I.
SUMARIO
Este estudio céntrase de forma xeral sobre a agricultura galega e a súa
industria. Nel resúmese tanto o contorno coma os sectores productor, industrial
e comercial deste ámbito estratéxico da nosa Comunidade Autónoma.
O contorno da agricultura galega atópase marcado polo abandono do medio rural
da poboación, a alta idade media dos granxeiros, a desprofesionalización
xeneralizada que existe no sector e as tendencias liberalizadoras e
globalizadoras impostas pola PAC e a OMC (Organización Mundial do Comercio).
Galicia é unha rexión eminentemente agrícola. O subsector con maior peso
dentro da nosa agricultura continúa a ser o vacún, especialmente o do leite.
Este sector encóntrase sumido nun proceso de reestructuración para aumentar a
rendibilidade das explotacións que está producindo unha importante contracción
do número destas. A este subsector séguenlle en importancia o porcino e o avícola.
A comercialización agraria pasou a ser unha das partes máis importantes dentro
do sector. Coa reducción das axudas resulta imprescindible a adecuada colocación
da producción nos distintos mercados.
A agricultura galega está marcada, fundamentalmente, polo cooperativismo como
sistema organizativo. Para que as empresas deste segmento continúen a crecer e
desenvolver a súa actividade cómpre que a lexislación sobre cooperativas se
adecúe ás súas necesidades, do contrario o capital desprazarase cara a ámbitos
máis rendibles, co conseguinte prexuízo para este sector primario, básico na
nosa economía.