III. ANÁLISE INTERNA DO SECTOR PRODUCTIVO

3.1.- MAGNITUDES AGRARIAS

    A agricultura representa o 22% da producción final agraria. A súa importancia en Galicia é moito menor que a da gandería. Os cultivos con maior importancia na nosa Comunidade Autónoma son os de tubérculos, hortalizas e viñedos. Os tubérculos representaron en 1997 o 16% da PFA agrícola, pola súa parte as hortalizas foron responsables do 26% da mesma. Os viñedos representan a producción agrícola máis importante co 32% da PFA agrícola. A continuación analizamos con máis detalle a situación dos viñedos en Galicia.

3.1.1 Viñedos

    A superficie de viñedo en Galicia era de 27.973 ha no ano 1997. Esta superficie representa o 2,41% do total español e concéntrase principalmente nas provincias de Ourense e Pontevedra.

    A tendencia do viñedo en Galicia na última década é á permanencia do seu cultivo. A superficie de viñedo amparada baixo D.O. (v.c.p.r.d.) experimentou un importante incremento no período comprendido entre as campañas 87/88 e 97/98 pasando das 5.050 ha ás 8.820 ha. O 74% de incremento das hectáreas amparadas ó inicio da década supón un forte auxe, anque este incremento se debe analizar por denominacións, pois non en todas a evolución foi por igual.

    Os nosos viñedos están a ser cada vez menos productivos porque simplemente estanse a “muxir” sacando as últimas colleitas sen practicarlles labores de mantemento.

    Nos últimos anos produciuse unha reducción da superficie do viñedo do 8% na provincia de Lugo e do  5% na de Ourense. O número de parcelas diminuíu nun 35% en Lugo e un 9,5% en Ourense.

    Ó mesmo tempo, o tamaño da parcela media aumenta co cal se desprende que o abandono se produce nas parcelas de menor tamaño, algo lóxico dada a dificultade do seu labrado e a súa escasa rendibilidade.

    O viñedo amparado por D.O. tal como se indicaba anteriormente pasou de representar o 17,8% sobre o total do viñedo na campaña 87/88 a ser o 31,5% na campaña 97/98. Aínda así dista do total nacional que representa o 52,9%. O incremento que se produce nos últimos anos en superficie amparada por D.O. en Galicia é debido á incorporación de dúas novas denominacións, Monterrei e Ribeira Sacra e ó importante incremento da D.O. Rías Baixas. O viñedo en Galicia soporta altos custos de explotación, o prezo medio da uva supera á maioría das zonas productoras do estado.

 

 

 

 

 

 

 

 

    D.O. Ribeiro. A superficie amparada pola D.O Ribeiro mantense ó redor das 2.500 ha. Maioritariamente é un viñedo envellecido, sendo predominante o cultivo da variedade Palomino seguida da variedade Alicante Bouchet. As variedades autóctonas están nun lento proceso de incremento. É a variedade Alicante Bouchet a que representa un verdadeiro problema para a denominación, ó diminuír a demanda de viños producidos coa mesma.

    D.O. Rías Baixas. A denominación Rías Baixas foi na pasada década a máis dinámica na reconversión de viñedo e novas plantacións, pasando de pouco máis de 500 ha na campaña 87/88 a estar próxima ás 2000 ha. Este incremento verase aumentado nos próximos anos pola recente incorporación da zona do Ulla. Nesta zona anque xa existen plantacións significativas de viñedo da variedade Albariño, o incremento virá dado pola reconversión do viñedo existente cara a esta variedade.

   D.O. Valdeorras. É xunto co Ribeiro das máis antigas de Galicia. A superficie de viñedo amparada nesta denominación descendeu nos últimos anos pasando das case 2.500 ha a menos de 2.000, iniciándose á vez un proceso de reconversión centrándose na variedade Godello, proceso que avanza lentamente e que afecta a poucas hectáreas.

    D.O. Ribeira Sacra. É unha das novas denominacións xurdidas na última década, ocupa unha superficie ó redor das 1.500 ha.  Está especializada en producción de viños tintos. A reconversión de viñedo estase facendo baseándose na variedade Mencía, aínda que a variedade Alicante Bouchet é maioritaria na zona.

