VI.- ENCADRAMENTO SECTORIAL DA INDUSTRIA GALEGA.

    A literatura ofrece múltiples clasificacións sobre os sistemas industriais. Ultimamente, o concepto de sector púxose en cuestión xa que as análises artéllanse ó redor de conglomerados, agrupacións, etc. que engloban en parte ou en todo a un ou varios do que tradicionalmente se denominan sectores ou ramas económicas. Así, xorden, e Galicia non quedou allea do seu estudio, as análises sobre os clusters entendidos estes como o conxunto de industrias que aínda pertencentes a sectores económicos diferentes dirixen a súa producción cara a un único cliente común, polo que habitualmente se enfrontan a problemas similares.

    O presente relatorio debería asumir este último reto pero, co fin de simplificar a exposición, tómase como unidade o sector industrial tal e como vén definido na Clasificación Nacional de Actividades Económicas a dous ou tres díxitos segundo o caso. Non obstante, nos comentarios que se realicen non hemos esquecer o conglomerado ou cluster ó que teoricamente pertence.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   

 

   Co apoio da análise input-output identificaramos os sectores clave da economía no ano 1990 segundo o nivel e intensidade das ligazóns intersectoriais e a súa presencia na economía de Galicia. Con datos máis recentes, indicabamos a composición interna do sector industrial, a súa evolución e o seu grao de apertura; isto último permitíanos detectar os sectores de carácter aberto. En varias das monografías que se sintetizan neste relatorio, propoñíanse consideracións de diversa índole para caracterizar e seleccionar os sectores económicos que deberían merecer un estudio pormenorizado. Igualmente, nun estudio preliminar, destinado a facilitar a discusión do que máis tarde foron os Acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia firmados pola Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos CC.OO. e UGT, en 1998, propoñíase a utilización conxunta de varios criterios para seleccionar os sectores, complexos o agrupamentos na industria galega. Daqueles posibles criterios de clasificación, todos eles válidos, elixíronse os seis seguintes:

1. Carácter aberto ó exterior ou orientación á demanda interna de Galicia: Sectores “abertos” vs. Sectores “internos”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

2. Grao de dependencia da base de recursos naturais ou de carácter inmóbil particular de Galicia. Sectores de localización condicionada vs. Sectores de localización libre.

3. Funcións que desempeñan os sectores dentro do funcionamiento do  sistema productivo de Galicia.

4. Nivel e intensidade das ligazóns intersectoriais.

5. Grao de importancia dentro da estructura productiva de Galicia.

6. Grao de difusión ou polarización no territorio de Galicia

    A nosa selección sectorial intentou recoller os cinco primeiros criterios, non así o último, que obedece a principios territoriais, cuestión que non foi abordada neste traballo.

    Seguindo os criterios seleccionados, nos epígrafes seguintes distínguense, en primeiro lugar, os sectores relevantes que atenden ó carácter de sector aberto xunto co feito de que dependan ou non dos recursos naturais galegos. En cada un destes grupos avaliouse a incidencia dos tres criterios restantes.

   En segundo lugar estúdianse os sectores industriais que atenden ó criterio de sector interno e, igualmente, que dependan ou non dos recursos naturais galegos.

VI.I.- SECTORES ORIENTADOS Ó EXTERIOR E DEPENDENTES DOS RECURSOS NATURAIS GALEGOS. ESTRATEXIAS E EXPECTATIVAS PARA A PRÓXIMA DÉCADA.

    As agrupacións básicas da economía galega, segundo os criterios antes sinalados, serían: a pedra natural; a industria da madeira; e o sector transformador e conserveiro de productos do mar.

    Máis complicada foi a ubicación do sector do aluminio, actividade que finalmente se situou noutro epígrafe anque se ben depende da bauxita (inexistente en Galicia), absorbe unha cantidade considerable de enerxía eléctrica.

VI.I.I.- A pedra natural6.

VI.I.I.I. Consideracións xerais.

    No relativo ó sector da pedra natural, Galicia ten un lugar relevante no conxunto español. Dentro do mesmo, faise necesario distinguir o segmento do granito do da lousa, ambos teñen problemas comúns pero tamén presentan singularidades.

    Dentro do segmento do granito é obrigado separar a extracción e comercialización do  granito bruto, con tendencia á baixa durante os cinco últimos anos, da industria elaboradora deste recurso.

    Este último subsegmento industrial, para o mesmo período, mostra un forte dinamismo, producíndose un considerable incremento do investimento privado, un alto grao de valor engadido ás materias primas galegas como consecuencia do  proceso transformador, unha forte xeración de emprego directo e indirecto e unha alta internacionalización no novo escenario da economía global. Para evidenciar o mencionado, cabe destacar o seguinte dato: un metro cúbico de granito elaborado alcanza no mercado exterior un prezo de venda de aproximadamente 212.000 pesetas, sendo para o granito en bruto de 42.000 pesetas. Adicionalmente a industria elaboradora, motivado pola demanda externa e interna, acudiu a novos mercados de materias primas, basicamente India, Brasil e Sudáfrica, procedendo á transformación das mesmas nas plantas situadas en Galicia co conseguinte efecto positivo sobre o noso tecido industrial, económico e social. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   O segmento da lousa caracterízase por unha forte vocación exportadora de manufacturas, moi focalizadas no mercado europeo e con pouco peso no mercado interior.

    Unha característica negativa deste sector, é a excesiva atomización do  mesmo. Na actualidade existen en Galicia 109 empresas graniteiras, extractoras e transformadoras, e 57 de lousa cunha facturación agregada de aproximadamente 50.000 e 34.000 millóns de pesetas respectivamente (56% e 79% da producción española respectivamente)7. Esta circunstancia ocasiona unha débil estructura empresarial que non permite innovar, e imposibilita desenvolver grandes proxectos no mercado internacional por falta de dimensión.

VI.I.I.II.Estado  do mercado mundial.

Como é coñecido, a pedra natural como manufactura é un material ligado ó sector da construcción e a evolución cíclica deste sector tradicionalmente é inestable.

   O mercado mundial do granito está moi concentrado. Os principais mercados mundiais, son os seguintes:

    En canto ó granito en bruto os principais importadores globais son Xapón, Italia, EE.UU., Alemaña e China (Hong Kong), alcanzando entre ambos aproximadamente un 70% das importacións totais. España alcanza unha cota de aproximadamente o 2,5% mundial como importador e do 7% como subministrador desta materia prima. Basicamente, os anteriores países absorben o 71% das importacións de granito elaborado, do cal o 62% procede de Italia e China. España só alcanza o 4,3% do comercio mundial tras Corea e Brasil.

    No caso da lousa, España e particularmente Galicia é, con gran diferencia, o primeiro país productor e exportador, seguido de Francia, Reino Unido e Alemaña. Os consumidores máis importantes son, Francia, Alemaña, España, Reino Unido e Benelux.

VI.I.I.III. Situación actual da industria galega no contexto español e no mercado mundial.

    Como se mencionou anteriormente, España e, por tanto, Galicia teñen cotas relativamente pequenas no mercado mundial. O sector extractor e transformador de granitos e lousas en España alcanzou un valor da producción en 1998 de aproximadamente 90.000 e 43.000 millóns de pesetas respectivamente. Sendo as exportacións globais de granito de aproximadamente 23.113 millóns de pesetas, correspondendo 7.451 millóns de pesetas a granito en bruto e 15.662 millóns de pesetas a granito transformado. Para a lousa as exportacións alcanzaron a cifra de 37.593 millóns de pesetas8.

    No caso galego durante 1999, as exportacións9 do  segmento graniteiro ascenderon a 14.047 millóns de pesetas, correspondendo 5.122 millóns a granito en bruto e 8.925 millóns a granito elaborado, respectivamente. Se analizamos a evolución do período 1995 a 1999, as variacións de crecemento acumulado son moi significativas a favor do subsector transformador cun incremento do  137,43% mentres que o sector extractor se reduciu nun 10,72%.

    O estancamento no comercio exterior da industria extractora está motivado por unha maior transformación interna das materias primas autóctonas co conseguinte incremento de valor, pola aparición de materiais substitutivos noutras partes do  mundo, e a lenta recuperación do efecto da crise asiática.

    Pola súa parte, o sector da lousa ten unha absoluta vocación exportadora cun peso moi significativo no mercado europeo e unha forte dependencia dos grandes distribuidores do sector da construcción que son os seus principais clientes. Durante 1999 as exportacións galegas ascenderon a 33.508 millóns de pesetas, correspondendo na súa totalidade a lousa elaborada. Se analizamos os datos referidos ó período 1995 a 1999, a evolución do  crecemento acumulado é significativa, alcanzando o 22%. no mercado interior empézase a consolidar unha pequena cota debido ó crecemento da vivenda unifamiliar de segunda residencia.

