PRESENTACIÓN

 

                As páxinas que seguen son o resultado do esforzo desinteresado de máis de cento sesenta persoas que, en beneficio de Galicia, traballaron durante un período de tempo exiguo -escasamente oito meses- se se ten en conta o resultado final; pero moi amplo se se considera, en xeral, o esforzo que tiveron que realizar.

                 Con anterioridade á presentación pública do Proxecto, o día 23 de marzo do ano no que estamos, as entidades financeiras promotoras deseñaron as súas liñas xerais, determinando o contido de cada Relatorio, nomearon os seus Presidentes e designaron o Director do Proxecto. A partir desa data os Presidentes constituíron segundo o seu criterio todos e cada un dos Relatorios, elaboraron o calendario e método de traballo axeitado á súa composición e, agora, sae á luz pública o resultado da dita actividade. Substancialmente, pretendeuse, partindo da realidade que coñecemos, determina-lo alcance da actividade económica e social da nosa Comunidade Autónoma nun futuro inmediato, o ano 2010.

                 Galicia 2010 non é, polo tanto, unha análise da situación actual de Galicia, nin un xuízo rápido sobre algún dos acontecementos estructurais máis recentes. Tampouco é un simple exercicio de imaxinación ou un axuste de realidade virtual actualizado no tempo. Non é un Plano Estratéxico de Galicia, nin un guieiro sobre a orientación política conveniente.

                 Galicia 2010 é unha análise realista da orientación económica e social de Galicia nos vindeiros anos, feito por persoas coñecedoras da realidade actual e das súas tendencias, dos problemas e das súas solucións, do que é posible e do que é conveniente. As súas reflexións aparecen publicadas tal como se lle entregaron á Dirección do Proxecto, sen modificación ningunha, como se comprometeu no seu momento.

                 Galicia 2010 desenvolveuse co respecto de tódolos que a el se acercaron e de tódolos que coñeceron o Proxecto. Nada se agochou porque nada había que reservar. Soamente, por respecto ós protagonistas, que son os membros de todos e cada un dos Relatorios, se pretendeu dar a coñecer tódolos textos de modo simultáneo. Nada mellor para iso que o libro que agora se presenta.

                 Con esta publicación ponse remate a un proceso, que é a reflexión e a redacción de conclusións e propostas. Ó mesmo tempo ábrese un diferente, quizais máis apaixonante que o que agora se pecha: o coñecemento e discusión daquelas. É certo que a simple realización do Proxecto xa implica a consecución dun fin en si mesmo; pero o fin esencial, Galicia, é unha tarefa permanente, que require un importantísimo esforzo colectivo. Unha pequena mostra é a que agora se publica. Que non se quede nun libro máis xa non depende dos seus redactores, senón do seu destinatario: a sociedade civil de Galicia.

  

Santiago de Compostela, novembro de 2000

JOSÉ Mª GÓMEZ Y DÍAZ-CASTROVERDE

Director do Proxecto "Galicia 2010"