VIII. RESUMO E CONCLUSIÓNS

    O sector enerxético, a alimentación e a fabricación de material de transporte son as tres actividades nas que asenta a industria en Galicia. A análise input-output define estes tres sectores como claves, xa que xeran vínculos fortes con outras ramas económicas tanto cara adiante coma cara atrás. A pesar desta concentración, a actividade existente noutras ramas, sen ser cuantitativamente tan importante, é tamén relevante.

    Conforme transcorreu a década dos noventa, dous dos sectores clave, alimentación e material de transporte, foron aumentando a súa participación no Vab industrial galego. Con todo, o crecemento máis rápido produciuse en confección, aínda que a súa achega ó VAB pasase dun escaso 1% a principios dos oitenta, a un 2% a finais dos noventa, porcentaxes inferiores ás doutros sectores, como a minería. Nas restantes ramas industriais a achega ó Vab mantense, coma no caso da enerxía, ou, decrece coma na minería metálica.

    A corrente exportadora concéntrase igualmente en material de transporte (turismo e buques) e alimentación (pesca, conservas e derivados), actividades nas que as exportacións aumentaron de forma substancial nos últimos anos. Unha dinámica exportadora positiva tamén se encontra en minerais non metálicos e os seus productos (rochas ornamentais), confección, industria química (alúminas) e pasta de papel.

    Na evolución das exportacións apréciase unha drástica reducción do sector enerxético e do aluminio e, ó mesmo tempo, a vocación exportadora destes sectores corresponde cunha dependencia das importacións cada vez maior.

    En resumo, o diagnóstico a priori que cabe realizar ante a especialización industrial de Galicia no contexto da UE, non é optimista xa que está especializada en produccións industriais sen barreiras á entrada, no que a man de obra cualificada é intensiva, xeradoras de pouco valor engadido, na que non son excesivamente relevantes as economías de escala e nas que existen significativas barreiras non arancelarias. Por todo isto é moi sensible ás produccións dos Novos Países Industriais e ante a progresiva liberalización do comercio mundial cabe a posibilidade da existencia de choques asimétricos que afecten de forma negativa á súa estructura económica.

    Non obstante e malia o anterior diagnóstico, da análise pormenorizada dos sectores máis relevantes da nosa economía xorden vantaxes competitivas (calidade, coñecemento do mercado, proximidade, etc.) que permiten albiscar unha evolución positiva no horizonte do 2010.

    Naqueles sectores que se apoian na explotación de recursos naturais galegos como a pedra natural (granito e lousa), a madeira ou a transformación e elaboración de productos do mar, as vantaxes competitivas que supoñen o aproveitamento dos devanditos recursos dunha forma máis racional, cunha organización industrial máis moderna, e coa creación dun maior valor engadido confirman, se se observa o dinamismo mostrado nos últimos anos, boas expectativas de futuro. Para a ratificación das expectativas de consolidación interior e de aumento na participación nos mercados internacionais, propóñense un conxunto de recomendacións tendentes á eliminación dos problemas estructurais, os cales se revelaron moi semellantes nos tres sectores. A excesiva atomización, situación que parece superarse no sector conserveiro mais non así nos dous restantes; a deficiente formación en xestión e no eido operativo; a escasa adaptación ós continuos cambios tecnolóxicos; as carencias en innovación; o descoñecemento dos novos sistemas de información que serven de soporte para as novas formas de comercialización, son cuestións que se han de resolver e, non por tópicas, deixan de ser importantes.

    Nunha posición competitiva cualitativamente diferente atópanse os sectores que orientados cara ó exterior non dependen fundamentalmente dos recursos naturais galegos. Neste segmento e na industria transformadora, a automoción é, con diferencia, o sector máis importante de Galicia. As taxas de crecemento na producción nos últimos anos foron realmente excepcionais e non é fácil extrapolar estas taxas cara ó horizonte do ano 2010. A principal razón non é a evolución da demanda, que anque cos lóxicos altibaixos cíclicos o máis probable é que a súa tendencia sexa crecente, senón a carencia en Vigo de solo industrial e de infraestructuras de transporte. En canto ó sector naval, a súa posición está seriamente danada pola competencia desleal de Corea del Sur e pola irrupción de China no mercado. A pesar disto, na actualidade obsérvase unha apertura de mercados sen precedentes. Un paso importante para afrontar con éxito un próximo futuro foi a recente unificación na ría de Ferrol de Astano e Bazán. Pola súa parte, o complexo armazón industrial da ría de Vigo terá que especializarse en segmentos de barcos de tamaño mediano que impliquen unha tecnoloxía máis sofisticada que a de renovar grandes cantidades de aceiro e na construcción de barcos de pequeno tamaño para unha demanda nacional aínda puxante. En ambos sectores, fabricación de automóbiles e buques, o bo desenvolvemento dos respectivos clusters, en canto á integración de toda a industria de compoñentes e auxiliar, xerará efectos positivos para o conxunto da economía.