VI.I.I.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    En función dos datos analizados podemos afirmar que, en canto ó granito, a pesar de existir unha gran diferencia entre os principais subministradores mundiais, Italia e China, e os países que os seguen en importancia como subministradores, entre os que está España, o sector galego está nunha posición relativamente boa como provedor dos mercados mundiais, anque a unha gran distancia dos países punteiros. Esta circunstancia debería propiciar o deseño dunha estratexia que impulse o desenvolvemento do  subsegmento trasformador, sen descoidar as materias primas, pola contribución á xeración de valor engadido, co fin de gañar cotas do  mercado mundial ós actuais países líderes. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Para a lousa débese continuar incrementando a cota de mercado na zona euro, por ser o destino principal deste producto, e non descoidar a apertura de novos mercados e redes de comercialización propias para non ter tanta dependencia do mercado europeo e dos seus intermediarios.

    Estamos ante un sector moi novo pero con boas expectativas de futuro se observamos o dinamismo mostrado nos últimos anos. Para confirmar estas expectativas, consolidar este sector e aumentar a súa expansión no escenario internacional, proponse a adopción das seguintes medidas, válidas en termos xerais para os dous segmentos:

• Superar a actual atomización das empresas incrementando a dimensión das mesmas.

    Para isto, cumpriría realizar unha política de colaboración empresarial a través da formación de consorcios, basicamente enfocados ó mercado internacional.

    Adicionalmente débense realizar accións tendentes a lograr reestructuracións e concentracións empresariais, entrar en novos negocios relacionados con outras pedras naturais, areosas, mármores, etc.

• Seguir potenciando o desenvolvemento de infraestructuras básicas principalmente as ferroviarias e portuarias. Ambas teñen unha importancia substantiva no referente ós custos de aprovisionamento de materia prima e distribución das manufacturas do  sector.

• Adaptación das compañías á economía global, pasar de ser empresas importadoras de materias primas de terceiros países de grande interese comercial e exportadoras de manufacturas, a ser investidores directos e tomar posicións de control en recursos estratéxicos altamente demandados polos mercados e á súa vez abastecer o mercado interior destes países e as súas áreas máis próximas.

    O mencionado, non significaría minguar a capacidade productiva das plantas de transformación galegas, simplemente pasarían a ter un novo papel no contexto internacional especializándose na transformación de materiais europeos debido ás súas vantaxes competitivas en custos, localización, depósitos propios e diferenciados e saber facer acumulado.

    O subsector da lousa non ten actualmente dependencia da importación de materias primas de terceiros países, pero si podería ser interesante investir en depósitos existentes que aínda non están estudiados suficientemente en canto á súa capacidade de explotación e recoñecemento comercial polos mercados. Se estes estudios fosen exitosos xustificaría a transformación destes recursos nos países productores.

• Potenciar a formación profesional dos traballadores actuais e futuros do  sector. Fomentar a formación dun novo perfil empresarial e directivo enfocado a manexarse nun contorno máis aberto, internacional e competitivo.

• Desenvolver, conxuntamente os sectores empresariais implicados e os investigadores, políticas de investigación, desenvolvemento e innovación tendentes á consecución de novos productos, procesos e tecnoloxía propia.

• Articular políticas para fomentar a localización próxima das principais empresas subministradoras de inputs ó sector e fomentar actividades posteriores que incrementen a formación  de valor engadido.

• Lograr un aproveitamento racional dos recursos respectando o medio ambiente. Débese desenvolver un pacto ambiental entre o sector e a Administración para establecer con claridade as zonas nas que razoablemente se poidan extraer os recursos. Realizar accións tendentes a minimizar o impacto visual e ambiental tanto na fase de explotación coma ó esgotarse a explotación dos materiais.

• Incentivar e acometer os cambios tecnolóxicos necesarios, en sistemas de información e comunicación, que sirvan de soporte para afrontar novas formas de comercialización que están xurdindo no mercado mundial, altamente competitivo e moi aberto a novas oportunidades de negocio.

Estamos ante un sector novo, dinámico e con grandes posibilidades de futuro, pero que deben afrontarse, cunha visión ampla, con capacidade de adaptación e xestión de novos escenarios que xurdirán nun mercado cambiante.

VI.I.II.- A industria da madeira.10

VI.I.II.I. Consideracións  xerais

A orientación deste epígrafe non é homoxénea á dos outros sectores, xa que nos referiremos á cadea de actividades da madeira, as cales van dende a actividade forestal, a industria de primeira e segunda transformación e a actividade de comercialización. No sector industrial incluiríanse: o serradoiro, a chapa e o taboleiro, o papel e o cartón, a carpintería e o mobiliario.

A actividade industrial conta en Galicia con 3.000 establecementos, dá emprego directo a 17.000 personas e factura 220.000 millóns de pesetas ó ano. Como xa se indicou anteriormente, a actividade ten un interese estratéxico, pero este interese amplifícase cando outras zonas de menor tradición madereira e recursos, con políticas activas de desenvolvemento, lograron multiplicar por tres o emprego. Estamos, por tanto, ante un nicho de emprego que, en Galicia, non conseguiu desenvolver toda a súa potencialidade.

VI.I.II.II. Estado do mercado mundial

Os productos forestais alcanzaron en 1997 un volume de comercio internacional superior ós 140.000 millóns de dólares. Os principais exportadores son Canadá, EE.UU., Indonesia e algúns países da UE. EEUU é tamén o principal importador, seguido de Xapón, China e algún país da UE.

A UE experimentou un importante aumento no peso na producción mundial, sobre todo en madeira en rolo, pero é unha zona moi deficitaria e necesita de fortes importacións para satisfacer o seu consumo.

VI.I.II.III. Situación actual da industria galega no contexto do  mercado mundial.

    A actividade productiva realizada en Galicia representa ó redor dun tercio da producción española. Salienta a industria do taboleiro (60% da producción nacional) e as tallas de madeira e madeira serrada (40%). Pola súa parte, a producción española é aproximadamente o 5% da producción da UE.

    Segundo as estimacións do CIS da Madeira só é obxecto dunha segunda transformación en Galicia, o 10% da madeira serrada, o 11% do  taboleiro en chapa e o 5% da pasta. Toda esta información revela unha certa incapacidade da economía galega para completar os ciclos productivos e potenciar aqueles segmentos da producción que incorporan un maior valor engadido.

VI.I.II.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    As expectativas sobre a evolución do sector na próxima década son optimistas, sobre todo se se teñen en conta as tendencias que se observan no mercado mundial. En toda a cadea da madeira estas tendencias apuntan cara a un crecemento. Con todo, o sector en Galicia arrastra certos problemas estructurais que frean o seu potencial desenvolvemento.

    As dificultades xa xorden nas explotacións forestais, as cales se han de reorientar de tal xeito que a súa producción satisfaga as demandas da industria da transformación.

    Como sucede en practicamente tódolos sectores, a excesiva atomización resta competitividade. O fomento á cooperación entre empresas da mesma actividade o con produccións complementarias permitiría unha maior capacidade competitiva nos mercados internacionais, á vez que favorecería a innovación, as actividades de promoción, etc.

    A deficiente formación na xestión e no ámbito operativo é outro lastre no desenvolvemento do sector. Éste precisa que se cambien os modos e actitudes directivas, ó mesmo tempo que se deben buscar novos sistemas de xestión. Igualmente requírense accións de formación a tódolos niveis.

    A especialización en productos maduros, intensivos en man de obra non cualificada, e en mercados rexionais teríase que corrixir cun impulso á innovación.

    Por último, ha de subliñarse a necesidade, xa comentada, de pechar o ciclo da madeira, con novos investimentos e novas actividades (especialmente na industria do moble) e a difusión dunha verdadeira cultura da madeira na Comunidade Autónoma.

VI.I.III.- Sector transformador e conserveiro de productos do  mar.11

VI.I.III.I. Consideracións  xerais.-

    Das 134 plantas activas existentes en España fabricantes de conservas e semiconservas de peixe e mariscos, en 1999, localízanse 56 en Galicia. Conforme transcorreu a década actual foi mellorando unha das características estructurais que freaban o seu desenvolvemento: a atomización. Como consecuencia, as plantas actuais teñen unha maior dimensión, o que favorece a súa competitividade. Proba disto é que as 56 plantas actuais ocupan a 12.150 traballadores (representa o 79% do  total do  sector en España) polo que a dimensión promedio é de 217 ocupados, cifra moi superior á de calquera outra Comunidade española. A modo de exemplo, Cantabria conta con 42 plantas, pero a dimensión promedio é de 30 traballadores.

    A producción galega representa aproximadamente o 80% da producción española.

    O sector de conservas de peixes e mariscos e semiconserva de anchoa como sector estratéxico en Galicia, estructúrase con seis empresas líderes que facturan por riba dos 10.000 millóns de pesetas, logo unha franxa de 8 a 10 establecementos cunha facturación superior ós 2.500 millóns de pesetas e as restantes son empresas de menor tamaño cunha facturación agregada que non alcanza o 20% da facturación total. A separación dos tres grupos en canto as estratexias empresariais é cada vez maior.

