II. ANÁLISE DO CONTORNO NO QUE SE DESENVOLVE A ACTIVIDADE AGRARIA
A continuación utilízanse
os campos de demografía, emprego, medio físico e explotacións para situar o
contexto da agricultura galega e posteriormente farase unha comparación coa
agricultura Bretona. Tamén se analizan brevemente os efectos que a PAC (Axenda
2000), o GATT e a biotecnoloxía poden ter no desenvolvemento agrícola.
2.1.- DEMOGRAFÍA
Galicia tiña en 1998 unha poboación de 2.724.544 persoas. As principais características da poboación galega actual son o progresivo envellecemento e unha distribución irregular da poboación. As principais causas do seu progresivo envellecemento son a baixa taxa de natalidade, e unha mortalidade estacionaria dende hai décadas. A principal consecuencia destas dúas variables é un crecemento vexetativo mínimo. Outra das súas características é que se encontra concentrada fundamentalmente nas zonas costeiras e nalgúns vales do interior, o resto está moito menos poboada.
As
pirámides de poboación demostran a inversión das mesmas durante os vindeiros
26 anos. Galicia ten unha porcentaxe máis elevada que a media europea e española
de poboación de máis de 65 anos e ten unha porcentaxe máis baixa de poboación
menor de 25 anos e similar á Europea. Estes dous datos, xunto ó crecemento
vexetativo negativo, moi por debaixo da media española e europea, fan que a
poboación de Galicia envelleza, e diminúa tanto a poboación coma o número de
traballadores.
Poden diferenciarse dous claros grupos de poboación e con diferentes características: a Galicia oriental e a occidental. Os principais trazos da Galicia oriental son un crecemento vexetativo case nulo e unha poboación vella. Nesta escasean os adultos de menos de 40 anos, habendo unha porcentaxe excesivamente alta de persoas de máis de 40 anos. Na Galicia occidental non se chegou á situación da anterior, pero nos últimos anos advírtese unha tendencia ó descenso da natalidade. Estímase que en aproximadamente 25 anos entre o 80 e o 85% da poboación vivirá en zonas costeiras. Na actualidade, 114 municipios, case todos do interior de Lugo e Ourense, posúen máis do 30% de habitantes en idade de xubilación.

2.2.- EMPREGO
A traxectoria do nivel de ocupación no campo galego caracterízase, dende hai varias décadas, por un persistente descenso. Ó aumentar a idade media da poboación agraria e a xubilación da poboación activa, a medio prazo, producirase un descenso da ocupación agraria que xa se está rexistrando na actualidade.
O previsible é unha acentuación das diminucións no número de traballadores no medio agrícola. Este feito é fundamental xa que proba a existencia dunha forte dinámica do propio sector para axustarse ós novos escenarios económicos.
As porcentaxes efectivas de ocupación agraria en Galicia sempre tenderán a estar por riba das medias estatais, e iso por dúas razóns:
• Pola importancia do sector agrario.
• Pola dificultade en se adaptar a outras alternativas.
A poboación dedicada á agricultura áchase envellecida debido fundamentalmente á marcha dos mozos ás zonas urbanas, e á falta de posibilidades para que estes últimos se fagan cargo das explotacións.
A porcentaxe de mulleres que traballan na agricultura é maior que a dos homes, en 1999 o 57% dos ocupados na agricultura galega eran mulleres. No conxunto de Galicia, as mulleres só representan o 39% do total dos ocupados.
Pode estimarse no 2010, un total de 70.000
activos ocupados no sector agrario, cunha taxa de emprego do 8%.
As porcentaxes de poboación ocupada son moi diferentes ós da media nacional. O tanto por cento de dedicados ó sector agrícola é moi superior ó de España (sendo A Coruña e Pontevedra as provincias galegas cunha menor porcentaxe), máis de dez puntos,mentres que Galicia se encontra nove puntos por debaixo da media española no sector servicios.
2.3.- MEDIO FÍSICO
Galicia ocupa unha superficie de 29.575 km2. As principais características do medio físico agrario galego son a reducida superficie por cultivo, a falta de especialización das explotacións, e o seu reducido tamaño.
A elevación do terreo
condiciona a súa viabilidade para os cultivos, xa que a maior altura maiores
son os riscos climatolóxicos. En Galicia soamente o 37,4% da superficie encóntrase
por baixo dos 400 metros de altitude en contraste co 15,4% da superficie que se
encontra por riba dos 800 metros. Escasamente o 50% das terras galegas serían
aptas para algún tipo de cultivo.




