IV. A AGROINDUSTRIA EN GALICIA

    A base fundamental da agroindustria en Galicia radica nas industrias lácteas, cárnicas e de alimentación animal, que no seu conxunto supoñen máis do 90% da actividade económica total, delas dependen máis de 100.000 explotacións gandeiras existentes en Galicia.

    O cuarto sector en importancia é o vinícola, que, sen embargo, conta co maior número de industrias, pero sendo soamente o cuarto en importancia económica.

    Debido ó gran número de industrias vinícolas na provincia de Pontevedra, nesta encóntrase a maior porcentaxe das industrias agroalimentantarias galegas.

4.1 INDUSTRIA LÁCTEA

    Na actualidade, o número de establecementos industriais lácteos en Galicia é de 103. Nestes inclúense os chamados centros de recollida do leite, nos que esta recibe o seu primeiro tratamento. As industrias lácteas recollen anualmente ó redor dos 1.800 millóns de litros, transformándose arredor do 83% do leite recollido por estas. Este sector crea ó redor dos 2.100 empregos directos e unha gran cantidade de indirectos na Comunidade Autónoma. A facturación estimada atópase sobre os 100.000 millóns de pesetas.

 

 

 

 

 

     As empresas leiteiras, dependendo das súas características poden dividirse en catro grandes grupos:

• Grandes grupos industriais, caracterízanse por procesar máis de 80 millóns de litros, a súa principal producción é o leite UHT. Existen 10 empresas destas características e o 60% das mesmas pertencen a grupos industriais non galegos.

• Queixerías, arredor dunhas 70 industrias, o 70% teñen carácter artesanal e encóntranse directamente vinculadas con explotacións agrarias.

• Centros de recollida de leite, existen 15 centros, a maior parte destes pertencen a industrias foráneas, a transformación se pode producir tanto dentro coma fóra de Galicia.

• Pequenas industrias, unhas doce, a maioría son cooperativas, as súas principais produccións son o leite pasteurizado e o queixo.

    O principal compoñente dentro deste sector é o leite UHT, seguido a unha gran distancia do resto das produccións.

4.2 INDUSTRIA CÁRNICA

    Existen na actualidade ó redor de 180 industrias cárnicas, tendo unha facturación conxunta estimada de 75.000 millóns de pesetas e crean 3.700 postos de traballo directos.

    Os matadeiros de avícolas da nosa Comunidade Autónoma son 17 e procesan anualmente 103.000 toneladas en canal das cales, aproximadamente, 10.000 toneladas terminan en industrias de transformación. 

    O sector cunícola conta con 4 matadeiros. Estes representan 5.500 toneladas en canal por ano, case o 44% desta cantidade termina en industrias de elaboración.

    Matadeiros de gando de abasto existen 65. Destes 25 son privados e o resto son titularidade de concellos e mancomunidades. Neste tipo de matadeiros procésanse anualmente 62.000 toneladas de canal bovino, 90.000 toneladas de canal porcino e arredor das 600 toneladas entre ovino e caprino. Do total, o 39% do porcino e o 9% do bovino dedícase á transformación.

    As industrias de transformación cárnica compóñense de salas de despece, secado, xeración, e elaboración de productos transformados cárnicos.  En total existen en Galicia 80 instalacións destas características, a maioría de reducida dimensión.

4.3 INDUSTRIA VÍNICA

    Na comunidade galega a industria vínica representa o 4,22% da producción da industria agroalimentaria (IAA), actividade que supón un 6,2 da española, no ano 1997. A facturación do sector vinícola foi de 15.546 millóns de pesetas.

    En Galicia hai 327 establecementos industriais dedicados a  transformación de uva que dan emprego a 1.500 persoas. O 71,5% dos establecementos céntranse nas provincias de Ourense e Pontevedra, sendo  A Coruña a de menor peso con 36. É unha característica xeneralizada en toda a Comunidade o pequeno tamaño das mesmas xa que o 86% do total son industrias  de entre 1-5 traballadores. O peso do sector do viño por provincias en canto a número de establecementos era do 16,5% na Coruña, do 33,14% en Lugo, 66,6% en Ourense e do 45,4 % en Pontevedra no ano 1997. Aínda sendo unhas porcentaxes elevadas, só supoñen o 10% do total de empregos agroindustriais.

    En Galicia existen 441 instalacións vinícolas das que o 60% están nalgunha D.O.

