PREGUNTAS
E RESPOSTAS
¿Cómo
nace o Proxecto Galicia 2010?
¿Existen iniciativas semellantes?
¿Cal é a intervención do Presidente da Xunta de Galicia no Proxecto 2010?
¿Cal é o papel das entidades financeiras no Proxecto?
¿Quen efectuou a definición dos Relatorios que compoñen o Proxecto?
¿Quen seleccionou os Presidentes de Relatorio?
¿Quen nomeou o Director do Proxecto?
¿Son os Presidentes de Relatorio os únicos posibles para tal cargo?
¿Quen designa os membros de cada un dos Relatorios?
¿Quen designa o membro redactor do texto de cada un dos Relatorios?
¿Hai un número preestablecido de compoñentes?
¿É retribuída a condición de Presidente ou membro dun Relatorio?
¿Cal é o sistema de traballo dos Relatorios?
¿En que data estará rematado o Proxecto?
¿É posible a manipulación política do Proxecto ou a súa utilización partidista?
¿Debe haber unha representación política no Proxecto?
¿Están
previstas dalgún xeito a plasmación e difusión dos resultados do Proxecto?
Estas preguntas
foron extraídas da memoria de prensa que ata o momento se confeccionou sobre o
Proxecto e das consultas á nosa páxina. Se desexas facer algunha pregunta ou
achega fai click aquí.
¿Cómo
nace o Proxecto Galicia 2010?
O Proxecto Galicia 2010 xorde a instancia do Presidente da Xunta de Galicia,
quen entende conveniente para os intereses de Galicia o desenvolvemento dun
estudio que, no referente temporal citado, recolla os aspectos esenciais para
promove-la acción económica, social e cultural da C. A.
A dita iniciativa foi trasladada ós representantes do Banco Pastor, Caixa
Galicia e Caixanova, os que a acolleron e decidiron promovela.
¿Existen
iniciativas semellantes?
Si. En España as CC.AA. de Cataluña e Andalucía, baixo o impulso de Jordi
Pujol e Manuel Chaves desenvolveron Proxectos de parecido corte. En Galicia, se
ben existe algún antecedente como as reflexións que un salientable grupo de
intelectuais galegos "Galicia 2002" (1997), ou xa nos nosos días,
iniciativas doutro carácter coma o foro de debate "Galicia 2020", é
a primeira vez que se desenvolve un Proxecto coma este.
¿Cal
é a intervención do Presidente da Xunta de Galicia no Proxecto Galicia 2010?
O Presidente da Xunta de Galicia é o promotor primeiro do Proxecto, se ben, tal
e como lles consta ós participantes neste, manifestou a súa vontade de
manterse totalmente afastado do seu desenvolvemento e execución, como así
declarou publicamente o día da presentación do Proxecto.
¿Cal
é o papel das entidades financeiras no Proxecto?
As entidades perfilaron a súa estructura, realizaron a súa definición en
Relatorios, nomearon os seus Presidentes e o Director do Proxecto e asumen o seu
custo final.
¿Quen
efectuou a definición dos Relatorios de que o Proxecto se compón?
As entidades financeiras promotoras.
¿Quen
seleccionou os Presidentes de Relatorio?
As entidades financeiras promotoras.
¿Quen
nomeou o Director do Proxecto?
As entidades financeiras. A designación levouse a cabo no entendemento de que
as condicións persoais e profesionais de José Mª Gómez y Díaz-Castroverde,
aseguran a obxectividade e neutralidade dos pareceres emitidos nos Relatorios,
traballos preliminares, textos e conclusións do Proxecto.
¿Son
os Presidentes de Relatorio os únicos posibles para tal cargo?
Os Presidentes de Relatorio foron seleccionados atendendo a criterios de
prestixio persoal, profesional e empresarial, así como pola súa experiencia
acreditada no campo respectivo e a súa capacidade para conformar e liderar un
grupo de traballo. Trátase de persoeiros nos que concorren, mesmo con exceso,
tales condicións; pero na marxe do Proxecto, ou dentro del con papeis
diferentes, existen outros persoeiros nos que concorren igualmente as ditas
circunstancias.
¿Quen
designa os membros de cada un dos Relatorios?
Os Presidentes de Relatorio.
¿Quen
designa o membro redactor do texto de cada un dos Relatorios?
O Presidente do Relatorio.
¿Hai
un número preestablecido de compoñentes?
Non. O número de membros establéceo libremente o Presidente do Relatorio, que
incluso pode incorporar novos membros durante o desenvolvemento do Proxecto.
¿É
retribuída a condición de Presidente ou membro dun Relatorio?
Non. Todos eles actúan solidaria e desinteresadamente en beneficio do interese
que o Proxecto supoña para Galicia.
Non obstante, cada relatorio conta cunha certa dotación económica, igual para
todos, destinada a cubri-los gastos de funcionamento e xestión que se xeren e a
compensar economicamente o membro do Relatorio que desempeñe o papel de Relator
ou Redactor do texto.
¿Cal
é o sistema de traballo dos Relatorios?
Aínda non existindo un patrón uniforme, o seu mecanismo de actuación maniféstase
a partir dun guión de traballo confeccionado polo Presidente do Relatorio e
supervisado polo Director do Proxecto, para evitar zonas de solapamento entre
eles; un proceso reflexivo de todolos membros en torno ás cuestións naquel
contidas e, finalmente, a confección dun texto que recolla o proceso de
traballo do respectivo Relatorio.
¿En
que data estará rematado o Proxecto?
A data prevista para a súa presentación pública é o 11 de decembro de 2000.
¿É
posible a manipulación política do Proxecto ou a súa utilización partidista?
A composición dos Relatorios é absolutamente plural. E os seus pronunciamentos
orientaranse exclusivamente ós fins do Proxecto. Procurouse a maior reserva en
relación con eles, precisamente coa finalidade de evitar que, se fosen total ou
parcialmente coñecidos antes da presentación, puideran resultar afectados por
calquera tipo de influencia allea.
¿Debe
haber unha representación política no Proxecto?
Non. O seu deseño non obedece a reproduci-lo esquema parlamentario fóra da
dita Institución. Xustamente pretende reflectir un debate social efectuado por
persoas que, con independencia da súa condición ou filiación política,
comparecen nos respectivos Relatorios en atención á súa profesión ou coñecementos
específicos.
¿Procurouse
unha distribución paritaria dos membros dos Relatorios entre as catro
provincias galegas ou unha cota específica mínima de mulleres?
En absoluto. A composición dos Relatorios obedece, simplemente, á condición
persoal dos seus membros, non sendo relevante nin o seu lugar de nacemento, nin
o exercicio da súa profesión nin a súa condición de home ou muller.
¿Por
que a data de 2010?
Non está escolleita ó chou. Os promotores pensaron que na Galicia do 2010, dez
anos era o referente temporal mínimo dunha sociedade para establecer unhas
pautas de actuación nun horizonte de futuro.
¿Están previstas dalgún xeito a plasmación e difusión dos resultados do Proxecto?
O espírito de
utilidade e partcipación que inspirou o Proxecto garante a súa apromoción e
coñecemento pola sociedade galega, a súa destinataria.
Deste xeito está prevista a edición e publicación dun libro que será
distribuido no mesmo día da presentación pública do Proxecto, o
vindeiro 11 de decembro do 2000.
O contido deste libro será posto a disposición de calquer interesado en
INTERNET, nesta mesma web nas datas seguintes á presentación.