A superficie de Galicia pode dividirse en tres zonas,
correspondendo coas súas características, para optimizar os seus rendementos:
• Zonas altas, apropiadas para
desenvolver a actividade forestal e a gandería extensiva.
• Zonas medias, para dedicarse á agricultura extensiva con gando non estabulado.
• Zonas baixas e vales, cultivo intensivo.
O territorio galego non é moi rico se por tal apreciación se entende unha calidade media, existindo unha gran diferencia de fertilidade respecto a outros espacios agrarios. Tan só a cuarta parte da súa superficie (terras boas e moi boas) ten condicións para o aproveitamento agrario. Estas proporcións indican que as súas condicións edafolóxicas se moven dentro duns niveis medio-baixos, a teor dos valores da Unión Europea.
O clima tamén condiciona de maneira importante a agricultura. En xeral, Galicia ten un clima suave e húmido, a terra recibe abondosa auga durante os invernos pero durante os veráns necesitan auga adicional.
En comparación con España, Galicia ten o seu terreno forestal moito menos explotado e a porcentaxe galega de terras de cultivo ocupa a metade da media nacional.
2.4.- EXPLOTACIÓNS
As granxas en Galicia
caracterízanse pola súa falta de especialización, o seu reducido tamaño e as
súas dimensións irregulares. Nunha palabra, a agricultura está caracterizada
polo minifundismo. En Galicia as explotacións máis pequenas representan o 71%
do total mentres que as máis grandes teñen un escasísimo peso.
En 1995, o tamaño medio das explotacións galegas só correspondía co 30% do tamaño medio das explotacións europeas. Mentres en Galicia unha explotación en 1995 tiña 5 ha de media, na UE-12 tiñan 16,6 ha, e en España case 20 ha.
Galicia se encóntrase dentro do grupo da Unión Europea coas explotacións de menor tamaño, as que teñen unha dimensión inferior ás 50 ha. Esta estatística pode resultar enganosa, xa que a extensión media das granxas galegas se encontra ó redor das 5 ha.
2.5.-
COMPARACIÓN ENTRE GALICIA E BRETAÑA
Galicia e a Bretaña francesa son similares en canto ás súas dimensións xeográficas, ó número de habitantes, e ás súas orientacións económicas. En ambos casos a principal industria é a gandería. A pesar disto, existe unha clara diferencia nos niveis de productividade entre elas dous.
Galicia ten 29.575 km2 de superficie, mentres que a da Bretaña francesa é de 27.506 km2. Galicia representa o 5,8% do total da superficie de España mentres que a de Bretaña é o 5% de Francia. Cabe resaltar que en Bretaña máis do 60% das terras son aptas para algún tipo de cultivo mentres que en Galicia a porcentaxe de terras aptas para o cultivo non chega ó 50% do total.
A poboación galega representaba en 1998 o 7% da población española. Pola súa parte, os 2.850.000 de habitantes da Bretaña francesa equivalen ó 5% da poboación total. Mentres que na Bretaña a poboación creceu un 17,6% durante os últimos 45 anos, en Galicia soamente se incrementou un 1,6%. Entre 1990 e 1999, a poboación de Bretaña creceu un 4% mentres que a galega descendeu un 1%.
A porcentaxe da poboación
de menos de 20 anos en Bretaña é superior en máis dun 4% á de Galicia. Ó
mesmo tempo, Galicia ten a maior porcentaxe de poboación maior de 60 anos co
24,54% da poboación, un 3% máis que España e
un 1,6% máis que Bretaña.

A poboación ocupada nestas dúas rexións distribúese de maneira moi distinta. As principais diferencias podémolas atopar no número de asalariados, nos ocupados en sector primario, e nos ocupados no sector servicios.
A pesar de que en Bretaña o total de poboación activa é maior que en Galicia, aquela ten un menor número de parados. O número de ocupados non asalariados é moito maior en Galicia.
O número de traballadores no sector agrario en Galicia é o dobre que en Bretaña, e o número de ocupados no sector servicios naquela non chega ás dúas terceiras partes dos de Bretaña.
As maiores diferencias na distribución sectorial dos
traballadores entre Galicia e Bretaña encóntranse nas
porcentaxes de ocupados nos sectores de agricultura e pesca, e servicios.
