I.- INTRODUCCIÓN. ASPECTOS MACROECONÓMICOS DO SECTOR INDUSTRIAL.

    A industria ocupa un lugar cada vez máis relevante no contexto da economía de Galicia. Mediante a evolución da xeración do valor engadido bruto (Vab) apréciase, dunha forma sinxela, a crecente importancia deste sector.

    Durante estas dúas décadas, a actividade industrial pasou por múltiples circunstancias entre as que se ha de destacar o forte proceso de reconversión levado a cabo a mediados dos anos oitenta, sobre todo no sector da construcción naval, e a aguda crise sufrida entre 1992 e 1994, período no que a industria perde 28.300 empregos e o Vab chega a caer, no primeiro semestre de 1993, a unhas taxas superiores ó 2%. A pesar destas variacións conxunturais no gráfico 1 obsérvase que conforme transcorren os anos, o sector industrial absorbe unha porcentaxe maior do Vab xerado en Galicia e, o que é máis importante, a economía galega é, en termos relativos, máis industrial pola evolución que seguiu o propio sector, admitindo que un estancamento no sector primario incide positivamente nestes resultados.

    Se as estatísticas confirman que a industria desempeñou un papel destacado no crecemento do Vab galego nos últimos anos, tamén é certo que neste período non mellorou a súa posición no contexto da industria española. Certamente, a contribución galega ó Vab español decrece nos últimos vinte anos, pasando de representar o 6,5% do Vab español ó 5,5%. Tódolos sectores productivos creceron menos que en España agás algúns dos máis relevantes para a nosa economía: a minería non metálica, o sector químico, a fabricación de material de transporte, a alimentación e a confección.

    No gráfico 2 recóllese a evolución trimestral do ciclo económico dende o ano 1992. Neste gráfico compárase a industria coa construcción e os servicios. O resultado do exercicio é que o sector se moveu por zonas moi próximas á súa tendencia, a diferencia doutras actividades como a construcción, sector no que se observa unha gran volatilidade.  

    Se o comentado ata agora ofrece aspectos cuantitativos, non se ha de esquecer o papel que os desenvolvementos teóricos outorgan á industria nun sistema económico1. Aspectos como a capacidade que teñen os sectores industriais de inducción ó crecemento mediante os efectos de arrastre que se xeran, ou a capacidade de xerar innovación e de incorporar esas innovacións ós procesos e productos, son factores que se caracterizan como os eixes vertebradores do desenvolvemento económico.

    Contando co apoio da información existente na actualidade, o obxectivo último das seguintes páxinas consiste en detallar as perspectivas de desenvolvemento dos subsectores ou ramas industriais predominantes na economía galega. Comprobaremos como existen suficientes potencialidades para que a industria siga a ser, na próxima década, un dos motores desta economía. A exposición en tódolos subsectores realizarase, na medida do posible, mantendo unha estructura similar. Tras observar as características xerais de cada unha das ramas industriais, estudiarase a actual posición competitiva no contexto do mercado mundial. Finalmente comentaranse as expectativas existentes sobre a próxima década e, conclúese cun conxunto de recomendacións para o seu logro ou mellora.

    Baixo o prisma anterior, o relatorio que aquí se presenta sintetiza un conxunto de traballos elaborados por un nutrido grupo de especialistas a colaboración dos cales se indica nos pés de páxina de cada un dos epígrafes.


1 Local e Global, M. Castells (1998)