    O sector de conxelados segue unha estratexia diferente. O grupo líder galego por facturación é Pescanova, o cal ten unha cota de mercado  do 40%  en España e do 50% en Portugal. Exporta o 47% da súa producción. O sector hai anos, e fundamentalmente nesta última década seguiu un proceso de internacionalización, competitividade e operatividade. Ó mesmo se lle dedica atención no relatorio de Pesca.

    Ante o gran peso da industria galega no contexto da industria española, a evolución deste sector en España con respecto á industria alimentaria española é un fiel reflexo da evolución da industria galega. Os datos, segundo Anfaco, que revelan a dinámica do  sector no período 1995-1998 son:

• Mentres as vendas netas de transformados de peixe aumentaron un 29,8%, as do  total da industria alimentaria fixérono nun 13,1%.

• O gasto, en valor, en materias primas creceu un 33,7%.

• O número de ocupados incrementouse nun 29,6%.

• O investimento en activos fixos incrementouse un 71,2%.

• A taxa de paro pasou do  26,3% en 1995 ó 11% en 1999.

• As exportacións aumentaron un 69,7% fronte ó total do sector que o fixo nun 53,1%.

• As importacións aumentaron un 25%, o que representa o 2,9% de todo o sector agroalimentario español.

• A taxa de cobertura (porcentaxe de exportacións sobre importacións) pasou do 115,4% en 1995 ó 156,6% en 1998.

    Por todo o comentado que se resume no importante tamaño das empresas, o efecto de arrastre que xera (lembremos que segundo a táboa input-output existían ligazóns cara adiante e cara atrás), a súa capacidade de creación de emprego, etc., esta industria ten unha enorme importancia socioeconómica en Galicia.

VI.I.III.II. A industria conserveira galega no contexto mundial.

    A evolución e a situación actual do mercado mundial son factores básicos para este sector xa que non en van Galicia é a primeira rexión productora da UE e unha das dúas zonas máis importantes a nivel mundial.

    Galicia ten que competir con países en vías de desenvolvemento, con custos laborais máis favorables, pero ten vantaxes que permiten albiscar o horizonte cun certo optimismo. Estas son:

• A súa localización xeográfica permítelle un acceso privilexiado a determinadas especies mariñas.

• A aposta pola calidade, fronte ó producto de custo baixo, permite gañar cotas de mercado dende o momento que se detecta unha maior sensibilidade social cara á calidade.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  • Unha boa acomodación á normativa técnico-sanitaria e de aseguramento da calidade da UE, o noso principal mercado. Isto crea unha barreira non arancelaria fronte ós países que fabrican cun menor custo.

• Existencia dunha boa industria de fabricantes de bens de equipo para o sector e de servicios frigoríficos e de instalacións especializadas, que potencian a competitividade.

    Fronte a estas e outras vantaxes obsérvase desgraciadamente que en moitas ocasións este sector que evolucionou dende a tradición dos seus productos pero adecuándoos á modernidade mediante investimento en tecnoloxía, utilízase como moeda de cambio en acordos bilaterais ou multilaterais con países de interese para a UE. Co fin de favorecer o desenvolvemento económico de determinados países, desvirtúanse as condicións de competencia do  mercado, mediante actuacións de desequilibrio para o sector. No futuro é previsible que continúe esta tendencia debido á mundialización polo que se deben buscar as estratexias adecuadas para ser cada vez máis competitivos.

    A importancia que o sector exterior ten para a industria de conservas de peixe apréciase no feito de que mentres en 1999 a producción foi, en España, de 240.652 Tm., exportáronse 97.658 Tm., volume que representa un 40,6% da producción total.

    O producto estrela é o atún (50.723 Tm. exportadas) e o noso mercado, como diciamos anteriormente, é a UE que representa máis do  80 % das exportacións. Italia é o principal país, seguido de Francia, Portugal, Reino Unido e Alemaña. No continente africano hanse de destacar as exportacións a Libia e, finalmente, tamén son significativas as vendas a EE.UU.

    A industria transformadora de productos da pesca e da acuicultura no mercado mundial enfróntase co problema das marcas brancas no que a principal arma é o prezo. Isto esixe a incorporación de novos productos cun maior valor engadido e diferenciados, debendo apoiarse cada vez máis as marcas propias das empresas.

VI.I.III.III. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións

    A propia dinámica do  mercado levou a corrixir a grande atomización existente no sector e permitiu adoptar os empresarios dos grupos líderes de estratexias que garantan a participación con éxito do sector conserveiro no mercado mundial. Varias destas estratexias, que en principio puideran ser criticadas, en canto supoñen un abandono da producción en Galicia proporcionaron vantaxes competitivas para o sector galego. É o caso da “deslocalización” ou o investimento productivo en terceiros países. O argumento é semellante ó que o se realizaba na análise do  sector da pedra natural, no sentido de que isto non debería minguar a capacidade productiva das plantas de transformación galegas, se non que estas teñen un novo papel no contexto internacional especializándose na transformación daqueles productos que por custo, proximidade, etc. as fan máis competitivas. Ademais, no caso da industria conserveira os investimentos exteriores van máis aló, xa que aseguran o abastecemento de materia prima para a industria galega e abordan os problemas de comercialización nos mercados locais. Por todo isto, a primeira recomendación que cabe formular é a de non só intentar incrementar o comercio exterior senón tamén beneficiar o investimento en terceiros países.

    Parellamente existe a necesidade de seguir incentivando ó sector mediante axudas á renovación e modernización apoiados na I+D+I.

    Unha vantaxe competitiva foi, e debe seguir profundizándose nisto, a capacidade de integración vertical das empresas, no sentido de que se dotaron con flotas propias para garantirse o subministro de materias primas. Esta estratexia foi positiva e debería incentivarse.

    Outros factores que garantirían unha evolución crecente no sector refírense á innovación, ó capital humano e á dimensión. En canto a esta última, lembremos que a facturación en 1998 da empresa líder no subsector de conservas de peixe era de 28.000 millóns de pesetas, cifra, anque importante, moi afastada das grandes multinacionais do  sector alimentario. A adquisición dunha maior dimensión beneficiaríase das economías de escala e resolveríanse con éxito certas estratexias que doutro modo habería que realizalas mediante a cooperación entre empresas.

    En canto ós recursos humanos detéctanse certos déficits tanto pola escasa presencia de técnicos e licenciados a nivel directivo funcional coma carencias formativas a nivel intermedio debido á mellorable presencia de especialistas en FP. Por iso, a necesidade dunha formación adecuada é necesaria para dispoñer de emprego de calidade.

    Por último, a innovación ha de abarcar tódolos niveis. Dende as técnicas de producción, a diversificación do producto, a distribución, a diferenciación, etc. Neste ámbito preséntanse como primordiais estas cuestións:

• Os Centros Tecnolóxicos privados sectoriais deben desempeñar un papel fundamental de interrelación entre as empresas e a innovación e tecnoloxía, polo cal deberían ser apoiados como elementos dinamizadores da competitividade das mesmas, debendo buscarse nisto, eficiencia, unha estructura sólida e unha visión de rendibilidade e confidencialidade sobre as necesidades das empresas.

• Defensa dunha política de calidade para lograr un producto de alto valor e diferenciado do dos competidores de terceiros países.

VI.II.- SECTORES ORIENTADOS Ó EXTERIOR E INDEPENDENTES DOS RECURSOS NATURAIS GALEGOS. ESTRATEXIAS E EXPECTATIVAS PARA A PRÓXIMA DÉCADA.

    Os sectores relevantes neste grupo son a automoción; a construcción naval; a confección en serie de prendas de vestir, sector ó que nos referiremos exclusivamente como confección, a alta tecnoloxía e o aluminio.

VI.II.I.- A automoción12.

VI.II.I.I. Consideracións  xerais.

    A industria da automoción é, con diferencia, a máis importante de Galicia. Representa o 12% do PIB galego cunha cifra de negocios de máis de 600.000 millóns de pesetas, emprega directa e indirectamente cerca de 30.000 persoas e representa máis do 50% do total das exportacións de Galicia.

    O Centro de Vigo do grupo PSA Peugeot Citroën é a plataforma clave sobre a que xira todo o sector. Emprega 10.600 persoas directas, produce 435.000 vehículos ano e 42.000 coleccións CKD, factura 415.000 millóns de pesetas, traballa a tres quendas 253 días ó ano, terminando 1.800 vehículos día e 200 coleccións CKD día, e inviste uns 25.000 millóns de pesetas ano. En 1999 o 20% de toda a carga que se moveu no Porto de Vigo dependeu desta planta. Ademais exporta o 83% da súa producción.

    Ó redor desta planta formouse un importantísimo “cluster do automóbil” (CEAGA) que agrupa a 51 empresas do sector de compoñentes. Anque estas empresas destinan aproximadamente o 60% da súa producción ó Centro de Vigo PSA Peugeot-Citroën venden a outras plantas nacionais e estranxeiras. Estas industrias ocupan máis de 8000 empregos directos, teñen unhas vendas de 205.000 millóns de pesetas, e invisten 7.000 millóns de pesetas anuais. Tódalas empresas que forman parte do cluster están certificadas segundo as normas de calidade ISO 9001, ISO 9002 e ISO 14001 de xestión medioambiental.