A porcentaxe de traballadores no sector agrícola-pesqueiro en Galicia é o dobre da de Bretaña e encóntrase 12 puntos por riba da media de España. Ó mesmo tempo, o tanto por cen de ocupados no sector servicios en Galicia atópase máis de quince puntos por debaixo do de Bretaña e dez por debaixo do español. É importante lembrar que a distribución da poboación ocupada nos distintos sectores económicos é unha das variables importantes á hora de cualificar o nivel de desenvolvemento da economía dun país ou rexión.
A pesar de que a
superficie total de Galicia e da Bretaña francesa é similar, a súa distribución
é moi diferente. As terras en Bretaña son utilizadas principalmente para
cultivos mentres que en Galicia a maior parte das terras se engloban dentro da
categoría de terreo forestal
.
O terreo dedicado a cultivos en Galicia é 537.311 ha o que representa o 25% do
terreo dedicado a cultivos da Bretaña. Por outra parte temos o terreo forestal
ó que Galicia dedica o 62% das terras, unha porcentaxe case sete veces maior
que a de Bretaña e case o dobre da porcentaxe de España.
Cunha dimensión media de 5 ha, Galicia encóntrase entre as rexións da Unión Europea con menor tamaño medio das súas explotacións, mentres as bretonas forman parte das regións que teñen un tamaño medio por explotación entre as 150 e as 250 ha.
2.6.- MARCO EXTERNO
2.6.1
a política agraria común: a reforma da pac; a axenda 2000
A reforma da PAC de 1992 afectou
profundamente ó vacún de carne e ós cultivos herbáceos, sectores nos que se
introduciron as primas por cabeza ou hectárea de cultivo á par que baixaban os
prezos institucionais. A reforma da PAC seguiu apoiando o prezo do leite e
mellorou as marxes de beneficio das explotacións leiteiras.
O aumento do valor das cotas supón uns custos máis elevados e unha menor competitividade para os gandeiros que desexen aumentar a súa producción.
Mentres o apoio do FEOGA-Garantía ó
sector lácteo baixou sete puntos porcentuais entre 1991 e 1995 para quedar nun
10,6% do gasto, os cultivos herbáceos creceron 10 puntos no mesmo período.

Así mesmo diminuíu a axuda en termos absolutos, en aproximadamente 800 millóns de ecus no período 1992-1995. Esta diminución repercutiu aínda máis desfavorablemente naqueles estados membros que como España, a penas teñen capacidade de utilización dos mecanismos de intervención orientación.
En xeral, o prezo das cotas leiteiras e o volume do seu comercio non só dependen do prezo do leite e do nivel da taxa suplementaria, senón que depende tamén do marco regulamentario, como por exemplo, as restriccións aplicadas ás transferencias de cotas ou as disposicións referentes ó amortización dos gastos relativos ás mesmas.
O elevado valor alcanzado polas cotas pode representar un
incentivo e un medio financeiro para numerosos productores que conseguen marxes
pouco elevados e para os que non teñen sucesor á hora de abandonar a
agricultura.
O sector lácteo non se beneficiou da reducción nos prezos dos cereais na medida prevista na Reforma.
O apoio ós prezos e a continua mellora das explotacións permitiu aumentar as marxes de explotación dos productos lácteos.
A reforma tivo efectos positivos na reestructuración de moitas cabañas se ben en gran medida foi inducida polo apoio prestado ó sector vacún de carne, así como a posibilidade de acollerse a plans de abandono sufragados ben por axudas nacionais ben cofinanciadas pola UE.
Dentro da capacidade dos Estados Membros para regular a transferencia de cotas entre particulares existen dúas posturas: a que unicamente permite este negocio se a transferencia da cota vai ligada á da explotación e a que permite o libre comercio de cota entre gandeiros.
A partir de 1997 considerouse necesario afrontar unha nova reforma da PAC que supuxese:
• Rematar cos excedentes.
• Aumentar a competitividade da agricultura europea.
• Rematar coa conflictividade nalgúns sectores e con algunhas medidas que cinguen grandemente o sector.
• Reducir o gasto orzamentario agrario.
• Preparar a entrada de novos estados membros.
• Preparar a agricultura europea para a caída de aranceis e a diminución da protección.