    D.O. Monterrei. É a máis nova das D.O. de Galicia, polo que só ampara unhas 500 ha do amplo viñedo existente no val de Monterrei. A viticultura da zona encóntrase nunha fase de cambios moi significativos por estar en proceso de concentración parcelaria. Isto xunto coas expectativas que levantou a nova OCM do viño e en concreto o Real Decreto que a desenvolvea, 1472/2000 de 4 de agosto, está espertando certas iniciativas na zona. 

 

 

 

 

  

 

 

 

 

 

 

 

   O viñedo no conxunto do estado sufriu un importante retroceso no último decenio, propiciado pola política de incentivar o abandono do cultivo por parte da UE. Comunidades como Castela-A Mancha perderon unha porcentaxe importante de viñedo.

    De 1.445.834 ha con que contaba España na campaña 87/88 pasouse a 1.158.056 ha na campaña 96/97, que significa un descenso do 20% da superficie vitícola do primeiro país do mundo en extensión de viñedo que é España. Pola contra as ha de viñedo amparadas baixo D.O. experimentaron un incremento do 6% pasando das 577.593 ás 612.775  da campaña 96/97. O viñedo baixo D.O. en España supón o 52,9% da superficie plantada. Galicia representa 2,4% do total do estado.

    A tendencia ó abandono paralizouse e o que está xurdindo con forza é o traslado de dereitos de zonas menos desenvolvidas na comercialización e sen D.O. a outras con máis posicionamento no mercado, facendo uso do transfer de dereitos de plantación que si está permitido dentro de cada estado membro. O Real Decreto 1472/2000, de 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola, no seu artigo 22 punto 6, limita a un 20% os dereitos de replantación de fóra das explotacións, co fin de non crear excesivos desequilibrios nas zonas productivas máis desfavorecidas.

A evolución da superficie de viñedo e da producción mundial do viño sufriu nos últimos vinte anos un proceso de reducción tanto en superficie cultivada coma en producción. Isto é debido fundamentalmente ós importantes reaxustes da producción nos países de tradición vitícola europeos. O descenso da demanda interna provocou en Europa importantes reaxustes da producción, proceso que aínda continuará coa aplicación da recentemente aprobada OCM do viño (Regulamento CE  núm. 1493/1959 do Consello).

 

 

     Na viticultura mundial asistimos nos últimos anos a dúas frontes ben distintas que son os denominados países do Vello Mundo, os productores tradicionais Francia, Italia, España... e os países do Novo Mundo capitaneados por Australia, USA, Chile, Sudáfrica... A Unión Europea prorrogou a prohibición de plantación de viñedos ata o 31 de xullo do ano 2010, soamente durante este período concederase autorización para 68.000 ha de novas plantacións das cales 17.355 corresponderon a España. Ademais outras 17.000 ha quedaron nunha reserva comunitaria para distribuír entre as rexións que teñan unha necesidade adicional.

    Nos países do vello mundo a viticultura, como diciamos, sufriu un importante axuste e nos segundos ten un gran dinamismo na producción orientado a conseguir viños dunha excelente relación calidade-prezo.

3.2 MAGNITUDES GANDEIRAS

3.2.1 Bovino

- Sector lácteo

    Este desempeña un papel estratéxico en Galicia polo peso económico e social que ten. Na actualidade existen ó redor de 37.000 explotacións, a maioría familiares tendo como única fonte de ingresos a venda de leite. Este subsector ocupa a máis de 70.000 persoas directamente ás que hai que engadir os postos de traballos indirectos como son veterinarios, servicios técnicos...  A producción leiteira en Galicia achega 88.000 millóns de ptas. á producción final agraria, o que representa o 29%, e ó redor do 47% da producción final gandeira. A cifra do negocio de transformación representa cerca do 20% do total do negocio da industria alimentaría e ó redor do 4% da actividade industrial galega. Tamén é importante lembrar que a industria láctea contribúe ó mantemento e fixación da poboación nas áreas rurais. Galicia conta co 40% do censo español, unhas 80.000 vacas.

    As explotacións de menor tamaño (<50.000 kg/ano) son as máis numerosas mentres que as máis grandes, a pesar de ser moitas menos, representan a maioría da producción.

    O número de explotacións descende durante os últimos anos. Esta tendencia prevese que continúe nos próximos anos. Estímase que Galicia terá no ano 2010 ó redor de 12.000 explotacións leiteiras.

    Galicia conta con máis da metade das explotacións leiteiras de España, sen embargo ten un tercio da cota, mentres que outras comunidades autónomas, como pode ser o caso de Cataluña, contan cunha porcentaxe de explotacións moito menor pero, en comparación, con moita máis cota láctea.