    O rexistro de empresas embotelladoras rexistra un total de 725, das cales 6 se dedican ó envasado ou embotellado de augardentes e o resto a viño, delas son embotelladoras 644 e 71 envasadores. A discrepancia entre datos do Directorio da Agroindustria e do Rexistro de Envasadores e Embotelladoras débese fundamentalmente á falta de actividade de moitas delas.

    As bodegas acollidas a D.O. son 142 en Rías Baixas, 81 en Ribeiro, 52 en Ribeira Sacra, 48 en Valdeorras e  8 en Monterrei.

    As entidades asociativas agrarias, cooperativas e SAT, supoñen un pequeno número, 7 son cooperativas e 10 SAT. Aínda sendo poucas en número as cooperativas teñen un peso moi importante dentro da zona de producción amparada por D.O. Alcanzan o maior peso no Ribeiro onde a cooperativa existente comercializa o 50% da producción, sendo á súa vez a maior bodega de Galicia baixo D.O. En Rías Baixas dúas cooperativas comercializan da orde do 25% da producción da zona sendo as dúas bodegas máis importantes dentro da zona. En Valdeorras tres cooperativas son as comercializadoras de gran parte da producción sendo á súa vez as maiores bodegas da zona.

    A agroindustria vínica presenta un alto grao de tecnoloxía, moitas destas bodegas foron creadas na última década e as existentes sufriron un amplo proceso de modernización nos últimos anos. Na actualidade o ritmo de implantación de bodegas novas diminuíu e os investimentos céntranse en melloras das instalacións existentes. Os investimentos levados a cabo polo sector nos tres últimos anos supuxeron 2.260 millóns de pts. das que o 75% foron para mellora de instalacións e o resto para creación de novos establecementos. Estes investimentos supoñen o 13,5% das efectuadas na agroindustria neste último trienio.

    Os establecementos da agroindustria vínica teñen unha capacidade instalada para 900.000 hl/ano.

 

4.4 INDUSTRIAS DE ALIMENTACIÓN ANIMAL

    Durante os últimos anos, a presencia cada vez máis intensa de grupos agroindustriais de nivel nacional e internacional en Galicia axudou á industrialización deste sector. En 1995, facturou aproximadamente 53.000 millóns de ptas. A principal estratexia competitiva no sector da alimentación animal baséase no prezo. En 1997 existían 94 empresas que se dedicaban á fabricación de productos para alimentación animal, as cales creaban aproximadamente 1.100 empregos directos. A competencia encóntrase moi atomizada xa que existe un gran número de competidores de pequeno tamaño, 59 das 94 empresas no sector de pensos tiñan menos de 10 empregados en 1997. A Coruña é a provincia que conta co maior número de empresas de fábrica de pensos con 45 mentres que Ourense é a provincia co menor número con só 3. Deberían existir iniciativas para a reestructuración do sector, centrándose nunha dimensión axeitada, isto conlevaría uns mellores custos para o productor co conseguinte beneficio de prezos finais para o consumidor.

    Os productos de maior peso, tanto economicamente coma a nivel de producción, son os pensos para aves, porcino e vacún de leite.

    O mercado de pensos en Galicia pode dividirse principalmente en dous grupos: cooperativas e privados.

    En 1995 as empresas privadas produciron o 54% do total de pensos en Galicia mentres que as cooperativas representaron o 46% restante. Nese mesmo ano, a maior cantidade de penso fabricado foi de tipo avícola, seguido de penso para vacún de leite e porcino.

    En 1997, o gasto en pensos para o gando era o maior fóra do sector agrícola con 38.999,1 millóns de ptas. ou o 36% dos gastos fóra do sector.  En 1997, o 82% do gasto total en pensos compoñíano o penso para porcino (34,1%), para aves (33,4%) e para vacún (14,5%).

    A maioría das cooperativas galegas céntranse na producción de pensos para vacún de leite mentres que as empresas privadas se concentran máis na elaboración de comida para aves e porcino.

    El mercado para los productores de piensos gallegos es regional. É dicir os seus principais competidores e clientes encóntranse en Galicia. Probablemente, nos vindeiros anos, a causa da guerra de prezos e para conseguir economías de escala, este sector verase inmerso nunha fase de concentración (fusións e adquisicións) para conseguir tamaño e poder competir eficazmente. A causa do pequeno tamaño das empresas, estas non teñen o potencial para vender fóra de Galicia. Os mercados naturais para as empresas galegas de pensos que sobrevivan ó proceso de concentración son as zonas próximas a Galicia, como pode ser Portugal.