As expectativas dos mercados agrarios a longo prazo son favorables para os países exportadores. A próxima década verá unha expansión do comercio mundial e o mantemento dos prezos mundiais, tamén se producirá un aumento da producción agraria e que, en xeral, os prezos dos productos agrícolas serán altos ata o ano 2006. Non obstante poderá aumentar no futuro a variabilidade dos prezos.
As perspectivas para os productos agrícolas europeos non son especialmente afagadoras, a Unión corre o perigo de perder participación nos mercados mundiais en plena expansión. A tendencia será á reducción das barreiras proteccionistas, á reducción das subvenciones á exportación, e a reordenación das axudas interiores para mellorar as posicións da Unión.
A ampliación cara ó Leste da Unión suporá 100 millóns máis de consumidores, cunha capacidade adquisitiva equivalente ó 30% da dos consumidores actuais, a superficie agraria aumentará nun 50% da actual e a man de obra agraria alomenos duplicarase.
A aplicación da PAC indiscriminadamente traería consigo graves desequilibrios internos ós novos membros ó crear disparidades de rendas, suporía unha enorme sangría para as minguadas arcas comunitarias e agravaría os excedentes nalgúns productos como carne, leite e azucre.
Hai algúns aspectos máis a destacar en canto á agricultura comunitaria nos próximos anos:
• A seguridade dos productos alimenticios.
• Descenso do número de agricultores, a un ritmo do 2 ó 3% anual.
• A producción de materias primas renovables pode supoñer unha nova oportunidade para a agricultura e a silvicultura.
• A necesidade de proceder a unha simplificación das normativas comunitarias e a unha maior descentralización da aplicación das políticas.
• A importancia do medio ambiente e dos efectos da agricultura no mesmo.
• A axuda pública cada vez debe estar máis xustificada.
A actividade agraria debe orientarse ós seguintes obxectivos políticos que define a Axenda 2000 e que se plasmaron nas reformas das distintas OCM e na nova Política Rural.
• Aumentar a competitividade.
• A seguridade e a calidade dos alimentos como elementos da competitividade.
• A inocuidade dos métodos de producción para o medio ambiente e as consideracións referentes ó benestar dos animais.
• A necesidade de contribuír á estabilidade da renda agraria.

• A ampliación do papel que deben desempeñar os agricultores na xestión dos recursos naturais e a conservación da paisaxe.
• A creación de posibilidades de renda e emprego complementarias ou alternativas para os agricultores e as súas familias.
• A PAC ha de contribuír á cohesión económica dentro da Unión, e isto empezará pola cohesión económica dentro dos Estados membros.
2.6.2
A rolda de Uruguay do GATT
A agricultura ten no GATT (Acordo Xeral sobre Aranceis Aduaneiros e Comercio) un tratamento moi frouxo debido ás súas especificidades, de forma que son moitas as excepcións respecto ás normas que se veñen aplicando ó comercio internacional de mercancías non agrarias.
Estas excepcións deron lugar a que aparecesen numerosos litixios comerciais entre países con prácticas restrictivas e aqueloutros favorables a unha maior apertura comercial. Esta situación foi creando un ambiente proclive a unha negociación global, que deberá confluír nun aumento do comercio mundial de productos agrarios.
Neste marco iniciouse a Rolda Uruguay en setembro de 1986, mediante a declaración de Punta do Leste. O obxectivo fundamental era lograr unha maior liberalización do comercio mundial de productos agrarios, sometendo tódalas medidas que afectan ó acceso das importacións e á competencia das exportacións a normas e disciplinas do GATT reforzadas mediante:
a) A mellora do acceso ó mercado, a través da reducción dos obstáculos ás importacións.
b) Unha maior disciplina na utilización de tódalas subvencións que afectan directa ou indirectamente ó comercio.
c) A reducción dos efectos desfavorables para o comercio dos regulamentos e barreiras sanitarias e fitosanitarias.
Os acordos do GATT tiveron implicacións en tódolos sectores se ben no ámbito comunitario se estima que os seus efectos foron ata o momento relativamente soportables debido a que as reformas previas introducidas fixeron que o cumprimento das restriccións derivadas dos mesmos non supuxese esforzos especiais. Non obstante, debe sinalarse como punto de atención o posible efecto acumulativo de futuras roldas negociadoras.
Os principais contidos e consecuencias previsibles dos acordos en vigor:
• A reducción xeral de aranceis que suporá a reducción dos prezos institucionais.
• A diminución das restitucións á exportación de productos presionan os prezos á baixa.