    A evolución da cota media por explotación no deixa lugar a dúbidas. As que consigan permanecer aumentarán de forma drástica a súa cota co que conseguirán unha maior rendibilidade. Estímase que no ano 2010 a cota media por explotación en Galicia será de 150.000 kg.

    A pesar de que a evolución de Galicia é importante, continúa por debaixo da media nacional e da Unión Europea. España ten previsto alcanzar unha cota media de 200.000 kg por explotación no ano 2010, mentres que a Unión Europea terá arredor dos 215.000 kg de media.

    Durante o período 1992-98 o número de explotacións de tamaño inferior ós 70.000 kg, cota no límite da viabilidade, reduciuse aproximadamente en 24.000. Tamén é importante salientar que as explotacións de maior tamaño aumentan, co que se está producindo unha concentración da producción nas explotacións viables e a desaparición das que economicamente non o son.

    As explotacións que se encontran en propiedade de persoas de maior idade (>50 anos) son en xeral de menor tamaño, pero continúan a ser a maioría, mentres que os propietarios de explotacións cunha idade inferior ós 50 anos contan coa maior parte da cota pero co menor número de explotacións leiteiras. O grupo de idade máis avanzada representa ó 55% das granxas pero tan só ó 41,8% da cota, mentres que o máis novo constitúe o 45% e o 58,2% respectivamente.

 

 

 

  

 

 

 

 

 

 - Sector Cárnico

    Galicia, xunto con Asturias, son as dúas únicas comunidades nas que parte da súa producción de carne de vacún se realiza de forma tradicional, os tenreiros  permanecen xunto ás nais ata o sacrificio. A base da súa alimentación é o leite complementado con forraxes e cereais, estas explotacións están moi ligadas á terra.

    Durante os últimos anos, fóronse desenvolvendo granxas de cebo onde os animais se engordan con pensos e non teñen ningunha vinculación á terra. O seu desenvolvemento está moi ligado ó da IGP Tenreira Galega.

    No cadro 13 amósase a evolución da cabaña de vacas en Galicia nos últimos anos.

    Tanto o numero de explotacións coma o de animais foi diminuíndo. Isto débese a diferentes causas: problema de falta de cota, aumento de producción das vacas, a nova normativa sobre calidade de leite e a escasa dimensión das explotacións. Coma no resto da UE, estase a producir un incremento de animais por explotación e desaparecen granxas con escaso número de animais. O descenso produciuse nos dous tipos de vacas.

    Nas explotacións de vacas de cría é onde se realiza o cebo tradicional. As explotacións de vacas de leite soen vender ó tenreiro con poucos días ou cébano de forma intensiva.

    A distribución dos diferentes tipos de explotacións xunto cos cambios que experimentaron os censos nos últimos anos están reflectidos no cadro núm. 14. A Coruña é a maior productora de leite, mentres que Lugo concentra o maior número de animais e é a maior productora de carne. Pontevedra ten menor número de animais pero moi concentrados nas súas bisbarras orientais. Ourense é a provincia con menor número de animais, principalmente de leite.

    Outra característica das explotacións galegas é o seu reducido tamaño, o cadro nº 15 amosa a segmentación das explotacións bovinas inscritas na IGP Tenreira Galega. A maior parte non ten capacidade para solicitar o máximo de primas que contempla a Axenda 2000, o que fai moi difícil a súa viabilidade.

 

  

 

  

 

     Coñecer o número de explotacións e a cantidade de tenreiros que se producen en Galicia é difícil, moitos destes animais engórdanse nas mesmas granxas onde se encontran as vacas e ceban o tenreiro ou o venden con poucos días, segundo as condicións de mercado. As explotacións con vacas de cría adoitan engordar os tenreiros pois a calidade destes animais é moi boa e teñen un elevado prezo no mercado. Nas explotacións de leite, os tenreiros teñen unha conformación boa cando a súa orixe é un cruzamento en industrial (vaca leiteira con touro de aptitude cárnica) pero moi mediocre cando son de raza frisona. 

    O cadro nº 16, pode aproximarnos ó número de explotacións que ceban tenreiros en Galicia e á súa capacidade.

