V.-AS CARACTERÍSTICAS
ESTRUCTURAIS NA UNIÓN EUROPEA DOS SECTORES NOS QUE ESTÁ ESPECIALIZADA A
INDUSTRIA GALEGA.5
A análise realizada nos epígrafes anteriores revelounos que a economía galega
está especializada nos sectores que manteñen intensas relacións comerciais
coa UE. Nun traballo recente, o C.E.P.R. sinalaba as características
estructurais na UE destes sectores relevantes. Para iso servíase de sete
variables, as cales figuran recollidas no cadro 7.
A variable competencia mídese a través dun índice de concentración que pode
variar entre 0 e 0,5, de forma tal que cando o valor é 0 o mercado é
competitivo e conforme máis alto é o índice maior é o grao de monopolio. A
conclusión que se obtén é que, salvo no sector da automoción, as restantes
actividades corresponden a sectores moi desconcentrados, onde existen multitude
de empresas no contexto da UE, onde é fácil a primeira instalación e, por
tanto, non existen barreiras á entrada.
O valor medio do cociente valor engadido/valor total na UE é 0,36. No cadro obsérvase
como dos sectores nos que Galicia está especializada só igualan ou superan esa
media sectores cun alto contido extractivo.
As tres seguintes variables recollen a descomposición do VAB en capital,
traballo cualificado e non cualificado. No cadro obsérvase como en 5 sectores o
traballo non cualificado supera o 30%.
Neste contexto, por economías de escala enténdese
a porcentaxe de incremento nos custos derivados dunha reducción do 50% na
producción. Salvo en automoción, nos restantes sectores no se obteñen aforros
substanciais en custos nos incrementos na producción.
Finalmente, a última columna sintetiza nun índice as barreiras non arancelarias existentes. A conclusión que se obtén é que estas barreiras son moi importantes en sectores que se desenvolveron intensamente nas últimas décadas ou que son tradicionais na economía galega como a construcción naval.
Como corolario, da visión en conxunto dos sete indicadores resulta que Galicia está especializada en produccións sen barreiras á entrada, nas que a man de obra cualificada é intensiva, xeradoras de pouco valor engadido, nas que non son excesivamente relevantes as economías de escala e nas que existen significativas barreiras non arancelarias. Por todo isto é moi sensible ás produccións dos Novos Países Industriais e no actual contexto de liberalización do comercio mundial cabe a posibilidade da existencia de choques asimétricos que afecten de forma negativa á súa estructura económica.
5 Este epígrafe desenvólvese seguindo o Informe realizado por Julio G. Sequeiros Tizón, o cal á súa vez obtén a información de: Allen, C., Gasiorek, M. e Smith, “Trade creation and trade diversion” en The single market review. Comisión europea e C.E.P.R. Bruxelas, 1997