• Apertura dun continxente de importación mínimo en certos productos causa os mesmos efectos que as restitucións.
• O impacto destas medidas acentúase naqueles EE.MM. con produccións insuficientes para satisfacer o seu consumo interno, xa que a producción anteriormente destinada ós mercados extra-comunitarios irase transvasando gradualmente ós seus mercados.
Por outra parte, a presión á baixa dos prezos repercutirá en maior medida naquelas áreas onde os custos de producción son máis elevados.
Non obstante, as novas roldas de negociacións conlevan novos e máis rigorosos estudios de necesidades, alcance, límites, resultados e consecuencias das medidas de adaptación dos mecanismos de regulamento oferta/demanda, para cada Estado Membro. O proceso que se inicia no ano 2000 prevé novas reduccións de prezos institucionais.
Tamén parece que deberá seguir a reducción dos volumes e presupostos de subvencións á exportación. É previsible que a reducción de prezos institucionais e as esixencias da segunda Rolda, ou a extensión de prácticas de exportación do tipo “restitución cero”, conleven unhas significativas reduccións das restitucións por exportación.
En teoría, a igualación definitiva e final de prezos UE/mercado mundial, reduciría a cero as necesidades de restitución, intervención e outras axudas.
2.7.- A AGRICULTURA E O MEDIO AMBIENTE.
A través de proteccións, subvencións, limitacións e normalizacións a UE agravou os problemas de excedentes e supuxo un elevado custo financeiro e ecolóxico que deveu na necesidade de afrontar as sucesivas reformas de 1992, de 1997 e a iniciada en 2000 coa Axenda 2000.
O Consello de expertos sobre Cuestións do Medioambiente chegou á conclusión en 1993 de que era necesario ocuparse dos problemas que a agricultura causa ó medio ambiente.
• A destrucción de especies animais e vexetais.
• A contaminación das augas superficiais e subterráneas.
• A agricultura causa tamén outros danos ó medioambiente:
- Erosión do solo.
- Chuvia ácida.
- Pastos excesivos ou daniños ecoloxicamente.
- Solo amazocado.
- Forte consumo de enerxía.
Parece que a agricultura e o medio ambiente formen un círculo vicioso. Unha maior racionalización en sentido convencional pode contribuír a que a agricultura siga a manterse como actividade, co sacrificio paulatino dun número importante de explotacións, aventurándose algúns a opinar que desaparecerán o 70% das aínda existentes. Isto traerá consigo un dano crecente ó medio ambiente xa que a racionalización conleva a intensificación dos cultivos diminuíndo a man de obra e aumentando a mecanización e a utilización de abonos e pesticidas.
Por outra parte unha protección ríxida do medio ambiente que free en seco o proceso de modernización e racionalización da agricultura reducirá as marxes de beneficio a límites intolerables salvo que se garantan altos prezos ós agricultores con diñeiro público, o que supón ir contra a tendencia mundial de competitividade ou ben, se establezan cotas como as do leite a tódolos productos agrarios o que suporía un elevado custo administrativo ou mesmo un pesadelo administrativo.
Non hai polo tanto un procedemento máxico senón que hai que dar diversos pasos nunha dirección e que todos xuntos poden conducir cara a unha boa solución. Podemos clasificalos da forma seguinte:
• Establecemento dunha serie de normas de protección do medio ambiente para a agricultura.
• Transparencia para o consumidor.
• Axudas e asesoramento ós cultivos biolóxicos e orgánicos.
• Pagos directos ós agricultores por actividades que melloren o medioambiente e non sexan estrictamente agrarias.
• Unha política tendente á diversificación de actividades no medio rural e que non teñen directamente que ver cos labores agrarios.
• Un cambio no comercio internacional.
Todos estes aspectos, que en menor ou maior medida hoxe empapan a Axenda 2000 e as reformas que nela se contemplan, van supoñer que as concentracións urbanas non poderán seguir sendo parasitos senón que terán que colaborar en afrontar o custo da protección do medio ambiente.
Hai tamén unha grande esperanza para a agricultura do futuro e é que o encarecemento e o esgotamento das fontes de enerxía non renovables supoñen unha grande oportunidade para a agricultura á hora das materias primas cultivables que habería que producir, respectando a ecoloxía co mesmo rigor esixible para os cultivos de alimentos.