    Outro sector envorcado cara ó exterior é o da confección en serie de prendas de vestir. A segmentación existente entre o grupo Inditex e o resto das empresas configura unha actividade que, salvando ó grupo antes citado, ten problemas de dimensión para competir non só no mercado internacional senón tamén no español. Dende a perspectiva industrial, as expectativas para a próxima década son boas sempre que se manteña a aposta pola marca, a calidade, o deseño e a comercialización ata o cliente final e a externalización dunha boa parte do proceso productivo na industria galega. Isto esixe da mesma unha mellora constante na productividade, calidade e tempo na entrega.

    Finalmente, neste grupo de actividades nas que unha parte significativa da producción se dirixe ó exterior, advírtese, por un lado, o futuro prometedor do complexo alúmina-aluminio de San Ciprián, debido ó incremento na súa demanda debido ós novos desenvolvementos e ás vantaxes medioambientais que achega o aluminio fronte a outros materiais alternativos. Por outro lado, a pequena contribución galega á industria de alta tecnoloxía, representada pola empresa Televés vai gañando cotas no seu nicho de mercado. Intuír como evolucionará esta actividade vinculada coas telecomunicacións no horizonte do 2010 é imposible, xa que o ciclo de vida dos productos é moi curto e a adaptación ó mercado é constante.

    Indicabamos ó principio que un dos tres sectores cuantitativamente máis importantes é o da enerxía eléctrica. Dende o ángulo da producción, Galicia é deficitaria en enerxía primaria, ata tal punto que o grao de autoabastecemento era do 25,5% en 1999. Esta porcentaxe reducirase ó 20,2% no ano 2010. Na próxima década o gas será a fonte de enerxía máis importante, por iso a planta de regasificación en Mugardos ha de ser contemplada como un factor económico fundamental para permitir a mellora na competitividade do conxunto da industria. Ante unha demanda enerxética crecente, será importante seguir o desenvolvemento das enerxías renovables.

    O refino de petróleo representa unha parte moi significativa da producción enerxética. A pesar de encontrarmos actualmente nunha fase expansiva do ciclo económico, a demanda de combustibles procedentes da factoría da Coruña non aumentou de maneira importante nos últimos cinco anos. Aínda así, a actividade desta empresa manterase e as súas condicións productivas adaptaranse a unha melloría sensible na calidade dos seus productos, o que leva á preservación do medio ambiente. Neste sentido, os investimentos previstos situarán a refinería galega na vangarda das refinerías europeas, o que permitirá poder abordar o cambio profundo nos motores de combustión que se agarda nun próximo futuro, cun impacto sobre as refinerías difícil de previr.

    Por último, as perspectivas no horizonte do 2010 para a minería non metálica (exceptuada a pedra natural) e o sector siderúrxico non son boas. A inexistencia en Galicia dun mercado potente nin de materias primas nin de productos elaborados, unido á vantaxe competitiva que outorga ás plantas de mellor dimensión o aproveitamento das economías de escala, sitúa o sector siderúrxico nunha posición complicada.

    En canto á actividade da construcción, a excepcional conxuntura actual non pode levarnos a formular un diagnóstico excesivamente optimista sobre o futuro. A xeneralidade de opinións consultadas establecen que o sector seguirá en niveis altos de actividade ata o bienio 2002-2003 e, a partir dese momento, as expectativas serán menos favorables. A estratexia ha de consistir en suavizar as fases cíclicas e asentar as bases para que a segunda metade da década non presente tantas incertezas. As recomendacións para alcanzar tal fin resúmense en tres vectores: cooperación-concentración; busca de novos mercados; diversificación-especialización.