    As once empresas máis importantes deste sector, con facturación de máis de 5.000 millóns de pesetas: Dalphi metal (33.000), GKN-Indugasa (26.000), Silenciadores PCG (17.000), Visteon (16.300), Cablinal (15.300), Allibert (15.000), Labauto (11.350), Viza (11.200), Copo (6.300), MGI-Coutier (5.500), e Estampacións Noroeste (5.000).

    Estas cifras dan unha idea clara do enorme peso deste sector dentro da economía de Galicia e da importancia que vai ter para o futuro económico da rexión.

VI.II.I.II. Situación do mercado mundial

    A tendencia do mercado do automóbil é cara a unha forte concentración. Nos últimos tres anos alcanzáronse cifras de adquisicións e fusións de centenares de miles de millóns de dólares. Na actualidade hai 12 compañías con 60 marcas que venden o 90% dos vehículos do mundo.

    Destas hai só catro grandes empresas que producen entre 4 e 5 millóns de automóbiles cada unha ó ano: General Motors, Ford, Toyota e Volkswagen. Despois hai 5 medianas que se sitúan entre os dous e tres millóns de vehículos: Dimler-Chrysler, Renault-Nissan, PSA, Fiat e Honda. As  tres restantes xa son pequenas e oscilan entre os quiñentos mil e o millón e medio: BMW, Hyundai,  Kiay, Daewoo (en quiebra).

    General Motors absorbeu a Suzuki, a Saab e se quedará con parte do quebrado Daewoo. Ford absorbeu a Mazda, a Volvo e a Land Rover, e aspira a parte de Daewoo. Volkswagen a Skoda, a Daf, a Rolls Royce-Bentley e Lamborghimi. Toyota a Daihatsu. Renault a Nissan; Daimler-Benz a Mitsubishi e Chrysler, e finalmente, BMW a Rover ainda que deu marcha atrás posteriormente.

    É moi probable que a concentración continúe nos próximos dez anos e que os pequenos restantes desaparezan quedando só oito ou nove grupos. Só as empresas que teñan unha producción superior a 3 millóns e estean presentes na maioría dos grandes países consumidores poderán sobrevivir.

A clave do futuro está na reducción de custos a través das economías de escala, a reducción de plataformas e a robotización.

    A industria de compoñentes está menos concentrada que a do automóbil. Corenta grupos venden o 80% da producción mundial. A súa tendencia é así mesmo á concentración nos próximos anos para conseguir maiores economías de escala, unha mellor xestión da innovación e unha localización próxima ós seus clientes.

    España xa ocupa o quinto posto da producción de vehículos no mundo con 2,8 millóns por detrás de Francia, con 3,2 millóns, Alemaña con 5,7 millóns, Xapón con 10 millóns e Estados Unidos con 13 millóns. Por detrás de España situáronse Italia con 2,5 millóns e Reino Unido e Brasil con 2 millóns.

VI.II.I.III. A industria galega no contexto mundial.

    Dende 1998, en que o grupo PSA leva a cabo unha total integración das súas dúas marcas, unha reducción das súas plataformas, unha importante especialización das súas plantas por modelos e unha forte reducción de custos, o futuro deste grupo é moi prometedor e o é aínda máis o seu centro de producción de Vigo.

    O total aplanamento do organigrama da compañía permitiu que Javier Riera, director do centro de Vigo, teña só un chanzo entre el e o Presidente da Compañía e que participe en París en tódalas decisións clave da compañía en canto a plataformas, industria e calidade, o que reduce o chamado “efecto sede estranxeira” dunha multinacional de tanta importancia e permite que a planta de Vigo teña unha maior autonomía no seu desenvolvemento. Esta autonomía vese reforzada por ser xa Vigo a primeira planta en producción das seis grandes que ten o grupo con 435.000 vehículos e 42.000 CKD’s producidos ó ano e por estar especializada en dous modelos medianos de grande importancia para o grupo como son o Berlingo/Partner e o Picasso (tamén segue fabricando o C 15). Ademais o nivel de automación e robotización da planta é das máis elevadas, cun 90% de embutición e prensas, un 75% en soldadura, un 90% en anticorrosión e un 100% en aspecto. Só na cadea de montaxe ten un nivel menor pero suficiente.

    Así mesmo, ten un elevado nivel de especialización e “outsourcing” xa que o 20% do valor engadido total é xerado na planta, o 20% no resto do grupo PSA e o 60% nos provedores.

    En CKD’s é un dos tres centros máis importantes do grupo con Versoul e Mulhouse.

    Gracias a un forte desenvolvemento da flexibilidade e axilidade na planta tanto do persoal coma dos provedores e un elevadísimo plan de comunicación interna e de participación do persoal puídose chegar a traballar, en tres quendas, 253 días ó ano, o que se pode considerar como nivel máximo que se pode alcanzar en calquera planta totalmente optimizada.

    O Cluster do automóbil galego (CEAGA) está así mesmo moi ben organizado e funciona con grande eficiencia. O último elemento para integralo foi a constitución, en decembro de 1999, da creación dunha Fundación para a promoción da innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico impulsada por CEAGA e a Consellería de Industria e Comercio nos que están, así mesmo como membros fundadores, o IGAPE, a Zona Franca, a Universidade de Vigo, Caixanova, PSA Peugeot-Citroën, Dalphi Metal, Grupo Copo, GKN Indugasa e Talleres Viza. Presídeo Javier Riera.

    O fin principal desta Fundación é a creación dun Centro Tecnolóxico de apoio á industria de automoción galega no polígono de “A Granxa” en Porriño. Por outra banda, CEAGA coa Universidade e PSA desenvolveu a formación profesional mediante un master de xestión global de empresas de automoción.

VI.II.I.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos e recomendacións

    Non vai ser fácil extrapolar no futuro as taxas de crecemento actuais da producción galega que son realmente excepcionais. O centro PSA Peugeot Citroën de Vigo prevé crecer este ano 2.000 un 25% na producción de automóbiles e un 52% na producción de CKD’s. O cluster CEAGA pasou este ano de 46 a 51 membros, o emprego creceu nun 11% e a facturación nun 14%.

    A principal razón desta incertidume futura no se atopa nas empresas, que ven crecer a súa demanda nacional e de exportación, senón na saturación da súa capacidade de producción actual e na dificultade de encontrar medios físicos para ampliala. A falta de solo industrial e de infraestructuras de transporte son os dous límites cos que estas empresas están loitando, límites que non dependen delas senón das administracións públicas.

    No caso do Centro PSA Peugeot-Citroën de Vigo, a situación de saturación da utilización do solo é extrema. A extensión do primeiro cinto ó porto de Bouzas permitiulle un respiro temporal pero necesitaría urxentemente outro cinto para poder estenderse ó polígono de Beade-Valadares e ter planificada a curto prazo unha conexión co polígono de Salvaterra, o único de certa dimensión que queda dispoñible para poder seguir crecendo, ainda que está preto de chegar ó teito. En situación parecida anque non da mesma escala encóntranse algúns dos fabricantes. A saturación e a concepción minifundista das parcelas dalgúns polígonos como o de Porriño non permite que algúns grupos de compoñentes encontren o solo mínimo necesario.

VI.II.II. A construcción naval.13

VI.II.II.I. Estado do mercado mundial.

    A creación de grandes estaleiros en Corea do  Sur na década dos noventa acentuou o desequilibrio existente entre a oferta e a demanda do sector de tal forma que na actualidade aínda existe un exceso de capacidade do 25% a pesar do considerable peche de estaleiros en Europa Occidental. Este exceso de capacidade pode que se incremente no futuro ante a irrupción de China neste mercado.

    Ante esta situación competitiva na que practicamente non hai barreiras de entrada, os participantes no mercado son cada día máis numerosos e a agresividade alcanzou tal extremo que, ante a necesidade coreana de dar ocupación, están vendendo a prezos entre o 11 e o 32% por debaixo dos seus custos.

VI.II.II.II. Situación actual da industria galega no contexto do mercado mundial.

    Tras unhas drásticas reduccións de cadro de persoal, a construcción naval galega move, na actualidade, ó redor de 15.000 empregos directos concentrados na rías de Ferrol e Vigo. A problemática de ambas zonas é diferente xa que mentres en Ferrol o accionariado dos grandes estaleiros é de titularidade pública, na ría de Vigo tódolos estaleiros son de iniciativa privada.

    A situación actual do sector en Galicia vén enmarcada por unha apertura de mercados sen precedentes, de tal forma que na Comunidade Autónoma se constrúen barcos e artefactos para os cinco continentes. Non obstante, as prácticas observadas no leste asiático dificultan a supervivencia na construcción de barcos que impliquen renovar grandes cantidades de aceiro ante os apoios estatais e os menores custos salariais existentes naqueles países.

    A especialización en segmentos de buques de mediano ou gran tamaño pero que incorporen unha alta tecnoloxía xunto coa supervivencia dos pequenos estaleiros debido á súa demanda cativa -a un armador dunha pequena embarcación non lle compensa acudir a estaleiros distantes- e a súa eficacia gracias á subcontratación chave en man das instalacións dalgunha complexidade han de ser os factores que garantan a pervivencia desta actividade en Galicia.