    A capacidade para cebar animais coa que conta actualmente Galicia sería da orde das 203.000 prazas,  se ben a súa ocupación é moi variable. Este dato contrasta coas 22.510 primas ó bovino macho que se concederon en 1999.

    Os cebadeiros teñen unha capacidade media de 96 tenreiros, as explotacións mixtas de 2,3 tenreiros, moi baixa para que sexa rendible.

    Estes parámetros, poucos animais que teñen primas e baixa capacidade das granxas mixtas, indican o tipo de producción artesanal de carne de tenreira que ten Galicia: animais moi novos (6/7 meses).

    Cos datos estatísticos cos que se conta actualmente é moi difícil coñecer a cantidade de carne que se produce en Galicia, segundo o anuario estatístico do ano 1998, sacrificáronse 408.423 reses o que supón 83.690 t de carne. Este dato que é importante para valorar a actividade económica do sector Industrial da carne resulta moi enganoso para coñecer a capacidade real de producción, debido a:

• Parte destes animais sacrifícanse en Galicia pero se producen fóra.

• Non diferencia tenreiros e vacas.

• Os sacrificios de vacas son moi variables, dun ano a outro, en función dos abandonos de explotacións e das Campañas de Saneamento Gandeiro.

    No cadro nº 12 pode apreciarse como evolucionou esta producción, o incremento foi considerable, un 70%, dende 1991. Hai que destacar tamén o aumento do peso medio das canais sacrificadas, pasou dos 176 kg ós 205 kg o que indica un aumento da producción industrial en detrimento da tradicional.

    O seguinte esquema pode darnos unha idea do potencial de tenreiros que se producen en Galicia. Está realizado partindo do número de vacas adultas do censo de saneamento gandeiro.

    Aproximadamente prodúcense uns 350.000 tenreiros dos cales do 50 ó 60% se ceban en Galicia (sobre 200.000), o resto expórtase a outras comunidades, a maior parte destes animais son de raza frisona. Dos tenreiros que se ceban unicamente unha cuarta parte comercialízanse baixo a IGP Tenreira Galega.

    Como se pode ver no gráfico nº 19, a producción non é suficiente para abastecer os matadeiros galegos que deben importar animais doutras comunidades para cubrir as súas necesidades en vacún de carne.

3.2.2 Porcino

    Galicia polas súas condicións climáticas, xeográficas e o seu marcado carácter minifundista é unha rexión idónea para a gandería porcina. As condicións climáticas, en xeral, con temperaturas suaves e un elevado nivel de humidade favorecen a gandería porcina. As condicións xeográficas, especialmente a súa elevación media sobre o nivel do mar e a alta porcentaxe de terreos non cultivables tamén benefician á gandería intensiva porcina. Por último, o minifundismo existente é outra das razóns que axudan ó desenvolvemento da gandería intensiva porcina xa que non necesita tanto terreo como outros sectores gandeiros.

    Un dos maiores contratempos cos que se encontra a gandería porcina en Galicia é a falta de infraestructuras que produce un incremento dos custos de producción. A principal razón desta ineficiencia é a inferioridade das infraestructuras portuarias existentes para descargar as materias primas dos grandes buques de transporte de mercancías.

    O porcino é o compoñente máis importante dentro da gandería industrial galega. En 1997 o ganado porcino obtivo unha producción total de 19.012,4 Mill pta o que representou o 10,5% da producción final gandiera (PFG) galega. En Galicia había en 1998 un total de 841 explotacións de producción cun total de 82.779 prazas. A maior parte das granxas, o 74%, tiñan unha capacidade de 99 ou menos unidades, mentres que o 70% das prazas se concentraban nas explotacións con cabida para 100 ou máis unidades. O número de explotacións de cebo era de 385, o 89% deste tipo de granxas tiñan cabida para 200 ou máis unidades onde se concentraba o 98% das prazas de cebo. En 1998 existían 206.798 prazas en granxas de engorde. En Galicia en 1998, o prezo medio do porco de cebo foi de 139,48 ptas/kg e o do leitón foi 4.881,25 ptas/UD.

 

 

 

  

  

 

 

  

   Ó realizar unha visión global do porcino galego en comparación co español obsérvase a importante perda de peso dentro do contexto nacional nos últimos trinta anos. Mentres o censo total español mesmo triplicouse en tres décadas, o galego permaneceu constante o que levou a unha perda de importancia do censo autonómico en comparación co nacional. En 1967 Galicia tiña 1.067.313 cabezas de porcino, o que representaba o 15,64% do rexistro español, mentres que España tiña un total de 6.823.857 cabezas. Trinta anos máis tarde, en 1997, Galicia tiña 1.032.649 cabezas de porcino fronte a 19.556.261 de España, polo que a porcentaxe do censo se reducira ó 5,28% do nacional.

