1. INTRODUCCIÓN

    En xuño do ano 2000, o Consello de Europa, reunido en Santa María da Feira (Portugal), adoptou unha serie de medidas dirixidas ó desenvolvemento estratéxico da Unión na perspectiva do novo século.

    A cohesión de Europa, a súa capacidade para estar presente dun xeito activo no espacio da globalización e da nova economía, mesmo a súa identidade, obrigada a competir nos mercados cos grandes colosos norteamericano e asiático, pasan necesariamente pola construcción dun espacio propio (non só económico) que sexa por unha banda amplo dabondo como para garantir a súa viabilidade interior e, por outra, suficientemente forte e creativo como para disputar ou cando menos compartir o liderado político, os modelos culturais e o discurso do novo milenio coas grandes potencias (USA principalmente).

    Xa ninguén discute a significación dos cambios que anuncian os tempos: cambios radicais  caracterizados pola mundialización das relacións entre as sociedades, o forte desenvolvemento das novas tecnoloxías (non só da comunicación), a desaparición progresiva das fronteiras físicas (incluso das estratexias proteccionistas), a construcción de espacios supranacionais e unha intensa mobilidade de todo tipo: social, cultural, laboral, financeira, etc.

    Os expertos falan dun novo paradigma.

    Os sociólogos veñen bautizando a nova realidade como sociedade da información, sociedade post-industrial, sociedade do coñecemento, sociedade rede, sociedade da terceira era... Calquera que sexa a denominación que adoptemos parece evidente que estamos a vivir un cambio de extraordinaria transcendencia, similar -segundo algúns- ó que puido significar no seu momento a invención da agricultura (o neolítico) e, segundo outros (máis moderados), comparable á aparición da imprenta. En calquera caso xa nada volverá ser coma noutrora foi, e os próximos anos preséntanse cunha velocidade de cambio certamente acelerada.

    O foro europeo ó que facemos referencia, no que participaron daquela non só institucións políticas, senón interlocutores sociais, o Banco Central Europeo e o Banco Europeo de Investimento, cuestionouse, entre outras medidas prioritarias, a necesidade de iniciar, dende cada estado membro, unha política de transición decidida cara á consolidación dunha economía máis dinámica, máis competitiva, consonte a realidade dos novos tempos (a globalización) e fundamentada basicamente no valor do coñecemento.

   

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   As actuacións comunitarias en materia de innovación aparecen expostas no Plan de Acción Europe 2002, respaldado polo Consello. Nel  pídese pídese ás institucións, ós estados e ós axentes sociais comprometidos que fagan un esforzo para garantir a plena aplicación das novas medidas antes do ano 2002 e, asemade, que preparen estratexias a máis longo prazo, activando a sociedade da información e procurando minguar, na medida do posible, as desigualdades que a utilización das novas tecnoloxías poidan xerar no proceso.

    A aceleración do crecemento está a producir nos países do primeiro mundo un dobre movemento de forzas: centrífugo e centrípeto.

    Segundo a situación de cadaquén no sistema, as sociedades, os grupos sociais, económicos, culturais, poden saíren reforzados nas súas potencialidades, acelerando o proceso de cohesión entre eles (converxencia), ou pola contra, poden vérense desprazados fóra da espiral vertixinosa de crecemento.

    O Informe Mundial sobre a Comunicación, elaborado pola UNESCO en 1998, denunciaba as cada vez maiores diferencias que a actual dinámica impón entre os países: países ricos cada vez máis ricos e países pobres cada día máis empobrecidos. O seu exdirector xeral, Federico Mayor Zaragoza, vén teimando dende hai tempo na necesidade dun novo ordenamento internacional que equilibre a situación  entre uns e outros.  O 20% da poboación do planeta goza duns recursos ós que non ten acceso o resto da humanidade.

   “Gracias á aceleración da innovación tecnolóxica, ós retos industriais e á competencia, as novas tecnoloxías e as infraestructuras das redes van ser moito máis baratas cós contidos, e incluso máis accesibles a un número maior de individuos. Mais pola contra, o acceso á información que circula por estas infraestructuras será moito máis complexo, moito máis problemático. O custo dos servicios podería ser un freo importante e mesmo podería abrir unha fenda entre os que teñen medios para financiar o acceso ós contidos e os que non poden nin acceder á información nin difundila” (UNESCO. 1999).

    Son realidades obxectivas.