    Pero esta participación nos mercados non ha de facernos esquecer os problemas existentes nas tres áreas básicas (técnica, productiva e financeira) que supoñen un freo na competitividade dos estaleiros galegos:

    Na área técnica, as empresas do leste asiático están dotadas de medios e soportes equiparables ós occidentais. A tecnoloxía cada día é máis próxima e coñecida, polo que se han de superar as insuficiencias que actualmente se detectan nos procesos de formación para compartir liderado cos países de tecnoloxía máis avanzada.

    Na área de producción, as plantas galegas están fóra da liña de modernidade e eficacia das plantas coreanas, co cal se precisa un nivel moi superior ó actual no deseño da automatización.

    En canto á estructura financeira, o actual sistema de garantías é lento, caro e pouco flexible e, ademais, opera sobre unha base demasiado ríxida que impide a implantación de novos sistemas coa axilidade que a actual situación de competencia, apertura e agresividade do mercado mundial require.

VI.II.II.III. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    A unificación de Astano e Bazán na Ría de Ferrol debe servir para intentar ter un peso significativo nos mercados de barcos e artefactos flotantes de grandes dimensións para o cal as boas infraestructuras actuais deben completarse cun gran centro de reparacións.

    O entramado de construcción na ría de Vigo presenta unha distribución moi pouco racional na que nos próximos anos se agarda unha especialización nos seguintes segmentos: 1.- Construcción de barcos de mediano tamaño. 2.- Construcción de pequenos barcos (buques de pesca, remolcadores, etc.) para unha demanda local e rexional aínda puxante. 3.- Conversións e reparacións de buques.

    Para que este esquema teña éxito propóñense as seguintes recomendacións:

1.- Desenvolvemento da industria auxiliar. Os subministradores de instalacións han de ter unha maior eficacia e capacidade de coordinación cos estaleiros e han de adquirir un sistema de producción e xestión similar ás empresas contratantes.

  2.- Buscar un nivel de formación óptimo para contrarrestar con éxito a cada día maior eficacia dos competidores.

3.- Incidir nun esforzo combinado de calidade, defensa do  medio ambiente, política de prevención de riscos e saúde laboral.

4.- Mellorar o actual nivel de xestión.

5.- Manter un diálogo permanente entre tódolos axentes sociais.

VI.II.III.- A confección en serie de prendas de vestir.14

VI.II.III.IConsideracións xerais

    A actividade téxtil cabeceira está concentrada en Cataluña e a Comunidade Valenciana, mentres que a confección e o xénero de punto están máis distribuídos por todo o territorio español. En Galicia, os subsectores relevantes son estes dous últimos e a pesar dos problemas estructurais, a vertente industrial destes dous subsectores caracterizouse por encontrarénse entre os máis dinámicos da economía galega. O proceso de creación, por parte das empresas galegas, dunha rede de tendas propias ou franquiciadas, frónte á tenda multimarca complicou a diferenciación entre o sector industrial e o sector de distribución. Por outro lado, neste sector un intanxible, a marca, é un concepto global e non fai referencia unicamente ó producto.

    Unha das virtualidades da expansión empresarial da industria da confección nas dúas últimas décadas foi a creación de manufacturas en áreas rurais, sobre todo, mediante cooperativas, as cales realizaban parte ou toda a producción das empresas con “marca”. As empresas distribuidoras potenciaron a fabricación en Galicia, o que lles permitiu reducir e acurtar tempos de resposta entre o deseño e a posta no mercado dos productos. Esta industria manufactureira está hoxe bastante asentada xa que a vantaxe do factor “tempo” parece superar de sobra a vantaxe de minimizar o factor “custo laboral”, estratexia pola que as empresas europeas se deslocalizaron nos países en desenvolvemento.

    A externalización dos procesos productivos en Galicia, realízana empresas galegas polo cal, a pervivencia e expansión da mesma depende do éxito destas últimas empresas e da capacidade de adaptación da industria ás necesidades daquelas. Isto esixe unha mellora constante en productividade, calidade e tempo na entrega. Desgraciadamente, a falta de previsión inicial foi e é un lastre para o seu desenvolvemento, polo cal, para que o sector se consolide definitivamente, no apartado final deste subepígrafe propóñense unha serie de importantes recomendacións.

VI.II.III.II. Estado do mercado mundial.

    O consumo de prendas de vestir na UE alcanzou en 1998 a cuantía de 230 mil millóns de dólares dos cales o 6% corresponden a España. Alemaña absorbe máis da cuarta parte do devandito mercado.

    Se ben un grupo de empresas galegas participa no mercado mundial, a súa dimensión é excesivamente pequena a excepción de Inditex. No mundo hai seis grupos que facturan máis de 2.000 millóns de dólares, ocupando, en 1998, o grupo Inditex o posto 7 cunha facturación de 1.919 millóns de dólares.

VI.II.III.III. Situación actual da industria galega no contexto español.

    En 1999 o sector téxtil e da confección en España daba traballo directo a 275.725 personas e o valor da producción elevábase a 2,36 billóns de pesetas, dentro da UE ocupaba a quinta posición.

    Da información segmentada que se obtén das estatísticas publicadas, clasificando ás empresas do  sector segundo o seu volume de facturación, o grupo galego Industria de Diseño Textil, S.A (Inditex) facturara en 1998, 226.708 millóns de pesetas, facturación catro veces superior da lograda polas tres empresas seguintes e case dez veces superior á quinta empresa española. En suma, en España e aínda máis en Galicia o sector configúrase por unha empresa de gran tamaño e un grupo de empresas de tamaño moi reducido no contexto do mercado europeo e mundial. Obsérvese que a segunda empresa por facturación en Galicia, Adolfo Domínguez, factura o 5% de Inditex. A dimensión convértese así nunha variable crítica, sobre todo para as empresas que comercializan en tendas propias.

    Esta reducida dimensión das empresas comercializadoras galegas conleva problemas para competir non só no mercado internacional senón tamén no español. Unha proba da escasa dimensión, é que mesmo en Galicia, coa información proveniente de Ardán, só dúas empresas áchanse entre as 150 con maior volume de facturación.

    Un segundo problema que tamén frea a consolidación do  sector é a gran falencia empresarial. Unha proba é que da lista de empresas publicada por Fomento da Producción en 1987 desapareceran o 44,44% en 1998.

VI.II.III.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    As perspectivas de futuro son boas se se mantén a aposta pola marca, a calidade, o deseño e a comercialización ata o cliente final e externalización dunha boa parte do proceso productivo na industria da Comunidade Autónoma.

    Para lograr os obxectivos anteriores, a base industrial ha de superar a falta de previsión inicial polo que se propoñen catro liñas de actuación:

1.- Mellora da formación. 2.- Especialización na producción. 3.- Lograr a rotación de tarefas. 4.- Inversións en tecnoloxía.

VI.II.IV.- Alta tecnoloxía.15

VI.II.IV.I. Consideracións xerais.

    Se ben o sector de telecomunicacións é obxecto de análise noutro relatorio, na parte industrial desta actividade, Galicia conta cunha empresa, Televés, S.A., líder en España, e dedicada ó desenvolvemento de productos de recepción de sinais de televisión así como distribuidora de servicios a través do cable coaxial dentro das viviendas. Esta Comunidade Autónoma ten, pois, unha presencia significativa neste segmento do mercado de productos de telecomunicacións do que a continuación se comentarán, brevemente, os retos cos que actualmente se enfronta e as perspectivas de futuro para a próxima década.

VI.II.IV.II. Estado do mercado mundial.

    Se ata agora o elemento dinamizador do mercado fora a aparición de novas canles de televisión, as novas tecnoloxías ampliaron substancialmente o mercado en todo o mundo avanzado. Un fito foi o cambio da tecnoloxía analóxica á tecnoloxía dixital, o cal non só permitiu ir incorporando novos servicios e abriu máis o mercado ante a aparición de novas plataformas senón que o globalizou. Coa tecnoloxía analóxica, os países esixían uns estándares polo que se creaban unhas barreiras á entrada difíciles de superar. Hai tan só dous anos, o mercado americano estaba pechado para as empresas europeas. Estas barreiras desapareron coas novas tecnoloxías e, por tanto, na actualidade o mercado mundial é moito máis competitivo.

    No mundo existen, neste segmento, de 15 a 20 empresas punteiras que compiten coa industria galega. Desas empresas, 5 son europeas. En relación con outros sectores trátase de industrias de tamaño medio.

VI.II.IV.III. Situación actual da industria galega no contexto do mercado mundial.

    Tanto en capacidade tecnolóxica coma en capacidade de comercialización a industria galega está ben colocada. Un bo dato é que as vendas ó mercado exterior multiplicáronse por dous. En España, Televés, é líder con aproximadamente un 40% do mercado. A seguinte empresa neste “ranking” ten menos da metade. O obxectivo próximo é implantarse no mercado americano. Os seus principais competidores españois son dúas empresas vascas. En Galicia neste sector, ademais de Televés, existen outras dúas empresas. A complexidade da instalación de redes de comunicación, reemisores, etc. supón que se desenvolvan empresas complementarias ó segmento estudiado que en ningún caso son competidores.

