III.- O EMPREGO NA INDUSTRIA GALEGA. DOUS ESCENARIOS DE CREACIÓN DE EMPREGO.3

    No segundo trimestre de 2000, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) o sector industrial galego ocupaba a 174.200 traballadores. Finaliza así a década cun número de ocupados similar ó existente 20 anos antes. Neste período existiron fases de recesión e expansión pero nunca se chegou a alcanzar a cifra antes indicada. O acontecemento máis destacable foi a crise, xa citada, sufrida entre 1992 e 1994, período no que a industria perde 28.300 empregos como consecuencia do debilitamento da demanda interna e o incentivo dos empresarios a racionalizar o proceso productivo substituíndo man de obra. A partir de 1995 iniciouse unha etapa de recuperación. Debido, entre outras causas, á elevada perda de ocupados no sector primario (340.600 empregos destruídos entre 1980 e 1999), o peso do emprego industrial sobre o total vai aumentando lentamente pasando do 14,42% en 1988 ó 17,95 % en 1999.

    Esta evolución cíclica do emprego foi similar á da industria española, pero nesta economía a recesión empeza a notarse en 1991 e as perdas de ocupados foron tan importantes que non se recuperou nos anos posteriores. Ó contrario que Galicia, o emprego industrial en España nas dúas últimas décadas foi descendendo.

    A continuación preséntanse dous escenarios de creación de emprego cuns supostos de partida que son os que determinan os resultados obtidos.

    O primeiro escenario, ó que denominamos Optimista, fundaméntase en dar validez ó escenario macroeconómico previsto polo Goberno para o período 2000-03. Suponse:

* Un crecemento medio do PIB ó redor do 3,3% anual e un crecemento do emprego total do 2,2% cada ano porcentaxes de crecemento económico e emprego total que se manteñen ata o ano 2010.

* Calcúlase o peso medio do emprego en cada sector sobre o emprego total no período 1980-99. Desta forma a industria galega representa o 15,75% e se o exercicio se amplía ó sector da construcción, o peso medio sería de 9,13%.

    Os resultados desta análise, para Galicia e España, reflíctense no cadro 5.

    O cadro citado suxire, para o ano 2010, un incremento de 36.910 empregos netos, cifra que supón un 21,34% máis dos empregos existentes en 2000. Increméntase en case dous puntos porcentuais, respecto ó período 1980-1999, o peso medio do sector industrial sobre o emprego total durante o período de proxección.

    Na construcción, o incremento previsto do emprego, con respecto ó ano 2000 é de 21.400 postos de traballos netos, o que supón un 19,96% máis dos empregos existentes nese ano. Neste caso a taxa de variación anual media é do 1,87%.

    O segundo escenario, ó que denominamos Moderado, fundaméntase igualmente nas previsións do Goberno, pero máis reducidas, xa que se supón un crecemento medio do PIB do 3,0% e do emprego do 1,9% anual. Mantéñense os mesmos pesos medios do emprego que no escenario anterior.

    Os resultados, para a industria e a construcción, expóñense no cadro 6.

    O incremento de empregos netos industriais neste segundo escenario, con respecto ó ano 2000, é de 31.380, cifra que supón un incremento do emprego do  18,17%. Increméntase nun 1,73%, respecto ó período 1980-1999, o peso medio do sector industrial sobre o emprego total durante o período de proxección.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

    Na construcción, o incremento previsto do  emprego é de 18.190 postos de traballos netos, o que supón un 16,99% máis dos empregos existentes en 1999. A taxa de variación anual media é do 1,69%.


3 Este epígrafe redactouse seguindo o relatorio de Juan Carlos Collado: Emprego e valor engadido.