I.
INTRODUCCIÓN:
DESCRICIÓN
DA SITUACIÓN ACTUAL
A mesa do RELATORIO SOBRE TRABALLO E PROTECCIÓN SOCIAL avanzou neste tempo coa
vontade de chegar a acordos entre os diferentes membros, unindo as diversas
experiencias e coñecementos.
O consenso sobre o contido do noso relatorio requiriu do noso esforzo debido á heteroxeneidade dos membros, pero finalmente o acordo foi total e enriqueceuse coas diversas opinións.
Con esta filosofía de traballo organizamos este texto contando cunha primeira
parte introductoria, na que describimos a realidade do contorno no que nos
movemos e unha posterior presentación das diferentes propostas buscando ser en
todo momento realistas, concretos e prácticos.
I.I.
FEITOS OU FENÓMENOS QUE CARACTERIZAN O NOSO TEMPO
Nos últimos anos estanse a producir unha serie de feitos de distinta índole,
que caracterizan o noso tempo e que, dalgunha maneira, están configurando un
novo panorama, un novo escenario que modifica cada vez máis a nosa forma de
vida, cambiando de forma substancial o mundo laboral, social, familiar e
educativo.
A efectos deste relatorio, circunscribirémonos ó mundo do traballo e á súa
incidencia na empresa, nos traballadores e nas relacións laborais.
Os feitos ou fenómenos ós que nos estamos a referir son os seguintes, que se
comentan, de maneira sucinta, por ser xa coñecidos de todos.
1)
A globalización dos mercados
Poderiamos definir a globalización como o proceso polo cal se atopan
crecentemente integradas as economías do mundo, en particular a través do
comercio (importacións e exportacións) e dos fluxos financeiros (investimentos
directos, movementos de capital e activos financeiros, etc.), pero tamén a través
de movementos de persoas (directivos e man de obra), e de coñecementos e
tecnoloxía (novas tecnoloxías, novos métodos de xestión, información,
etc.).
2) A liberalización da economía e a desregularización
Cada
vez as economías dos distintos países son máis abertas e están suxeitas a
menos trabas e a unha menor regulación.
O proceso liberalizador é cada día máis amplo e a tendencia actual é a
continuar, non só dentro de cada país, senón nas distintas superestructuras
que agrupan a diferentes nacións (UE, Mercosur, etc.). Neste sentido pódese
falar dunha apertura total para o movemento de capitais en todo o mundo: en
principio, non existen limitacións en canto á orixe nin ó destino dos fluxos
de diñeiro.
3)
A Innovación
A innovación, entendida como unha actitude que implica un proceso de cambio e mellora das realidades que nos rodean, que abrangue campos ou actividades tan diversas como a producción, os procesos de fabricación, a comercialización e a distribución, a estratexia empresarial e a propia organización, e mesmo pode afectar ás relacións entre organismos como as unións, os consorcios ou a alianza de calquera tipo.
4) A sociedade da información e do coñecemento, que dá lugar ó que poderiamos chamar “capital intelectual”
Unha posible definición sería “aqueles activos intanxibles que xeran valor
á empresa”. Estes activos son de distinta natureza:
-
Humanos, tales como o liderado, a creatividade, o traballo en equipo, a
experiencia, a competencia profesional, etc.
-
Estructurais, entre os que se podería falar de bases de datos, información,
cultura empresarial, etc.
-
Relacionais, como a carteira de clientes, a lealdade da empresa cara ó cliente,
a fidelización dos clientes, as relacións cos provedores, as relacións coa
competencia, etc.
O capital intelectual constitúe unha forza motora do progreso. Ata o século
XIX se podería dicir nunha economía predominantemente agrícola, que o que
dominaba o mundo era o posuidor das terras. A partir da revolución industrial
do século XIX, o que mandaba era o dono do capital.
Pero hoxe en día, cremos que existe un certo consenso en que máis importante
que o diñeiro, é o que ten o “coñecemento”, o saber facer, o que sabe
como utilizar a capacidade das persoas para achegar valor á organización.
5)
Novas Tecnoloxías
Baixo este título encóntranse todas aquelas actividades que se desenvolven ó
redor da informática, a electrónica, as telecomunicacións, e, dunha forma
especial, todo o referente a Internet.
Todo
isto, dá lugar a:
a)
Novas ferramentas que utilizan as empresas tradicionais, e encontran nas novas
tecnoloxías, instrumentos apropiados para o mellor desenvolvemento dos seus
negocios.
b)
Novos negocios que só son posibles a través da rede de internet.
c)
Comercio electrónico (e.comerce, e-bussines)
I.II CAMBIOS QUE ESTES FEITOS ORIXINAN NA SOCIEDADE ACTUAL
Toda esta serie de fenómenos, coincidentes no tempo e no espacio, están
producindo un importante cambio cuantitativo e cualitativo, no mundo
empresarial, e mesmo nos hábitos de vida das persoas.
A continuación intentaremos destacar algúns dos máis significativos destes
cambios, dende o punto de vista do noso Relatorio.
1.
Ampliación dos mercados: en teoría todo o mundo
2.
Maior liberdade de intercambios tanto de tecnoloxías, coma de capitais ou
persoas.
3.
Os procesos de innovación constante en tódolos campos predispoñen a un tipo
de relación entre as persoas máis aberto e máis positivo.