2.8.- BIOTECNOLOXÍA E
AGRICULTURA. OS ALIMENTOS TRANSXÉNICOS
A biotecnoloxía e os alimentos transxénicos son dous dos temas que producen maior discusión entre partidarios e críticos hoxe en día. Mentres os defensores da biotecnoloxía prometen que esta revolucionará a agricultura moderna, os críticos da biotecnoloxía temen os posibles danos que esta poida causar ó ecosistema e á agricultura.
No 2000, a facturación conxunta das 200 empresas españolas que directa ou indirectamente utilizan biotecnoloxía para desenvolver procesos, productos e servicios nos seus sectores obterán un crecemento entre o 5% e o 10% ata alcanzar os 495.000 millóns de pesetas.
Na actualidade, a maioría dos cultivos transxénicos son pequenas variantes de dúas características básicas: resistencia a herbicidas químicos e a certas pragas. Moitos agricultores adoptaron a biotecnoloxía nas súas explotacions, pero aínda hai moitos consumidores que desconfían desta tecnoloxía.
A Unión Europea mantén dende 1998 unha moratoria de feito sobre a autorización de novos productos transxénicos e bloquea a comercialización dos xa autorizados. Tal moratoria responde, sobre todo, á presión dos grupos ecoloxistas e á opinión pública, que descoñece en boa parte a natureza real dos alimentos xeneticamente modificados e as súas diferencias cos naturais, pero teme os seus efectos contra a saúde e o medio ambiente. A Comisión Europea admite agora que esa moratoria non estaba legalmente xustificada e se dispón a aplicar as normas que se deron en 1999, máis esixentes en materia de controis e etiquetado, perante as novas autorizacións solicitadas.
A biotecnoloxía e os alimentos transxénicos poden beneficiar tanto ós agricultores coma ós consumidores. As organizacións e institucións que se dedican a combater a miseria e a fame recalcan que a biotecnoloxía e os alimentos transxénicos poden ser un dos elementos que máis axuden a solucionar estes dous grandes problemas. Utilizando as palabras do expresidente dos Estados Unidos Jimmy Carter “a verdadeira inimiga é a fame e non a biotecnoloxía responsable”. O maior beneficiario do uso de biotecnoloxía e alimentos transxénicos é a poboación dos países en desenvolvemento de África, Asia, e América do Sur, e non os cidadáns ben alimentados dos países desenvolvidos de Europa e Norteamérica.
Estímase que para o 2025 se incrementará nun 50% a demanda de cereais para consumo humano e animal, e que as terras cultivables do mundo non crecerán ó mesmo ritmo, e que mesmo nalgunhas partes do mundo se reducirán. Se a isto se lle engade a necesidade de conservar os recursos hidrográficos de por si sobre explotados e reducir o uso de compostos contaminantes, o desafío alcanza proporcións xigantescas.
Cando se perciben con claridade os efectos positivos da biotecnoloxía e os alimentos transxénicos non existe unha oposición radical ó uso desta tecnoloxía. Dispoñer de plantas que requiran menos terra cultivable, menos abonos, menos insecticidas ou menos auga gracias ós transxénicos non deixa de ser un activo de futuro que non se debe desprezar. En calquera caso, non se debe esquecer que o proceso de pasteurización do leite provocou, hai 30 anos, unha reacción similar á que na actualidade está sufrindo a biotecnoloxía e os alimentos transxénicos.
Non existe ningunha proba científica de que se producisen danos polo uso de alimentos transxénicos, a pesar de que en Estados Unidos existe unha experiencia acumulada de décadas e millóns de consumidores. Descualificar unha tecnoloxía porque está en mans de determinadas empresas, en lugar de centrar o problema no control da mesma, podería desembocar nun abandono dun instrumento potencialmente beneficioso no futuro.
África sería a rexión do planeta que máis se podería aproveitar dos beneficios achegados polo desenvolvemento deste sector.
A biotecnoloxía e os alimentos transxénicos poden axudar a conseguir o que se denomina como “unha revolución dobremente verde” xa que pode axudar a que os cultivos crezan cunha mínima aplicación de fertilizantes químicos e facer máis productiva a agricultura de terras secas sen esgotar as reservas hidrolóxicas.
Os científicos non teñen ningún tipo de dúbida do beneficio da biotecnoloxía agrícola para o proveito humano. Só resta saber se existe a vontade colectiva para facelo. A resposta podería adiviñarse cando tódolos pobos do mundo tomen conciencia do que representa a biotecnoloxía e os alimentos transxénicos para o futuro.