VI.II.IV.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos.

    Intuír como evolucionará o mercado ata o ano 2010 neste sector é imposible. Seguramente o mercado de telecomunicacións é, na actualidade, o máis dinámico. O ciclo de vida dos productos é moi curto, polo cal, seis meses xa é longo prazo. Considerar cal será a evolución do sector ata o ano 2010 é un simple voluntarismo. O fundamental é conseguir capacidade de adaptación ós continuos cambios e intentar competir coas empresas americanas que dispoñen dunha tecnoloxía máis avanzada. Calcúlase que USA avantaxa a Europa en dous anos e este período no mundo das telecomunicacións é demasiado tempo.

    As empresas que se refuxien nos mercados nacionais irán perdendo a súa posición competitiva, co cal a estratexia determinante é a de conseguir penetrar naqueles mercados de moitos consumidores con gran capacidade adquisitiva.

VI.II.V. O aluminio.16

VI.II.V.I. Consideracións xerais.

S    e ben en Galicia existe un conglomerado de pequenas e medianas empresas, máis artesanais que industriais, que precisan entre os seus consumos intermedios do aluminio (como por exemplo, as carpinterías de aluminio que atenden ó sector da construcción), a actividade máis relevante no contexto internacional é a producción de alúmina e aluminio primario, o único productor do cal en España é Alcoa e que posúe unha planta de alúmina e hidrato de alúmina (única en España) en San Ciprián, a producción do cal é unha materia prima das dúas plantas de aluminio primario (San Ciprián e A Coruña) que xunto coa de Avilés, tamén de Alcoa, representan toda a producción española. A presencia da multinacional norteamericana en Galicia complétase cunha planta de productos extraídos en Arteixo.

    O input básico é a enerxía que supón un tercio dos custos de producción do  aluminio. A localización e permanencia dependen da existencia dese recurso subministrado a un prezo competitivo.

VI.II.V.II. Estado do mercado mundial

    O consumo de aluminio en EE.UU. é de 30 quilos por habitante e ano, a media en Europa occidental é de 20,7 quilos, mentres que en España se consome en promedio 10,6 kg. O ritmo de crecemento do  consumo do  aluminio en España é na actualidade do  8%, o máis alto da UE.

    Os principais clientes corresponden ós sectores do envase e a embalaxe, construcción e transporte, especialmente, o automóbil.

VI.II.V.III. Situación actual da industria galega no contexto do  mercado mundial.

    O mercado mundial está moi concentrado no que o peso da producción galega é relevante.

    A producción de alúmina no mundo foi de 36,8 millóns de toneladas en 1999 das cales 4,6 obtivéronse en Europa e 1,1 en Galicia. No ano 2001 agárdase un incremento na producción de alúmina en Galicia, previsiblemente alcanzaranse 1,3 millóns de toneladas.

    En canto ó aluminio primario, a producción mundial, no mesmo ano, ascendeu a 23,7 millóns de toneladas, das que 3,72 millóns se obtiveron en plantas de Europa occidental, sendo a producción galega 290.000 toneladas.

    O mercado principal da industria galega son as plantas de productos laminados e extruídos de Alcoa en España e Europa, polo que actúa nun mercado de bens intermedios nun grupo que ten un alto grao de integración vertical. Tamén serve a outros clientes de Europa e Asia. No contexto do  mercado mundial, as plantas de San Ciprián e A Coruña contan cunha tecnoloxía moi actualizada, un alto grao de optimización de recursos e gozan de certo recoñecemento nos mercados internacionais.

    Afortunadamente, o consumo de productos laminados e extruídos acelerouse en 1999 e para os próximos anos as expectativas de crecemento son boas.

VI.II.V.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    O futuro do  aluminio albíscase prometedor, debido ós novos desenvolvementos e ás vantaxes medioambientais que achega fronte a outros materiais alternativos. As directivas máis recentes da UE consolidan esta actividade. Convén, non obstante, subliñar que existe unha gran volatilidade nos prezos que se ata hai un ano eran relativamente baixos, nos últimos doce meses incrementáronse algo, anque con bastantes irregularidades.

    Por sectores ós que atende, as previsións son as seguintes:

    Automoción: dos 90 quilos que se utilizan por coche na actualidade prevese un consumo de 130 kgs. no 2005. Continuamente investígase en novos desenvolvementos. No segmento de camións das 135.000 toneladas consumidas na actualidade no mercado europeo agárdase que nun próximo futuro se incrementen a 350.000.

    Envases e embalaxes: A producción de chapa e banda de aluminio incrementouse un 3% en Europa no pasado exercicio. No 2000 a demanda segue alta.

    Construcción: A actual conxuntura motivou un forte incremento, un 4,9 % en Europa en 1999.

    Finalmente, a Xunta de Galicia e Alcoa teñen acordos de colaboración para desenvolver estudios e proxectos que contribúan á mellora do medioambiente. Froito destes acordos desenvolvéronse procesos tecnolóxicos que permiten obter productos con valor engadido a partir de residuos e que San Ciprián patentou a nivel mundial.

    Un aspecto básico para ó sector é a obtención de enerxía a prezo competitivo. O futuro da planta de Endesa nas Pontes indirectamente incidirá na producción desta materia prima, anque dende a empresa agárdase que a liberalización do sector enerxético permita a utilización de fontes enerxéticas complementarias e máis limpas, como o gas natural.

VI.III.- ACTIVIDADES ORIENTADAS CARA Á DEMANDA INTERNA (GALEGA E ESPAÑOLA) E DEPENDENTES DOS RECURSOS NATURAIS GALEGOS. ESTRATEXIAS E EXPECTATIVAS PARA A PRÓXIMA DÉCADA.

    As actividades seleccionadas teñen ligazóns cara adiante e atrás, de forma que se nutren de recursos naturais galegos e, á vez, xeran un ben intermedio básico para un gran número de empresas galegas. Seleccionáronse dous sectores: a enerxía eléctrica e a minería non metálica (agás a pedra natural).

VI.III.I. A enerxía eléctrica17.

VI.III.I.IConsideracións xerais.

    O sector enerxético representou no ano 1999 un 6,5% do  valor engadido rexional e un 21,13% do PIB industrial galego, cifras que poñen de manifiesto a grande importancia na economía. O sector non só é moi relevante para a economía galega xa que tamén absorbe o 8,8% do  valor engadido do sector enerxético español.

    Estas altas cifras de producción non han de ocultar que Galicia é deficitaria en enerxía. O grao de autoabastecemento de enerxía primaria foi en 1999 do 25,5% (o 74,53% é implantada), co cal a suposta dependencia do sector dos recursos naturais galegos queda en cuestión. A fonte primaria interna máis importante é o lignito pardo das Pontes e Meirama. O carbón autóctono, que representa o 13,82% do  consumo de enerxía primaria de Galicia, está sendo substituído por carbón importado, co fin de alongar a vida dos depósitos, os cales se esgotarán nos próximos anos. Por outro lado, ante o baixo rendemento do lignito galego, as perdas que se producen na transformación da enerxía primaria galega son moi superiores ás da enerxía importada.

    Da totalidade da enerxía primaria galega ou de importación (en 1999, 11.493 ktep) pérdense por transformación do transporte 3.299 ktep, cantidade superior á producción galega de enerxía primaria (2.927 ktep). Por tanto, dunha producción total de 8.194 ktep (o 59,44% son productos petrolíferos) o 54,69% consómese na Comunidade Autónoma e a porcentaxe restante expórtase. A dependencia enerxética galega medida en enerxía final alcanza o 63,65%.

    Se nos centramos na producción eléctrica, Galicia produciu en 1999 o 13,1% da producción eléctrica española. O 31,1% desta enerxía tivo a súa orixe en fontes renovables, porcentaxe moi superior ó 17,08% da enerxía verde producida en España.

VI.III.I.II. Estado do  mercado europeo.

    Os mercados pasaron a ser supranacionais. A organización económica actual permite planear os problemas de abastecemento, de competencia e de determinación dos prezos nunha dimensión máis ampla, o que ocasiona serios problemas a aqueles países que queren manter os seus sistemas enerxéticos illados.

    No caso europeo, a libre circulación da enerxía presenta problemas sobre o ritmo de adaptación das partes ó todo, de harmonización tributaria, de subsidios cruzados, de prezos marxinais e de risco regulatorio. Estes problemas han de solucionarse nun contexto de preservación do  medio ambiente, xa que o elevado consumo de enerxía nos medios urbanos provoca un empeoramento na calidade de vida. Aumentando a eficacia e promovendo innovacións tecnolóxicas, contribuirase a que os sistemas enerxéticos do  futuro se caractericen por utilizar enerxías máis limpas e versátiles.