4.
A forma de entender e aplicar o coñecemento por parte das persoas dentro da
empresa supón un cambio profundo nesta.
5.
O coñecemento constitúe a vantaxe diferencial competitiva dunha empresa.
6.
As Novas Tecnoloxías producen innumerables cambios que podemos agrupar da
seguinte forma:
a)
Producto.
-
Dá lugar a unha sofisticación dos productos xa existentes e á creación de
novos productos.
-
Simplifícanse os procesos de producción
b)
Prezos.
-
Abarata os custos
-
Consegue unha maior rendibilidade
-
Facilita a competencia e a concorrencia
-
Facilita novas formas de financiamento
-
Actualmente estanse perfeccionando tanto a seguridade das transaccións, coma a
certificación das firmas e a preservación da intimidade.
c)
Hábitos de compra que comportan hábitos de vida:
-
Non son necesarios os desprazamentos para a compra, polo que desaparecen as
distancias dos mercados.
-
Non existen nin festas nin horarios: pódese comprar en calquera día e calquera
momento.
-
Máis transparencia e máis información sobre tódolos productos.
-
Prodúcese un cambio na forma de publicidade.
-
Pódense comparar os prezos de forma inmediata.
d)
Traballo.
-
Reducción do traballo burocrático e repetitivo, que pasa a se facer polas máquinas,
co conseguinte tempo dispoñible para os empregados en traballos máis
creativos.
- Cambios no tipo de emprego: desaparecerán uns e aparecerán outros.
-
Facilidade para a implantación de horarios flexibles e de situación do
traballo.
-
Cambios nas relacións humanas.
e)
Negocio
-
Maior velocidade e rapidez nas operacións
-
Ampliación enorme do mercado
-
Diminución dos intermediarios (axencias de viaxe, oficinas bancarias, etc.)
-
Nova valoración dos negocios (baseado en carteira de clientes, base de datos,
expectativas de futuro, etc).
I.III.
EVOLUCIÓN DO EMPREGO EN GALICIA:
PERSPECTIVAS DE FUTURO
O emprego é un dos elementos claves no nivel do benestar material dun país e,
sobre todo, da situación persoal dos seus cidadáns.
Estudiar a evolución do emprego en Galicia, é conseguir unha radiografía que
nos achegará á situación real dos galegos e nos axudará a previr no futuro
cal será a súa situación.
Como resumo inicial podemos falar dunha valoración positiva do comportamento
que tivo o emprego nos últimos cinco anos.
Neste periodo o emprego nos sectores non primarios da economía galega creceu de
maneira importante. Se no ano 1994 había 653.720 persoas ocupadas, no ano 1999,
foron xa 783.200, a cifra máis alta da historia de Galicia. En cinco anos a
industria, a construcción e os servicios crearon 130.000 empregos, o que
significa un incremento do 20% acumulado e unha superación efectiva dos
problemas económicos provocados polas reconversións dalgúns sectores básicos.
Sen embargo é certo que o emprego global da economía galega a penas se
incrementa nestes anos, cun crecemento de só 36.500 empregos novos. A razón
desta aparente contradicción hai que buscala no comportamento do sector
primario -especialmente a agricultura- que está sufrindo un intenso proceso de
perda de ocupación. O forte dinamismo do resto de sectores non é suficiente
para compensar a perda de case 100.000 postos de traballo no sector primario.
En relación directa co anterior, tamén se ofrecen comportamentos diferenciados
na situación profesional das persoas ocupadas. Nestes cinco anos, a ocupación
aumenta de forma especialmente intensa nas situacións profesionais máis relacionadas
cunha estructura económica moderna.

Concretamente o traballo asalariado aumentou en 130.000 persoas, isto é, un 25%
en cinco anos e os empregos non asalariados, aínda tendo en conta cifras
absolutas e relativas menores, incrementáronse un 10%.
O aumento do nivel de ocupación ten a súa primeira causa no pulo do crecemento
da economía galega, no ciclo alcista que se iniciou no ano 94 e que aínda
continúa.
A segunda razón hai que buscala no clima social no que se desenvolveu esta fase
alcista da economía e, en especial, na estratexia de colaboración entre os
poderes públicos, as empresas e os sindicatos; unha estratexia de colaboración,
de diálogo social nos diferentes ámbitos de actuación, nas empresas, nos
sectores económicos e os propios acordos xerais.
Este é, sen dúbida, un punto de partida para as propostas de futuro: entender
que o crecemento económico, o diálogo e o consenso social deben ser os piares
sobre os que asenten as estratexias a favor do emprego.
Sen embargo tamén hai que recoñecer que anque existe un camiño xa percorrido,
aínda non é suficiente:
•
En primeiro lugar porque existe aínda unha taxa de paro preocupante e, mesmo,
colectivos con maiores dificultades de acceso ó emprego onde a situación segue
a ser crítica: sendo o dato global de paro dun 16% (segundo EPA), a taxa de
paro de mulleres é dun 23%.
•
En segundo lugar porque se xerou unha segmentación preocupante do mercado de
traballo entre as persoas que teñen un contrato indefinido e aquelas que teñen
un contrato temporal.
Nas páxinas que seguen preséntanse propostas concretas de actuación para que
Galicia consiga no 2010 unha situación de maior desenvolvemento económico e
benestar social.