    En 1997 España, co 16,5% do censo total da UE-15, era o segundo país con maior censo porcino por detrás de Alemaña. No caso de que o sector porcino español continúe crecendo a un ritmo similar ó dos últimos dez anos, converteríase en cinco anos no primeiro productor de porcino dentro da Unión Europea.

    O número de cabezas de porcino sacrificadas en Galicia durante 1998 foi 1.139.655, o que representou unha producción total de carne de porcino de 89.827,29 t. Por provincias, Pontevedra é a máis importante xa que representa o 61% das cabezas sacrificadas en Galicia. A producción de carne de porcino representa o 31% do total de carne galega.

    Como se pode observar a producción de porcino en Galicia na década de 1990 tivo un ritmo ascendente. O número de animais sacrificados pasou de 923.362 en 1991 a 1.139.655 en 1998, o que representa un incremento do 23,4% en sete anos.  Pola súa parte, o peso canal (t), creceu de 72.286,7 t en 1991 a 89.827,3 t en 1998, o que representa un aumento do 24% durante o mesmo período.

    A producción de carne de porcino en España creceu dende 245.321,2 toneladas en 1962 ata 2.677.803 toneladas en 1998. É dicir, en pouco máis de trinta anos incrementouse en máis dun 1000%. En Galicia esta evolución non foi tan grande coma no conxunto de España, tendo aumentado de 22.758,1 toneladas en 1962 a 89.827,3 toneladas en 1998, o que representa un incremento de máis do 400%, importante, pero inferior ó nacional nese mesmo período.

    A principal consecuencia do incremento a maior ritmo da producción española que a galega foi a diminución do peso da industria porcina galega con relación á nacional. Así, en 1962 Galicia producía o 9,28% das toneladas de carne de porcino de España mentres que en 1998 a participación baixara ata o 3,35%.

3.2.3 Subsector avícola

    A avicultura é o segundo subsector por importancia dentro da gandería industrial galega. Os principais compoñentes deste sector son as produccións de carne e ovos.

    En 1997 a producción de carne avícola supuxo 25.168 millóns de pesetas, un incremento do 30% sobre 1996. Esta representou o 12% da producción total gandeira galega (PTG). A carne de broiler foi o principal compoñente deste conxunto xa que representaba 24.500 millóns de pesetas. A carne de aves foi responsable do 13,9% da PFG Galega.

    Os ovos son o segundo compoñente por importancia da avicultura galega. O valor da producción en 1997 elevouse ata os 12.516 millóns de pesetas, o que supuxo o 6% da PGT. Os ovos representaron o 5,5% da PFG en 1997.

    Segundo a súa procedencia, os ovos divídense en selectas, campeiros e doutras aves.

    O censo de aves de posta en Galicia descendeu de maneira importante entre 1973 e 1998. En 1973 existían un total de 5.330.000 de aves mentres que  en 1998 esta cantidade se reducira un 26%. A reducción produciuse de maneira máis acentuada nas aves selectas mentres que as campeiras se mantiveron en niveis similares. No período 1973-1997, o censo de aves en España variou lixeiramente o que levou a un descenso da porcentaxe galega dentro do contexto nacional. Entre 1983 e 1998 o censo de aves selectas reduciuse un 56,5%.

 

 

 

  

 

  

 

 

  

  

    En 1983, o censo galego de aves alcanzou o 13,43% do español. Dende entón as porcentaxes de composición deste variaron profundamente. En 1983 as aves selectas compoñían o 74,5% do censo mentres que en 1998 descenderan ata o 59% do total. Pola súa parte, as campeiras aumentaron dende o 25,5% ata o 41% do total en 1998.

    O censo de aves de posta galega con relación ó total de España decreceu nos últimos 25 anos do 12,64% ó 9,80%. En 1984, Galicia chegou a representar o 14,24% do total nacional. Durante o período 1973-98 a tendencia estatal diferiu da galega xa que mentres o número de poñedoras a nivel nacional aumentou de 41.184.000 a 43.166.000, o rexional descendeu de 5.330.000 a 3.933.000.

