VII.- O SECTOR DA CONSTRUCCIÓN.22

VII.I. Consideracións xerais

    O conxunto de actividades ligado á construcción ten un especial relevo para a economía xa que ademais da actividade e emprego que en si mesma xera, na vertente da obra pública ten un notable impacto sobre a articulación do  territorio. A decisión política de dotar o territorio de infraestructuras básicas foi e é unha fonte de externalidades para os diferentes sectores económicos e condiciona as localizacións empresariais presentes e futuras. Hase de lembrar, por outro lado, que o desenvolvemento destas infraestructuras en Galicia non é unha condición suficiente, anque si necesaria, para un crecemento económico sostido.

    A excepcional conxuntura pola que atravesa actualmente a construcción en Galicia e España non pode levarnos a formular un diagnóstico excesivamente optimista sobre a realidade desta actividade e as súas perspectivas de futuro. Certamente, os últimos anos foron os de maior actividade constructora en Galicia. En 1999, o sector conta con 19.000 empresas (12% das empresas galegas), o volume de negocio foi de 912.00 millóns de pesetas. Os incrementos no valor engadido dende 1998 foron moi altos. As últimas estimacións do  IGE din que o valor engadido bruto crecía no primeiro trimestre de 2000 un 5,3% e a variación no segundo trimestre fora do  6,4%. O sector está crecendo ó dobre de velocidade que o resto da economía galega. No segundo trimestre de 2000 empregaba a 118.600 traballadores, cifra que representaba o 12% do  total de ocupados galegos.

    A estructura productiva configúrase por empresas de moi diferente tamaño. Tan só un 0,5% das empresas supera os 100 traballadores e o 75% ten menos de 5. A maioría das empresas atende a un mercado comarcal ou local, actuando, en moitos casos, de subcontratistas. Son moi poucas as que conseguen participar no mercado nacional e, menos aínda, no internacional.

VII.II. Perspectivas de evolución ata o ano 2003.

    A xeralidade das opinións establecen que o sector seguirá en niveis altos ata os anos 2002 o 2003, apoiado pola evolución da actividade en dous dos seus segmentos principais, a edificación en vivenda e a obra pública, se ben o crecemento será inferior ó do  bienio 1999-2000, período no que a obra pública das diferentes administracións se elevará a 270.000 millóns de pesetas, cantidade equivalente ó investido no período 1993-1998.

VII.III. Perspectiva de evolución a longo prazo.

    É previsible que a evolución dun conxunto de factores que xa empezan a afectar á demanda de vivendas sexan menos favorables a partir do ano 2003. Os efectos demográficos, as oscilacións nos tipos de interese, o incremento no prezo das vivendas, etc. son algunhas das causas polas que este mercado pode que se contraia. Este descenso no investimento privado non parece probable que sexa substituído por investimento público, sobre todo cando xa hoxe está en cifras moi importantes. En calquera caso, o Marco Comunitario de Apoio, instrumento de planificación dos fondos estructurais europeos marca e os programas operativos que o desenvolven indican a cuantía e o destino do gasto público ata o ano 2006, fin do período da actual programación. Isto é así, xa que a maior parte das actuacións en obra pública que realizan as administracións é susceptible de recibir financiamento comunitario.

VII.IV. Recomendacións

    Na construcción, os ciclos económicos son moi volátiles, co cal, tras dun período de auxe, o sector cae nunha profunda recesión. As estratexias pasan por intentar suavizar as fases cíclicas e, así, asentar sobre bases máis consistentes o período suxeito a unha maior incertidume, 2004-2010.

    Unha posible estratexia consiste en fomentar a cooperación empresarial de forma que se logren unir a capacidade tecnolóxica e a xestión das empresas de maior dimensión cos recursos productivos das máis pequenas.

    O crecemento do  sector se ha de cimentar na participación nun mercado máis amplo que o galego. O tamaño é fundamental, sobre todo na obra pública, xa que cada vez máis os concursos son de maior cuantía e se inclúen contribucións financeiras. As grandes empresas españolas están gañando competitividade a costa das de menor tamaño.

    En suma, as recomendacións van por tres camiños: Concentración e cooperación; incremento do ámbito de mercado; diversificación ou especialización.

    Neste contexto as administracións públicas han de:

• Tutelar as iniciativas de formación de especialistas, sobre todo no campo da formación profesional.

• Fomentar a competitividade nos concursos públicos, dándolles unha dimensión tal que poida acceder un maior número de empresas.

• Favorecer a creación de solo urbanizado, tanto habitacional coma industrial.

• Favorecer a fusión das empresas para xuntar esforzos e recursos.


22 Este epígrafe realizouse coa información que contén o relatorio presentado por Jacinto Rey: Galicia 2010 - Construcción.