    Mais en calquera caso a globalización é un feito histórico, non unha cuestión opinable. A aldea global da que falaba MacLuhan -ou a cidade global, tal que prefiren outros autores- vén a configurarse coma o grande espacio dominante, hexemonizado sen dúbida polas grandes potencias do crecemento,  e esa nova realidade, que é tamén un novo marco de relacións entre os pobos e as sociedades, condiciona tanto ós grandes coma ós pequenos, ós poderosos igual ca ós máis pobres, as economías nacionais e as economías domésticas.

    Europa sae da Segunda Guerra Mundial nunha situación de dependencia que a mundialización da economía, o liderado dos Estados Unidos de Norteamérica (reforzado logo do derrubamento do modelo socialista da URSS) e o desenvolvemento acelerado das novas tecnoloxías da comunicación non fixo máis ca confirmar.

    Dende a constitución da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (1951) e os primeiros intentos de construír un mercado interno, os obxectivos estratéxicos dos seus grandes motores (Francia e Alemaña fundamentalmente) van dirixidos a configurar un espacio común con suficiente masa crítica (demográfica, tecnolóxica, de coñecementos) que lles permita estaren presentes dun xeito activo (non secundario) no concerto internacional.

Nas portas do novo milenio, consciente da trascendencia dos cambios sinalados, a UE intenta, pois, construír un modelo propio, competitivo, para non ficar fóra do primeiro plano de decisións.

    Tal era o espírito da reunión de Lisboa, con obxectivos a curto e medio prazo baseados na conquista do pleno emprego, a promoción das bases da nova economía, fundamentada no valor do coñecemento, e a mellora obxectiva das formas de cohesión social.

    Non é gratuíta nin filantrópica a preocupación polos desequilibrios internos. Europa non é unha unidade homoxénea, igual que tampouco é unha realidade uniforme. Isto, que obxectivamente constitúe unha riqueza, tamén é un problema. O multilingüismo, a diversidade cultural, mesmo as diferentes experiencias históricas, aínda existindo un amplo universo compartido, esixen inevitablemente un discurso político orixinal, distinto, en tanto que o mercado único obriga, asemade, á aproximación das realidades económicas, tamén diversas (desiguais).

    A converxencia interior europea pasa pola cohesión e a estabilización dos seus distintos elementos constitutivos (rexións e estados) nun estándar o máis axustado posible, tanto en termos económicos coma en capacidades de creación, formación e consumo.

    Tal é, ó cabo, a xustificación, dos fondos interiores de investimento dirixidos a prol do reforzamento e equilibrio de infraestructuras e recursos. A educación e maila formación de capital humano recoñécense explicitamente como elementos esenciais para o desenvolvemento da cidadanía.

    O Consello reunido en Santa María de Feira invitaba ós estados membros, ás entidades asistentes e mais á propia Comisión, dentro dos ámbitos das súas respectivas competencias, a definir estratexias e medidas prácticas para fomentar a educación permanente, promovendo a intervención dos interlocutores sociais e aproveitando todo o potencial financeiro dispoñible, tanto público coma privado.

    A idea básica, o obxectivo principal é incorporar a UE á Sociedade da Información e do Coñecemento con tódalas consecuencias. Mais coma un axente activo (competitivo), non coma un simple mercado de consumo, aguilloando as súas potencialidades (incluída a súa diversidade), no convencemento de que só desta maneira é posible garantir o crecemento.

    En xullo do mesmo ano, o G8, reunido en Okinawa (Xapón), ratificaba a Sociedade da Información e as Novas Tecnoloxías da Comunicación coma factores decisivos na configuración do novo século.

    “O seu revolucionario impacto está afectando a maneira de vivir, de deprender e de traballar das persoas, así coma ó xeito de interacción establecido entre os poderes públicos e a sociedade civil. A esencia da transformación social e económica da Sociedade da Información é poder axudar ós invididuos e ás sociedades a utilizar o coñecemento e as ideas. A sociedade informatizada é aquela que posibilita desenvolver o potencial das persoas, permitindo que realicen as súas aspiracións”.

    Conceptos, pois, como sociedade da información, xestión do coñecemento, nova economía, activos simbólicos, valor inmaterial engadido, sociedade da comunicación, etc., comenzan a ser lugares de uso común que, aínda que non sempre aparezan ben definidos, configuran non só a realidade, senón o discurso básico do desenvolvemento dos pobos, polo que necesariamente han de estar presentes en calquera debuxo estratéxico.