    Non se agardan nas próximas décadas grandes cambios na oferta enerxética. Seguirá existindo unha gran dependencia cara ós combustibles fósiles e os recursos actuais son suficientes para soportar o crecemento económico mundial ata ben entrado o próximo século.

    A UE é o segundo consumidor de enerxía do mundo e o primeiro importador. Prevese un aumento da dependencia exterior do 50% actual ó 70% no ano 2020. A dependencia do  petróleo é tan forte (actualmente o 75% e prevese alcanzar o 85%) que para garantir a seguridade do subministro eléctrico esíxese un reforzamento da cooperación internacional, o desenvolvemento de recursos enerxéticos propios e o desenvolvemento de infraestructuras de tránsito da enerxía.

    Un aspecto clave é o desenvolvemento dos recursos enerxéticos propios e neste sentido a Comisión aprobou recentemente unha proposta coa que se pretende multiplicar por dous (12% fronte ó actual 6%) a parte das enerxías renovables no consumo de enerxía bruta total o que require que se pase do 13,9% ó 22% a parte de enerxía eléctrica renovable.  

VI.III.I.III. Situación actual da industria galega no contexto español e europeo.

    A liberalización emprendida no sector levou a que actualmente convivan un mercado de competencia cun mercado regulado, resultando entón indispensable que o mercado regulado se axuste ós custos desaparecendo os privilexios e as subvencións cruzadas.

    En canto á electricidade, Galicia tanto pola súa posición geográfica coma pola diseminación da súa poboación, presenta os seguintes problemas:

• Un alto custo da materia prima incluídos os custos de transporte.

• Altos custos de distribución.

• Esgotamento das fontes autóctonas de producción.

• Gran potencial en enerxías renovables cualitativamente valiosas pero economicamente non competitivas.

Ademais disto existen na actualidade unha serie de problemas na enerxía adquirida ó réxime especial, que en Galicia son máis notorios que no conxunto do  Estado. Estes son:

1) A enerxía adquirida ó réxime especial ascendeu a 3.230 GWh. Co sistema de tarificación vixente, o actual sistema das primas ás enerxías renovables encareceu nun 8,16% (no ano 1999) o custo da xeración en Galicia. De non cambiar, este encarecemento sería do  22,25% (aproximadamente) no 2010, o que supón un grande impacto económico. Esta prima galega superaría naquel ano nun 30,9% á media española.

2)  Un segundo problema é a entrada desta enerxía na rede, que orixina un sobrecusto en investimentos, un incremento nos custos de operación e mantemento e, na xestión e administración da rede.

    Se o petróleo é a enerxía do século XX, o gas será a fonte de enerxía máis importante nos primeros anos do século XXI. Estímase que no ano 2010, o 30% da capacidade eléctrica instalada na UE será a partir do gas natural. Estimamos que un 40% da producción galega no 2010 será obtida con ese combustible, pero Galicia terá que soportar un elevado custo loxístico dada a súa situación nas rutas enerxéticas.

    A creación dunha planta de regasificación18 en Mugardos ha de ser contemplada como un factor económico fundamental para permitir a mellora da competitividade na industria. Esta planta será viable se dispón dun mercado mínimo de 1.600 MW. de ciclos combinados antes do  ano 2010.

    Sobre as enerxías renovables convén deterse, en primeiro lugar, ante a súa progresiva importancia, na enerxía eólica. Galicia é a Comunidade española cunha maior potencia eólica instalada e co maior potencial de instalación a medio prazo. Actualmente a potencia en funcionamento é de 540 MW e o obxectivo para o ano 2010 é de 3000 MW.

    Esta Comunidade tamén se sitúa en primeiro lugar en canto ó potencial de residuos forestais e o segundo en canto ó consumo de biomasa. Dos 42 MW en funcionamento na actualidade, o obxectivo do ano 2010 é de 180 MW. A experiencia piloto de Allariz permitirá coñecer máis en profundidade os mecanismos asociados a este tipo de proxectos.

VI.III.I.IV. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    O consumo de enerxía está correlacionado coa evolución da economía. Se ben a demanda de enerxía final por habitante incrementouse de forma sostida dende a primeira metade dos oitenta, coa excepción do  trienio 1991-1994; a cantidade de enerxía necesaria para producir unha unidade de producto bruto permanece estable en España e Galicia dende o ano 1979 ata a actualidade.

    Á mantenta de que é imposible predicir a demanda de enerxía en Galicia no horizonte de 2010, Unión Eléctrica Fenosa utiliza un modelo de predicción propio, os resultados do cal indican que o consumo de electricidade é posible que creza a unha taxa media anual acumulativa do  2,56%, o consumo de enerxía calorífica o faga ó 1,57% e, finalmente, o petróleo creza a un 1,79%, de forma tal que o incremento total sexa do 1,95%.

    Os cambios máis significativos agárdanse na enerxía primaria necesaria para dispoñer desa enerxía final. As prediccións apuntan a que:

  Mellorará dende o 1,40 en 1999 a 1,15 no ano 2010 a relación “enerxía primaria necesaria para obter unha enerxía final”.

• Galicia pasará de producir o 25,5% da enerxía primaria necesaria en 1999, ó 20,2% no ano 2010.

• Se hoxe as perdas de transformación de enerxía primaria galega supoñen o 44,3%, no ano 2010 suporán o 11%.

• A importación de enerxía necesaria para cubrir o consumo de enerxía final diminuirá dende o 63,65% en1999 ó 62,03% no ano 2010.

VI.III.II A minería non metálica (exceptuada a pedra natural).19

VI.III.II.IConsideracións xerais

    Se se exceptúan os productos de canteira, os cales se estudiaron dunha forma específica noutro apartado, a explotación industrial da minería en Galicia áchase en franco declive, por non dicir nunha total extinción, como é o caso da minería metálica.

    Os productos enerxéticos, lignitos pardos, empézanse a extraer na década dos corenta, nos oitenta e noventa alcanzan os seus máximos de producción e hoxe, como sinalamos anteriormente, languidecen con plans de extinción a moi curto prazo.

    A minería non metálica vaise mantendo, se ben experimenta cambios continuos en canto a productos e situación xeográfica.

VI.III.II.II. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

1.- Os lignitos pardos extráense nos complexos mineiro-eléctricos que Unión-Fenosa ten en Meirama (Lignitos de Meirama) e Endesa nas Pontes. A producción consómese integramente nestas centrais térmicas.

    En contra da evolución da actividade actúan as limitacións medioambientais (moi fortes para este tipo de productos polo seu alto contido en xofre, óxido de carbono e nitróxeno) e as reservas (estamos nos últimos anos de explotación previstos nos plans iniciais que se pode ampliar se se utiliza mesturado con carbóns de importación).

    Non existen dúbidas de que a data final de aproveitamento deste recurso en Galicia está moi próxima. Dependerá do que se determine no ano 2002 coa finalización do Tratado CECA, ou no 2005 co fin do Plan de Minería ou no 2007 co denominado Período de Transición cara á Competencia no sector eléctrico.

Existe un depósito en Galicia non explotado na desecada Lagoa de Antela (Xinzo de Limia - Ourense), pero isto esixe unhas actuacións medioambientais que non están permitidas.

2.- En canto á minería non metálica, no horizonte analizado, Galicia conta con boas potencialidades na extracción de caolín (input da industria papeleira e do  sector de cerámicas), cuarzo (a producción actual supón o 50% da producción nacional), magnesitas (refractarios básicos, alimentación animal, corrección de solos e obtención de magnesio metal) e feldespato (materia prima básica na industria cerámica).

    Debido a que a demanda destes minerais é unha demanda derivada, o incremento na construcción conleva un maior consumo de azulexos, o que implica unha maior demanda de feldespatos. Non obstante, a ausencia de industrias nas proximidades dos depósitos fan que o mineral galego non sexa competitivo debido ós custos de transporte.

3.- Anque os dous productos de canteira máis relevantes na economía galega son o granito e a lousa, existen en Galicia reservas de anfibolita, arxilas, areas e dunitas que, sen problemas, poden ser explotadas con rendibilidade económica na próxima década.

VI.IV.- ACTIVIDADES ORIENTADAS CARA Á DEMANDA INTERNA (GALEGA E ESPAÑOLA) E INDEPENDENTES DOS RECURSOS NATURAIS GALEGOS. ESTRATEXIAS E EXPECTATIVAS PARA A PRÓXIMA DÉCADA.

    Finalmente, seleccionáronse dous sectores que atendendo á demanda interna os seus inputs máis relevantes non proceden de Galicia. Estes son: refino de petróleo e o sector siderúrxico.

VI.IV.I. Refino de petróleo.20

VI.IV.I.I. Consideracións xerais.

    A actividade de refino de petróleo inclúese dentro das actividades de carácter interno xa que se ben a materia prima básica, como é obvio, non procede de Galicia, a producción está orientada cara á demanda interna de tal forma que o mercado do complexo industrial de Repsol Petróleo na Coruña se circunscribe a Galicia, unha parte de Asturias e ocasionalmente a provincia de León. Expórtase entre un 10 e un 30% da producción, de aí os comentarios efectuados no apartado de comercio exterior.

