INTRODUCCIÓN

    A saúde, ademais de ser un aspecto clave da vida das persoas, tamén é, cando considerámo-lo conxunto da poboación, un índice do grao de desenvolvemento dos pobos e do benestar acadado por estes.

    Os logros acadados na área da saúde en España e en Galicia en particular son elevados, tanto en termos de dispoñibilidade de asistencia sanitaria como de nivel de saúde da poboación como veremos, e é desexable que se manteñan ou melloren malia as ameazas que xorden na súa contra.

    Este relatorio de sanidade, co horizonte temporal do ano 2010, concibiuse como unha reflexión acerca daqueles grandes aspectos que poden afectar a este benestar na área da saúde.

    Para iso, o relatorio estructúrase cunha primeira parte na que se presenta cál é a situación actual e o escenario previsible nos próximos anos en aspectos sobre os que se ten pouca ou ningunha capacidade de modificación como poden ser aspectos demográficos e tipo e cantidade de patoloxía que se vai atender nos anos vindeiros. Incorpóranse algúns elementos que, previsiblemente, evolucionarán no sentido que se indica no relatorio pero sobre os que existe algunha posibilidade de acelerar ou retardar esa evolución se considera desexable. Este é o caso do perfil do cidadán ou do paciente en termos de grao de coñecemento de temas de saúde e participación nas decisións individuais ou colectivas que poden afecta-la súa saúde.

    A sanidade é un sector en continuo cambio desde o punto de vista das novas tecnoloxías, e neste momento tal vez máis que en ningún outro da historia. Na segunda parte do relatorio inclúense aqueles aspectos tecnolóxicos de recente ou próxima dispoñibilidade, tanto na área de novas posibilidades e necesidades diagnósticas e terapéuticas como noutras, e que se pensa que poden presentar maiores retos na sua incorporación á atención sanitaria pero que tamén, no caso de aproveitarse axeitadamente, ofrecen maiores oportunidades para ser utilizados como ferramentas que xoguen ó noso favor na mellora da atención sanitaria.

    En último lugar, debido ó convencemento do relatorio de que no punto ó que chegamos e coas previsións de futuro existentes son necesarios cambios organizativos, discútense diferentes posibilidades que poden mellora-la atención sanitaria á poboación e que, en ocasións, se apoian nas oportunidades que achegan as novas tecnoloxías dispoñibles. A análise céntrase no sistema sanitario público, pero o sector da sanidade privada, cun papel complementario do sistema público, non será alleo ós grandes movementos que se describen e tamén deberá facer fronte ós retos de innovación tecnolóxica e organizativa.

    Para que este documento poida ser útil, nos temas tratados, onde sexa de aplicación, xúntanse recomendacións (destacadas en cursiva no texto) para as autoridades correspondentes encamiñadas a mellora-la atención sanitaria á poboación galega e, en último extremo, a saúde global desta poboación. Intentouse que as recomendacións sexan realistas desde tódolos puntos de vista no contorno galego, incluído o económico. Se ben non se realizou ningúnha análise formal de custos das recomendacións que se fan, o relatorio é consciente que os movementos que se perciben van supoñer un incremento das necesidades de financiamento e investimento. As melloras na xestión e en eficiencia non son suficientes para cubrir economicamente o custo da innovación e a calidade na sanidade, conceptos claves ó longo do relatorio.

    Para a realización deste relatorio o seu Presidente tivo liberdade absoluta á hora de selecciona-las persoas integrantes desta. Ademais de seleccionar a persoas coñecedoras da situación da sanidade galega, coidouse que o relatorio o constituíran profeisonais procedentes de áreas moi diversas, para que puideran xuntar puntos de vista variados. Nembargantes, por razóns de operatividade, foi necesario limita-lo número de individuos para compoñe-lo relatorio, o que impediu incluír a moitos outros candidatos calificados.

    Ó longo dos meses de maio e xuño de 2000 o relatorio mantivo varias reunións de traballo. Nestas reunións definiuse o plano de traballo e asignáronse temas concretos a membros do relatorio, que se prepararon en formato de borrador. Para a preparación destes temas utilizáronse fontes bibliográficas diversas e, cando foi necesario, outras fontes de información dispoñibles que se recoñecen no texto. Ademais, preguntouse a hospitais e ó Valedor do Pobo acerca das prinicpais causas de reclamación dos galegos en relación coa atención sanitaria. Estes borradores discutíronse polo conxunto do relatorio. Despois desta discusión preparáronse borradores adicionais nos que se incorporaron as achegas do relatorio. Estes  borradores mellorados serviron de base para a preparación dun borrador conxunto de todo o relatorio que elaborou o relator e circulou entre tódolos membros do relatorio para que se xuntaran suxestións. A principios de setembro de 2000 o relatorio mantivo unha reunión na que se discutiron as achegas recibidas e se xuntaron novas. Elaborouse un novo borrador que circulou de novo entre tódolos membros do relatorio e que, finalmente, foi aprobado. A versión aprobada polo relatorio entregouse ó Director do proxecto Galicia 2010 o 16 de outubro de 2000, segundo o acordado.