    Galicia non está illada no mundo. O seu futuro debe entenderse no marco xeopolítico, económico e cultural  ó que pertence. Ese marco é o Estado Español e a Europa comprometida arestora nun novo proceso histórico.

    Non somos terceiro mundo, senón parte do primeiro, aínda que a nosa posición, na imaxe da espiral vertixinosa que apuntabamos antes, non sempre sexa a máis cómoda. 

      

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

   Das decisións estratéxicas, prioridades e obxectivos que saibamos establecer para os próximos tempos, así como das necesarias alianzas e dispoñibilidade de recursos (privados e públicos) para a construcción dun contorno axeitado (infraestructuras, formación), ha depender de seguro: ben entrar na corrente centrípeta da espiral, reforzando as nosas potencialidades, ben saír desprazados cara ás áreas periféricas do sistema, agrandando as diferencias co centro.

    Estas páxinas pretenden, pois, unha reflexión e análise sobre o horizonte inmediato que presenta a denominada Sociedade da Información e do Coñecemento.

    Dada a velocidade dos cambios e a aceleración dos procesos, o tempo histórico, e polo tanto a posibilidade de actuación, aparece extraordinariamente reducido. Velaquí outra das características do novo modelo.

    “Os expertos aseguran que nos últimos 50 anos se produciu máis información que nos 3.500 anteriores, e que a cantidade total se duplica cada catro anos” (Observatorio Urbano do Eixo Atlántico.1999).

    Entre a invención do alfabeto e a imprenta de tipos móbiles correron catro milenios; entre a imprenta e o telégrafo sen fíos a penas catro séculos; os últimos avances, certamente revolucionarios, mídense en décadas: a revolución informática nos anos 70, a implementación das novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos anos 80; a converxencia tecnolóxica (informática, telecomunicacións e contidos) nos 90...

    Así como na sociedade tradicional, e durante séculos, a terra era a base da riqueza e logo, dende o primeiro desenvolvemento capitalista, o foi o diñeiro, na sociedade post-industrial o principal activo é o coñecemento. No uso e na xestión que do coñecemento fagan as sociedades e os individuos radica a esencia do seu progreso, cando non a súa supervivencia.

    Apuntamos en primeiro lugar algunhas cuestión de concepto.

    Non sempre é doado definir a Sociedade do Coñecemento. Ás veces confúndese coa Sociedade da Información, e mesmo con outras denominacións.

    Na nosa análise, a Sociedade do Coñecemento é o último estadio (o máis avanzado) da Sociedade da Información. Un paso cualitativo cara adiante.

    Con todo, a efectos prácticos, dado que moitas veces ámbolos dous conceptos se utilizan indistintamente e comparten manifestacións e fenómenos comúns, aparecerán citados xuntos: Sociedade da Información e do Coñecemento.

    Entendemos que algunhas consideracións teóricas son necesarias para entender o enfoque que quixemos dar ó noso traballo (tocante á Xestión e a Medida do Coñecemento, por exemplo) e, sobre todo, para a comprensión das limitacións obxectivas do mesmo. Varias veces propoñemos a necesidade de profundar en aspectos que aquí soamente podemos suxerir.

    Unha terceira parte céntrase na infraestructura de transporte (as telecomunicacións) como rede indispensable para o modelo que comentamos. Atendemos ó fenómeno Internet, pero non nos reducimos exclusivamente a el, como parece lóxico, e mesmo quedan aspectos importantes sen tocar: a investigación, o I+D, os servicios telemáticos das administracións públicas e a súa relación coa cidadanía, dispoñibilidade e utilización de bases de datos, a súa localización e aproveitamento, etc.

    A cuarta parte refírese á Educación e a incidencia que as novas tecnoloxías teñen no sistema educativo. A Educación constitúe de feito a primeira referencia necesaria para calquera estratexia que procure a transformación da realidade social.

    Na quinta parte abordamos a xestión e a medida do Coñecemento (Capital Intelectual) como indicadores sociais e factores básicos para que o modelo funcione.

    A sexta parte propón unha viaxe (moi lixeira, aínda que entendemos que representativa) pola presencia galega na Rede, incidindo nos grandes centros de interese: información, educación, lecer e servicios.

    Na sétima parte recollemos algunhas conclusións ou propostas para a elaboración dun Plan Estratéxico Urxente que permita a incorporación da sociedade galega (ou o achegamento cando menos) cara a ámbitos próximos á denominada Sociedade da Información e o Coñecemento.