    O consumo galego de gasolina e gasóleo representa entre o 5% e 7% do  mercado nacional, porcentaxe similar ó do Vab industrial desta Comunidade Autónoma.

    A evolución da cuantía de cru destilado non é unha variable adecuada para comparar no tempo a variación da actividade analizada. O funcionamento flexible da factoría permite adaptar as posibilidades de producción á evolución internacional do prezo do crudo. Se as marxes son baixas no sistema tradicional de refino e os mercados están á baixa, o complexo axusta a súa producción ó mínimo necesario para atender a demanda rexional, sen exportacións. Se as marxes son altas e o mercado está en alza maximízase a actividade en todo o complexo e aprovéitanse as oportunidades de exportación.

VI.IV.I.II. A evolución na demanda de combustible nos próximos anos.

    A pesar de atravesar na actualidade unha fase expansiva do ciclo, a demanda de combustibles procedentes da factoría da Coruña non aumentou de maneira importante nos últimos cinco anos. Nisto incidiron a liberalización do mercado, coa conseguinte entrada de novos operadores e o descenso do consumo de carburantes nos vehículos, o que compensa o incremento no parque de automóbiles. A diminución no consumo de gasolina compensouse polo aumento de gasóleo.

    Por outro lado, a paulatina consolidación do  gas natural supón un descenso no consumo de butano e propano nos fogares galegos e de fuelóleo nas industrias.

VI.IV.I.III. Perspectivas de evolución nos próximos anos. Recomendacións.

    Nos próximos anos espérase:

* Unha lixeira reducción no consumo de gasolinas (entre o 0 e o 1% anual).

* Un forte aumento da demanda de gasóleos A (automoción) e B (pesca).

* Un estancamento e, tal vez, unha lixeira diminución no gasóleo C (calefacción).

* Unha notable diminución dos fuelóleos (entre o 3 e o 8% anual).

    As principais recomendacións diríxense cara á mellora na calidade dos productos o que conleva a preservación do  medio ambiente.

    A mellora na calidade dos productos é algo permanente na industria do refino. Dende 1975 foise reducindo o xofre en gasóleo e fuelóleo e o chumbo, benceno e hidrocarburos aromáticos na gasolina. En xaneiro de 2000 entraron en vigor uns requirimentos que supuxeron un investimento de 6.000 millóns de pesetas na Refinería da Coruña. No horizonte do  2005 contémplase unha nova mellora nos carburantes, fortemente ligada á preservación medioambiental (mellora da calidade do aire). Realizaranse, nos próximos cinco anos, grandes investimentos (entre 30.000 e 40.000 millóns de pesetas) destinados a afinar a calidade dos productos. Adicionalmente en seguridade e medio ambiente gastaranse 20.000 millóns de pesetas, que situarán á refinería galega na vangarda das refinerías europeas.

    De cara ó 2010 é moi probable que continúen os cambios de especificacións coas tendencias actuais. Isto virá acompañado de grandes investimentos en I+D e na implantación de novas instalacións en tódalas refinerías. Está pendente de definición as cantidades permitidas de CO2 a nivel global, o que pode conlevar un cambio profundo nos motores de combustión, o impacto do cal sobre as refinerías é difícil de prever.

VI.IV.II.- Sector siderúrxico.21

VI.IV.II.I Consideracións xerais

    O sector siderúrgico é un sector maduro, que incorpora un escaso valor engadido na maioría dos productos, moi sensible o prezo de venda, ás alteracións da demanda (demanda elástica) e intensivo en capital.

    Os factores de localización básicos nesta actividade son fundamentalmente tres: Proximidade a unha fonte de materias primas; Proximidade ó mercado dun producto terminado; o empresario é natural da zona. Neste último caso, o empresario adoita iniciar a súa actividade como chatarreiro, amplía o seu negocio cunha pequena laminación e instala unha acería cun forno eléctrico de reducidas dimensións.

    Dentro do  proceso siderúrxico distínguense a acería e a laminación. En Galicia, a actividade productiva desenvólvea fundamentalmente a empresa Megasa, que dispón en Narón dunha acería de forno eléctrico con tren de laminación de barras, rolos e aramón baixo en carbono. O mesmo grupo posúe unha fábrica de mallazo e armadura, co que consegue engadir valor a parte da súa producción.

    Por outro lado, existe outra empresa de laminación de perfís lixeiros, que adquire a terceiros o aceiro elaborado (panquiña) e, finalmente, existe un proxecto en avanzado estado de implantación dun tren de laminación de barras que adquirirá a terceiros o aceiro elaborado.

VI.IV.II.II. Situación actual da industria galega no contexto do mercado ibérico.

    As materias primas existentes en Galicia para o desenvolvemento desta actividade son moi escasas. O material de ferro é inexistente. A comunidade xera de 200 a 250 mil toneladas de chatarra ó ano cando a capacidade instalada require de 700 a 750 mil toneladas. A capacidade instalada de aceiro elaborado (panquiña) sitúase en 650 mil toneladas e requírense 1,25 millóns de toneladas ó ano. Precísanse, por tanto, compras masivas de chatarra e panquiña.

    Mentres que a xeración de chatarra vai unida ó desenvolvemento económico, o mercado de aceiro elaborado é altamente especulativo, polo que os seus prezos sofren grande oscilación e case non existen contratos de subministro a medio e longo prazo.

    En canto ó producto rematado, coa actual capacidade instalada poderíanse producir 1,2 millóns de toneladas ó ano. Galicia só pode absorber unha pequena parte desa producción (100 mil toneladas de redondo para a construcción e 15 mil toneladas de mallazo e armadura) co que o resto da producción se sitúa fóra do  territorio galego.

    A adquisición, en principio cunha empresa italiana e agora xa en solitario, por parte de Megasa da Siderurgia Nacional Empresa de Produtos Longos (a excepción do Alto Forno) con plantas en Lisboa e Oporto, outorgoulle o liderado do sector no mercado luso, mentres que en España, Aceralia e Celsa son dous fortes competidores.

VI.IV.II.III. Perspectivas de evolución nos próximos anos.

    A historia da siderurxia en Galicia escríbese con estrepitosos fracasos, sirva de exemplo o caso da factoría Sidegasa. Analizando a economía e a situación periférica de Galicia, a perspectiva de cara ó ano 2010, non parece moi prometedora xa que non existe un mercado forte nin de materias primas nin de productos elaborados. A tendencia en Europa é cara á concentración, debido a que neste sector se poden aproveitar as economías de escala e isto xera a barreira de entrada, da que para ser competitivo cómpre crear unha empresa de gran tamaño nun mercado maduro e saturado. Ademais, nas plantas xa existentes, a actual tecnoloxía permite aumentar a súa capacidade.

    A pesar de tódolos obstáculos antes reseñados, ó que se ha de engadir a existencia de plantas industriais en zonas limítrofes con esta Comunidade Autónoma, a nova instalación en Narón e a capacidade de internacionalización da principal empresa galega permite abordar os próximos anos cun certo optimismo.


6 Este epígrafe desenvólvese seguindo o relatorio de José María Alonso: Sector da Pedra Natural.

7 Datos referidos a 1998 e obtidos de ARDAN 2000.

8 Esta información provén do último estudio sobre o sector da pedra natural publicado pola revista especializada Roc Máquina (Anuario de 1999).

9 Segundo a información de: Estacom-ICEX

10 Este epígrafe desenvólvese seguindo o relatorio de Jorge González Gurriarán: A industria da madeira en Galicia.

11 Este epígrafe elaborouse seguindo o relatorio de Juan M. Vieites Baptista de Sousa: Subsectores da Producción: Industria e Transformación e Conserveira

12 Este epígrafe redactouse a partir da entrevista mantida con Javier Riera e co estudio achegado por Alberto Brito: Análise do mercado de compoñentes automobilístico español en 1999.

13 Este epígrafe elaborouse seguindo os relatorios de José Francisco González Viñas: Reflexións sobre a evolución da construcción naval galega no contorno da próxima década e de Ramón Lema: Perspectivas da construcción naval nos estaleiros de tamaño medio.

14 O exposto neste epígrafe realizouse a partir do relatorio elaborado por José María Castellano: Industria da Confección en Galicia.

15 Este epígrafe desenvolveuse a partir dunha entrevista efectuada a Jorge Lorenzo

16 Este epígrafe elaborouse seguindo o relatorio de Clara Acebes: Aluminio - Alcoa.

17 Este epígrafe redactouse a partir do relatorio de Álvaro Blanco: Enerxía - Galicia 2010.

18 No relatorio sobre Infraestructuras trátase máis en profundidade este tema.

19 Este epígrafe elaborouse a partir do relatorio realizado por Fernando Pastor: A minería en Galicia

20 Este epígrafe redactouse seguindo o relatorio realizado por Gerardo Álvarez Cuervo: Perspectivas de evolución do complexo industrial de Repsol Petróleo na Coruña

21 Este epígrafe realizouse seguindo o relatorio presentado por Juan I. Montalvo Delgado: Sector Siderúrxico.