V. COMERCIALIZACIÓN AGRARIA

5.1 A SEGURIDADE ALIMENTARIA

    A Comisión Europea adoptou un “Libro Branco sobre a Seguridade Alimentaria”. Trátase de promover a seguridade dos consumidores a través do establecemento dunha normativa e dun sistema de seguridade a nivel internacional para toda a Unión Europea.

    As iniciativas máis importantes a poñer en práctica son:

1.- A creación dunha Autoridade Alimentaria Europea, baseada nos principios de independencia dos intereses industriais e políticos, garantía científica recoñecida traballando en estreita colaboración cos comités científicos dos EE.MM. e cunha total transparencia.

2.- Desenvolver unha lexislación sobre Seguridade Alimentaria nos EE.MM. que sexa coherente. Concretaranse principios tales como:

    • A responsabilidade dos fabricantes dos alimentos para animais, dos productores agrícolas e dos             operadores do sector alimentario.

    • A trazabilidade dos productos destinados á alimentación humana e animal, e dos seus ingredientes.

    • A análise adecuada dos riscos para a avaliación dos mesmos, a súa xestión e a comunicación dos mesmos.

    • A aplicación chegado o caso do principio de precaución.

3.- Para o control da aplicación da lexislación disporase dun texto lexislativo que refunda as diferentes disposicións en materia de control. Terase en conta o principio segundo o cal tódolos elos da cadea alimentaria deben ser obxecto de controis oficiais. Imporase un cadro comunitario de sistemas de control nacionais o que mellorará a calidade dos controis a nivel comunitario e elevará o nivel de seguridade alimentaria no territorio da Unión Europea. Este cadro comprenderá tres elementos de base:

    • Criterios operativos definidos a escala comunitaria.

    • Orientacións comunitarias en materia de control.

    • Unha maior cooperación administrativa na concepción e a xestión dos sistemas de control.

4.- Búscase unha participación dos consumidores a través das súas asociacións na nova política comunitaria de seguridade alimentaria. Así mesmo preténdese informalos dos problemas que poidan xurdir dentro da Comunidade e dos riscos de certas categorías de alimentos. Presentaranse novas propostas sobre etiquetado.

5.- Estas actuacións terán unha dimensión internacional, xa que a Comunidade é o maior importador/exportador mundial de alimentos. As actuacións deberán explicarse ós nosos socios comerciais e deberá desenvolverse un papel activo para a divulgación nos organismos internacionais das medidas adoptadas tendentes a garantir a seguridade alimentaria.

5.2 A CALIDADE ALIMENTARIA

    A calidade alimentaria articúlase ó redor de tres grandes obxectivos:

    • Asegurar a variedade da producción.

    • Representar unha vía para a representación empresarial

    • Permitir a potenciación de productos propios, ligados á nova idea de gastronomía na que se inclúe o concepto de patrimonio cultural.

    O regulamento aprobado pola CE establece distintas figuras ligadas ó concepto calidade: Indicación Xeográfica Protexida, Denominación de Orixe Protexida e Certificación de Especificidade.

    Galicia dispón na actualidade de seis Denominacións de Orixe: cinco corresponden a viños -Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra e Val de Monterrei- e unha a queixos -Tetilla. Ademais ten dúas denominacións específicas -Tenreira Galega e Augardente de Galicia. Disponse igualmente de seis Denominacións de Calidade -Queixo de Ulloa-Arzúa, Queixo de San Simón, Queixo de Cebreiro, Pataca de Galicia, Mel de Galicia e Lacón Galego.

    Á marxe das denominacións recoñecidas a nivel nacional desenvolveuse o programa “Galicia Calidade” co fin de preservar a calidade e a orixe dos productos tradicionais, tipificalos, mellorar a súa calidade e fomentar a súa industrialización na mesma comarca de orixe.

    Tódolos esforzos que se fagan pola calidade no sector agroalimentario son fundamentais xa que as dimensións do noso sector e a calidade e tradición dos nosos procesos productivos o aconsellan para a súa diferenciación e mellor venda.

5.3 A DISTRIBUCIÓN ALIMENTARIA

    Os establecementos dedicados á venda de productos de alimentación poden clasificarse en cinco grandes categorías, en función da superficie de venda e o número de caixas:Menos de 2500 m e 1-2 caixas

    As principais tendencias que se obteñen no sector da distribución son as seguintes:

- Aumento na concentración do sector. Esta centralización nos países da Unión Europea aínda é superior.

 - Desenvolvemento das centrais de compra.

- Aumento da participación estranxeira, a través de empresas multinacionais, que controlan máis do 21% das vendas do sector.

- Diminución do número de puntos de venda, fundamentalmente pola diminución de tendas tradicionais.

- Cambios na distribución do volume de vendas por tipo de establecementos; as tendas tradicionais continúan perdendo cota de mercado a favor dos hipermercados; as demais manteñen a súa tendencia salvo os super pequenos.

    Vexamos agora a relación entre as empresas de alimentación e a distribución dende dúas perspectivas:    

 

 

 

   

 

 

 

 

 

 

1.- Poder negociador das empresas de alimentos frente á distribución.

    A negociación entre os distribuidores e os fabricantes abarca os seguintes conceptos: Precio, prazo de entrega, volume de compra anual, prazos de pago e atípicos.

    O poder da empresa do sector frente á distribución depende o tamaño da mesma e da importancia e do prestixio da marca do fabricante.

    Unha familia de productos nun liñal está representada por cinco marcas diferentes.

    O proceso de concentración que está a sufrir a distribución en España aumentou o poder negociador do distribuidor frente ó fabricante, caracterizado, xeralmente, por a súa atomización.

    Un dato importante a destacar é a negociación do pago, de forma que se impoñen formas de pago que superan os 180 días. Esto permite á distribución obter unha financiación para a súa propia expansión e para invertir na súa carteira de valores. Coma consecuencia diso as empresas do sector vense obrigadas a soportar uns enormes custos financeiros e unha elevada tasa de riscos derivados da suspensión de pagos dalgúns dos seus clientes.

2.- A colaboración entre o sector da distribución e as empresas do grupo é moi limitada, restrinxese a temas de marketing e de merchadising, e só nalgúns campos.

    Convén destacar nestes momentos que están aparecendo as marcas do distribuidor, que non son marcas brancas, senón que se posicionan como marcas con garantía de calidade, sendo propiedade do distribuidor e non do empresario de alimentación.