á cabeza deste movemento no canto de verse arrastrada por el. Neste sentido, hai que promove-lo diálogo coas ONGs ambientais máis activas. Sería dunha importancia vital que a pesca de Galicia amose a súa disposición a cooperar neste tema, e que faga signos inequívocos de ter sensibilidade e vontade de moverse nesta dirección.

    A utilización de artes selectivas, a reducción das capturas accesorias e a protección dos hábitats mariños e da biodiversidade serán pronto cuestións capitais na xestión pesqueira internacional. Esta é unha das tendencias máis evidentes na escena internacional; non liderar ese movemento é un erro.

    Galicia debería asegurarse que o conxunto das súas flotas realiza unha pesca ecoloxicamente responsable. Un proceso de diálogo coas ONGs podería proporciona-la credibilidade necesaria. Por outra parte, a protección dos recursos costeiros debe ser unha prioridade. Ademais da política de xestión, hai que examina-la posibilidade de establecer santuarios ou zonas de reserva en función do seu valor como zona de reproducción de especies. Nestas zonas, a pesca estaría prohibida ou limitada a certas artes. Iso sería coherente co dito en materia de protección dos hábitats e do enfoque ecolóxico da pesca galega.

4.- CALIDADE DAS AUGAS

    Unhas augas limpas son un imperativo para a calidade da producción. Pero tamén son un reclamo para atraer investimentos e un elemento de imaxe absolutamente imprescindible para dota-los productos de Galicia da imaxe de marca necesaria para asegura-lo seu éxito comercial.

    Ter un caladoiro nacional totalmente recuperado no que a recursos renovables se refire e unhas rías saneadas desde o punto da calidade das súas augas deben ser obxectivos esenciais, básicos, fundamentais e irrenunciables para Galicia.

    Un proxecto de saneamento serio das augas costeiras galegas debe facerse tamén no marco dunha ordenación integral, e non debe descartar necesariamente o vertido por emisarios submarinos nalgúns casos. Pero debe basearse na depuración como instrumento fundamental, e debe estar deseñado en función da calidade obxectiva das augas das rías tralo vertido, é dicir, combinando a calidade das augas no punto de vertido das depuradoras, coa difusión previsible das devanditas augas nas distintas zonas das rías. Isto xa se fai en moitos outros sitios e débese facer en Galicia.

5.- ORDENACION INTEGRAL DO LITORAL

    En diversas seccións anteriores abordouse, de maneira parcial, a cuestión da ordenación integral do litoral de Galicia. En efecto, Galicia dispón dunha alta densidade de poboación costeira xunto cunha alta taxa de explotación dos recursos mariños, o que resulta nunha extraordinaria densidade de uso do espacio marítimo e marítimo terrestre, e na conseguinte presión sobre o medio natural e xeración de conflictos entre os distintos usos.

    A solución a este tipo de problema para o medio terrestre xa é antiga: a ordenación do territorio. Pero en Galicia, especialmente nas rías, cómpre aplicar esta mesma noción de ordenación do territorio ó medio litoral e marítimo adxacente. Noutros lugares do mundo onde os problemas non presentan a mesma intensidade que en Galicia xa existen iniciativas neste sentido. Galicia non pode quedar atrás, e debe lanzarse á realización dun proxecto de ordenación integral do seu litoral, que estableza unha distribución racional e eficiente dos diferentes usos, que regule a densidade máxima destes e que, en definitiva, maximice a eficiencia de utilización dos recursos, minimice os impactos negativos sobre o ambiente e contribúa a crear un contorno social de maior calidade.