IV.- TENDENCIAS DE
ESPECIALIZACIÓN SECTORIAL, QUE SE OBSERVAN POLA CAPACIDADE DE APERTURA
Ó EXTERIOR, NO HORIZONTE DO 2010
Se coa análise input-output obtivemos unha fotografía, xa remota, sobre a configuración da economía galega, neste epígrafe analizarase sucintamente a evolución dos sectores industriais nas dúas últimas décadas, coa finalidade de que se unha rama industrial achega cada vez máis ó PIB rexional, se a productividade nesa rama crece, e, ó mesmo tempo, ese sector ten cada vez máis envorcada a súa producción cara ós mercados internacionais, sostense a tese de que no futuro (ata o ano 2010) o papel dese sector vai ser relevante.
Dos sectores que polas súas ligazóns clasificamos anteriormente como claves, dous aumentaron a súa participación no Vab conforme transcorrían as décadas, estes son Alimentación e Material de transporte. O crecemento máis rápido produciuse nun sector que definiamos como independente: Confección, aínda que ha de comentarse que a súa achega ó VAB pasa dun escaso 1% a principios dos oitenta, a un 2% a finais dos noventa, menos que outros sectores como a Minería. Nos restantes sectores a contribución ó Vab mantense, coma no caso da Enerxía, ou, decrece coma na Minería metálica.
Material de transporte (turismos e buques) e Alimentación son as dúas actividades nas que se concentra a corrente exportadora e onde as exportacións aumentaron de forma substancial nos últimos anos. Unha dinámica exportadora positiva tamén se encontra en Minerais non metálicos e os seus productos (rochas ornamentais), Confección, Industria química (alúminas) e Pasta de papel. Na evolución das exportacións apréciase unha drástica reducción do sector enerxético e do aluminio e, ó mesmo tempo, a vocación exportadora destes sectores corresponde cunha dependencia das importacións cada vez maior.
Os capítulos do arancel con maior valor nas exportacións, tamén o son nas importacións. Este denominado comercio intraindustrial converte a unha parte da industria galega en centros de síntese ou montaxe no que os bens intermedios proveñen, polo xeral, doutros lugares de Europa, fundamentalmente Francia e Portugal.
Se da análise sectorial se descende a un exercicio con 100 sectores comerciais os resultados reforzan as afirmacións anteriores.
O exercicio enfócase dende dous ángulos:
1.- Segundo o peso do sector sobre o total da exportación galega.
a) As exportacións medraron intensamente nos seguintes sectores:
* Automoción: De representar un 20% nos primeiros anos oitenta pasou a un 40% a finais dos noventa.
* Sector pesqueiro-conserveiro: Dun 7% pasa a un 15%.
* Confección: De non existir pasa a un 10%.
As exportacións creceron moderadamente nos seguintes sectores:
* Rochas ornamentais.
* Plásticos.
* Alúminas.
* Sector naval.
O feito de que os períodos productivos no sector naval sexan, por termo medio, dous anos, motiva que o seu peso varíe considerablemente dun ano a outro.
2.- Segundo o peso das exportacións galegas sobre as exportacións españolas dese mesmo sector.
Os resultados infórmannos da especialización relativa da exportación galega fronte á española.
* Galicia exporta a metade das exportacións de peixe e de conservas e esta especialización desenvolveuse intensamente nas dúas últimas décadas.
* De ser insignificantes, as exportacións de confección pasaron a representar máis dun cuarto da exportación española.
* Igualmente, incrementouse o peso das exportacións de: derivados da gandería e da alimentación animal; rochas ornamentais (en bruto e elaborado); madeira (producto natural e pasta de papel); alúmina.
Por último, ha de subliñarse que a exportación de automóbiles permaneceu estabilizada, con respecto a España, no 8% anual.