    O número de aves sacrificadas en Galicia aumentou dende 22.698.900 unidades en 1973 ata 56.837.000 unidades en 1998. A cifra máxima alcanzouse en 1985 con 59.866.200 unidades, dende entón a cantidade de sacrificios mantívose en niveis similares, pola súa parte o total de España aumentou de 326 millóns en 1973 a 602 millóns en 1998.

    Galicia mantivo a súa porcentaxe de sacrificio de aves, con relación ó total de España, ó redor do 10% dende o principio da década de 1980. O maior nivel deuse en 1985 co 11,36%. En 1998 a porcentaxe foi o 9,44%.

    A producción galega de ovos de galiña incrementouse dende 1973 ata 1984 onde alcanzou unha producción de 130.247.000 de ducias. 1984 foi un punto de inflexión para a producción galega de ovos. Galicia produciu entre 70 e 80 millóns de ducias dende 1990, en 1998 a producción equivaleu a 71.780.000 ducias.

   Dende 1991 ata 1998 a producción de ovos de galiñas selectas reduciuse un 15,56% mentres que a de galiñas campeiras aumentou un 12,42%, o que pode indicar un cambio nas tendencias dos consumidores de ovos. En 1998, o valor da producción total foi de 11.691 millóns de pesetas. A contía da producción de ovos selectos equivaleu e 6.161 millóns de pesetas e a de campeiros foi de 5.529 millóns de pesetas.

    Os ovos de orixe galega perderon importancia con relación ó total español durante o período 1984-97. En 1997, Galicia representou o 8,95% do total nacional.

    A producción galega de carne avícola foi aumentando constantemente dende 1962. A pesar de que España sufriu unha grave crise en 1996, Galicia non se veu gravemente afectada e continuou crecendo a bo ritmo, gañando maior importancia no contexto nacional. Entre 1991 e 1998 a producción da rexión neste subsector aumentou un 12,47%, pasando de 99,961,7 t en 1991 a 112.429,12 t en 1998.

    En 1998, Galicia producía o 12,42% da carne avícola española, o que representou un máximo histórico. Mentres a evolución da producción galega seguiu unha liña ascendente regular, a española, a pesar de ter unha tendencia ascendente, foi moito máis variable que a da Comunidade Autónoma.

3.2.4. Subsector cunícola

    No ano 1998 sacrificáronse en Galicia 4.151.566 coellos que representaron 4.754 t de peso canal. En 1997, a producción total de coellos foi de 2.573,1 millóns de pesetas o que representa o 1,2% da PTG e o 1,4% da PFG. Pontevedra é a provincia máis importante no que respecta ó sector cunícola co 42,5% da producción total de coellos e o 66,2% dos sacrificios.

    Ó igual que a producción cunícola total, a importancia de Galicia en mercado nacional foi moi variable. En 1998 a porcentaxe galega representaba o 3,96% do total de España. Esta cifra encóntrase por debaixo do 4,85% que Galicia tiña en 1973 e moi por debaixo do máximo histórico de 1977 co 14,90% do total estatal. A menor porcentaxe obtívose en 1990 con tan só o 2,32% dos sacrificios nacionais. Dende 1990, a producción galega foi aumentando constante pero lentamente.

    A producción de carne de coello tamén oscilou de maneira importante. A finais da década de 1970 experimentou un gran crecemento, en 1978 chegáronse a producir 16.582 toneladas, posteriormente, entre 1982 e 1990 a producción decreceu, neste último ano houbo un punto de inflexión e cambiou a tendencia de diminución a crecemento.

    Entre 1978 e 1990 existiu unha diferencia de 15.013 t, un descenso do 90,5%. Durante a década de 1990 a producción de carne de coello en Galicia creceu paulatinamente, en 1998 alcanzouse a cifra das 4.754 toneladas o que representa un incremento de máis do 200% con relación a 1990.

    Galicia alcanzou o seu máximo histórico, dentro da producción de carne de coello en todo o conxunto nacional, en 1978 co 14,91% do total. Dende esa data e ata 1990 a importancia galega neste subsector contraeuse, en 1990 tan só o 2,20% do total nacional procedía da Comunidade Autónoma Galega. Nos últimos anos o subsector de carne cunícola foi recuperando importancia en Galicia e en 1998 alcanzouse o 3,69% da producción española, unha porcentaxe aínda inferior ó 5,28% de 1973.